Xeral

O CPI de Cova Terreña perde a unha das súas alumnas

A comunidade educativa sente a perda da súa alumna Saray Barros Valverde tras o seu falecemento o 29 de decembro e sumámonos á familia na súa dor. Estamos de dó e manifestámolo tamén coas nosas bandeiras a medio mastro.

Alá a onde vas non poderemos verte,

mais sempre estarás con nós, no Cova.

Até sempre Saray.

O xurado do CPI de Cova Terreña falla o II Concurso de Postais en Lingua Galega

O xurado composto polos departamentos de Artes Plásticas e Visuais, Lingua e Literatura Galegas e Portugués, e mais o equipo de Biblioteca e de Dinamización Lingüística, fallaron na tarde do pasado luns 18 de decembro o II Concurso de Postais en Lingua Galega do CPI de Cova Terreña.

 

Todos os premiados e premiadas foron homenaxeados no Festival de Nadal que tivo lugar nesta quinta feira (xoves). Recibiron coma galardóns libros de lectura en lingua galega, pinturas de cores, bolsas e maletíns e chaveiros conmemorativos do 50 aniversario do CPI de Cova Terreña.

Un ano máis, o xurado quixo resaltar na súa acta a extraordinaria participación do alumnado de todos os niveis, amais da alta creatividade tanto para as composicións poéticas como para os deseños presentados.

Nos ficheiros adxuntos, amais dalgunhas imaxes, axúntase a acta do xurado.

 

 

Festival de Nadal

O xoves 21 de decembro despedimos o 1º trimestre do curso e o ano 2023.

Dende o equipo de convivencia e o grupo de teatro planificaron unha xornada con actividades para todas as etapas.

Dentro das actividades tamén celebraremos as badaladas de "fin de ano"; o alumnado pode vir vestido para a ocasión e traer 12 unidades de uvas, olivas, bombóns, gusanitos...

Agardamos que o pasen moi ben!!

Exposición de libros sobre Nadal

O Nadal é tempo de ledicia, de desfrute coa familia e ... cos libros! Por iso o equipo de biblioteca organizou unha exposición con libros que falan desta época da ano. Coma sempre, o obxectivo é o fomento da lectura, poñendo a disposición recursos que dean atención ás distintas necesidades educativas. Así mesmo, hai exemplares destinados a todas as etapas educativas, que poden ser collidos en préstamo.

O noso centro recibe a medalla de ouro do Concello de Baiona

O xoves 14 de decembro o CPI de Cova Terreña recibiu a medalla de ouro do Excmo. Concello de Baiona nun acto institucional, ao mesmo tempo que emotivo, que se celebrou na praza do concello, a cal se quedou pequena para acoller a todas as persoas vencelladas ao centro que se sumaron ao evento. 

O noso centro foi recoñecido con este galardón, o de maior rango posible, pola súa actividade educativa, social e cultural ao longo dos seus 50 anos de vida.

 

No acto fíxose referencia a como "vive" o centro o alumnado a través das palabras de Leo Álvarez, representante no Consello Escolar e alumno de 2º ESO.

A concelleira de Educación deu lectura á "meritoria" presentada pola anterior corporación que motivou a concesión da devandita medalla. O concelleiro de Cultura certificou o outorgamento do galardón ao centro que lle foi entregado á directora, Dna. Isabel Martínez Cabaleiro, de mans do actual alcalde, D. Jesús Vázquez Almuíña.

No acto estiveron presentes o xefe territorial de Educación, D. César Pérez Ares, o inspector do centro, D. Gustavo Lorenzo Prozzo, a corporación municipal, ex-directores, membros do Consello escolar e representantes da ANPA, aos que se sumaron centos de baioneses e baionesas.

Ao longo da tarde visualizáronse fotografías históricas do centro, proxectouse o vídeo elaborado polo 50 aniversario e puidemos gozar da música do coro xuvenil e conxunto instrumental do centro ao que se sumou o alumnado de 5º e 6º Ed. Primaria, concluíndo con panxoliñas unha tarde memorable. 

Recomendacións de lectura de Nadal

O equipo de biblioteca preparou unha guía de recomendacións de lecturas para este Nadal, organizada por niveis educativos. O seu obxectivo é achegar diferentes novidades literarias para fomentar a lectura entre a rapazada. Agardamos que a escolla de libros realizada guste tanto a grandes coma a pequenos.

 

Acto de entrega da Medalla de Ouro ao centro educativo

Este xoves 14 de decembro, ás 19:30h, terá lugar o acto de entrega da Medalla de Ouro ao centro educativo, acto ao que convidamos a participar a toda a comunidade educativa.

O acto celebrarase na praza do concello e a continuación actuará o coro xuvenil.

Chocolatada da ANPA antes da ponte da Constitución

Este martes 5 convidáronnos a chocolate quente a todo o alumnado, mesmo con rosca para os máis cativos. O alumnado de Ed. Primaria e ESO puideron degustar as rosquillas e madalenas que vendía o alumnado de 4ºESO para financiar a súa viaxe de fin de etapa.

É unha sorte para un centro contar cunha ANPA tan colaborativa e implicada.

Lectura compartida

O alumnado do centro ao completo xuntouse o pasado 23 de novembro para celebrar a primeira lectura compartida do curso. Nela, nenos e nenas de todas as idades se emparellaron para achegarse aos libros escollidos, nesta ocasión, polas madriñas e padriños. A resposta foi, por parte de todos, excepcionalmente positiva.

Programa "Que non te líen, ti elixes"

O pasado 25 de outubro, o noso alumnado de 3º e 4º de ESO participou no Programa “Que no te líen, ti elixes” co principal obxectivo de favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de itinerarios formativos enfocados nos ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres.

O alumnado gozou dun obradoiro moi aplicado, combinando actividades teóricas e prácticas, e onde tiveron a oportunidade de coñecer e charlar un tempo con Lidia González, patroa de altura, piloto da mariña mercante e capitá de pesca, e así coñecer a súa formación e experiencia e consultar todos as súas dúbidas e curiosidades.

Programacións didácticas ESO - Curso 2023/24

Nos documentos adxuntos amósanse as programacións didácticas do curso 2023/24 de Educación Secundaria.

Simulacro de evacuación 2023

Vimos de celebrar o simulacro de evacuación do CPI de Cova Terreña.

Nun centro ao que asisten 451 alumnos e alumnas, 51 profesores e profesoras e 8 persoas do persoal de servizos, é máis que necesario estar preparados para calquera incidencia, ademais de dar cumprimento á normativa vixente.

En 3 minutos todas as persoas tiñan abandonado o recinto escolar en orde e seguindo as directrices fixadas polo plan de autoprotección e evacuación.

Nesta ocasión puidemos contar coa colaboración da Policía Local e do GES, quen pese aos limitados recursos persoais de que dispoñen atenderon ao noso alumnado. Moitas grazas!!!

ANPA: Actividades extraescolares

A ANPA oferta un ano máis actividades extraescolares para o alumnado do centro e de todos os centros de Baiona.

A proposta inicial pode verse no documento adxunto. Súmanse novas ofertas de actividades:

XIMNASIA RITMICA: mércores, 15.50-16.50, 20€

ZUMBA: martes, 15.50-16.50, 20€

 

ANPA: Comedor escolar

A xestión do menú escolar está a cargo da ANPA quen confía a execución do servizo a ARUME.

Para a contratación do servizo deben porse en contacto coa empresa a través de 

  • APP COLECHEF (código do centro ESKRL0MH19)
  • info@arumeservicios.es
  • Teléfono 607 634 413

 

 

Ferramentas dixitais útiles en lingua galega

Eis algunhas das ferramentas e recursos dixitais máis útiles en lingua galega (e portuguesa):

Dicionario Digalego

O dicionario máis completo da lingua galega con máis de 65.000 entradas, etimoloxías, traducións a varias linguas e conxugador de verbos [Consellería de Educación].

Dicionario de dicionarios

Dicionario que recolle máis de 390.000 palabras e acepcións dos dicionarios históricos da lingua galega dos séculos XIX e XX [Instituto da Lingua Galega, ILG e Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo].

Tradutor Gaio

Tradutor moi eficiente na versión galego-castelán e castelán-galego, menos rendíbel na tradución en portugués [Secretaría Xeral de Política Lingüística].

Enciclopedia Galega Universal (EGU)

Enciclopedia en lingua galega de carácter universal, en proceso de actualización [Consellería de Educación].

Dicionario da Real Academia Galega (RAG)

Dicionario que recolle preto de 60.000 artigos lexicográficos e os seus significados.

Dicionario Priberam (DPLP)

Dicionario do portugués contemporáneo que inclúe máis de 164.000 entradas e que integra as normas portuguesa e brasileira, segundo o Acordo Ortográfico de 1990.

 

 

III Semana da Ciencia

A III Semana da Ciencia acolleu este ano proxectos de Ed.Primaria e Secundaria, aproximándose a temas de enerxía e medio ambiente, como as maquetas de enerxías renovables e da vila sostible. As novas tecnoloxías estiveron tamén moi presentes,  como a cortadora láser e a impresora 3D, que non pararon de traballar ao longo da exposición.

Outras achegas foron as maquetas realizadas polo alumnado de robótica de 4º e 6º de Ed.Primaria ou as maquetas explicativas dos mecanismos de dispersión das sementes.

A xornada de portas abertas para as familias tivo un éxito tal que houbo que ampliala para dar cabida a todos os visitantes.

Os riscos de TikTok nos menores de idade

O acceso ás redes sociais por parte de menores sen supervisión dun adulto e unha situación que está a acontecer e que entraña os seus riscos.

Dende o centro queremos chamar a atención sobre este feito e achegamos un cartaz sobre os riscos de TikTok.

Fantástico concerto do Coro do CPI de Cova Terreña para conmemorar o Día das Letras Galegas

O Coro do CPI de Cova Terreña volveu deleitarnos novamente nunha fantástica xornada en que non faltaron referencias ao 50 aniversario do noso centro e mais a homenaxe a Francisco Fernández del Riego, conmemorando o Día das Letras Galegas.

No acto, presentado por Emma G. e Omar L., o alumnado de 5º e 6º de Primaria leu uns textos alusivos ao 50 aniversario do noso centro, valorando as contribucións dos diversos equipos directivos, docentes, nais e pais e, por suposto, o alumnado que ao longo destes anos contribuíu a crear unha comunidade educativa clave no progreso da vila de Baiona para darlle paso ao vídeo conmemorativo polo 50 aniversario do centro.

Posteriormente, o alumnado de 1º de ESO leu textos referidos á vida e obra de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, antes de dar paso ao concerto do noso Coro, dirixido polo profesor David Piñeiro, cuxo programa de concerto estaba dividido en dúas partes: a primeira cunha homenaxe ás grandes bandas do rock e do pop, como The Beatles, Metallica ou U2; e unha segunda parte con poemas musicados de Álvaro Cunqueiro, Berrogüetto, Manuel Alegre e Curros Enríquez.

 

 

 

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Xuño 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930