Skip to Content

Maio 2024

Visita de Andrea Maceiras

O pasado 8 de maio visitou o centro Andrea Maceiras, autora de Que me pare o corazón se te esquezo, para conversar co alumnado de 3º ESO e do club de lectura de 4º ESO.

Ademais de falar sobre o seu libro, tamén lle contou á rapazada cales son os seus motivos para escribir. No caso desta obra, foi reflectir unha realidade que xa se producía antes das redes sociais. Estas, que atrapan a xente, como as redes mariñeiras ou das arañas, son capaces de atraer ás persoas vulnerables por estar soas ou buscar atención.

Hoxe en día, fixéronse moi comúns nas redes sociais os retos virais. Estes poden ser sociais, solidarios ou perigosos. Unha reflexión que lanzou Andrea a este respecto, ademais de valorar a temeridade na adolescencia, foi que as redes sociais, malia o seu nome, te acaban desvinculando do teu entorno.

Tras esta charla, o alumnado tivo ocasión de facerlle preguntas ben interesantes á autora, que aparecen aquí transcritas:

- Canto tempo tardas en escribir un libro? Meses. Dende que empezo a escribir, corrixir, presentar a premios e / ou editoriais, publicar,... poden pasar ata dous anos. Hai que ter paciencia.

- Por que escribes? Teño unha irmá pequena á que lle escribía contos nos que ela era a protagonista, por iso lle gustaban.

- En que idioma escribes? En galego. Ás veces traduzo ao castelán se os premios aos que me presento son nesa lingua. Mais despois publícoos tamén en galego.

- Para cando o próximo libro? Na época na que promociono libros non escribo. Só penso idea. No verán e no outono é cando fago novelas. Agora teño algunha idea dando voltas.

- Cal é o teu libro preferido? Cada un é especial por diferentes motivos, non podería escoller un.

 

 

Noite na Biblio!

O 30 de abril celebramos a I Noite na Biblio, cunha acollida excepcional entre o voluntariado e os membros do club de lectura de 4º ESO. Falamos sobre a obra de teatro de Manuel Núñez Singala, O achado do castro, unha obra chea de humor que nos sitúa na Roma Imperial, con personaxes cómicos, unha historia de amor, traizóns... O filme foi gravado polo alumnado de Oratoria do curso 2022/2023, cun gran esforzo por parte do seu profesor, Antonio Rey.

 

Na xuntanza contamos coa presenza de boa parte dos actores e actrices, que falaron sobre os mellores momentos e as dificultades atopadas durante a gravación, como a falta dalgúns actores á hora de gravas escenas. Isto obrigounos a ser moi creativos para sacar adiante un filme que dura case unha hora.

O grupo amosou o seu cariño a Saray Barros, alumna que participou no filme e que nos deixou este curso. 

 

Logo da proxección, ceamos xuntos para seguir cohesionando o grupo, xa que eses espazos de lecer compartidos permiten establecer vínculos difíciles de crear nas dinámicas ordinarias de aula.

Esta actividade serviunos para, ademais de traballar o libro, crear un espazo de convivencia excepcional para alumnado de 1º a 4º da ESO. A biblioteca, a película e uns flocos de millos foron suficientes para conseguir esa atmosfera máxica. De agasallo, os asistentes levaron un marcapáxinas conmemorativo que agardamos conserven con agarimo.

Esperamos poder repetir a experiencia no futuro!

Encontro literario con Anxo Fariña

O 30 de abril visitounos Anxo Fariña par conversar co alumnado de 1º da ESO sobre os Megatoxos, colección que escribiu e ilustrou el mesmo.

Falounos sobre o proceso da escrita e sobre como facer debuxos a partir de elementos sinxelos, como as letras. Desta maneira, a rapazada foi quen de realizar debuxos tal e como fai o mesmo Anxo Fariña!

Esta actividade foi financiada polo Ministerio de Cultura a través do Proxecto Encontros Literarios.



by Dr. Radut