Skip to Content

Abril 2024

Familias contacontos

Con motivo do Día do Libro, dende a Biblioteca do Centro convidamos ás familias a facer de contacontos nas aulas dos seus fillos e fillas. Como cada ano, é un pracer contar con estas colaboracións, que este ano permitiron que o alumnado de Ed. Infantil e primeiro Ciclo de Ed. Primaria tiveran unha actividade especial. 

En 1º Primaria, a nai escolleu Pepita es diferente. Trouxo, ademais, material que lle permitiu á rapazada mergullarse na historia. Quedaron fascinados!

Terceira lectura compartida

Con motivo do Día do Libro, que se celebra como cada ano o 23 de abril, o noso centro celebrou a terceira lectura compartida do curso. Padriños e madriñas foron os encargados de seleccionar unha lectura para os seus afillados e afilladas. 

Encontro con Anxo Fariña

Anxo Fariña visitará o noso centro o 30 de abril para falar sobre os seus libros dos Megatoxos. 

De seguro que o alumnado de 1º ESO aprenderá moito da sesión!

Esta actividade está financiada polo Ministerio de Cultura, a través do Proxecto Encontros Literarios. 

 

Á caza da gralla

Un ano máis convocamos o Concurso de Ortografía Á caza da gralla. Solicitamos a axuda da comunidade educativa para detectar erros de ortografía na nosa contorna. Só é necesario fotografar a falta e corrixila na ficha que se achega, co nome da persoa participante e curso.

Cada participante poderá deixar en conserxería dúas faltas de ortografía ata o 15 de maio para entrar no sorteo dun E-Book que se celebrará o 16 de maio.

Boa e proveitosa caza!

 
 

Reto Lector Intercentros

Co obxectivo de fomentar a convivencia e a lectura, celébrase este reto intercentros entre o CPI de Cova Terreña (Baiona), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) e CPI Arquitecto Antonio Palacios (Nigrán).

 

Posto que o lema das Bibliotecas Escolares do curso 23/24 é Unha Biblioteca Escolar en viñetas, o concurso centrarase en dúas coleccións de cómic clásico presentes nos fondos bibliográficos dos centros:

  • Astérix

  • Mortadelo e Filemón

Neste reto lector, grupos de alumnado realizarán a lectura destes cómics de xeito voluntario e autónomo para finalmente presentarse a un cuestionario en liña sobre eses cómics.

As bases están dispoñibles aquí

Que conto contamos?

O 9 de abril recibimos na Biblioteca do centro a Paula Carballeira para desfrutar en familia dun taller sobre contos: Que conto contamos? Con esta formación, incluída no Programa Lectura e Familias, dámoslle continuidade ás actividades iniciadas o curso pasado. 

Ademais de pasar unha tarde chea de risas e diversión, aprendemos diferentes trucos para ter éxito como contacontos: preparar o corpo para escoitar, escoller un lugar axeitado, incluír algunha canción ou repetir as accións tres veces foron algún deles. Os cambios de entonación e facer partícipes aos oíntes son outras claves para que o conto chegue ao público. 

 

A biblioteca en Observa_Acción

O pasado 1 de marzo o centro contou coa presenza de docentes do CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco, e do CPI Arquitecto Antonio Palacios, de Nigrán, dentro do Programa Observa_Acción.

Ademais de coñecer o Concello, os visitantes puideron achegarse a grandes trazos ao funcionamento do centro, facendo fincapé en tres proxectos en concreto. Un deles é a Biblioteca do centro. Demos a coñecer diferentes dinámicas de animación á lectura que estamos a levar a cabo, como a Cita a cegas, ou a lectura compartida. Tamén intercambiamos información sobre a visita de autores e autoras, así como as diferentes axudas e subvencións dispoñibles.

A raíz deste encontro, xurdiu unha colaboración a curto prazo na realización dun Reto Lector Intercentros, baseado no cómic (lema das Bibliotecas Escolares deste curso). Amais diso, celebraremos unha lectura compartida conxunta con motivo do Día do Libro.

Que conto contamos?

A escritora e actriz Paula Carballeira realizará un taller dentro do Programa Lectura e Familias o vindeiro 9 de abril, ás 16h30. No taller "Que conto contamos?" daranos as claves para unha boa escolla.

As prazas están limitadas, polo que as familias interesadas (persoa adulta responsable e alumnado e 1º a 4º Ed. Primaria) terán que anotarse no seguinte formulario.

Darase acceso ao obradoiro por rigorosa orde de inscrición tendo prioridade as familias de 1º a 4º Ed.Primaria. As persoas admitidas recibirán un SMS de confirmación.



by Dr. Radut