Xeral

Acto de celebración do Día das Letras Galegas

O xoves 16 de maio celebramos un acto cultural e musical en honor a Luisa Villalta, homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2024.

Vémonos ás 20h no auditorio V Centenario de Baiona.

Convite

 

Terceira lectura compartida

Con motivo do Día do Libro, que se celebra como cada ano o 23 de abril, o noso centro celebrou a terceira lectura compartida do curso. Padriños e madriñas foron os encargados de seleccionar unha lectura para os seus afillados e afilladas. 

Tras os pegadas do exército romano por Aquis Querquennis e polo Xurés

O alumnado de 1º de ESO e de 3º de ESO de Cultura Clásica visitan o campamento romano de Aquis Querquennis e mais o Parque Natural do Xurés

Na mañá da segunda feira do 22 de abril de 2024 os grupos de 1º de ESO e mais de 3º de ESO que reciben formación en Cultura Clásica se desprazaron ao Centro de Interpretación de Aquis Querquennis, no concello de Bande, acompañados polos docentes Iria, Nieves e Anxo.

Despois do visionado dun vídeo e da visita ao centro expositivo, o grupo desprazouse cara aos restos das instalacións militares, onde parte do alumnado de 1º de ESO, xunto co de Cultura Clásica, descubriron a historia deste magnífico campamento onde se aloxou unha das cohortes da lexión Gemina que se instalara en Legio (León).

Posteriormente, o grupo desprazouse cara á desembocadura do río Caldo, no concello de Lobios, para xantar e gozar da piscina e pozas termais.

Á tarde levouse a cabo a visita aos miliarios que se foran atopando na vía XVIII ou Vía Nova, que unía as localidades de Arturica Augusta (Astorga) con Bracara Augusta (Braga). Ademais, o grupo aproveitou para visitar os restos da mansio de Aquis Originis, unha antiga pousada romana que daba servizo aos comerciantes que percorrían a devandita vía.

No derradeiro punto da xornada, unha parte do alumnado explicou as características do hábitat do Parque Natural do Xurés (Parque Nacional de Peneda-Gerês en Portugal).

 

IV Semana da Ciencia

O centro celebra a súa IV Semana da Ciencia, na que o alumnado expón as tarefas e investigacións realizadas ao longo do curso, dende o luns 22 ata o martes 30 de abril.

Para comprobar o aprendido poden realizar o cuestionario en liña e tamén un adaptado para o alumnado de menor idade en soporte papel.

Haberá visitas guiadas á exposición e tamén xornada de portas abertas para familias e amizades o luns  29 de abril, en horario de tarde, de 16h a 18h.

Calendario de exames das materias pendentes

Cómpre recordar que as materias pendentes que non se superen iranse sumando ás do curso ordinario suspensas a efectos de promoción de curso e de titulación en 4º de ESO.


As titorías entregarán o boletín de pendentes ao alumnado o venres 26 de abril, ás 11:00h, nas súas aulas de referencia.

Becas para Bacharelato e Ciclos Formativos

Ata o 10 de maio está aberto o prazo para solicitar as bolsas do Ministerio para cursar estudos nas ensinanzas de Bacharelato ou Ciclos formativos. Consultar o seguinte enlace:

Enlace á solicitude: https://www.educacionfpydeportes.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050130/ficha/050130-2024.html


No seguinte enlace aparece máis información sobre este tipo de bolsas: https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas/fp-bachillerato-otros/tipos-de-becas.html

Segunda lectura compartida

O 21 de febreiro celebrouse a segunda lectura compartida. Esta actividade, ademais de fomentar a lectura, contribúe a mellorar a convivencia entre o alumnado ao integrar as tres etapas educativas do centro: Infantil, Primaria e Secundaria. Nesta ocasión, os afillados e afilladas foron os responsables de levar a lectura, escollendo unha do seu gusto.

"Magia en la manga". A igualdade non ten truco

 

Este venres 15 de marzo, o alumnado de primaria asistiu a un espectáculo de maxia "Magia en la manga" no salón de actos do centro, co lema "A igualdade non ten truco", organizado polo CIM e subvencionado polo Concello.

Durante dúas sesións, na primeira asistiu o alumnado de 4º, 5º e 6º e na segunda o alumnado de 1º, 2º e 3º; a demais de gozar dun agradable espectáculo púxose de manifesto o gran papel da muller nesta disciplina ao longo da historia.

 

Timbre Musical 8M

O timbre musical da primeira semana de marzo conmemora o Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo.


 

A selección inclúe temas como Respect, de Aretha Franklin, Girls just want to have fun, de Cyndi Lauper ou As que tiñan que estar, das Tanxugueiras. Con esta escolla, pretendemos visibilizar cantantes femininas de gran forza e/ou con temas reivindicativos. 

Concurso de Fotografía Meteorolóxica

Con motivo do Día Mundial da Meteoroloxía, convócase a IV Edición do Concurso de Fotografía Meteorolóxica.

 

O alumnado interesado en participar poderá enviar un máximo de dúas fotografías, con pareado en galego, a meteocova@gmail.com. A data límite de entrega é o 22 de marzo. Consulta as bases completas aquí

Última hora!!! Aberta categoría de participación para o persoal do centro.

Resolución Certame Dolores Agrelo

O xurado do Certame Literario Dolores Agrelo, convocado pola ANPA do centro, outorga os seguintes premios entre os participantes:

5º Ed. Primaria

•   1º Premio: Un gran enredo, de Xenxo Vázquez Pardo (5ºA)

•   2º Premio: Un mar de lixo, de Nora López Cotovad (5ºA)

•   3º Premio: A lagoa segreda, de Valeria González Soares (5ºB)

 6º Ed. Primaria

•   1º Premio: O mar que nos une, de Hugo González Rodríguez (6ºA)

•   2º Premio: Unha amizade sen obstáculos, de André Otero Jelpi (6ºB)

•   3º Premio: O mar lembra, de Carmen Elena Alves (6ºB)

  Accésit:

- Recordos sabor sal, de Daniela Rial Estévez (6ºB)

- Valente defensora do mar, de Natalia Rodríguez Gómez (6ºA)

- A illa das tribos, de Ariadna Leyenda García (6ºA)

 1º- 2º Ed. Secundaria

•   1º Premio: Distintos tempos, o mesmo mar, de Xiana Calero Iglesias (2ºB)

 

A ANPA tamén achega o seu agradecemento ao alumnado integrado no xurado cun pequeno agasallo.

 

O Entroido no Cova Terreña

O alumnado do centro celebrou o Entroido coas familias, no pavillón municipal, o pasado 9 de febreiro.

Os disfraces xiraron este ano arredor do lema do centro, O mar que nos une. Así, puidemos ver peixes, medusas, piratas e corais. Tamén tivemos disfraces máis reivindicativos, denunciando a contaminación por plásticos e por petróleo. Mesmo houbo un grupo de socorristas dispostos a botar unha man ao necesitado.

 
 

Tralo desfile, puidemos desfrutar das actuacións do Coro de Ed. Primaria e do de Ed. Secundaria e do conxunto instrumental integrado polo alumnado de 4º ESO.

IGUÁLA-T

Constituíuse o "Comando Igualdade" de Cova Terreña, un equipo de traballo para formar, concienciar e apoiar o alumnado, e a sociedade en xeral, en temas tan importantes como a igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista. Organizaremos conferencias, obradoiros, coreografías, performance, etc. O CPI de Cova Terreña súmase así a un grupo de centros veciños, cos que colaboraremos estreitamente, que xa levan tempo con estas actividades socio-educativas: IES Primero de Marzo, IES Alexandre Bóveda, IES Valadares, IES Álvaro Cunqueiro, IES de Mos.

Na fotografía podedes ver o grupo case ao completo, formado por alumnado de 1º e 2º da ESO (Lucía, Mara, Lara, Melisa, Lorena, Estela, Jairo, Gisela, Sara, Candela, Irene, Elia, Carmen, Gerardo, Emma, Zayra), polo equipo directivo e polo profesorado do programa Iguála-t.

Calendario de exames pendentes da 2ª avaliación

Os días 20 e 21 de febreiro, en horario de tarde, terán lugar os exames das materias pendentes de cursos anteriores, tal e como se amosa a continuación:

Cómpre recordar que as materias pendentes que non se superen iranse sumando ás do

curso ordinario suspensas a efectos de promoción de curso e de titulación en 4º de

ESO.

As titorías entregarán o boletín de pendentes ao alumnado o venres 23 de febreiro, ás

11:00h, nas súas aulas de referencia.

Cartas ao corazón

 

 

Na aula de audición e linguaxe do CPI de Cova Terreña levouse a cabo o proxecto “Cartas ao corazón” en colaboración coa aula hospitalaria do Álvaro Cunqueiro.

Como o seu nome indica, é unha actividade realizada desde o “corazón” na que, ademais de mellorar coñecementos académicos, foméntanse a empatía, a reflexión e a sensibilidade polos que están a pasar unha situación máis delicada que a nosa, aportando apoio e ánimo desde a expresión escrita.

Neste caso, alumnos e alumnas de 3º, 4º e 5º de Educación Primaria traballaron desde outubro nas cartas que se enviaron aos nenos e nenas hospitalizados no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O envío realizouse o 7 de febreiro, celebrando así o Día internacional do envío dunha carta a un amigo/a.

A valoración final desta actividade é moi positiva, estando todo o alumnado participante implicado na adquisición de coñecementos e desexando entregarlles as cartas presencialmente aos seus amigos/as do hospital (algo que non foi posible debido á delicada situación).

Esta tarefa permitiu poñer en práctica un xeito de comunicación ao que o alumnado non estaba afeito e deulles a oportunidade de medrar como persoas solidarias e empáticas.

Agardamos que as nosas letras lles gustasen aos destinatarios e esperamos terlles sacado un sorriso.

             

 

 

Día da non Violencia e da Paz en Lentiña´s House

O 30 de xaneiro celébrase o Día da Non Violencia e da Paz en homenaxe a Gandhi, considerado o pai do pacifismo. Dende o equipo de biblioteca quixemos facer unha pequena contribución para achegar material bibliográfico relacionado coa temática, cunha exposición de libros ben diversos (tanto nos formatos como nas idades de lectura recomendadas).

 

Ademais, parte do alumnado de Ed. Infantil, Primaria e Secundaria, guiado polas titorías, plasmaron en paxariñas de papel versos de poemas proclamando a paz de diferentes autores, como García Lorca, Alberti, Machado, Manuel María ou Amauta Castro. O resultado está exposto na propia biblioteca para desfrute de toda a comunidade educativa.

O CPI de Cova Terreña perde a unha das súas alumnas

A comunidade educativa sente a perda da súa alumna Saray Barros Valverde tras o seu falecemento o 29 de decembro e sumámonos á familia na súa dor. Estamos de dó e manifestámolo tamén coas nosas bandeiras a medio mastro.

Alá a onde vas non poderemos verte,

mais sempre estarás con nós, no Cova.

Até sempre Saray.

O xurado do CPI de Cova Terreña falla o II Concurso de Postais en Lingua Galega

O xurado composto polos departamentos de Artes Plásticas e Visuais, Lingua e Literatura Galegas e Portugués, e mais o equipo de Biblioteca e de Dinamización Lingüística, fallaron na tarde do pasado luns 18 de decembro o II Concurso de Postais en Lingua Galega do CPI de Cova Terreña.

 

Todos os premiados e premiadas foron homenaxeados no Festival de Nadal que tivo lugar nesta quinta feira (xoves). Recibiron coma galardóns libros de lectura en lingua galega, pinturas de cores, bolsas e maletíns e chaveiros conmemorativos do 50 aniversario do CPI de Cova Terreña.

Un ano máis, o xurado quixo resaltar na súa acta a extraordinaria participación do alumnado de todos os niveis, amais da alta creatividade tanto para as composicións poéticas como para os deseños presentados.

Nos ficheiros adxuntos, amais dalgunhas imaxes, axúntase a acta do xurado.

 

 

Festival de Nadal

O xoves 21 de decembro despedimos o 1º trimestre do curso e o ano 2023.

Dende o equipo de convivencia e o grupo de teatro planificaron unha xornada con actividades para todas as etapas.

Dentro das actividades tamén celebraremos as badaladas de "fin de ano"; o alumnado pode vir vestido para a ocasión e traer 12 unidades de uvas, olivas, bombóns, gusanitos...

Agardamos que o pasen moi ben!!

Exposición de libros sobre Nadal

O Nadal é tempo de ledicia, de desfrute coa familia e ... cos libros! Por iso o equipo de biblioteca organizou unha exposición con libros que falan desta época da ano. Coma sempre, o obxectivo é o fomento da lectura, poñendo a disposición recursos que dean atención ás distintas necesidades educativas. Así mesmo, hai exemplares destinados a todas as etapas educativas, que poden ser collidos en préstamo.

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031