Skip to Content

Marzo 2024

Visita de Titimoki

O pasado 27 de febreiro, a ilustradora Titimoki visitou ao alumnado do 1º ciclo de Ed. Primaria para falar do seu libro Pomodoro. Esta actividade foi posible grazas ao Proxecto Faro da Escola.

Antes da visita, o alumnado realizou unha lectura comprensiva e elaborou diferentes traballos de ilustración inspirados na obra de Titimoki.

O propio día, as rapaces de rapaces convertéronse en periodistas. Escoitaron con atención e preguntaron sobre gustos, froita favorita, como é o traballo de edición dun libro, cal será a próxima aventura, ... de todo!

Despois diso, aínda tivo tempo de asinar os libros da biblioteca.

Biblioteca Creativa

A creatividade pálpase no aire coa chegada da primavera! Boa mostra diso é o alumnado que acode estes días de máis relaxación para traballar cos libros de manualidades. Todos eles están dispoñibles para ser collidos en préstamo.

Non colle unha palla!

O final da segunda avaliación foron xornadas de gran afluencia en Lentiña´s House, que estivo ateigada ata o punto de practicamente non quedar oco para poñer un pé!

Segunda lectura compartida

O 21 de febreiro celebrouse a segunda lectura compartida. Esta actividade, ademais de fomentar a lectura, contribúe a mellorar a convivencia entre o alumnado ao integrar as tres etapas educativas do centro: Infantil, Primaria e Secundaria. Nesta ocasión, os afillados e afilladas foron os responsables de levar a lectura, escollendo unha do seu gusto.

Visita de Anxo Iglesias

O pasado 19 de febreiro, da man do Proxecto Faro da Escola, o alumnado de 5º B de Ed. Primaria do noso centro recibiu a visita de Anxo Iglesias. 

Amante dos amorodos, dos bambáns e dos caracois, Anxo Iglesias é profesor de Educación Física no IES Auga da Laxe de Gondomar. Membro fundador da asociación Espazo Lectura, coordinou desde 2008 ata 2015 o Club de Lectura Compartida Lendo Contigo. Ademais, é un dos integrantes do grupo de música infantil A Banda dos Cueiros e xogador retirado de pimpón. Unha nova dimensión, Premio Merlín de Literatura Infantil 2022, é a súa primeira obra publicada.

O alumnado compartiu as súas impresións sobre a obra Unha nova dimensión, na que atopamos diferentes creacións  como  pode ser a canción de roda, poema xeométrico, xitanxáfora, trabalinguas, fonemoramas, adiviñas, lipogramas, pictopoemas, etc

 

 

Con xogos, compartindo anécdotas do autor  e coas  creacións propias do alumnado pasamos unha xornada interactiva-creativa moi divertida. Ao remate Anxo levou os nosos libros para adicárnolos de xeito personalizado cun caligrama moi especial.

 

Exposición 8M

O 8M conmemórase o Día Internacional da Muller para seguir loitando pola igualdade entre a muller e home. Dende o equipo de biblioteca queremos facer a nosa achega a esta data tan especial cunha exposición de libros que tratan, directa ou indirectamente, sobre a igualdade.

Os libros da exposición poden ser collidos en préstamo por toda a comunidade educativa.

 

Cita a cegas

A mediados de febreiro iniciouse o proxecto Cita a cegas, onde o alumnado de Ed. Secundaria se aventurará nunha lectura a cegas.

Os libros foron escollidos e empaquetados polo equipo de biblioteca para que os e as rapazas escolleran un, guiándose unicamente pola temática (amor adolescente, medo, policíaca, mitoloxía, histórica e ciencia ficción). Unha vez aberto, debían decidir se lle daban unha oportunidade en función da portada e sinopse. 

No mes de abril volverémonos xuntar para falar sobre a escolla, coñecendo así o éxito do emparellamento...



by Dr. Radut