Skip to Content

Blog da biblioteca

Á caza da gralla

Un ano máis convocamos o Concurso de Ortografía Á caza da gralla. Solicitamos a axuda da comunidade educativa para detectar erros de ortografía na nosa contorna. Só é necesario fotografar a falta e corrixila na ficha que se achega, co nome da persoa participante e curso.

Cada participante poderá deixar en conserxería dúas faltas de ortografía ata o 15 de maio para entrar no sorteo dun E-Book que se celebrará o 16 de maio.

Boa e proveitosa caza!

 
 

Noite na Biblio!

O 30 de abril celebramos a I Noite na Biblio, cunha acollida excepcional entre o voluntariado e os membros do club de lectura de 4º ESO. Falamos sobre a obra de teatro de Manuel Núñez Singala, O achado do castro, unha obra chea de humor que nos sitúa na Roma Imperial, con personaxes cómicos, unha historia de amor, traizóns... O filme foi gravado polo alumnado de Oratoria do curso 2022/2023, cun gran esforzo por parte do seu profesor, Antonio Rey.

 

Na xuntanza contamos coa presenza de boa parte dos actores e actrices, que falaron sobre os mellores momentos e as dificultades atopadas durante a gravación, como a falta dalgúns actores á hora de gravas escenas. Isto obrigounos a ser moi creativos para sacar adiante un filme que dura case unha hora.

O grupo amosou o seu cariño a Saray Barros, alumna que participou no filme e que nos deixou este curso. 

 

Logo da proxección, ceamos xuntos para seguir cohesionando o grupo, xa que eses espazos de lecer compartidos permiten establecer vínculos difíciles de crear nas dinámicas ordinarias de aula.

Esta actividade serviunos para, ademais de traballar o libro, crear un espazo de convivencia excepcional para alumnado de 1º a 4º da ESO. A biblioteca, a película e uns flocos de millos foron suficientes para conseguir esa atmosfera máxica. De agasallo, os asistentes levaron un marcapáxinas conmemorativo que agardamos conserven con agarimo.

Esperamos poder repetir a experiencia no futuro!

Encontro literario con Anxo Fariña

O 30 de abril visitounos Anxo Fariña par conversar co alumnado de 1º da ESO sobre os Megatoxos, colección que escribiu e ilustrou el mesmo.

Falounos sobre o proceso da escrita e sobre como facer debuxos a partir de elementos sinxelos, como as letras. Desta maneira, a rapazada foi quen de realizar debuxos tal e como fai o mesmo Anxo Fariña!

Esta actividade foi financiada polo Ministerio de Cultura a través do Proxecto Encontros Literarios.

Familias contacontos

Con motivo do Día do Libro, dende a Biblioteca do Centro convidamos ás familias a facer de contacontos nas aulas dos seus fillos e fillas. Como cada ano, é un pracer contar con estas colaboracións, que este ano permitiron que o alumnado de Ed. Infantil e primeiro Ciclo de Ed. Primaria tiveran unha actividade especial. 

En 1º Primaria, a nai escolleu Pepita es diferente. Trouxo, ademais, material que lle permitiu á rapazada mergullarse na historia. Quedaron fascinados!

Terceira lectura compartida

Con motivo do Día do Libro, que se celebra como cada ano o 23 de abril, o noso centro celebrou a terceira lectura compartida do curso. Padriños e madriñas foron os encargados de seleccionar unha lectura para os seus afillados e afilladas. 

Encontro con Anxo Fariña

Anxo Fariña visitará o noso centro o 30 de abril para falar sobre os seus libros dos Megatoxos. 

De seguro que o alumnado de 1º ESO aprenderá moito da sesión!

Esta actividade está financiada polo Ministerio de Cultura, a través do Proxecto Encontros Literarios. 

 

Reto Lector Intercentros

Co obxectivo de fomentar a convivencia e a lectura, celébrase este reto intercentros entre o CPI de Cova Terreña (Baiona), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) e CPI Arquitecto Antonio Palacios (Nigrán).

 

Posto que o lema das Bibliotecas Escolares do curso 23/24 é Unha Biblioteca Escolar en viñetas, o concurso centrarase en dúas coleccións de cómic clásico presentes nos fondos bibliográficos dos centros:

  • Astérix

  • Mortadelo e Filemón

Neste reto lector, grupos de alumnado realizarán a lectura destes cómics de xeito voluntario e autónomo para finalmente presentarse a un cuestionario en liña sobre eses cómics.

As bases están dispoñibles aquí

Que conto contamos?

O 9 de abril recibimos na Biblioteca do centro a Paula Carballeira para desfrutar en familia dun taller sobre contos: Que conto contamos? Con esta formación, incluída no Programa Lectura e Familias, dámoslle continuidade ás actividades iniciadas o curso pasado. 

Ademais de pasar unha tarde chea de risas e diversión, aprendemos diferentes trucos para ter éxito como contacontos: preparar o corpo para escoitar, escoller un lugar axeitado, incluír algunha canción ou repetir as accións tres veces foron algún deles. Os cambios de entonación e facer partícipes aos oíntes son outras claves para que o conto chegue ao público. 

 

A biblioteca en Observa_Acción

O pasado 1 de marzo o centro contou coa presenza de docentes do CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco, e do CPI Arquitecto Antonio Palacios, de Nigrán, dentro do Programa Observa_Acción.

Ademais de coñecer o Concello, os visitantes puideron achegarse a grandes trazos ao funcionamento do centro, facendo fincapé en tres proxectos en concreto. Un deles é a Biblioteca do centro. Demos a coñecer diferentes dinámicas de animación á lectura que estamos a levar a cabo, como a Cita a cegas, ou a lectura compartida. Tamén intercambiamos información sobre a visita de autores e autoras, así como as diferentes axudas e subvencións dispoñibles.

A raíz deste encontro, xurdiu unha colaboración a curto prazo na realización dun Reto Lector Intercentros, baseado no cómic (lema das Bibliotecas Escolares deste curso). Amais diso, celebraremos unha lectura compartida conxunta con motivo do Día do Libro.

Que conto contamos?

A escritora e actriz Paula Carballeira realizará un taller dentro do Programa Lectura e Familias o vindeiro 9 de abril, ás 16h30. No taller "Que conto contamos?" daranos as claves para unha boa escolla.

As prazas están limitadas, polo que as familias interesadas (persoa adulta responsable e alumnado e 1º a 4º Ed. Primaria) terán que anotarse no seguinte formulario.

Darase acceso ao obradoiro por rigorosa orde de inscrición tendo prioridade as familias de 1º a 4º Ed.Primaria. As persoas admitidas recibirán un SMS de confirmación.

Visita de Titimoki

O pasado 27 de febreiro, a ilustradora Titimoki visitou ao alumnado do 1º ciclo de Ed. Primaria para falar do seu libro Pomodoro. Esta actividade foi posible grazas ao Proxecto Faro da Escola.

Antes da visita, o alumnado realizou unha lectura comprensiva e elaborou diferentes traballos de ilustración inspirados na obra de Titimoki.

O propio día, as rapaces de rapaces convertéronse en periodistas. Escoitaron con atención e preguntaron sobre gustos, froita favorita, como é o traballo de edición dun libro, cal será a próxima aventura, ... de todo!

Despois diso, aínda tivo tempo de asinar os libros da biblioteca.

Biblioteca Creativa

A creatividade pálpase no aire coa chegada da primavera! Boa mostra diso é o alumnado que acode estes días de máis relaxación para traballar cos libros de manualidades. Todos eles están dispoñibles para ser collidos en préstamo.

Non colle unha palla!

O final da segunda avaliación foron xornadas de gran afluencia en Lentiña´s House, que estivo ateigada ata o punto de practicamente non quedar oco para poñer un pé!

Segunda lectura compartida

O 21 de febreiro celebrouse a segunda lectura compartida. Esta actividade, ademais de fomentar a lectura, contribúe a mellorar a convivencia entre o alumnado ao integrar as tres etapas educativas do centro: Infantil, Primaria e Secundaria. Nesta ocasión, os afillados e afilladas foron os responsables de levar a lectura, escollendo unha do seu gusto.

Visita de Anxo Iglesias

O pasado 19 de febreiro, da man do Proxecto Faro da Escola, o alumnado de 5º B de Ed. Primaria do noso centro recibiu a visita de Anxo Iglesias. 

Amante dos amorodos, dos bambáns e dos caracois, Anxo Iglesias é profesor de Educación Física no IES Auga da Laxe de Gondomar. Membro fundador da asociación Espazo Lectura, coordinou desde 2008 ata 2015 o Club de Lectura Compartida Lendo Contigo. Ademais, é un dos integrantes do grupo de música infantil A Banda dos Cueiros e xogador retirado de pimpón. Unha nova dimensión, Premio Merlín de Literatura Infantil 2022, é a súa primeira obra publicada.

O alumnado compartiu as súas impresións sobre a obra Unha nova dimensión, na que atopamos diferentes creacións  como  pode ser a canción de roda, poema xeométrico, xitanxáfora, trabalinguas, fonemoramas, adiviñas, lipogramas, pictopoemas, etc

 

 

Con xogos, compartindo anécdotas do autor  e coas  creacións propias do alumnado pasamos unha xornada interactiva-creativa moi divertida. Ao remate Anxo levou os nosos libros para adicárnolos de xeito personalizado cun caligrama moi especial.

 

Exposición 8M

O 8M conmemórase o Día Internacional da Muller para seguir loitando pola igualdade entre a muller e home. Dende o equipo de biblioteca queremos facer a nosa achega a esta data tan especial cunha exposición de libros que tratan, directa ou indirectamente, sobre a igualdade.

Os libros da exposición poden ser collidos en préstamo por toda a comunidade educativa.

 

Cita a cegas

A mediados de febreiro iniciouse o proxecto Cita a cegas, onde o alumnado de Ed. Secundaria se aventurará nunha lectura a cegas.

Os libros foron escollidos e empaquetados polo equipo de biblioteca para que os e as rapazas escolleran un, guiándose unicamente pola temática (amor adolescente, medo, policíaca, mitoloxía, histórica e ciencia ficción). Unha vez aberto, debían decidir se lle daban unha oportunidade en función da portada e sinopse. 

No mes de abril volverémonos xuntar para falar sobre a escolla, coñecendo así o éxito do emparellamento...

Exposición 11F

Con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra o 11 de febreiro, o equipo da Biblioteca organizou unha exposición con obras escritas por mulleres científicas e sobre mulleres na Ciencia. As lecturas seleccionadas poden ser collidas en préstamo, da mesma maneira que o resto de fondos da biblioteca.

Día da non Violencia e da Paz en Lentiña´s House

O 30 de xaneiro celébrase o Día da Non Violencia e da Paz en homenaxe a Gandhi, considerado o pai do pacifismo. Dende o equipo de biblioteca quixemos facer unha pequena contribución para achegar material bibliográfico relacionado coa temática, cunha exposición de libros ben diversos (tanto nos formatos como nas idades de lectura recomendadas).

 

Ademais, parte do alumnado de Ed. Infantil, Primaria e Secundaria, guiado polas titorías, plasmaron en paxariñas de papel versos de poemas proclamando a paz de diferentes autores, como García Lorca, Alberti, Machado, Manuel María ou Amauta Castro. O resultado está exposto na propia biblioteca para desfrute de toda a comunidade educativa.

Agasallo dende a Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra agasallou á escola cunha escolma de libros sobre a Memoria Histórica que xa forman parte da sección da Biblioteca situada na sala de profesores. Están a disposición de toda a comunidade educativa tras o seu rexistro no Koha polo equipo de Biblioteca.

Distribuir contido


by Dr. Radut