Matemáticas

Plan de continxencia Dep. de Matemáticas

En caso de confinamento o horario das materias do departamento será o mesmo que o presencial. As ligazóns ás materias E-Dixgal son as seguintes:

Matemáticas 1º ESO A (Docente: Patricia Blanco Sastre)

Matemáticas 1º ESO B (Docente: José Antonio Salgueiro Aquino)

Matemáticas 1º ESO C (Docente: José Antonio Salgueiro Aquino)

Matemáticas 2º de ESO A-B  (Docente: Carla Iglesias Comesaña)

Matemáticas 2º de ESO C (Docente: Patricia Blanco Sastre)

Matemáticas académicas 3º ESO (Docente: José Antonio Salgueiro Aquino)

Matemáticas aplicadas 3º ESO (Docente: Patricia Blanco Sastre)

Matemáticas académicas 4º ESO (Docente: Carla Iglesias Comesaña) 

Matemáticas aplicadas 4º ESO (Docente: Patricia Blanco Sastre)

 

Información de contacto

A continuación indícanse os datos de contacto e horarios de atención ás familias dos membros do departamento:

Patricia Blanco Sastre (patriciablancosastre@edu.xunta.gal):

Mércores: 12:20-13:10

Jose Antonio Salgueiro Aquino (salgueiro@edu.xunta.gal):

Luns: 10:10-11:00

Carla Iglesias Comesaña (carla.iglesias@edu.xunta.gal):

Xoves: 10:10-11:00

 

Proxecto de Estatística sobre a chuvia

Dentro do Proxecto MeteoEscolas, o alumnado de 2º ESO desenvolveu un proxecto na terceira avaliación que consistiu en analizar dende o punto de vista estatístico os días de chuvia en distintas estacións meteorolóxicas próximas ao centro. 

Para a realización da tarefa o alumnado empregou a folla de cálculo LibreOffice Calc, importando os datos descargados dende a páxina de MeteoGalicia. Cada persoa analizou un ano e realizou un conteo do número de días de chuvia mensuais, calculou a media, a mediana e a moda, e elaborou gráficos estatísticos e a táboa de frecuencias.

Nos documentos adxuntos poden consultarse algúns exemplos das tarefas entregadas.

Vídeos stop motion creados durante o obradoiro para familias

A natureza dos novidosos Polos Creativos é singular polo enfoque de aprendizaxe conxunta, colaborativa e comunitaria, concebíndose coma un espazo aberto de desenvolvemento das competencias dixitais, científico-tecnolóxicas e artísticas da cidadanía. Deste xeito, un dos obxectivos do proxecto é involucrar ás familias e promover as accións que impliquen a súa participación xunto cos seus fillos e fillas en actividades de formación e de creación.

Dende o CPI de Cova Terreña organizamos un obradoiro de creación de vídeos stop motion no mes de marzo. Nel participaron un total de 12 parellas de familias-alumnado, que se distribuíron en 6 equipos e crearon outros tantos vídeos coa devandita técnica. 

Cada vídeo presenta novidades dos fondos da biblioteca do centro, aproveitando así a oportunidade para dar a coñecer os novos títulos a toda a comunidade e facer fincapé noutro campo de gran importancia para nós: a lectura.

Nos arquivos adxuntos pódense visualizar os produtos finais elaborados por todos os grupos. O proxecto completo consistía en elaborar a película stop motion coa app Stopmotion, gravar un diálogo ou narración coa gravadora nativa da tableta Lenovo, preparar unha portada e despedida con diapositivas, e, finalmente, realizar a montaxe na app InShot. Todos os grupos agás un completaron o 100% do proxecto, e todos puxeron en práctica grandes doses de creatividade e traballo en equipo. 

A experiencia resultou ser moi positiva para todos os participantes, tanto para as familias e alumnado como para o profesorado implicado. Unha maneira diferente de combinar lectura, tecnoloxía, aprendizaxe e cooperación que sen dúbida terá continuidade no futuro!

Creación de vídeos stopmotion para explicar matemáticas

O alumnado de 2º de ESO desenvolveu un proxecto de matemáticas consistente en explicar conceptos matemáticos mediante un vídeo stopmotion. A actividade forma parte do proxecto Polos Creativos e para a confección dos vídeos empregáronse as tablets e trípodes que forman parte da dotación material do devandito proxecto.

Os produtos finais pódense visualizar nos arquivos adxuntos a esta publicación, e son os seguintes:

  • Extracción de factor común: Lía, Sara, Lucía R. e Raquel.
  • Identidades notables: Naiara, Aitana, Carolina M. e Carolina L.
  • Cálculo de potencias: Julia, Antía, Uxía e Mario.
  • Signo de potencias de base negativa: Daniela, Leyre, Lucía A. e Lola.
  • Teorema de Pitágoras: temos a versión de Bruno, Benjamín, David e Aarón, e a de Rosana, Xiana, Aitor e Lucas.
  • Valor dunha expresión alxebraica: Catalina, Sarai, Uxía e Lucía S.

Proxecto: Observando as raíces dun polinomio en GeoGebra

O alumnado de 4º ESO de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas desenvolveu este segundo trimestre un proxecto para analizar as características das raíces dun polinomio. Para iso, aplicaron os conceptos traballados en clase e empregaron GeoGebra para representar os polinomios e deducir a relación entre a natureza e multiplicidade das raíces co observado. 

Así mesmo, deberon elaborar un documento en LibreOffice Writer cunha serie de requisitos (emprego dos estilos, paxinación, inclusión dun índice automático...) orientados á mellora da súa competencia dixital co procesador de textos.

Nos arquivos adxuntos pódese consultar algún dos traballos entregados.

Obradoiro de Stop Motion para familias

Ao abeiro do proxecto Polos Creativos, a tarde do xoves 16 de marzo celebramos o obradoiro de Stop Motion dirixido á comunidade educativa. A participación foi todo un éxito, cun total de 25 participantes conformados por parellas de nais/pais e fillas/fillos.

Durante dúas horas coñecemos a técnica de gravación de vídeos chamada "Stop Motion", empregada no mundo audiovisual dende hai moitos anos (especialmente antes do desenvolvemento da animación dixital por computador), e puxémola en práctica empregando os equipos de Polos Creativos (tabletas e trípodes).

O obxectivo era producir un vídeo Stop Motion no cal uns personaxes convidados presentaban algunhas das novidades da nosa biblioteca, Lentiña's House. Para iso, tras a produción do vídeo cada grupo tivo que editalo para engadir un diálogo orixinal que fixera referencia aos libros escollidos.

En vindeiras publicacións daremos difusión aos produtos finais. Non perdades detalle das novas porque paga a pena ver os resultados! Guiño

Obradoiro de stopmotion

 Queres aprender a elaborar un vídeo empregando a técnica "stopmotion"?

Ao abeiro do Proxecto Polos Creativos organizamos un obradoiro o vindeiro xoves 16 de marzo, de 16:30h a 18:30h, para aprender a confeccionar este tipo de vídeos. Será unha actividade de familia onde se traballará por parellas.

PRAZAS ESGOTADAS

Animádevos a participar en familia!!!

(PRAZAS LIMITADAS: Máximo 12 parellas e non é preciso traer material.)

Stop Motion Studio for iOS - What is a stop motion movie?

 

Análise da variación das temperaturas máxima e mínima en Vigo dende 1962

 

O alumnado de 3º ESO analizou os datos de temperaturas máximas e mínimas rexistradas nas últimas décadas e traballou na folla de cálculo para determinar os cambios ocorridos nese tempo.

Nos arquivos adxuntos poden consultarse algúns dos traballos desenvolvidos.

Difusión de ciencia e matemáticas en galego

Con motivo da Semana da Ciencia o alumnado de 4º da ESO preparou cartelería relacionada co libro de lectura obrigada "El diablo de los números". Deste xeito, cada cartel expoñía un concepto matemático ou curiosidade para dar a coñecer á comunidade educativa e divulgar así dun xeito visual o mundo das matemáticas, empregando ademais a lingua galega en troques do habitual castelán.

 

Nos arquivos adxuntos están os pósters seleccionados para a súa exposición durante a Semana da Ciencia.

Análise de distintos aspectos da chuvia recollida en Galicia

O alumnado de 2ºESO que aprobou a materia trala 3ª avaliación desenvolveu actividades de ampliación durante o mes de xuño relacionadas co Plan Proxecta MeteoEscolas, no que o centro participa dende hai varios cursos, e co Proxecto de Innovación en Dinamización Lingüística.

 

Desta volta, o mes de xuño aproveitouse para analizar distintas características da chuvia recollida na última década nas sete principais cidades galegas (Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol). O periodo analizado foi do 1 de xaneiro de 2011 ata o 31 de maio de 2022 (con algunha excepción nas cidades nas que non había rexistros tan antigos).

 

 

 

Distribuidos en grupos, debían analizar os datos dispoñibles na páxina de MeteoGalicia dunha das cidades e respostar ás seguintes cuestións:

  • Que clima caracteriza a cidade atendendo á precipitación total anual?
  • Cales son os meses nos que chove máis?
  • Como é a chuvia: poucos días pero intensos ou moitos días pouco intensos?
  • Que variación porcentual de chuvia total anual se rexistrou en 2021 con respecto a 2011?
  • Como está sendo 2022? Cal é a variación porcentual mensual de chuvia recollida en 2022 con respecto a 2021?

 

Para a realización da tarefa o alumnado empregou a folla de cálculo LibreOffice Calc, importando os datos descargados dende a páxina de MeteoGalicia. 

 

 

 

Todo o traballo desenvolveuse en galego, de xeito que o alumnado traballou conceptos científico-matemáticos nesta lingua, deixando a un lado o castelán habitual e demostrando que a ciencia e a tecnoloxía non entende de fronteiras idiomáticas.


Nos documentos adxuntos poden consultarse as instrucións proporcionadas ao alumnado e as cuesións plantexadas, así como algúns exemplos das tarefas entregadas.

 

 

 

Resolución de problemas competenciais empregando GeoGebra

O alumnado de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas de 4º ESO que aprobou a materia trala 3ª avaliación desenvolveu actividades de ampliación durante o mes de xuño centradas na resolución de problemas competenciais empregando GeoGebra.

 

 

As funcións elementais (polinómica, racional, exponencial, logarítmica e definidas a trozos) aparecen en diferentes situacións da vida real, cousa que se aproveitou para plantexar ao alumnado a resolución de problemas competenciais empregando un valioso recurso TIC, GeoGebra. 

 

 

Nos documentos adxuntos a esta publicación poden consultarse os problemas plantexados, a organización en Edixgal das entregas e algúns exemplos do traballo realizado polo alumnado.

 

Mellora da competencia matemática a través xogo: rompecabezas tipo Tangram

En tantos meses de curso escolar sempre hai tempo para aproximarse á materia dun xeito máis ameno e lúdico… sen deixar de traballar as competencias que marcan o rumbo do proceso de ensinanza-aprendizaxe!

 

Este ano aproveitamos algunhas sesións para empregar un material manipulativo que ofrece moitas posibilidades: os rompecabezas tipo Tangram. Son útiles para traballar conceptos de xeometría e desenvolver a lóxica e o sentido da orientación, que con frecuencia están relacionadas coa resolución de problemas. 

 

Alumnado de 2º pensando. 

Alumnado de 2º e 4º en plena tarefa.

 

O alumnado de Secundaria esprimiu os miolos con varias versións destes rompecabezas de distintas dificultades que supuxeron nalgúns casos un auténtico reto!

 

Carla Carneiro feliz tras resolver un puzzle xeométrico.

Carla (4ºESO) feliz tras resolver un puzzle xeométrico.

Mellora da competencia matemática a través xogo: Kenken

Ao longo do curso houbo momentos de traballo moi intenso e outros nos que o almanaque nos permitiu aproximarnos ás matemáticas dun xeito máis lúdico. 

 

Unha das actividades que desenvolvimos en varias sesións ao longo destes meses é a resolución de Kenken: trátase dun pasatempo matemático semellante ao sudoku no cal deben empregarse operacións matemáticas para atopar o lugar de cada número no taboleiro.

 

Alumno resolvendo un Kenken.

 

Este pasatempo creouno un profesor de matemáticas xaponés, Tetsuya Miyamoto, en 2004 coa intención de mellorar as habilidades matemáticas e lóxicas do seu alumnado. Ademais de favorecer o razonamento e o cálculo, é un recurso atractivo e un desafío que se adapta facilmente ao nivel de cada estudante: dende os máis pequenos de malla 3x3 ata os maiores de malla 9x9, só con sumas ou coas catro operacións básicas (suma, resta, multiplicación e división), sempre hai un Kenken axeitado para cada persoa.

 

Alumna resolvendo un Kenken.

Proxecto competencial: construímos corpos xeométricos que sumen 1 litro

En 2º de ESO, na materia de Matemáticas, esta terceira avaliación traballamos os corpos xeométricos e o seu volume.

Despois de familiarizarnos cos tipos de corpos xeométricos, o seu desenvolvemento plano e as fórmulas empregadas para calcular a súa área e volume, o alumnado desenvolveu un proxecto competencial baixo as seguintes premisas:

  • Debían construir con papel ou cartulina un cilindro, un prisma cadrangular recto e un cubo.
  • O volume total dos tres corpos debía sumar 1 litro.

O proxecto permitiu poñer en práctica o traballado na unidade didáctica e desenvolver a competencia matemática combinando o cálculo, o razonamento e unha actividade manipulativa.

Na fotografía poden observarse dous dos traballos entregados.

Corpos xeométricos de 1 litro en total

Proxecto de álxebra e funcións en GeoGebra

O alumnado de 4º de ESO da materia Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas manexou ao longo do curso o programa GeoGebra para afianzar e aproximar dende outra vertente os conceptos matemáticos alxébricos e relativos a funcións.

 

Dentro do Contrato Programa de Mellora das competencias clave: Competencia Matemática, o emprego de distintos programas como GeoGebra permite a visualización de elementos abstractos de difícil comprensión inicial, como por exemplo as raíces dun polinomio.

 

Precisamente isto foi o que o alumnado puxo en práctica como proxecto da primeira avaliación: baixo unhas condicións iniciais, cada alumno e alumna tiña un polinomio que analizar, do cal tiña que obter as raíces empregando a representación do mesmo en GeoGebra.

 

As instrucións e plantilla que debían cumplimentar e entregar en Edixgal pódense consultar na seguinte ligazón.

 

A relación dos valores de x que habitualmente obteñen coa regla de Ruffini, a súa multiplicidade e a localización deses puntos na función axuda positivamente á comprensión do significado das raíces e das distintas situacións que se poden dar na resolución analítica.

No documento adxunto pode consultarse algunha das entregas do alumnado participante.

Participación na Fase Final da Olimpiada Matemática de 2ºESO

A nosa alumna Marta López Castro de 2º ESO A clasificouse para a fase final da Olimpiada Matemática organizada pola Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), celebrada o pasado xoves 26 de maio en Lugo.

Na fase previa participaron un total de 453 estudantes de 100 centros de toda Galicia, dos que só 40 acadaron o pase á final galega. 

 

A xornada comprendía a realización da proba (resolución de 5 problemas en dúas horas), o xantar e unha xincana na Praza Maior de Lugo antes da cerimonia de clausura e entrega de premios.

Os equipos participando na xincana matemática.

Tras a proba recollemos as reflexións de Marta sobre a experiencia. Unha das primeiras cousas que salienta é que nesta fase final “os problemas plantexados eran bastante máis difíciles ca os da fase de zona. Estes eran máis de pensar e non se resolvían de maneira tan directa coma os anteriores”. Con respecto á xincana por equipos, na que se lles plantexaron cuestións sobre a cidade, comenta que “foi moi divertida porque entre unha proba e outra tiñamos que desprazarnos de distintas maneiras, e ao meu grupo ata nos deron puntos por facer o parvo polo camiño”.

 

Ademais da experiencia vivida, como recordo da xornada todos levaron un diploma acreditativo, unha camiseta, unha calculadora científica Casio, unha memoria USB e dous libros. Cando lle preguntamos se repetiría a experiencia, Marta responde que “si, estivo ben, os problemas gustáronme porque non son os típicos que temos que resolver en clase.”

A súa mensaxe para o alumnado de 1º da ESO que o vindeiro curso pode ter a oportunidade de participar é simple, directa e honesta:

“eu inicialmente tampouco quería ir, pero que se animen, que non teñen nada que perder e é algo distinto e divertido.” 

Noraboa, Marta! Es unha crack!!

Sección meteoroloxía e sociedade no xornal da escola

Con motivo da semana da prensa, elaborouse un xornal da escola coas achegas do alumnado. Dentro do proxecto MeteoEscolas, en 2º de ESO confeccionamos a sección "Meteoroloxía e sociedade", na que se incluiron novas relacionadas coa chuvia recollida nas estacións da rede.

Está a ser un ano máis seco? Canto máis choveu en Baiona en anos anteriores? Que pasa coa chuvia e as festas da Arribada, Reconquista de Vigo e Feira Franca de Pontevedra? Esta e outras cuestións abordáronse nos artigos publicados, que se poden consultar nas fotografías adxuntas.

Participación na Olimpiada Matemática de 2º ESO

Este xoves, 21 de abril, unha representación do noso alumnado de 2º de ESO participou na fase de zona da Olimpiada Matemática organizada pola Agapema (Asociación Galega de Profesores de Matemáticas), e que tivo lugar no IES Castelao de Vigo.

Na zona de Vigo houbo un total de 19 centros participantes, e cerca de 100 en toda Galicia. Dirixida a alumnado de 2º da ESO, cada centro pode escoller un máximo de dous representantes por grupo-clase. A elección non foi doada pero sen dúbida deron a súa mellor versión para deixar o pavillón ben alto!

A competición consistiu na resolución individual de 5 problemas propostos, e sen dúbida foi unha experiencia positiva: "foi mellor do que pensaba", "non eran tan difíciles" foron algunhas das súas declaracións posteriores. 

Bo traballo, Noel, Marta, Manuel, Martín e Pedro!

 

Reto matemático de Samaín

O venres 29 de outbro o noso alumnado de 2º da ESO tivo unha actividade diferente na hora de Matemáticas: puxeron a proba os seus coñecementos de números enteiros, potencias, raíces cadradas e fraccións para resolver as cuestións do Genially que vedes a continuación. Matemáticas aparte, pasamos unha sesión divertida e diferente :)

Atréveste a intentalo?

(Preme nos tres puntiños de abaixo á dereita, e nas frechas que se separan para poñelo a pantalla completa) 

Os polígonos de Thiessen

O alumnado de 4º de ESO traballou no cálculo de precipitacións medias en distintas áreas mediante os polígonos de Thiessen, unha técnica utilizada en meteoroloxía para estimar as áreas de influencia das estacións onde se recollen as precipitacións e poder así calcular a media de forma ponderada dacordo a estas áreas.

O resultado deste traballo estivo dispoñible durante a Semana da Ciencia do centro, e crearon carteis nos que se explicaba tanto a forma na que se definen estes polígonos como casos prácticos de cálculo coa axuda de datos recollidos na propia páxina de Meteogalicia.

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031