Bioloxía e Xeoloxía

Visita aos bosques atlánticos do CUVI

O alumnado de 1º ESO visitou o 16 de abril o campus universitario de Lagoas-Marcosende, pertencente á Universidade de Vigo, cunha extensión de 100 Ha. Nel, dende hai máis de 30 anos, a Oficina de Medio Ambiente está a levar un labor de reforestación con especies autóctonas, erradicando ao mesmo tempo as especies invasoras e foráneas (eucalipto, acacia negra e piñeiro). No seu lugar, hai zonas nas que se plantaron árbores como abruñeiros, maceiras bravas, castiñeiros ou bidueiros.

Con esta medida, xa se aprecia en moitas zonas a recuperación dos bosques. Pouco a pouco, as especies arbóreas vanse espallando e, con elas, van aparecendo especies de aves, insectos e outros animais que estaban desaparecidos na rexión. 

Ademais do innegable factor ambiental destas actuacións, achégase á cidadanía un modelo de xestión sostible do medio natural que pode ser copiado noutros lugares. 

Xogamos coas árbores

O alumnado de 1º ESO realizou o 26 de febreiro un xogo para recoñecer as árbores que conforman os bosques atlánticos autóctonos. Esta dinámica, realizada en grupos, encádrase no Plan EduSostibilidade.

Charla Os bosques atlánticos

O alumnado de 1º ESO recibiu o xoves 8 de febreiro a primeira sesión de formación sobre Os bosques atlánticos, englobada no CP Innova EduSostibilidade. Nel, a cargo do educador ambiental Marcos Guiadanes, percorreron os diferentes problemas de conservación que afectan aos bosques atlánticos: especies invasoras, deforestación, incendios, etc. Tamén fixeron un percorrido polas 25 especies arbóreas propias dos nosos bosques e de como se chegaron a definir as mesmas.

 

XV Olimpíadas de Xeoloxía

O pasado 7 de febreiro, celebrouse a XV Olimpíada de Xeoloxía, organizada pola AEPECTGalicia (Asociación Española para la Enseñanza de la Ciencias de la Tierra). Nela, participaron alumnos e alumnas de 4º ESO Bioloxía e Xeoloxía: Pedro, Marta, Estela, Mateo, Breogán, Manu, Martín e Nagore.

As probas dividíronse en dous. A fase práctica, por grupos, celebouse na ETEA, unha zona de gran interese xeolóxico. Alí tiveron que resolver cuestións variadas referentes ao tipo de areas da praia, interpretear mapas topográficos, explicar os tipos de rochas que aparecen na paisaxe ou identificar fósiles. A fase teórica, individual, celebrouse xa pola tarde na Facultade de Enxeñería de Minas e Enerxía (EME).

Para rematar a sesión, realizamos un obradoiro sobre elaboración de diferentes tipos de pigmentos.

 

 

 

 

 

 

 

 

A experiencia resultou moi positiva, poñendo punto e seguido a unha temporada de intensa preparación tanto nos recreos como en horario de tarde. Agardamos poder repetir a participación en vindeiras edicións.

Que sabemos do virus do papiloma humano?

O alumnado de 3º e 4º de ESO ten participado esta semana nunha investigación epidemiolóxica sobre o Virus do Papiloma Humano (VPH) que está a desenvolver un equipo do SERGAS desde o Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras. O obxectivo do traballo é comprobar o que os mozos e mozas de Galicia, de 12 a 16 anos, coñecen deste microorganismo e a patoloxía que desencadea, para logo comprobar o efecto que ten unha conferencia de 15 minutos nas ideas que teñen mudado e a súa opción por vacinarse.

O mércores 7 de febreiro de 2024, no salón de actos do CPI Cova Terreña de Baiona, o médico xefe de sección de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital de Valdeorras, Sergio González Palanca, realizou as enquisas e tamén respondeu a diferentes inquedanzas do alumnado, como as posibilidades de que unha nai contaxiada polo VPH transmita a viriase ao fillo ou filla, ou desde cando se sabe que este virus está detrás de determinados tipos de cancro.

Houbo tempo para que o alumnado e o xinecólogo intercambiasen opinións sobre a vacinación, se amosase a indiscutible evidencia científica da necesidade de vacinarse e que o dereito a protección da saúde dos adolescentes mediante a vacinación é persoal, e non debe ser impedido polas familias. As noticias falsas sobre a vacinación contra o papiloma tamén foi obxecto de análise polo doutor González Palanca.   

O estudo conta coa autorización do comité de ética da Consellería de Sanidade e pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, así como dos responsables do alumnado participante e a dirección do centro.  

Aparte da importancia de que o centro educativo estea a contribuír coa investigación dunha institución pública sanitaria, a actividade é sinérxica coa educación afectivo- sexual que o CPI Cova Terreña desenvolve, de acordo coa Lei Orgánica de Educación, e que se percibe como un elemento central na educación integral das persoas. O alumnado participa desde vai anos no Plan Proxecta “ Quérote +” en 3º de ESO co mesmo propósito, xunto ao desenvolvemento do currículo de materias como Bioloxía e Xeoloxía que teñen os contidos de sexualidade como parte da súa programación didáctica. 

O alumnado no laboratorio

O alumnado e 4º ESO comezou a facer uso do laboratorio, con observación de mostras nos microscopios que recibimos este curso na dotación de material dende a Consellería. Con esta práctica, ademais de aprender o correcto manexo dos microscopios, puideron ver como son en realidade as células que ata o de agora só estaran na teoría.

 

Día Mundial da Loita contra a SIDA

O 1 de decembro conmemórase o Día Mundial da Loita contra a SIDA para visibilizar unha enfermidade que, grazas aos novos tratamentos, se cronifica, mais non ten cura.

 

Cada ano, miles de persoas contraen a enfermidade en España a pesar das medidas que se poden adoptar para evitar o seu contaxio. Por iso, alumnos e alumnas de 3º ESO repartiron hoxe lazos vermellos entre o profesorado e o alumnado de Ed. Secundaria. O obxectivo era poñer o foco nesta enfermidade e contribuír así ao seu coñecemento, xa que non se pode loitar contra o descoñecido.

Actividade "Augas de Galicia"

O 2 de decembro de 2022 tivo lugar unha actividade organizada por Augas de Galicia destinada aos alumnos e alumnas de 1º da ESO.
A actividade comenzou cunha  presentación  sobre o ciclo da auga na que os alumnos e alumnas recordaron conceptos básicos do currículo e tamén da realidade da contorna coa visualización do embalse de Baíña e a EDAR de Baíña, a estación depuradora das Augas residuais da zona de Baiona.

Tras esta breve introdución os estudantes, organizados en grupos, participaron nun xogo no que como directores da xestión din embalse de auga tiñan que decidir se facer restricións de auga á poboacion humana ou facer restricións conxuntas: ambiental e humana. Tras á toma de decisións que se fixeron mensualmente se lles comunicaba a posteri o que chovera dito  mes. Desta maneira, segundo as precipitacións e as decisións sobre as restricións, cada grupo ía obtendo un nivel de volume do embalse  distinto, coa conseguinte puntuación. Este xogo poñía de manifesto as dificultades da toma de decisións sobre as restricións de auga dun embalse en tempos de seca ou cambio climático.


Os grupos gañadores foron os que obtiñan unha mellor xestión da auga, primando sempre o factor ambiental e intentando non facer restricións humanas.
Ao final da sesión os organizadores repartiron uns premios a cada un dos participantes: botellas de vidro para que os estudantes poidan reutizala todas as veces que precisen.

Quedaron moi agradecidos por estas xornadas tan proveitosas e ao mesmo tempo tan divertidas.

ESTUDO DOS EFECTOS DA CHUVIA ÁCIDA NAS PLANTAS EMPREGANDO UN MODELO.

Ao longo da 2ª avaliación o alumnado de Ciencias aplicadas de 4º ESO levou a cabo en equipos de 3-4 alumnos/as un EXPERIMENTO PARA ESTUDAR OS EFECTOS DA CHUVIA ÁCIDA NAS PLANTAS empregando un modelo e transmitindo aos seus compañeiros e compañeiras a análise dos seus resultados e as súas CONCLUSIÓNS nunha EXPOSICIÓN coa axuda dunha PRESENTACIÓN DIXITAL.

Estes foron os equipos:

Abraham, Yaiza e Óscar  Iván, Brais e Sergio 

Antía, Zaira e Noa Martínez Noa Vasc., Ana, Alba Rguez, Lara

   

Alba Vidal, Antón, Diego e Pedro

Os equipos durante as súas exposicións explicáronnos:

A chuvia ácida é calquera precipitación que presente elevadas concentracións de ácidos, en particular ácido sulfúrico e nítrico. Ten a súa orixe nas emisións á atmosfera de gases coma os óxidos de nitróxeno e de xofre que, ao combinarse coas partículas de auga presentes no aire, forman ácidos (ácido nítrico e sulfúrico) que se disolven nas gotiñas de auga das nubes. O vento as propaga, incluso a centos de kilómetros, e finalmente precipitan sobre o solo, a vexetación e os lagos, provocando diversos danos a estes ecosistemas:

Aumento da acidez da auga e do solo que produce o dano e ata a morte directa de plantas e de animais, algas e plantas acuáticas, mobilización de metais tóxicos como o cadmio e o mercurio e incluso dano nos edificios.

Estes gases de nitróxeno e xofre proceden principalmente da queima de combustibles fósiles coma o carbón e os derivados do petróleo. Logo a solución pasa pola redución do emprego deste tipo de combustibles para a obtención da enerxía, fomentar o aforro enerxético e substituir progresivamente esta fonte de enerxía polas enerxías renovables.

Os equipos puxeron exemplos de situacións nas que a chuvia ácida ten provocado danos aos bosques, entre eles, o risco de chuvia ácida que se viviu durante a erupción do volcán na illa da Palma.

No experimento empregaron un modelo baseado na xermolación de sementes en distintas condicións de acidez: sementaron lentellas e as regaron con disolucións de concentracións crecentes de vinagre (este é o ácido que simula a acción dos ácidos da chuvia ácida).

Os resultados non foron os desexados, agás nun dos equipos, no que si que se verificou que as plantas creceron máis canta menos cantidade de ácido contiña a auga de rego.

Para levar a cabo o experimento os equipos seguiron o método científico, apuntando cada día de rego os datos de crecemento das plantas nunha táboa para logo analizalos realizando unha gráfica. Nesta gráfica amósase como inflúe a crecente concentración de ácido na disminución do crecemento medio das plantas.

 

Este traballo foi exposto nun dos stands da Feria da Ciencia deste curso co seguinte cartel expositor xunto ás plantas en crecemento:

 

 

Selección do plástico recollido na praia

O material recollido polo alumnado de Educación Secundaria nas distintas praias do concello de Baiona comezou a ser seleccionado polos estudantes de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional durante os recreos, distinguindo entre plásticos e outros materiais.

(Selección do lixo polo alumnado de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional)

 

Con este material, os Departamentos de Debuxo e Tecnoloxía, implicados tamén na actividade, elaborarán materiais para a Semana da Ciencia.

Recollida de lixo nas praias de Baiona

O alumnado de Ed.Secundaria está a participar nunha actividade de recollida de lixo nas praias do concello máis próximas á escola. O obxectivo desta iniciativa é concienciar sobre a cantidade de residuos que producimos e a necesidade da súa redución, xa que boa parte deles acaban no mar, coas consecuencias negativas que isto ten para a flora, a fauna e a paisaxe. E malia que todos os anos se fan campañas de recollidas de lixo dende as institucións, hai moitos residuos (os microplásticos) que escapan a estas accións, como ben puido comprobar o alumnado de 1º ESO A na súa última saída.

Velaquí unha mostra das saídas realizadas:

(Alumnado de 1º ESO A)

(Alumnado de 1º ESO A na praia da Ribeira)

(Alumnado de 1º ESO C: Lucía S., Raquel, Sara, Cata, Lola, Bruno, David, Uxía, Alejandra, Cris e Aitana.)

(Alumnado de 1º ESO C na praia da Cuncheira facendo a recollida selectiva)

(Alumnado de 4º ESO na praia da Ladeira)

(Alumnado de 4º ESO na praia da Ladeira)

(Mostras do lixo recollido)

Co material recollido, faremos un traballo para a Semana da Ciencia do centro.

Esta actividade encádrase dentro do CPInnova EduSaúde, o Plan Proxecta de Vida Activa e Deportiva e o Plan de Dinamización da Lingua Galega. Participan os Departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, Debuxo, Educación Física, Lingua e Literatura Galega e Tecnoloxía.

11F: Escoitamos ás científicas

Hoxe, 11 de febreiro de 2022, celebrouse o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

No noso centro estanse a desenvolver estes días distintas actividades encadradas nesta conmemoración. Entre elas, e en colaboración co Centro Oceanográfico de Vigo, o alumado de 4º ESO contou, o pasado luns 7 de febreiro coa presenza de Patricia Quintas, Doutora en Ciencias do Mar e actualmente dedicada á divulgación científica no Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente o Instituto Español de Oceanografía.

A charla desta científica de primeiro nivel versou sobre:

“Plásticos no mar, non grazas!”

Patricia falounos da presenza da muller no ámbito da investigación científica, incluso maioritaria nas etapas de formación, pero minoritaria nos altos rangos desta.

Neste contexto xurdiu hai dous anos o Proxecto Oceánicas, que ten como obxectivo divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos (Ángeles Alvariño, entre elas), tratando de xerar vocacións científicas en nenas e nenos, fomentando así o trato igualitario fronte ás desigualdades de xénero desde idades temperás.

Sobre o lixo mariño:

Cada ano case 10 millóns de toneladas de lixo van dar o mar, e deste total de lixo que chega aos océanos, arredor dun 90% son plásticos. O plástico nos ten facilitado a vida, pero temos que reflexionar sobre o abuso que temos feito do envasado. 

O plástico flota, e por iso é arrastrado polas correntes chegando moi lonxe e impactando sobre zonas máis amplas. Os impactos dos plásticos no mar poden ir dende a inxestión directa polos animais (porque os  confunden coas súas presas e os inxiren) ata enredamentos neles, degradación dos hábitats ou a dispersión de especies invasoras que se adhiren á súa superficie.

Os macroplásticos degrádanse por abrasión ou polos raios do sol, converténdose en microplásticos, ou incluso en nanoplásticos (visibles tan só ao microscopio).

Que podemos facer? 1º reducir o seu uso, 2º reutilizalos e 3º reciclalos.

O alumnado participou nun xogo no que Patricia invitoulles a “limpar unha praia” cos ollos pechados e adiviñar de cal dos 10 plásticos de un só uso máis atopados nas praias de Europa se trataba: cabichas, tapóns, envases de comida, bastonciños, botellas, etc.

Tentamos tamén adiviñar canto tempo tardan en degradarse: ata os 1 000 anos os tapóns! Pero a verdade é que non demos unha!

Esta charla estivo encadrada dentro da “Iniciativa 11 de febrero”, unha iniciativa a nivel nacional que, con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, promove actividades nos centros educativos que axuden a visibilizar o traballo das científicas, a crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, e que promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico-tecnolóxico.

11F: Escoitamos ás científicas

Hoxe, 11 de febreiro de 2022, celebrouse o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

No noso centro estanse a desenvolver estes días distintas actividades encadradas nesta conmemoración. Entre elas, e en colaboración coa Unidade de Cultura Científica e Innovación da Universidade de Vigo, o alumado de 3º ESO contou, o pasado mércores 2 de febreiro, coa presenza de Elsa Vázquez, catedrática de Zooloxía e investigadora do grupo de Ecoloxía e Zooloxía da Universidade de Vigo. A charla desta científica de primeiro nivel versou sobre:

“Efecto do cambio global no marisqueo a pé e a perspectiva de xénero”

Elsa Vázquez é unha das 5 catedráticas de Zooloxía que existen en España, fronte a 73 homes catedráticos. Por iso, quixo invitar ás nenas que a escoitaban a seguir a súa vocación científica ou técnica, se ese é o seu desexo, non deixándose presionar pola inercia da sociedade, que as sitúa noutro tipo de profesións, e animándoas a que se sintan tan preparadas e válidas coma calquera home.

Elsa explicounos a investigación que desenvolve xunto co seu equipo da UVigo no campo do marisqueo a pé e a repercusión que teñen as consecuencias do cambio climático neste sector, maioritariamente formado por mulleres.

Efectos do cambio global coma as ondas de calor ou as precipitacións torrenciais xeran danos nos ecosistemas onde viven os moluscos de maior interese marisqueiro.

Estas precipitacións torrenciais provocan un exceso de auga doce nas zonas de marisqueo e, polo tanto, un descenso da salinidade, chegando a producir mortalidades masivas das especies de marisqueo autóctonas, como as ameixas fina e babosa ou o berberecho.

O dano non é só ecolóxico, senón tamén económico, xa que este importante sector para Galicia produce uns 45 millóns de euros ao ano, polo que, o cambio global produce grandes perdas económicas e un aumento do desemprego neste colectivo feminino.

Elsa contounos como ela e o seu equipo levan a cabo os estudos de crecemento e mortalidade destas especies nos propios bancos de marisqueo nas rías galegas, verificando este efecto negativo local debido a un fenómeno global como é o cambio climático.

Esta charla encadrouse dentro da Iniciativa 11 de febrero, unha iniciativa a nivel nacional que, con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, promove actividades actividades nos centros educativos que axuden a visibilizar o traballo das científicas, a crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, e que promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico-tecnolóxico.

Recollida de datos na estación meteorolóxica da escola

O alumnado de 1º ESO comezou a rexistrar os datos da estación meteorolóxica que temos na escola (temperatura máxima  e mínima e precipitacións). Ditos datos poden ser consultados na páxina web de meteogalicia.

 

Alumnado de 1º ESO A

Día mundial da loita contra a SIDA

O pasado 1 de decembro celebrouse o Día Mundial da Loita contra a SIDA. Esta enfermidade producida polo Virus da Inmunodeficiencia Humana (VIH), foi descuberta nos anos 80. Malia ser unha enfermidade de sobra coñecida e ter ben estudados os mecanismos de transmisión, a día de hoxe síguense producindo numerosos contaxios na nosa contorna. É por iso polo que dende o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía nos parece moi importante achegar información sobre esta enfermidade, co obxectivo de previr a enfermidade.

Este ano, as actuacións da conmemoracións incluíron ao alumnado de 3º e 4º da ESO, das materias de Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional e Valores Éticos. Ademais de repartir o lazo vermello característico da loita contra esta enfermidade, tamén visionaron o programa Eso no se pregunta: VIH e responderon unha serie de cuestións. Para darlle maior profundidade aos contidos, elaboraron unha enquisa sobre a SIDA para realizar entre familiares e amigos.

Alumnado de 4ºESO de Ciencias Aplicadas

Alumnado de 4ºESO de Bioloxía e Xeoloxía

Alumnado de 3º ESO A

Alumnado de 3º ESO B (durante a merenda)

Visita aos museos científicos da Coruña

VISITA AOS MUSEOS CIENTÍFICOS DA CORUÑA (3º E 4º ESO)

Alá polo mes de novembro do ano pasado... os cursos de 3º e 4º da ESO tiveron ocasión de visitar dous dos Museos Científicos da cidade de A Coruña: O Muncyt (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía) e a Domus (Casa do home).

O xoves 18 foi a quenda de 3º ESO. Fomos primeiro ás instalacións do Muncyt, onde a rapazada participou nun obradoiro sobre electricidade. Por equipos, completaron diferentes circuítos eléctricos: para accionar alarmas e incluso guerras espaciais, entre outros.

      

O venres 19 o alumnado de 4º ESO foi o cine! O obradoiro dese día, chamado “And the winner is...” consistía en adiviñar cales eran os erros científicos de diferentes películas famosas. Non se lles escapou case ningún!

  

Logo, ambos grupos percorreron o museo nunha visita guiada na que contamos cuns guías moi didácticos que nos ían explicando as cousas máis curiosas. A máis chamativa foi a cabina do Boeing 747 Jumbo “Lope de Vega”. Este avión levo na súa adega desde Nova York a Madrid nada menos que o “Guernica” de Picasso. Puidemos vela e ata entrar nela. E e houbo ata quen xa se viu pilotándoo!

        

Vimos tamén moitos obxectos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, como electrodomésticos, vehículos, xoguetes, ferramentas de industrias ou laboratorios que axudan a definir o progreso tecnolóxico durante o século XX. Entre eles o primeiro computador que chegou a España –un IBM 650 adquirido por RENFE en 1959, ou o primeiro acelerador de partículas para o estudo de reaccións nucleares. Tamén a lanterna que no século XIX utilizou a Torre de Hércules, o faro máis antigo en funcionamento do mundo, declarado Patrimonio da Humanidade e emblema da cidade.

             

Logo da visita comemos e marchamos dando un paseo ata á Domus. Tivemos moita sorte, foron dous días estupendos!

  

3º ESO xunto a Praia de Riazor            4º ESO no paseo entre os dous museos

E xa na Domus, cada grupo interesouse polos numerosos obxectos e actividades interactivas que ofrece este museo: moito ADN!, microscopios electrónicos... e moitos xogos interactivos!

                              

 Despois, un tentempé... e de volta a casa!

Visita ao Esteiro da Foz

O 4 e 5 de novembro, o alumnado de 1º da ESO visitou, en colaboración co Departamento de Educación Física, o Esteiro da Foz e a praia da Ladeira para observar as aves que nos visitan na súa migración invernal. Esta viaxe, tan longa, ten que ser feita con paradas estratéxicas que lles permitan ás aves recuperar as enerxías perdidas. E por sorte para nós, un dos lugares escollidos é o Esteiro da Foz.

Alumnado de 1º ESO C

Alumnado de 1º ESO C

Deste xeito, puidemos observar, e debuxar, biluricos, mazaricos, gavitas ou garzotas brancas. Todo coas explicacións do ornitólogo Manuel.

Mazarico real

Mazarico real

 

Garzota branca

XEORUTA POR MONTEFERRO

Bos días:

Os días 28 e 29 de Outubro o alumnado de 3º e 4º da ESO realizou unha ruta xeolóxica pola península de Monteferro. A actividade, foi organizada polo departamento de Bioloxía e Xeoloxía na que tamén colaborou o departamento de Educación Física. Agradecemos a presenza do profesorado doutras materias que nos acompañou durante eses días.

Francisco Canosa, o xeólogo que colabora co Concello de Nigrán, fixo de detective buscando probas do pasado remoto deste espazo. Cunha charla amena e chea de paixón, deunos conta das pistas dos grandes movementos de rochas que debuxan a paisaxe ao longo de millóns de anos.

Esta actividade tamén forma parte doutras iniciativas do noso centro: o Proxecto de Vida Activa  e Deportiva e EduSaúde.

 

4º ESO A. O CLIMA E A VIDA.

O alumnado de 4º ESO A, dentro do plan proxecta Meteoescolas, levou a cabo unha serie de traballos en equipo sobre distintos aspectos relacionados co clima que forman parte do currículo da materia de Bioloxía e Xeoloxía para este curso.

O produto final destes traballos foron as presentacións dixitais e exposicións perante os compañeiros dos seus traballos.

A continuación, unhas imaxes das presentacións dixitais elaboradas por cada equipo, e das súas exposicións:

O equipo "Os secos", composto por Sandra Losada, Santiago Miniño e Lara Taboada, faláronnos sobre as secas, diferenciando entre os dous procesos, da desertización e o da desertificación, que adoitan confundirse. O primeiro débese a causas naturais, mentres que o segundo débese á acción humana. Este aspecto do clima garda unha estreita relación co quecemento global, sendo unha consecuencia deste, e un factor importante do cambio climático que estamos a experimentar.

Presentación sobre AS SECAS. DESERTIZACIÓN E DESERTIFICACIÓN e un momento da exposición de Lara, Santi e Sandra.

O equipo formado por Carmen Bouzas, Carmen María Poza, Inés Rey e Valentina Seijo fixéronnos reflexionar sobre a idea dun clima sempre cambiante ao longo de toda a historia do noso planeta, xa que afondaron nos cambios que teñen ocorrido no clima durante o pasado da Terra, e que non sempre foron inocuos para moitas especies.

Desta maneira, faise máis evidente a posibilidade de que o cambio climático que estamos vivindo poda chegar a causar grandes extincións de especies

.

Presentación O CLIMA NO PASADO, CAMBIOS CLIMÁTICOS NA HISTORIA DA TERRA e momentos da exposición de Valentina, Carmen B, Inés e Carmen Mª.

O equipo de Ana Cabreira, Luna Büchler, Andrea Fontao e Cloe Vizoso relatounos como, neste momento da historia do noso planeta, a situación dos distintos territorios continentais respecto do Ecuador ou as correntes mariñas, entre outros factores, condicionan as características climáticas de grandes zonas, e das especies que nelas habitan. Son os chamados Biomas, os grandes ecosistemas da Terra: deserto frío, tundra, taiga, bosque caducifolio, bosque tropical ou deserto cálido.

Presentación sobre OS GRANDES ECOSISTEMAS DA TERRA: OS BIOMAS e un momento da exposición de Luna, Ana, Andrea e Cloe.

Por último, o Team M, composto por Mariña Barreiro, Carmen García, Emilio Rodríguez e Marta Leyenda, desenvolveron a súa presentación e exposición sobre O Quecemento global e o Cambio climático. Explicáronnos que o quecemento global é o aumento da temperatura da Terra, que se reflicte nos océanos e na atmosfera, causado, principalmente, pola emisión de gases de efecto invernadoiro liberados nas actividades humanas. Mentres que o cambio climático é a variación do estado do clima, atribuído directa ou indirectamente á actividade humana, causado principalmente polo quecemento global, e que ten como consecuencia o derretemento dos polos e a subida do nivel do mar ou fenómenos meteorolóxicos extremos (furacáns, inundacións, incendios ou secas, entre outros efectos negativos.  

Presentación  O QUECEMENTO GLOBAL E O CAMBIO CLIMÁTICO e momento da exposición de Marta, Mariña e Carmen (Emilio ausente).

 

Recollendo datos...

 

... da estación meteorolóxica da escola. Seguindo as medidas que nos indica o protocolo covid, e en pequeno grupo, o alumnado de 1º da ESO está recollendo unha serie de datos da estación meteorolóxica que temos no centro (temperatura máxima e mínima e precipitación).

 

Segundo a observación feita ata o de agora, semella que estamos tendo unha precipitacións abundantes. Teremos que facer unha análise estatística para confirmar esa sospeita.

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031