Iguála-t

Coordinador: Antonio Rey

8M A igualdade é a razón

O CPI de Cova Terreña vén de acoller os actos de presentación da campaña do Concello de Baiona "8M, a igualdade é a razón", que se enmarcan dentro da programación "Baiona Lila 8M".

Os actos iniciáronse coa interpretación da canción Yo no renuncio, da cantante albaceteña Rozalén, por parte do Coro de Educación Secundaria. A seguir, a nosa directora, M. Isabel Martínez Cabaleiro, centrou o seu discurso nas principais reivindicacións das mulleres do século XXI.

Tras a súa intervención, o Grupo de Teatro do noso centro realizou unha performance baseada tamén na letra da canción de Rozalén. A continuación, a concelleira de Igualdade, Sheila González Martíns presentou a campaña do Concello de Baiona e mais o vídeo que forma parte do proxecto, irmanado coa vila de Pornic (Francia). A exposición fotográfica da artista Irene Silva completa a proposta.

Finalmente, o alcalde de Baiona pechou as intervencións e o Coro de Primaria deu cabo ao acto cunha interpretación dun tema da Banda da Loba.

 

Ciencia en igualdade, por África González

O pasado 19 de febreiro, o alumnado de 3º e 4º da ESO recibiu unha charla sobre a Igualdade na Ciencia, con motivo da celebración do 11F, da man da recoñecida inmunóloga África González. As cifras indican que aínda queda moito camiño por andar para conseguir a igualdade efectiva, polo que é necesario que se realice unha aproximación dende todas as frontes posibles.

Dúas das nosas alumnas de 4º ESO tiveron ocasión tamén de facerlle unha entrevista a África, que será recollida no Faro da Escola.

 África tamén agasallou ao centro cun exemplar do seu libro Inmunopower, que pasa así a formar parte da colección da biblioteca escolar.

"Magia en la manga". A igualdade non ten truco

 

Este venres 15 de marzo, o alumnado de primaria asistiu a un espectáculo de maxia "Magia en la manga" no salón de actos do centro, co lema "A igualdade non ten truco", organizado polo CIM e subvencionado polo Concello.

Durante dúas sesións, na primeira asistiu o alumnado de 4º, 5º e 6º e na segunda o alumnado de 1º, 2º e 3º; a demais de gozar dun agradable espectáculo púxose de manifesto o gran papel da muller nesta disciplina ao longo da historia.

 

Inspira STEAM

O alumnado de 1º ESO participou un ano máis no Proxecto Inspira STEAM, organizado pola Universidade de Vigo, con mentores e mentoras encargados de fomentar as vocacións científico - tecnolóxicas, especialmente entre as nenas. 

Ao longo de seis sesións repartidas ao longo da segunda avaliación, profesionais do mundo STEAM levaron a cabo diferentes accións en horario escolar e de xeito voluntario. O obxectivo foi tratar temas como os estereotipos de xénero, a presenza da muller ao longo da Historia, etc. 

 

 

Exposición 8M

O 8M conmemórase o Día Internacional da Muller para seguir loitando pola igualdade entre a muller e home. Dende o equipo de biblioteca queremos facer a nosa achega a esta data tan especial cunha exposición de libros que tratan, directa ou indirectamente, sobre a igualdade.

Os libros da exposición poden ser collidos en préstamo por toda a comunidade educativa.

 

Timbre Musical 8M

O timbre musical da primeira semana de marzo conmemora o Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo.


 

A selección inclúe temas como Respect, de Aretha Franklin, Girls just want to have fun, de Cyndi Lauper ou As que tiñan que estar, das Tanxugueiras. Con esta escolla, pretendemos visibilizar cantantes femininas de gran forza e/ou con temas reivindicativos. 

Iguála-t

O luns 29 de febreiro visitounos a politóloga Priscila Retamozo Ramos, especialista na temática da violencia de xénero, para impartir o obradoiro titulado "Hackeando o machismo" ao alumnado de 2º ESO. Esta actividade formativa, pensada para alertar sobre os comportamentos en redes sociais, enmárcase no programa Iguála-t, afondando no compromiso desta comunidade educativa para acadar a plena igualdade.

IGUÁLA-T

Constituíuse o "Comando Igualdade" de Cova Terreña, un equipo de traballo para formar, concienciar e apoiar o alumnado, e a sociedade en xeral, en temas tan importantes como a igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista. Organizaremos conferencias, obradoiros, coreografías, performance, etc. O CPI de Cova Terreña súmase así a un grupo de centros veciños, cos que colaboraremos estreitamente, que xa levan tempo con estas actividades socio-educativas: IES Primero de Marzo, IES Alexandre Bóveda, IES Valadares, IES Álvaro Cunqueiro, IES de Mos.

Na fotografía podedes ver o grupo case ao completo, formado por alumnado de 1º e 2º da ESO (Lucía, Mara, Lara, Melisa, Lorena, Estela, Jairo, Gisela, Sara, Candela, Irene, Elia, Carmen, Gerardo, Emma, Zayra), polo equipo directivo e polo profesorado do programa Iguála-t.

Premiados no VI Concurso de carteis 8M

Estamos de parabéns!

 

Antonio, Emma, Laura e Xenxo, alumnado de 4ºA Primaria, foron os gañadores do concurso de carteis pola conmemoración do Día Internacional da Muller, organizado conxuntamente pola Secretaría Xeral de Igualdade e a Secretaría Xeral de Cultura, Educación, FP e Universidades. A acta do xurado recoñeceu o traballo do alumado asignándoelle o 2ºpremio na categoría de 3 a 10 anos.

 

Nova na web da Consellería de Igualdade

Nova na web da Consellería de Educación

Convocatoria do concurso

 

25N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres

O CPI Cova Terreña súmase ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Este venres 25 de novembro, o alumnado de todos os cursos de Educación Secundaria Obrigatoria participou no encontro "Canteira de Mulleres", organizado pola Deputación de Pontevedra e coordinado polo grupo de traballo Iguála-T do noso centro educativo. Durante as dúas sesións que se celebraron á mañá, os e as estudantes debateron abertamente a respecto dos conceptos de feminismo, igualdade e a nova masculinidade, un debate que deixou claro o rexeitamento de todo o noso centro contra calquera tipo de violencia que se exerza contra ninguén, nomeadamente contra as mulleres.

Ao comezo do acto, o alumnado de 3º ESO C representou unha performance de homenaxe a todas as mulleres que levan sufrindo violencia de xénero.

Jorge A., Saray B., Adrián C., Adrián G., Adrián G., Cecilia P. e Nathaldo R. converteron este día nunha xornada inesquecíbel.

 

 

Conferencia "Con nombre propio, en femenino y singular: la literatura y la reivindicación de la dignidad de las mujeres"

O mércores 16 de novembro de 2022, de 11:30 a 13:10 h., a profesora titular de Literatura Española da Universidade de Vigo Dra. Dª Montserrat Ribao Pereira impartiu, no salón de actos, a conferencia titulada "Con nombre propio, en femenino y singular: la literatura y la reivindicación de la dignidad de las mujeres", na que se puxo en valor o papel da muller e a defensa da igualdade de xénero ao longo da historia da literatura e, máis concretamente, na obra narrativa de Emilia Pardo Bazán. A esta actividade formativa, encadrada no programa IGUÁLA-T, asistiron as alumnas e os alumnos de 3º e 4º da ESO.

Revista mulleres deportistas en banda deseñada

O alumnado da ESO participou, por segundo ano consecutivo, na elaboración dunha revista de banda deseñada sobre mulleres destacadas e pioneiras do Deporte (o ano pasado, a temática foi a das mulleres científicas).

A finalidade deste traballo é a de concienciar o alumnado e toda a comunidade educativa sobre a importancia e as achegas fundamentais das mulleres no eido do Deporte. Así mesmo, tamén serve para visibilizar a traxectoria profesional destas mulleres nunha sociedade na cal a súa presenza nos medios de comunicación é anecdótica. Esperamos que a sociedade do futuro non esqueza o labor pioneiro destas deportistas e que sirvan de exemplo e de inspiración para as xeracións vindeiras.

A continuación, temos parte dos autores e autoras dos cómics publicados na revista:

2ºESO A

2ºESO B

3ºESO A

3ºESO B

4ºESO A

4ºESO B

Este traballo contou coa colaboración dos departamentos de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Educación Plástica, Educación Física e Ciencias Naturais.

Entrega de premios da Exposición do 11F

O alumnado participante na exposición de mulleres científicas, realizada co gallo do Día Internacional da muller e da nena na Ciencia o 11 de febreiro recibiu un pequeno agasallo por responder ao cuestionario.

Velaquí unha pequena mostra dos agasallados:

Alumnado de 5º B de Ed.Primaria

Alumnado de 4ºB de Ed.Primaria

Alumnado de 1º ESO A

Alumnado de 2º ESO A

CHARLA DE VERÓNICA ROMERO

Hoxe estivo con nós compartindo as súas experiencias Verónica Romero.

O alumnado de 1º da ESO puido falar con ela e preguntar sobre as peculiaridades da expedición ao Lago Baikal (700km) en territorio siberiano. Tamén andivo por terras canadenses na Illa de Baffin (200km) e fixo outra travesía no Lago Inari en Finlandia (130km).

Aínda que os inicios de Verónica comezan con carreiras a pé e raids de aventura, os contactos con outra aventureira como Chus Lago achégana ás expedicións polares. Estas aventuras buscan reivindicar o papel da muller e a concienciación sobre o cambio climático.

Esta charla forma parte dos contratos programa Iguala-T, PVAD (proxecto de vida activa  e deportiva) e EduSaúde.

Historia da desigualdade no Día da Internacional da Muller

Hoxe, Día Internacional da Muller, inagúrase a exposición sobre a "Historia da desigualdade" no salón de actos do centro. Este traballo fíxose na materia de Valores Éticos nos cursos 1º e 2º da ESO.

O obxectivo desta actividade é que o alumnado tome conciencia da loita, dende sempre, das mulleres por acadar os seus dereitos. 

 

 

Exposición 11 de febreiro

Con motivo da celebración do Día Internacional da muller e da nena na Ciencia, o equipo do CPI Iguála-T preparou unha exposición para o alumnado de Ed. Primaria e Secundaria co apoio de material enviado pola Unidade de Igualdade da UVigo.

(Exposición na Biblioteca)

Para un mellor aproveitamento da mesma, propuxemos unha serie de actividades complementarias que tiveron unha boa acollida. Velaquí unha mostra dos grupos que visitaron a exposición:

(Alumnado de 6º Ed.Primaria B na Biblioteca)

(Alumnado de 1º ESO A no Salón de Actos)

(Alumnado 2ESO C no Salón de Actos)

(Alumnado de 4º ESO no Salón de Actos)

Os alumnos e alumnas que participaron na exposición, recibirán un pequeno agasallo. Ademais, os que realizaron correctamente as actividades, terán tamén unha sorpresa engadida...

11F: Escoitamos ás científicas

Hoxe, 11 de febreiro de 2022, celebrouse o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

No noso centro estanse a desenvolver estes días distintas actividades encadradas nesta conmemoración. Entre elas, e en colaboración co Centro Oceanográfico de Vigo, o alumado de 4º ESO contou, o pasado luns 7 de febreiro coa presenza de Patricia Quintas, Doutora en Ciencias do Mar e actualmente dedicada á divulgación científica no Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente o Instituto Español de Oceanografía.

A charla desta científica de primeiro nivel versou sobre:

“Plásticos no mar, non grazas!”

Patricia falounos da presenza da muller no ámbito da investigación científica, incluso maioritaria nas etapas de formación, pero minoritaria nos altos rangos desta.

Neste contexto xurdiu hai dous anos o Proxecto Oceánicas, que ten como obxectivo divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos (Ángeles Alvariño, entre elas), tratando de xerar vocacións científicas en nenas e nenos, fomentando así o trato igualitario fronte ás desigualdades de xénero desde idades temperás.

Sobre o lixo mariño:

Cada ano case 10 millóns de toneladas de lixo van dar o mar, e deste total de lixo que chega aos océanos, arredor dun 90% son plásticos. O plástico nos ten facilitado a vida, pero temos que reflexionar sobre o abuso que temos feito do envasado. 

O plástico flota, e por iso é arrastrado polas correntes chegando moi lonxe e impactando sobre zonas máis amplas. Os impactos dos plásticos no mar poden ir dende a inxestión directa polos animais (porque os  confunden coas súas presas e os inxiren) ata enredamentos neles, degradación dos hábitats ou a dispersión de especies invasoras que se adhiren á súa superficie.

Os macroplásticos degrádanse por abrasión ou polos raios do sol, converténdose en microplásticos, ou incluso en nanoplásticos (visibles tan só ao microscopio).

Que podemos facer? 1º reducir o seu uso, 2º reutilizalos e 3º reciclalos.

O alumnado participou nun xogo no que Patricia invitoulles a “limpar unha praia” cos ollos pechados e adiviñar de cal dos 10 plásticos de un só uso máis atopados nas praias de Europa se trataba: cabichas, tapóns, envases de comida, bastonciños, botellas, etc.

Tentamos tamén adiviñar canto tempo tardan en degradarse: ata os 1 000 anos os tapóns! Pero a verdade é que non demos unha!

Esta charla estivo encadrada dentro da “Iniciativa 11 de febrero”, unha iniciativa a nivel nacional que, con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, promove actividades nos centros educativos que axuden a visibilizar o traballo das científicas, a crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, e que promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico-tecnolóxico.

11F: Escoitamos ás científicas

Hoxe, 11 de febreiro de 2022, celebrouse o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

No noso centro estanse a desenvolver estes días distintas actividades encadradas nesta conmemoración. Entre elas, e en colaboración coa Unidade de Cultura Científica e Innovación da Universidade de Vigo, o alumado de 3º ESO contou, o pasado mércores 2 de febreiro, coa presenza de Elsa Vázquez, catedrática de Zooloxía e investigadora do grupo de Ecoloxía e Zooloxía da Universidade de Vigo. A charla desta científica de primeiro nivel versou sobre:

“Efecto do cambio global no marisqueo a pé e a perspectiva de xénero”

Elsa Vázquez é unha das 5 catedráticas de Zooloxía que existen en España, fronte a 73 homes catedráticos. Por iso, quixo invitar ás nenas que a escoitaban a seguir a súa vocación científica ou técnica, se ese é o seu desexo, non deixándose presionar pola inercia da sociedade, que as sitúa noutro tipo de profesións, e animándoas a que se sintan tan preparadas e válidas coma calquera home.

Elsa explicounos a investigación que desenvolve xunto co seu equipo da UVigo no campo do marisqueo a pé e a repercusión que teñen as consecuencias do cambio climático neste sector, maioritariamente formado por mulleres.

Efectos do cambio global coma as ondas de calor ou as precipitacións torrenciais xeran danos nos ecosistemas onde viven os moluscos de maior interese marisqueiro.

Estas precipitacións torrenciais provocan un exceso de auga doce nas zonas de marisqueo e, polo tanto, un descenso da salinidade, chegando a producir mortalidades masivas das especies de marisqueo autóctonas, como as ameixas fina e babosa ou o berberecho.

O dano non é só ecolóxico, senón tamén económico, xa que este importante sector para Galicia produce uns 45 millóns de euros ao ano, polo que, o cambio global produce grandes perdas económicas e un aumento do desemprego neste colectivo feminino.

Elsa contounos como ela e o seu equipo levan a cabo os estudos de crecemento e mortalidade destas especies nos propios bancos de marisqueo nas rías galegas, verificando este efecto negativo local debido a un fenómeno global como é o cambio climático.

Esta charla encadrouse dentro da Iniciativa 11 de febrero, unha iniciativa a nivel nacional que, con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, promove actividades actividades nos centros educativos que axuden a visibilizar o traballo das científicas, a crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, e que promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico-tecnolóxico.

Formación sobre hixiene menstrual e outros conceptos da sexualidade

Dende o Departamento de Orientación organizouse unha formación para o alumnado de 1º ESO  a cargo do colectivo Alborada. Ao longo de dúas sesións, alumnos e alumnas tiveron a ocasión de comprender pormenorizadamente os cambios físicos propios da adolescencia que están a experimentar. Relacionado con isto, aprenderon sobre a hixiene menstrual, tanto nenos coma nenas. Os distintos tipos de relacións tamén foron tratadas, promovendo unha actitude aberta e de respecto.

 

Alumnado de 1º ESO A durante o obradoiro de María, do colectivo Alborada.

Desigualdades no deporte

Para conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, celebrado o 25 de novembro, a equipa do CPInclúe Iguálat elaborou unha unidade didáctica para as titorías de secundaria coa que se traballaron as desigualdades entre xéneros no deporte. Deste xeito, fíxose fincapé nas diferenzas existentes en canto á vestimenta, salario ou condicións de xogo de distintos deportes. Tamén se promoveu a reflexión sobre o papel dos medios de comunicación nesta fenda de xénero, podendo verse a continuación unha mostra da investigación realizada:

Mostras de novas dixitais con diferenzas no trato da información segundo o xénero.

 

Por outra banda, analizouse o uso dos espazos do patio durante o recreo, amosándose unha clara diferenciación entre os nenos e nenas en canto á actividade e ao espazo ocupado:

Nenos xogando ao fútbol.

Pequenos grupos de nenas paseando.

 

A unidade didáctica ao completo pode ser consultada nos ficheiros adxuntos.

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031