3ºESO

Últimas fichas do Quérote+

FICHA 4. O MODELO DE AMOR ROMÁNTICO

A finais de marzo e principios de abril Emilio Cambeiro, profesor de Lingua e Literatura galega, desenvolveu nos tres grupos de 3º ESO a ficha 4 sobre o modelo de amor romántico:

Realizamos un total de seis sesións, dúas por cada un dos tres grupos do alumnado de 3º da ESO. As sesións consistiron en facer unha achega aos primeiros indicios de amor tóxico e as microviolencias iniciais das relacións.

Na primeira das sesións separamos ao alumnado en grupos, onde debateron sobre diferentes tópicos, ideas e refráns que existen na sociedade e sobre a súa veracidade. Sempre relacionados coas relacións sentimentais ou os diferentes roles de xéneros.

Tamén nesta sesión separaron en dous grupos, feminino e masculino, diferentes adxectivos, cualidades ou sentimentos, sempre e cando pensaran que eran máis típicos dun ou doutro xénero.
Na segunda das sesións visionamos uns vídeos onde se recoñecían os primeiros indicios de violencia nas relacións sentimentais, para logo debater sobre eles. Á súa vez tamén traballamos sobre as tarefas da primeira sesión, onde os adxectivos, cualidades e sentimentos que na xornada anterior separaron en xéneros, agora tiñas que aplicalos a eles mesmos, e así puideron ver como sentimentos, adxectivos ou cualidades que aplicaban sen problema a outro xénero, cando o personificaban en eles mesmos non tiñan problema en admitilos coma propios.

Stop motion en Cultura Clásica

O alumnado de Cultura Clásica de 3º ESO, que cursa esta materia dentro dunha sección bilingüe, estivo realizando no 3º trimestre do curso 2022-23 un vídeo stop motion para recrear o mito de Atalanta.

Na gravación deste vídeo fíxose uso do material dispoñible en polos creativos, do cal empregáronse dúas tabletas, dous trípodes e un micrófono bidireccional.

Co fin de recrear este relato mitolóxico, o alumnado preparou unhas figuras de papel, as cales foron usadas para simular o movemento dos personaxes mediante a toma de varias fotografías sobre un fondo croma, que logo foi substituído con imaxes do mundo clásico grego.

O vídeo que resultou deste traballo pódese visualizar nos documentos adxuntos.

Spring Week

O alumnado de 3º ESO que participa na Spring Week, un programa de inmersión lingüística en inglés, xa está desde a tarde do 23 de abril nas instalacións do Centro Peares. Alí permanecerán ata o 29 de abril, realizando actividades prácticas e obradoiros, xunto con xogos, deporte... co fin de mellorar a súa competencia na lingua inglesa.

ESCAPE ROOM

O 9 de Marzo o alumnado de CUALE desprazouse ata Ourense para participar nunha actividade de Escape Room na Sala Enigma. 

Tiveron que resolver o misterio de "Romasanta" a través de probas e pistas, todas en inglés.

Todos os alumnos e alumnas estiveron moi implicados na actividade, descifraron os códigos e conseguiron, traballando en equipo, resolver o misterio e saír da Escape Room con vida!!

Saída 3º ESO Proxecto Competencial Visita Xeoparque

O alumnado de 3ºESO de Proxecto Competencial visitou o Xeoparque do Courel (Quiroga, Ribas de Sil e O Courel), Castro Caldelas, Pobra de Trives e os canóns do río Sil.

Así pois, nestes días coñecemos distintos enclaves de interese realizando moi diversas actividades, visitando os museos Etnográfico e Mineiro de Quiroga, o Museo do Xeoparque do Courel de Ribas de Sil, e o castelo medieval de Castro Caldelas, onde levamos a cabo unha visita guiada e mais un obradoiro de escrita medieval. Visitamos paraxes naturais marabillosas e tamén puidemos coñecer o dano que o lume causou no Xeoparque e nas súas aldeas, lume e dano que, infelizmente, tampouco é alleo ao noso alumnado de Baiona.



Ademais, tiveron tempo para desfrutar da compañía dos seus compañeirxs e reforzar vínculos.
 

Viaxe a Astorga - Burgos - Atapuerca - León

O alumnado de 3ºESO Relixión está a visitar distintos puntos de interese na comunidade castelanoleonesa.

Así pois, na ruta que están a realizar atópanse distintos enclaves de interese:

  • Astorga: coa súa catedral.
  • Burgos: cidade, catedral, museos...
  • Atapuerca: visita ao xacemento arqueolóxico, actividades no CAREX...
  • León: visita á basílica de S. Isidoro, tesouro da arte sacra.

 

Ademais, terán tempo de desfrutar en compañía dos seus compañeirxs e reforzar vínculos.

 

Quérote+, "As relacións a través das tecnoloxías"

O xoves, 23 de marzo, os profesores María José Torres e Rubén Nogueira implementaron nos tres cursos de 3o ESO a ficha número 5, “A relación dos sexos a través da tecnoloxía”. Buscando que o noso alumnado, “nativo dixital”, reflexionase sobre o uso responsable da tecnoloxía nas relacións interpersoais propiciouse un debate que partía do cuestionario proposto na ficha e que se estendeu durante o visionado de dous recursos audiovisuais. Neste punto facilitóuselle un documento que, baixo o título de “Netiqueta”, recollía as principais normas de conduta socialmente aceptadas en Internet. Léndoas xurdiron dúbidas, reflexións e experiencias propias e alleas que se compartiron publicamente ou que foron, polo seu desexo, recollidas de modo anónimo para ser resoltas nunha última sesión do Programa Quérote+.

 

     

QUÉROTE MÁIS 2022/2023

Durante o primeiro trimestre deste curso arrincamos de novo (e xa por cuarto ano consecutivo) co Plan Proxecta Quérote máis nos tres grupos de 3º da ESO.

Comezamos a última semana de outubro presentando o programa Quérote+ ao alumnado na ficha nº 1, para o que visitamos a súa páxina web, vendo os recursos que o programa pon á súa disposición de maneira totalmente gratuita: información e asesoramento sobre sexualidade, ITS, anticoncepción ou convivencia, test de embarazo e probas de VIH ou dispensación de preservativos.

Realizáronse preguntas anónimas e entre todas e todos escolleron unha delas para enviala a modo de proba no apartado da páxina “resposta a túa dúbida”. No primeiro caso obtivemos unha resposta moi rápida e completa por parte dos profesionais do Quérote+, e no segundo non sabemos, porque se perdeu o código (cousas que pasan…).

 

A ficha nº 2 do programa titulada Educación sexual desenvolveuna o profe de Música David Piñeiro co alumnado dos distintos grupos durante a última semana de novembro.

As alumnas e alumnos fixeron neste caso un total de 75 preguntas que se clasificaron nos seguintes apartados:

- ETS: 14 preguntas.

- Anatomía e fisioloxía dos órganos sexuais: 8 preguntas.

- Prácticas sexuais, “A primeira vez”: 10 preguntas.

- Prácticas: 13 preguntas.

- Métodos anticonceptivos: 17 preguntas.

- Educación sexual: 12 preguntas.

O equipo de docentes participantes no programa acordou na súa reunión inicial ampliar o programa nunha 9ª sesión para poder responder ás cuestións que non sexa posible responder ao longo das seguintes fichas.

 

Na ficha 3, desenvolta durante a última semana de decembro por Asunción Prieto en 3º A e B, e María Zapatero en 3º C (ambas profes de Bioloxía e Xeoloxía), debatemos co alumnado sobre A orientación do desexo e a identidade sexual, temática moi ben recibida e que é incluso requerida por os e as adolescentes.

Falamos dos conceptos básicos comentando as bases científicas das fases de sexuación no ser humano coa axuda dun guión e dunha presentación interactiva, e resolvendo dúbidas respecto do significado dos termos que reflexan a ampla diversidade, tanto de sexualidade e identidade de xénero como constructo psicobiosocial como da orientación sexual. Reflexionamos sobre o sentido e o bo ou mal uso das etiquetas, para o que visualizamos fragmentos de vídeos con protagonistas adolescentes, divulgadores e activistas que nos amosaron a súa realidade respecto ás orientacións sexuais e identidades de xénero. 

Durante toda a sesión os estudantes mostraron respecto e satisfacción por coñecer máis sobre a diversidade da sexualidade humana.

Intelixencia Artificial e Tecnoloxía

O alumnado visitou a exposición de Intelixencia Artificial e tamén o MUNCYT con actividades relacionada coa tecnoloxía, os avances cientificos, a aviación, ...

O equipo gañador da xincana sobre a evolución tecnolóxica.

 

Na procura de Rosalía...

O alumnado de 3º de ESO gozou o pasado xoves 3 de novembro dunha visita inesquecíbel á que foi a casa de Rosalía de Castro en Padrón, a Casa da Matanza. O alumnado, acompañado dos profesores María J. Torres (Lingua Castelá), Asun (Bioloxía) e Emilio Cambeiro (Lingua Galega), puido achegarse a un dos espazos máis senlleiros da vida da nosa escritora universal, lugar onde faleceu o 15 de xullo de 1885, e que aínda conserva moitos dos seus elementos persoais e familiares.

A visita, custeada integramente pola Deputación de Pontevedra dentro do programa "Rosalía, a súa casiña, o meu lar" do servizo de Patrimonio Material e Memoria Histórica, serviu tamén para coñecer outros espazos dos arredores, como o Xardín Botánico de Padrón, onde o alumnado tivo a oportunidade de recoñecer algunhas plantas grazas ás fichas elaboradas pola profesora Asun.

Videoconferencia CIBER.gal Eu non son o obxectivo... ¿ou si? Hacking en directo

Hoxe asistimos por videoconferencia a unha formación sobre ciberseguridade dentro do II Encontro CIBER.gal organizado por AMTEGA e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia asistimos á actividade:

Eu non son ó obxectivo... ¿ou sí? Hacking en directo
Impartido por Enrique Serrano Aparicio – Founder & CEO en hackrocks| International Speaker | TEDx Talk | Cyber Security Advisor

Análise da variación das temperaturas máxima e mínima en Vigo dende 1962

 

O alumnado de 3º ESO analizou os datos de temperaturas máximas e mínimas rexistradas nas últimas décadas e traballou na folla de cálculo para determinar os cambios ocorridos nese tempo.

Nos arquivos adxuntos poden consultarse algúns dos traballos desenvolvidos.

FICHA 8. HOXE DAMOS A CLASE NÓS

Para esta última sesión, cuxo obxectivo é que o alumnado de 3º da ESO comparta co de 2º da ESO algunha das aprendizaxes acadadas ao longo deste curso, escollemos a ficha 6 “cultivando habilidades” na que se representan situacións de presión de grupo ou de parella, e as respostas da persoa que se sinte presionada.

A levaron a cabo o último día de clase, o 21 de xuño, no salón de actos. A 3º ESO A tocoulle "actuar" fronte a 2º ESO A e B e a 3º ESO B  fronte a 2º ESO C.

Unha vez representadas as distintas situacións, os actores e actrices e os demais compañeiros e compañeiras invitaron ao alumnado de 2º da ESO a participar debatendo sobre cal sería a súa resposta se se visen nalgúns deses casos e cal sería a mellor maneira de resistir e responder dunha maneira asertiva. Como había algo de reticencia a participar o profesorado saíu da sala durantes os últimos minutos para que puideran expresarse sen inhibicións “a porta pechada”.

 

María e Gloria rexeitando "a oferta" de David.

 

Sergio non quere tatuarse o nome de Santiago.

 

Gael non quere facelo porque todos o fagan, pero Kevin insiste.

 

Xoana cóntalle a Carla que o seu mozo non lle quere enviar "fotos".

 

Conversa de whatsapp entre Xoana e o seu mozo Curro.

 

María ten que roubar unha botella de viño se quere entrar na banda de Santiago.

 

Euforia no vestiario. Non é facil dicir que non.

 

Aitana amósalle a Noa ao "Chori", a quen coñeceu polo Insta porque é amigo dunha amiga...

O "Chori" e o seu colega non son moi de fiar!

FICHA 6 DO QUÉROTE+: CULTIVANDO HABILIDADES

Realizada o 6 de xuño 2022 en 3º ESO A e B.

Visionouse a curta sobre o consentimento (ofrecer unha cunca de té). Tod@s quedaron sorprendid@s co xiro final e indicaron que entendían a metáfora, polo que non se xerou debate algún.

O alumnado sentou en círculo e solicitáronse 8 voluntarios para interpretar pequenas escenas.

@s voluntari@s representaron no centro do círculo 4 situacións relacionadas coa presión que pode un@ sufrir por parte da súa contorna de amizades ou parella.

•O voluntario nº 1 presionaba para que o/a compañeir@ fixese algo que non quería facer. 

•O voluntario nº 2 respondeu ás propostas do voluntario nº 1 de forma espontánea. 

O resto do grupo observou e anotou as súas impresións:

1.Que tería feito eu na mesma situación? 

2.Como me faría sentir esta situación? Cómod@? Incómod@? Insegur@? 

3.Cabrearíame? 

4.Preocuparíame a posible reacción da outra persoa si me nego? 

5.Que opinas da situación e de como reaccionou o teu compañeir@? 

De entrada, ante as situacións propostas, tod@s eran conscientes – voluntari@s e espectadores -  que debían resistir á presión e manter un «non». Non entanto, cando entraron no xogo @s compañeir@s espectadores, que coñecían os seus puntos fracos e presionaron incorporando á balanza información persoal, déronse conta de que a resposta «non» xa non era tan tallante e mesmo podía converterse nun «si».

Xerouse un debate durante o cal o alumnado indicou que adoita ser consciente da presión que pode sufrir para facer algo que non queren facer, pero cren que son capaces de enfrontarse a esa presión e manterse firmes na negativa. Algún alumn@ contou algunha situación real similar ás expostas. Con todo, teñen poucos recursos persoais para argumentar esa negativa : limítanse a repetir o «non», chegando ás veces a respostas agresivas cando se lles segue presionando.

O alumnado que facía o papel de «presionador» tiña máis recursos argumentativos que o que tiña que resistir a presión, o cal demostra que si coñecen ese tipo de presións e poden replicalas pero non adoitan estar expostos a respostas asertivas que lles sirvan de modelo para liquidar adecuadamente a situación.

A hora de clase é insuficiente para realizar este tipo de actividade coa profundidade que require, pero resultoulles útil para recoñecer que:

1º si, poden ser vulnerables ante a presión exercida polo seu grupo de amigos ou parella;

2º existe unha brecha entre a teoría que coñecen e levala á práctica adecuadamente;

3º necesitan aprender a ser asertivos para manter o seu criterio sen caer en discusións ou enfados.

Finalmente considero que o profesorado non adoita estar formado para levar a cabo este tipo de actividades, que debería dirixir un/a psicólog@ experto en condutas e a súa modificación.

MªPaz Rodríguez González/ Depto de Francés do CPI Cova Terreña.

 

Representando situacións de presión en 3º ESO B

 

 

 

 

 

FICHA 7 DO QUÉROTE+. ACONCEPCIÓN E CONCEPCIÓN

Os días 27 e 31 de maio, o profesor José Fco. Fernández Sampedro desenvolveu en 3º ESO B e A respectivamente a ficha nº 7 do Quérote+, especialmente a parte da erótica persoal, pois o tema das enfermedades de transmisión sexual foi visto en profundidade na materia de Bioloxía.

Para comezar a traballar esta actividade, en primeiro lugar explicouse o significado dos termos aconcepción e concepción, xa que non todos o tiñan claro. Deseguido, organizouse o alumnado en grupos de 3-4 persoas e pedíuselles que, durante 10 minutos, elaborasen unha listaxe con 10 maneiras diferentes de ter relacións eróticas que non impliquen posibilidade de embarazo. Aínda que, nun principio, houbo quen se mostrou bastante pudoroso ante o tema, axiña se foi desinhibindo e fixo a súa achega. Unha vez elaborada a listaxe, compartiuse en gran grupo e fóronse anotando no encerado. Isto serviu para ver que hai tantas prácticas eróticas como un poida imaxinar e que só a penetración vaxinal implica a posibilidade de embarazo. A continuación, tratáronse os bloques temáticos dedicados á prevención (infeccións de transmisión sexual e embarazos non planificados). Para rematar, visualizouse un vídeo realizado polos Centros Quérote+ sobre como evitar as ITS.

A temática tratada nesta sesión tivo unha moi boa acollida por parte do alumnado, todos se mostraron moi participativos, e serviu para contribuír ao coñecemento da erótica persoal e potenciar o uso do preservativo como método de protección ante os embarazos non planificados e as ITS.

ORIENTACIÓN DEPORTIVA

Bos días:

Hoxe o alumnado de 3º da ESO disputou unha carreira de orientación nos arredores do curro da Valga (Loureza, Oia). Neste evento por parellas, os participantes tiñan que buscar no terreo as balizas coa axuda dun mapa e un compás.

Agradecemos a colaboración da comunidade de montes de Loureza, que cedeunos o espazo. Tamén agradecemos a colaboración das profesoras María Zapatero e Patricia Blanco.

Esta actividade forma parte do PVAD e o programa EduSaúde.

 

5ª FICHA DO QUÉROTE+: A RELACIÓN DOS SEXOS A TRAVÉS DA TECNOLOXÍA

O día 7 de abril, nas sesións lectivas de Lingua castelá e Literatura, María José Torres Rodríguez implementou, nos dous grupos de 3º ESO, a ficha 5, titulada "A relación dos sexos a través da tecnoloxía". Ao noso alumnado, nativo dixital, propuxéronselle, para empezar, unha serie de situacións na rede que demostraban comportamentos irresponsables e irreflexivos. Comentamos a distinta maneira de actuar na convivencia física e na virtual, é dicir, a existencia de normas socias diferentes nun foro e noutro. A colación disto, facilitóuselle ao alumnado en papel o documento "Netiqueta Joven para Redes sociales" e comentamos todos os seus puntos, ao mesmo tempo que os rapaces aportaban experiencias propias  e alleas. Despois vimos o vídeo "WhatsApp" e interpretárono dun xeito crítico. Para rematar a sesión, os alumnos/as, de modo anónimo, plantexaron as súas dúbidas.

 

Vendo o vídeo en 3º ESO A

En 3º ESO B

FICHA 4 DO QUÉROTE+: O MODELO DE AMOR ROMÁNTICO

O día 1 de abril María Pérez Camiña desenvolveu esta 4ª ficha do Quérote+ cos dous grupos: 3º ESO A e B.

Para abordar o tema do modelo de amor romántico, primeiro fixemos a actividade do semáforo. Nela os alumnos tiñan que crear cada un o seu propio semáforo con cores para expresar despois se as afirmacións da profesora lles parecían verdadeiras ou falsas, erguendo cada alumno o semáforo vermello ou verde e así facilitando a evolución da actividade, tal e como se observa nas fotografías. Deste modo, puidemos comezar un debate aberto sobre o tema, no que eles puideran expresarse libremente. Tamén definiron o amor e o enamoramento.

Despois visionamos as curtametraxes de Cima mulleres cineastas “Atopa o verdadeiro amor” e as comentamos de maneira libre e aberta. 

A acollida foi moi boa, o tema resultoulles interesante, e outra hora para tratalo non sería mal recibida, xa que case non deu tempo a rematar nin a profundizar.  

Ao rematar a actividade varias alumnas achegáronse para comentar que lles gustara moito. 

Manifestaron ademáis a urxencia de ter as respostas ás preguntas formuladas nas sesións anteriores.

Imaxe da sesión en 3º ESO A

Imaxe da sesión en 3º ESO B

 

QUÉROTE+: A ORIENTACIÓN DO DESEXO E A IDENTIDADE SEXUAL

Os pasados 22 e 23 de febreiro desenvolvemos a terceira das fichas do plan proxecta Quérote+, en 3º ESO B e A respectivamente.

Esta ficha leva por título "A orientación do desexo e a identidade sexual".

O alumnado visualizou dous vídeos:

-   Un extracto da reportaxe de Documentos TV “O sexo sentido”, sobre identidade sexual.

-   Un pequeno vídeo sobre a bisexualidade.

A través duns pequenos cuestionarios, os alumnos e alumnas reflexionaron individualmente sobre esta información, tras o cal, levamos a cabo unha posta en común sobre os dous temas tratados.

Foi unha sesión moi interesante, xa que se manifestaron actitudes moi positivas de empatía e respecto cara ás distintas identidades e orientacións sexuais.

Imaxes desta sesión nas aulas de 3º ESO A e B:

PLANTANDO ÁRBORES CON PINCEIS

Bos días:

Continuamos deseñando o noso patio como un lugar acolledor e atractivo no que todo o mundo ten cabida.

Nesta ocasión botounos unha man o departamento de plástica. O proxecto "plantando árbores con pinceis" ten como lema a reforestación e o coidado do medio ambiente. O alumnado de 3º da ESO coa axuda da profesora e un artista vsitante fixeron un mural no porche de entrada ao centro.

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Septembro 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30