Matemáticas

Análise da variación das temperaturas máxima e mínima en Vigo dende 1962

 

O alumnado de 3º ESO analizou os datos de temperaturas máximas e mínimas rexistradas nas últimas décadas e traballou na folla de cálculo para determinar os cambios ocorridos nese tempo.

Nos arquivos adxuntos poden consultarse algúns dos traballos desenvolvidos.

Difusión de ciencia e matemáticas en galego

Con motivo da Semana da Ciencia o alumnado de 4º da ESO preparou cartelería relacionada co libro de lectura obrigada "El diablo de los números". Deste xeito, cada cartel expoñía un concepto matemático ou curiosidade para dar a coñecer á comunidade educativa e divulgar así dun xeito visual o mundo das matemáticas, empregando ademais a lingua galega en troques do habitual castelán.

 

Nos arquivos adxuntos están os pósters seleccionados para a súa exposición durante a Semana da Ciencia.

Resolución de problemas competenciais empregando GeoGebra

O alumnado de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas de 4º ESO que aprobou a materia trala 3ª avaliación desenvolveu actividades de ampliación durante o mes de xuño centradas na resolución de problemas competenciais empregando GeoGebra.

 

 

As funcións elementais (polinómica, racional, exponencial, logarítmica e definidas a trozos) aparecen en diferentes situacións da vida real, cousa que se aproveitou para plantexar ao alumnado a resolución de problemas competenciais empregando un valioso recurso TIC, GeoGebra. 

 

 

Nos documentos adxuntos a esta publicación poden consultarse os problemas plantexados, a organización en Edixgal das entregas e algúns exemplos do traballo realizado polo alumnado.

 

Mellora da competencia matemática a través xogo: rompecabezas tipo Tangram

En tantos meses de curso escolar sempre hai tempo para aproximarse á materia dun xeito máis ameno e lúdico… sen deixar de traballar as competencias que marcan o rumbo do proceso de ensinanza-aprendizaxe!

 

Este ano aproveitamos algunhas sesións para empregar un material manipulativo que ofrece moitas posibilidades: os rompecabezas tipo Tangram. Son útiles para traballar conceptos de xeometría e desenvolver a lóxica e o sentido da orientación, que con frecuencia están relacionadas coa resolución de problemas. 

 

Alumnado de 2º pensando. 

Alumnado de 2º e 4º en plena tarefa.

 

O alumnado de Secundaria esprimiu os miolos con varias versións destes rompecabezas de distintas dificultades que supuxeron nalgúns casos un auténtico reto!

 

Carla Carneiro feliz tras resolver un puzzle xeométrico.

Carla (4ºESO) feliz tras resolver un puzzle xeométrico.

Mellora da competencia matemática a través xogo: Kenken

Ao longo do curso houbo momentos de traballo moi intenso e outros nos que o almanaque nos permitiu aproximarnos ás matemáticas dun xeito máis lúdico. 

 

Unha das actividades que desenvolvimos en varias sesións ao longo destes meses é a resolución de Kenken: trátase dun pasatempo matemático semellante ao sudoku no cal deben empregarse operacións matemáticas para atopar o lugar de cada número no taboleiro.

 

Alumno resolvendo un Kenken.

 

Este pasatempo creouno un profesor de matemáticas xaponés, Tetsuya Miyamoto, en 2004 coa intención de mellorar as habilidades matemáticas e lóxicas do seu alumnado. Ademais de favorecer o razonamento e o cálculo, é un recurso atractivo e un desafío que se adapta facilmente ao nivel de cada estudante: dende os máis pequenos de malla 3x3 ata os maiores de malla 9x9, só con sumas ou coas catro operacións básicas (suma, resta, multiplicación e división), sempre hai un Kenken axeitado para cada persoa.

 

Alumna resolvendo un Kenken.

Proxecto competencial: construímos corpos xeométricos que sumen 1 litro

En 2º de ESO, na materia de Matemáticas, esta terceira avaliación traballamos os corpos xeométricos e o seu volume.

Despois de familiarizarnos cos tipos de corpos xeométricos, o seu desenvolvemento plano e as fórmulas empregadas para calcular a súa área e volume, o alumnado desenvolveu un proxecto competencial baixo as seguintes premisas:

  • Debían construir con papel ou cartulina un cilindro, un prisma cadrangular recto e un cubo.
  • O volume total dos tres corpos debía sumar 1 litro.

O proxecto permitiu poñer en práctica o traballado na unidade didáctica e desenvolver a competencia matemática combinando o cálculo, o razonamento e unha actividade manipulativa.

Na fotografía poden observarse dous dos traballos entregados.

Corpos xeométricos de 1 litro en total

Proxecto de álxebra e funcións en GeoGebra

O alumnado de 4º de ESO da materia Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas manexou ao longo do curso o programa GeoGebra para afianzar e aproximar dende outra vertente os conceptos matemáticos alxébricos e relativos a funcións.

 

Dentro do Contrato Programa de Mellora das competencias clave: Competencia Matemática, o emprego de distintos programas como GeoGebra permite a visualización de elementos abstractos de difícil comprensión inicial, como por exemplo as raíces dun polinomio.

 

Precisamente isto foi o que o alumnado puxo en práctica como proxecto da primeira avaliación: baixo unhas condicións iniciais, cada alumno e alumna tiña un polinomio que analizar, do cal tiña que obter as raíces empregando a representación do mesmo en GeoGebra.

 

As instrucións e plantilla que debían cumplimentar e entregar en Edixgal pódense consultar na seguinte ligazón.

 

A relación dos valores de x que habitualmente obteñen coa regla de Ruffini, a súa multiplicidade e a localización deses puntos na función axuda positivamente á comprensión do significado das raíces e das distintas situacións que se poden dar na resolución analítica.

No documento adxunto pode consultarse algunha das entregas do alumnado participante.

Participación na Fase Final da Olimpiada Matemática de 2ºESO

A nosa alumna Marta López Castro de 2º ESO A clasificouse para a fase final da Olimpiada Matemática organizada pola Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), celebrada o pasado xoves 26 de maio en Lugo.

Na fase previa participaron un total de 453 estudantes de 100 centros de toda Galicia, dos que só 40 acadaron o pase á final galega. 

 

A xornada comprendía a realización da proba (resolución de 5 problemas en dúas horas), o xantar e unha xincana na Praza Maior de Lugo antes da cerimonia de clausura e entrega de premios.

Os equipos participando na xincana matemática.

Tras a proba recollemos as reflexións de Marta sobre a experiencia. Unha das primeiras cousas que salienta é que nesta fase final “os problemas plantexados eran bastante máis difíciles ca os da fase de zona. Estes eran máis de pensar e non se resolvían de maneira tan directa coma os anteriores”. Con respecto á xincana por equipos, na que se lles plantexaron cuestións sobre a cidade, comenta que “foi moi divertida porque entre unha proba e outra tiñamos que desprazarnos de distintas maneiras, e ao meu grupo ata nos deron puntos por facer o parvo polo camiño”.

 

Ademais da experiencia vivida, como recordo da xornada todos levaron un diploma acreditativo, unha camiseta, unha calculadora científica Casio, unha memoria USB e dous libros. Cando lle preguntamos se repetiría a experiencia, Marta responde que “si, estivo ben, os problemas gustáronme porque non son os típicos que temos que resolver en clase.”

A súa mensaxe para o alumnado de 1º da ESO que o vindeiro curso pode ter a oportunidade de participar é simple, directa e honesta:

“eu inicialmente tampouco quería ir, pero que se animen, que non teñen nada que perder e é algo distinto e divertido.” 

Noraboa, Marta! Es unha crack!!

Participación na Olimpiada Matemática de 2º ESO

Este xoves, 21 de abril, unha representación do noso alumnado de 2º de ESO participou na fase de zona da Olimpiada Matemática organizada pola Agapema (Asociación Galega de Profesores de Matemáticas), e que tivo lugar no IES Castelao de Vigo.

Na zona de Vigo houbo un total de 19 centros participantes, e cerca de 100 en toda Galicia. Dirixida a alumnado de 2º da ESO, cada centro pode escoller un máximo de dous representantes por grupo-clase. A elección non foi doada pero sen dúbida deron a súa mellor versión para deixar o pavillón ben alto!

A competición consistiu na resolución individual de 5 problemas propostos, e sen dúbida foi unha experiencia positiva: "foi mellor do que pensaba", "non eran tan difíciles" foron algunhas das súas declaracións posteriores. 

Bo traballo, Noel, Marta, Manuel, Martín e Pedro!

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031