Skip to Content

Blog da biblioteca

Agasallo dende a Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra agasallou á escola cunha escolma de libros sobre a Memoria Histórica que xa forman parte da sección da Biblioteca situada na sala de profesores. Están a disposición de toda a comunidade educativa tras o seu rexistro no Koha polo equipo de Biblioteca.

Exposición de libros sobre Nadal

O Nadal é tempo de ledicia, de desfrute coa familia e ... cos libros! Por iso o equipo de biblioteca organizou unha exposición con libros que falan desta época da ano. Coma sempre, o obxectivo é o fomento da lectura, poñendo a disposición recursos que dean atención ás distintas necesidades educativas. Así mesmo, hai exemplares destinados a todas as etapas educativas, que poden ser collidos en préstamo.

Recomendacións de lectura de Nadal

O equipo de biblioteca preparou unha guía de recomendacións de lecturas para este Nadal, organizada por niveis educativos. O seu obxectivo é achegar diferentes novidades literarias para fomentar a lectura entre a rapazada. Agardamos que a escolla de libros realizada guste tanto a grandes coma a pequenos.

 

Lectura compartida

O alumnado do centro ao completo xuntouse o pasado 23 de novembro para celebrar a primeira lectura compartida do curso. Nela, nenos e nenas de todas as idades se emparellaron para achegarse aos libros escollidos, nesta ocasión, polas madriñas e padriños. A resposta foi, por parte de todos, excepcionalmente positiva.

Contacontos dende as familias: Daniela Pirata

O pasado 23 de novembro, o alumnado de Educación Infantil ao completo puido desfrutar da lectura teatralizada de Daniela Pirata, de Susanna Isern. A actividade, encaixada no Programa Lectura e Familias, foi levada a cabo por Geles, nai dunha das propias alumnas de Infantil. Grazas ao seu talento, á caracterización e ao apoio da pizarra dixital, foi quen de mergullar á rapazada neste fantástico mundo de piratas no cal a igualdade é un piar fundamental. 

 

 

                             

Exposición 25 N

Con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se celebra o 25 de novembro, o equipo da biblioteca organizou unha exposición co material co que dispoñemos: libros para os máis pequenos, novelas contra a violencia, ensaios sobre o feminismo... O espectro é amplo e responde ás inquedanzas que pode ter a comunidade educativa.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Con esta actividade, ademais do fomento da lectura que procuramos sempre, tamén pretendemos contribuír a acadar unha igualdade real, libre de violencias, para legarlle ás vindeiras xeracións unha sociedade mellor.

Visita á Biblioteca Pública Municipal

O alumnado de 1º ESO realizou unha visita á Biblioteca Pública Municipal de Baiona, guiada pola bibliotecaria Cristina. Alí, explicou as orixes do edificio, os cambios realizados e os usos actuais que se lle dan. Fixo especial fincapé dos servizos que poden desfrutar os nosos alumnos e alumnas, para o cal se lle fixo o carné de usuarios/as. Velaquí unha mostra do que foi a visita.

 

         

   

 

O Samaín en Lentiña´s House

A semana do Samaín viviuse de xeito intenso na biblioteca da escola. O voluntariado traballou arreo na organización das distintas actividades.

Para facer máis accesibles as lecturas de medo, montouse unha exposición de libros que podían ser levados en préstamo, con contos de terror, sobre personaxes do Samaín ou con historias máis ou menos pavorosas.

 

A decoración da biblioteca foi elaborada polo voluntariado e por familias que colaboran habitualmente.

Ademais, as e os axudantes da biblioteca leron contos de medos a todo o alumnado de Ed. Infantil e Primaria o venres 27 de outubro, cunha acollida moi positiva.

Uxía González e Mara Ludeña en 3º A de Ed. Primaria.

 

Apertura da biblioteca

A biblioteca da escola xa está totalmente operativa e preparada para acoller aos usuarios e usuarias. 

O alumnado de Ed.Infantil e Primaria ten reservada unha sesión semanal para poder facer préstamos de libros e ler na propia sala. 

A rapazada de Ed.Secundaria ten a biblioteca á súa disposición durante os recreos para estudar, coller libros en préstamo, facer voluntariado, etc.

Para toda a comunidade educativa, a biblioteca abre tamén en horario de tarde (16h a 18h) os martes, mércores e xoves. Pódese consultar o calendario de apertura aquí.

Lentiña, Cova e Terreña agardan por vós!

Mochilas viaxeiras

As Mochilas Viaxeiras abandonan Lentiña´s House para chegar aos fogares de toda a rapazada de Ed. Infantil e Primaria. Nelas, ademais de libros, podemos atopar miniaturas de animais, películas ou mesmo xogos de mesa! Mais o que non falta é o Caderno Viaxeiro no que poder facer unha recensión, deixar a opinión ou mesmo un debuxo do libro que máis gustou.

As mochilas estarán en cada casa unha semana, xa que, tal e como reflexionaban moitos nenos e nenas o curso pasado, necesítase tempo para poder desfrutar de todo o material!

No seguinte vídeo podemos ver unha pequena mostra das achegas da rapazada do curso 22/23:

 

 

Formación de usuarios e usuarias

A biblioteca da escola comezou o curso fomando aos usuarios e usuarias, tanto de Ed. Primaria coma Secundaria. Como están distribuídos os fondos bibliográficos (zona de libro infantil, xuvenil, temáticos ou banda deseñada), a etiquetaxe de cores que organiza os libros segundo a idade, ou como atopar un libro concreto foron os aspectos tratados máis importantes.

Ademais, tamén se fixo o reparto de carnés para poder acceder non só aos préstamos da nosa biblioteca, senón tamén á plataforma E-LBE.2. Nela, temos acceso a recursos dixitais moi variados.

E, para rematar, o alumnado de 1º e 2º da ESO fixo unha xincana por equipos na que tiñan que localizar libros segundo o seu autor, sinatura, etc. Velaquí unha mostra da actividade:

Alumnado de 1º ESO na xincana

Alumnado de 1º ESO na xincana

Alumnado de 2º ESO na xincana

Alumnado de 2º ESO na xincana

Alumnado de 2º ESO na xincana

Alumnado de 2º ESO na xincana

Despedida dos axudantes

Este curso, no que se iniciou o voluntariado da biblioteca, chegou ao seu fin. E como non podía ser doutra maneira, tocou agasallar a todos os que colaboraron nas diferentes actividades propostas: organización de fondos, colaboración na catalogación, exposición do Día das Letras Galegas...

Como non podía ser doutra maneira, despois do éxito dos selos, o regalo consistiu nun selo de autocomposición para que poidan empregalo sempre que queiran.

O ano que vén, comezaremos con máis forzas para incrementar as tarefas e responsabilidades!

Do, re, mi, cantamos porque si!

O último taller de Lectura e Familias correu a cargo Elena Paz. As familias (nais e fillos/as) desfrutaron de diversas actividades musicadas nas cales o obxectivo principal era pasalo ben. Contos, cancións, xogos e aventuras... Todo iso nos propuxo Elena para compartir unha tarde moi especial.

 Nos ficheiros adxuntos temos unha mostra do que esta artista é quen de facer!

Vídeos stop motion creados durante o obradoiro para familias

A natureza dos novidosos Polos Creativos é singular polo enfoque de aprendizaxe conxunta, colaborativa e comunitaria, concebíndose coma un espazo aberto de desenvolvemento das competencias dixitais, científico-tecnolóxicas e artísticas da cidadanía. Deste xeito, un dos obxectivos do proxecto é involucrar ás familias e promover as accións que impliquen a súa participación xunto cos seus fillos e fillas en actividades de formación e de creación.

Dende o CPI de Cova Terreña organizamos un obradoiro de creación de vídeos stop motion no mes de marzo. Nel participaron un total de 12 parellas de familias-alumnado, que se distribuíron en 6 equipos e crearon outros tantos vídeos coa devandita técnica. 

Cada vídeo presenta novidades dos fondos da biblioteca do centro, aproveitando así a oportunidade para dar a coñecer os novos títulos a toda a comunidade e facer fincapé noutro campo de gran importancia para nós: a lectura.

Nos arquivos adxuntos pódense visualizar os produtos finais elaborados por todos os grupos. O proxecto completo consistía en elaborar a película stop motion coa app Stopmotion, gravar un diálogo ou narración coa gravadora nativa da tableta Lenovo, preparar unha portada e despedida con diapositivas, e, finalmente, realizar a montaxe na app InShot. Todos os grupos agás un completaron o 100% do proxecto, e todos puxeron en práctica grandes doses de creatividade e traballo en equipo. 

A experiencia resultou ser moi positiva para todos os participantes, tanto para as familias e alumnado como para o profesorado implicado. Unha maneira diferente de combinar lectura, tecnoloxía, aprendizaxe e cooperación que sen dúbida terá continuidade no futuro!

Voluntariado na biblioteca

O programa piloto de voluntariado da Biblioteca, creado co obxectivo de fomentar a implicación do alumnado nas actividades do día a día da mesma, está a ter unha gran acollida. Dende que comezou a funcionar, os axudantes están xa a colaborar na organización de fondos, selado de libros, reetiquetaxe de exemplares,...

 

 

O curso próximo, o programa collerá peso ao incrementarse as responsabilidades coa decoración da biblioteca en datas sinaladas, a elaboración de cartelería e a organización de concursos e xogos. Desta maneira, a biblioteca gañará peso dentro dos tempos de descanso da escola. Permitirá tamén a formación dun grupo colaborativo que dea resposta a diferentes inquedanzas ao redor da lectura.

Visita de El Hematocrítico

Esta semana visitou ao noso alumnado de 2º Ed. Primaria El Hematocrítico, autor de, entre outros libros, Feliz feroz. O lobiño riquiño.

Contounos por que se chama así (en realidade non se chama El Hematocrítico) e de onde sacou a idea de escribir este libro que tanto nos gustou! Entre os lobos dos contos clásicos (que a pouco que busquemos, podemos atopar media ducia de historias diferentes que teñen ao lobo como o malo da historia) e o coiote do Correcamiños, atopamos ao personaxe principal da nosa historia. O humor, coma en todos os libros de Hemato, é unha constante que nos permitiu desfrutar moitísimo do libro.

Por outra banda, tamén nos contou en primicia que está a piques de sacar novo libro, no que o Lobiño coñece a ... Draculiño! Agardamos con verdadeira intriga saber máis desta historia. 

E, ao final de todo, agasallounos asinando toooodos os nosos libros Risa

Do, re, mi, cantamos porque si!

Dentro do Progama Lectura e Familias, organízase unha sesión de formación a cargo de Elena Paz, música, cantante e creadora, autora de Té, chocolate e café.

 Té, chocolate, café - Sueños del Gatipedro

 

No taller "Do, re, mi, cantamos porque si!" cantaremos e divertirémonos coa música.  O curso realizarase o 15 de xuño, de 16h30 a 18h. Cada neno terá que vir acompañado dunha persoa adulta responsable e as prazas están limitadas! Para inscribirte, cubre o seguinte formulario.

 

Día das Letras Galegas

A biblioteca da escola sumouse ás distintas iniciativas que se levaron a cabo para celebrar o Día das Letra Galegas, dedicado este ano a Francisco Fernández del Riego, Don Paco, mediante unha exposición.

  

Este ilustre persoeiro, nado no concello lucense de Lourenzá, contribuíu a manter a afianzar a cultura galega dende que entrou en contacto coa obra de Rosalía de Castro, Curros e Vicente Risco entre outros. De feito, foi un dos impulsores da celebración da festa que este ano se lle adica. Cabe destacar tamén que foi socio fundador da Editorial Galaxia en Vigo, cidade á que permaneceu vencellado ata a súa morte.

 

Ademais de diferentes obras que falan sobre a vida de Don Paco, coa exposición que celebra as Letras Galegas tamén quixemos recuperar outras figuras homenaxeadas en anos anteriores coa colección dos Bolechas As miñas primeiras letras galegas.

Familias contacontos

Ao abeiro do Programa Lectura e Familias, e con motivo do Día do Libro, as familias viñeron á escola a contar contos á rapazada de Infantil e Primaria. O obxectivo desta actividade foi fomentar a lectura entre o máis pequenos a través da escoita. Ademáis, déuselle un papel protagonista ás familias compartindo tempos e espazos, o cal contribúe á súa integración no día a día na escola.

 

Decoración dunha das sesións de contacontos.

Os libros, de diferentes temáticas, foron escollidos segundo as idades dos oíntes para captar a súa atención, con distintas escenografías que contribuíron a crear un ambiente idóneo.

 

Manu co alumnado de 4º Ed. Infantil

Geles co alumnado de 1º A e B de Ed. Primaria

Ana e Belén co alumnado de 4º A e B de Ed. Primaria

Sonia e Ana co alumnado de 2º Ed. Primaria

 

María co alumnado de 6º Ed.Infantil

 

Grazas ás familias por sumarse a esta iniciativa!

Visita de Sabela Fernández Trelles

Hoxe, 28 de abril, recibimos a visita de Sabela Fernandez Trelles, autora de O ladrón de soños entre outras obras.

Puidemos escoitar de primeira man o seu conto mentres faciamos actividades moi divertidas relacionadas cos nosos soños e pesadelos! As actividades consistiron en que cada alumno e alumna contara os seus soños máis preciados para poder expoñelos na biblioteca e que o resto do centro puidese coñecelos e engadir os seus. E por outra banda, cos pesadelos aprendemos a expresalos e falar sobre eles, meténdoos nun cofre pechado para que non escapen e que así non lles teñamos medo.

Finalmente firmounos os libros e entregámoslle un pequeno agasallo de parte de todo o alumnado. Grazas Sabela!

 

Por Marta Cernadas, titora de 1º B Ed. Primaria

Distribuir contido


by Dr. Radut