Quérote+

Coordinador: Luis Fernández

Que sabemos do virus do papiloma humano?

O alumnado de 3º e 4º de ESO ten participado esta semana nunha investigación epidemiolóxica sobre o Virus do Papiloma Humano (VPH) que está a desenvolver un equipo do SERGAS desde o Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras. O obxectivo do traballo é comprobar o que os mozos e mozas de Galicia, de 12 a 16 anos, coñecen deste microorganismo e a patoloxía que desencadea, para logo comprobar o efecto que ten unha conferencia de 15 minutos nas ideas que teñen mudado e a súa opción por vacinarse.

O mércores 7 de febreiro de 2024, no salón de actos do CPI Cova Terreña de Baiona, o médico xefe de sección de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital de Valdeorras, Sergio González Palanca, realizou as enquisas e tamén respondeu a diferentes inquedanzas do alumnado, como as posibilidades de que unha nai contaxiada polo VPH transmita a viriase ao fillo ou filla, ou desde cando se sabe que este virus está detrás de determinados tipos de cancro.

Houbo tempo para que o alumnado e o xinecólogo intercambiasen opinións sobre a vacinación, se amosase a indiscutible evidencia científica da necesidade de vacinarse e que o dereito a protección da saúde dos adolescentes mediante a vacinación é persoal, e non debe ser impedido polas familias. As noticias falsas sobre a vacinación contra o papiloma tamén foi obxecto de análise polo doutor González Palanca.   

O estudo conta coa autorización do comité de ética da Consellería de Sanidade e pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, así como dos responsables do alumnado participante e a dirección do centro.  

Aparte da importancia de que o centro educativo estea a contribuír coa investigación dunha institución pública sanitaria, a actividade é sinérxica coa educación afectivo- sexual que o CPI Cova Terreña desenvolve, de acordo coa Lei Orgánica de Educación, e que se percibe como un elemento central na educación integral das persoas. O alumnado participa desde vai anos no Plan Proxecta “ Quérote +” en 3º de ESO co mesmo propósito, xunto ao desenvolvemento do currículo de materias como Bioloxía e Xeoloxía que teñen os contidos de sexualidade como parte da súa programación didáctica. 

Últimas fichas do Quérote+

Ficha 8. Hoxe damos a clase nós.

Primeiramente consultouse a todo o alumnado de 3º ESO sobre que actividade querían desenvolver cos seus compañeiros e compañeiras de 2º ESO na última sesión. A decisión sobre desenvolver as situacións teatralizadas que fixeran na ficha 6 cultivando habilidades foi unánime.

Nunha sesión con cada grupo (3º A, B e C) fíxose un traballo cooperativo de elaboración dos guións a representar diante do alumnado de 2º ESO. Houbo unha última sesión de ensaio xeral o venres 16 de xuño. Nesta fíxose un reaxuste dos equipos e dos guións para adaptalos á falta do alumnado que participa no coro do centro e que non estaría presente nesta última sesión.

Esta tivo lugar o luns 19 de xuño nas sesións da tarde.

O alumnado de 3º representou diferentes situacións de presión social (incitación ao consumo de drogas e á prácticas eróticas non desexadas entre outras) e as posibles respostas da persoa que se sinte presionada a ter condutas non desexadas. Neste sentido, invitaron á participación dos alumnos e alumnas de 2º ESO nun debate sobre estas posibles respostas ante a presión. Pero tamén se fixo unha reflexión sobre que todos e todas podemos ser tamén os que presionan, polo que é importante como pensar como evitar ter comportamentos que poden desembocar en situacións incómodas para compañeiras e compañeiros aínda que non sexamos conscientes delo.

 

O resultado foi un intercambio de posturas e reflexións entre todos e todas que cualificaron como moi aberto e sincero. As profesoras a cargo desta actividade deixámolos debater en privado durante un tempo, e como remate extraemos entre todos e todas as conlusións.

Últimas fichas do Quérote+

Ficha 6. CULTIVANDO HABILIDADES.

Durante a 1ª semana de maio Ana Belén García, profesora de inglés, desenvolveu a ficha 6 Cultivando habilidades en 3º ESO A e B, e María Zapatero o fixo en 3º C.

O alumnado preparou en equipo guións de distintas situacións de presión social e de parella nas que unha persoa sentíase incitada a ter condutas que non quería, e como estas situacións están a orde do día no centro, no seu tempo de lecer coas amizades e tamén nas redes sociais.

Fíxose unha posta en común para debater sobre as distintas propostas e finalmente representáronse catro delas. Tras a representación o debate discorreu sobre cal tería sido a mellor resposta por parte da persoa “presionada” e tamén houbo unha reflexión acerca de como evitar actitudes que poden causar dor a persoas ás que queremos.

Últimas fichas do Quérote+

FICHA 4. O MODELO DE AMOR ROMÁNTICO

A finais de marzo e principios de abril Emilio Cambeiro, profesor de Lingua e Literatura galega, desenvolveu nos tres grupos de 3º ESO a ficha 4 sobre o modelo de amor romántico:

Realizamos un total de seis sesións, dúas por cada un dos tres grupos do alumnado de 3º da ESO. As sesións consistiron en facer unha achega aos primeiros indicios de amor tóxico e as microviolencias iniciais das relacións.

Na primeira das sesións separamos ao alumnado en grupos, onde debateron sobre diferentes tópicos, ideas e refráns que existen na sociedade e sobre a súa veracidade. Sempre relacionados coas relacións sentimentais ou os diferentes roles de xéneros.

Tamén nesta sesión separaron en dous grupos, feminino e masculino, diferentes adxectivos, cualidades ou sentimentos, sempre e cando pensaran que eran máis típicos dun ou doutro xénero.
Na segunda das sesións visionamos uns vídeos onde se recoñecían os primeiros indicios de violencia nas relacións sentimentais, para logo debater sobre eles. Á súa vez tamén traballamos sobre as tarefas da primeira sesión, onde os adxectivos, cualidades e sentimentos que na xornada anterior separaron en xéneros, agora tiñas que aplicalos a eles mesmos, e así puideron ver como sentimentos, adxectivos ou cualidades que aplicaban sen problema a outro xénero, cando o personificaban en eles mesmos non tiñan problema en admitilos coma propios.

Aconcepción e concepción

Na ficha sobre "Aconcepción e concepción", fixemos unha chuvia de ideas sobre as prácticas sexuais que desencadean en embarazo e as que non o fan. Entre uns e outros, fixeron unha listaxe que vai máis alá do que se considera tradicional.

 

Iso si, continuamos falando dos métodos anticonceptivos, facendo especial fincapé naqueles que permiten previr o contaxio de enfermidades de transmisión sexual.

Quérote+, "As relacións a través das tecnoloxías"

O xoves, 23 de marzo, os profesores María José Torres e Rubén Nogueira implementaron nos tres cursos de 3o ESO a ficha número 5, “A relación dos sexos a través da tecnoloxía”. Buscando que o noso alumnado, “nativo dixital”, reflexionase sobre o uso responsable da tecnoloxía nas relacións interpersoais propiciouse un debate que partía do cuestionario proposto na ficha e que se estendeu durante o visionado de dous recursos audiovisuais. Neste punto facilitóuselle un documento que, baixo o título de “Netiqueta”, recollía as principais normas de conduta socialmente aceptadas en Internet. Léndoas xurdiron dúbidas, reflexións e experiencias propias e alleas que se compartiron publicamente ou que foron, polo seu desexo, recollidas de modo anónimo para ser resoltas nunha última sesión do Programa Quérote+.

 

     

QUÉROTE MÁIS 2022/2023

Durante o primeiro trimestre deste curso arrincamos de novo (e xa por cuarto ano consecutivo) co Plan Proxecta Quérote máis nos tres grupos de 3º da ESO.

Comezamos a última semana de outubro presentando o programa Quérote+ ao alumnado na ficha nº 1, para o que visitamos a súa páxina web, vendo os recursos que o programa pon á súa disposición de maneira totalmente gratuita: información e asesoramento sobre sexualidade, ITS, anticoncepción ou convivencia, test de embarazo e probas de VIH ou dispensación de preservativos.

Realizáronse preguntas anónimas e entre todas e todos escolleron unha delas para enviala a modo de proba no apartado da páxina “resposta a túa dúbida”. No primeiro caso obtivemos unha resposta moi rápida e completa por parte dos profesionais do Quérote+, e no segundo non sabemos, porque se perdeu o código (cousas que pasan…).

 

A ficha nº 2 do programa titulada Educación sexual desenvolveuna o profe de Música David Piñeiro co alumnado dos distintos grupos durante a última semana de novembro.

As alumnas e alumnos fixeron neste caso un total de 75 preguntas que se clasificaron nos seguintes apartados:

- ETS: 14 preguntas.

- Anatomía e fisioloxía dos órganos sexuais: 8 preguntas.

- Prácticas sexuais, “A primeira vez”: 10 preguntas.

- Prácticas: 13 preguntas.

- Métodos anticonceptivos: 17 preguntas.

- Educación sexual: 12 preguntas.

O equipo de docentes participantes no programa acordou na súa reunión inicial ampliar o programa nunha 9ª sesión para poder responder ás cuestións que non sexa posible responder ao longo das seguintes fichas.

 

Na ficha 3, desenvolta durante a última semana de decembro por Asunción Prieto en 3º A e B, e María Zapatero en 3º C (ambas profes de Bioloxía e Xeoloxía), debatemos co alumnado sobre A orientación do desexo e a identidade sexual, temática moi ben recibida e que é incluso requerida por os e as adolescentes.

Falamos dos conceptos básicos comentando as bases científicas das fases de sexuación no ser humano coa axuda dun guión e dunha presentación interactiva, e resolvendo dúbidas respecto do significado dos termos que reflexan a ampla diversidade, tanto de sexualidade e identidade de xénero como constructo psicobiosocial como da orientación sexual. Reflexionamos sobre o sentido e o bo ou mal uso das etiquetas, para o que visualizamos fragmentos de vídeos con protagonistas adolescentes, divulgadores e activistas que nos amosaron a súa realidade respecto ás orientacións sexuais e identidades de xénero. 

Durante toda a sesión os estudantes mostraron respecto e satisfacción por coñecer máis sobre a diversidade da sexualidade humana.

FICHA 8. HOXE DAMOS A CLASE NÓS

Para esta última sesión, cuxo obxectivo é que o alumnado de 3º da ESO comparta co de 2º da ESO algunha das aprendizaxes acadadas ao longo deste curso, escollemos a ficha 6 “cultivando habilidades” na que se representan situacións de presión de grupo ou de parella, e as respostas da persoa que se sinte presionada.

A levaron a cabo o último día de clase, o 21 de xuño, no salón de actos. A 3º ESO A tocoulle "actuar" fronte a 2º ESO A e B e a 3º ESO B  fronte a 2º ESO C.

Unha vez representadas as distintas situacións, os actores e actrices e os demais compañeiros e compañeiras invitaron ao alumnado de 2º da ESO a participar debatendo sobre cal sería a súa resposta se se visen nalgúns deses casos e cal sería a mellor maneira de resistir e responder dunha maneira asertiva. Como había algo de reticencia a participar o profesorado saíu da sala durantes os últimos minutos para que puideran expresarse sen inhibicións “a porta pechada”.

 

María e Gloria rexeitando "a oferta" de David.

 

Sergio non quere tatuarse o nome de Santiago.

 

Gael non quere facelo porque todos o fagan, pero Kevin insiste.

 

Xoana cóntalle a Carla que o seu mozo non lle quere enviar "fotos".

 

Conversa de whatsapp entre Xoana e o seu mozo Curro.

 

María ten que roubar unha botella de viño se quere entrar na banda de Santiago.

 

Euforia no vestiario. Non é facil dicir que non.

 

Aitana amósalle a Noa ao "Chori", a quen coñeceu polo Insta porque é amigo dunha amiga...

O "Chori" e o seu colega non son moi de fiar!

FICHA 6 DO QUÉROTE+: CULTIVANDO HABILIDADES

Realizada o 6 de xuño 2022 en 3º ESO A e B.

Visionouse a curta sobre o consentimento (ofrecer unha cunca de té). Tod@s quedaron sorprendid@s co xiro final e indicaron que entendían a metáfora, polo que non se xerou debate algún.

O alumnado sentou en círculo e solicitáronse 8 voluntarios para interpretar pequenas escenas.

@s voluntari@s representaron no centro do círculo 4 situacións relacionadas coa presión que pode un@ sufrir por parte da súa contorna de amizades ou parella.

•O voluntario nº 1 presionaba para que o/a compañeir@ fixese algo que non quería facer. 

•O voluntario nº 2 respondeu ás propostas do voluntario nº 1 de forma espontánea. 

O resto do grupo observou e anotou as súas impresións:

1.Que tería feito eu na mesma situación? 

2.Como me faría sentir esta situación? Cómod@? Incómod@? Insegur@? 

3.Cabrearíame? 

4.Preocuparíame a posible reacción da outra persoa si me nego? 

5.Que opinas da situación e de como reaccionou o teu compañeir@? 

De entrada, ante as situacións propostas, tod@s eran conscientes – voluntari@s e espectadores -  que debían resistir á presión e manter un «non». Non entanto, cando entraron no xogo @s compañeir@s espectadores, que coñecían os seus puntos fracos e presionaron incorporando á balanza información persoal, déronse conta de que a resposta «non» xa non era tan tallante e mesmo podía converterse nun «si».

Xerouse un debate durante o cal o alumnado indicou que adoita ser consciente da presión que pode sufrir para facer algo que non queren facer, pero cren que son capaces de enfrontarse a esa presión e manterse firmes na negativa. Algún alumn@ contou algunha situación real similar ás expostas. Con todo, teñen poucos recursos persoais para argumentar esa negativa : limítanse a repetir o «non», chegando ás veces a respostas agresivas cando se lles segue presionando.

O alumnado que facía o papel de «presionador» tiña máis recursos argumentativos que o que tiña que resistir a presión, o cal demostra que si coñecen ese tipo de presións e poden replicalas pero non adoitan estar expostos a respostas asertivas que lles sirvan de modelo para liquidar adecuadamente a situación.

A hora de clase é insuficiente para realizar este tipo de actividade coa profundidade que require, pero resultoulles útil para recoñecer que:

1º si, poden ser vulnerables ante a presión exercida polo seu grupo de amigos ou parella;

2º existe unha brecha entre a teoría que coñecen e levala á práctica adecuadamente;

3º necesitan aprender a ser asertivos para manter o seu criterio sen caer en discusións ou enfados.

Finalmente considero que o profesorado non adoita estar formado para levar a cabo este tipo de actividades, que debería dirixir un/a psicólog@ experto en condutas e a súa modificación.

MªPaz Rodríguez González/ Depto de Francés do CPI Cova Terreña.

 

Representando situacións de presión en 3º ESO B

 

 

 

 

 

FICHA 7 DO QUÉROTE+. ACONCEPCIÓN E CONCEPCIÓN

Os días 27 e 31 de maio, o profesor José Fco. Fernández Sampedro desenvolveu en 3º ESO B e A respectivamente a ficha nº 7 do Quérote+, especialmente a parte da erótica persoal, pois o tema das enfermedades de transmisión sexual foi visto en profundidade na materia de Bioloxía.

Para comezar a traballar esta actividade, en primeiro lugar explicouse o significado dos termos aconcepción e concepción, xa que non todos o tiñan claro. Deseguido, organizouse o alumnado en grupos de 3-4 persoas e pedíuselles que, durante 10 minutos, elaborasen unha listaxe con 10 maneiras diferentes de ter relacións eróticas que non impliquen posibilidade de embarazo. Aínda que, nun principio, houbo quen se mostrou bastante pudoroso ante o tema, axiña se foi desinhibindo e fixo a súa achega. Unha vez elaborada a listaxe, compartiuse en gran grupo e fóronse anotando no encerado. Isto serviu para ver que hai tantas prácticas eróticas como un poida imaxinar e que só a penetración vaxinal implica a posibilidade de embarazo. A continuación, tratáronse os bloques temáticos dedicados á prevención (infeccións de transmisión sexual e embarazos non planificados). Para rematar, visualizouse un vídeo realizado polos Centros Quérote+ sobre como evitar as ITS.

A temática tratada nesta sesión tivo unha moi boa acollida por parte do alumnado, todos se mostraron moi participativos, e serviu para contribuír ao coñecemento da erótica persoal e potenciar o uso do preservativo como método de protección ante os embarazos non planificados e as ITS.

5ª FICHA DO QUÉROTE+: A RELACIÓN DOS SEXOS A TRAVÉS DA TECNOLOXÍA

O día 7 de abril, nas sesións lectivas de Lingua castelá e Literatura, María José Torres Rodríguez implementou, nos dous grupos de 3º ESO, a ficha 5, titulada "A relación dos sexos a través da tecnoloxía". Ao noso alumnado, nativo dixital, propuxéronselle, para empezar, unha serie de situacións na rede que demostraban comportamentos irresponsables e irreflexivos. Comentamos a distinta maneira de actuar na convivencia física e na virtual, é dicir, a existencia de normas socias diferentes nun foro e noutro. A colación disto, facilitóuselle ao alumnado en papel o documento "Netiqueta Joven para Redes sociales" e comentamos todos os seus puntos, ao mesmo tempo que os rapaces aportaban experiencias propias  e alleas. Despois vimos o vídeo "WhatsApp" e interpretárono dun xeito crítico. Para rematar a sesión, os alumnos/as, de modo anónimo, plantexaron as súas dúbidas.

 

Vendo o vídeo en 3º ESO A

En 3º ESO B

FICHA 4 DO QUÉROTE+: O MODELO DE AMOR ROMÁNTICO

O día 1 de abril María Pérez Camiña desenvolveu esta 4ª ficha do Quérote+ cos dous grupos: 3º ESO A e B.

Para abordar o tema do modelo de amor romántico, primeiro fixemos a actividade do semáforo. Nela os alumnos tiñan que crear cada un o seu propio semáforo con cores para expresar despois se as afirmacións da profesora lles parecían verdadeiras ou falsas, erguendo cada alumno o semáforo vermello ou verde e así facilitando a evolución da actividade, tal e como se observa nas fotografías. Deste modo, puidemos comezar un debate aberto sobre o tema, no que eles puideran expresarse libremente. Tamén definiron o amor e o enamoramento.

Despois visionamos as curtametraxes de Cima mulleres cineastas “Atopa o verdadeiro amor” e as comentamos de maneira libre e aberta. 

A acollida foi moi boa, o tema resultoulles interesante, e outra hora para tratalo non sería mal recibida, xa que case non deu tempo a rematar nin a profundizar.  

Ao rematar a actividade varias alumnas achegáronse para comentar que lles gustara moito. 

Manifestaron ademáis a urxencia de ter as respostas ás preguntas formuladas nas sesións anteriores.

Imaxe da sesión en 3º ESO A

Imaxe da sesión en 3º ESO B

 

QUÉROTE+: A ORIENTACIÓN DO DESEXO E A IDENTIDADE SEXUAL

Os pasados 22 e 23 de febreiro desenvolvemos a terceira das fichas do plan proxecta Quérote+, en 3º ESO B e A respectivamente.

Esta ficha leva por título "A orientación do desexo e a identidade sexual".

O alumnado visualizou dous vídeos:

-   Un extracto da reportaxe de Documentos TV “O sexo sentido”, sobre identidade sexual.

-   Un pequeno vídeo sobre a bisexualidade.

A través duns pequenos cuestionarios, os alumnos e alumnas reflexionaron individualmente sobre esta información, tras o cal, levamos a cabo unha posta en común sobre os dous temas tratados.

Foi unha sesión moi interesante, xa que se manifestaron actitudes moi positivas de empatía e respecto cara ás distintas identidades e orientacións sexuais.

Imaxes desta sesión nas aulas de 3º ESO A e B:

OBRADOIRO E 2ª FICHA DO QUÉROTE+

OBRADOIRO DE EDUCACIÓN SEXUAL. QUÉROTE+

O día 21 de decembro tivo lugar este obradoiro sobre educación sexual a cargo de Sonia Morán, do Quérote+, no salón de actos cos dous grupos de 3º ESO, A e B.

Ao longo destas dúas sesións “a porta pechada” (de ahí que non haxa fotos), e nun ambiente distendido que Sonia é quen de crear coa rapazada, os alumnos e alumnas sentíronse libres para formularlle as dúbidas sobre sexualidade que lle foron xurdindo durante a charla.

 

2ª FICHA DO QUÉROTE+: A EDUCACIÓN SEXUAL.

Continuamos co programa do plan proxecta, esta vez coa ficha 2 a cargo de David Piñeiro, en 3º ESO A e B o día 14 de xaneiro.

 Comezou a sesión coa visualización dalgúns dos vídeos propostos polo programa. A partir dos vídeos xerouse o debate na aula, tras o cal, todos e todas puxeron por escrito, e de forma anónima, as preguntas sobre calquera dos aspectos relacionados co sexo e a sexualidade que desexan lles sexan aclaradas ao longo do programa. As introduciron nunha caixa de correo e David as clasificou nas seguintes temáticas:

- ETS

- Prácticas sexuais

- Métodos anticonceptivos

- Educación sexual

Ao longo das seguintes fichas os distintos profesores e profesoras tentaremos dar resposta a estas preguntas. Para as máis “difíciles” pedirémoslle axuda ao persoal do Quérote+.

                 

Vendo o vídeo en 3º ESO A.                                    En 3º ESO B.

Charla inicial Quérot+

O pasado 20 de decembro iniciamos as actividades do Plan Proxecta Quérote+ do curso 2021/22 cun obradoiro de introdución.

O obxectivo era presentar o programa, mais tamén se trataron temas como a idoneidade das distintas fontes de información sobre as relacións sexuais e a hixiene, como poden ser as películas, os foros de internet ou mesmo os anuncios publicitarios.

Ademais de falar dos distintos servizos cos que conta o programa, tamén probamos o sistema de resolución de dúbidas que ten a páxina web do Quérote+.

QUEREMOS MÁIS!

Ao longo deste curso 2020-2021 desenvolveuse o plan proxecta Quérote+ no CPI Cova Terreña nos grupos de 3º ESO A, B e C.

Ademais das 8 fichas do programa, leváronse a cabo dous obradoiros sobre educación sexual, un dirixido aos alumnos e outro ás familias, ambos impartidos por Sonia Morán, do Quérote+.

O programa tivo unha moi boa acollida entre o alumnado, segundo as súas propias opinións na avaliación final. 

Nas distintas fichas houbo ocasión para formular as súas dúbidas, e que moitas delas foran resoltas nese momento, ou en fichas posteriores.

Finalmente, traballaron en equipos profundando nos seus coñecementos sobre os métodos anticonceptivos e a transmisión das ETS, xa que tiveron que interiorizalos o suficiente como para presentarllos aos seus compañeiros de 2º ESO nunha xornada de exposicións en forma de campaña de prevención, que tivo lugar no salón de actos do centro.

Para darlle unha maior relevancia, os carteis desta campaña preventiva, cos seus slogans e información, foron expostos durante 10 días na Feira da Ciencia do centro. A esta acudiu toda a comunidade educativa, dende os nenos e nenas de infantil, pasando por todos os cursos de primaria e secundaria, e, incluso, con dúas xornadas de portas abertas a aquelas familias que quixeron asistir.

 

FICHA 1. PRESENTACIÓN DO RECURSO QUÉROTE+. Iria Chapela Malvido. Decembro 2020.

Info xa publicada nesta páxina web. Ligazón: https://www.edu.xunta.gal/centros/cpicovaterrena/node/2248 

 

OBRADOIRO PARA FAMILIAS SOBRE EDUCACIÓN SEXUAL. Sonia Morán (Quérote+). Decembro 2020.

Neste obradoiro, levado a cabo por videoconferencia, as familias debateron amplamente sobre o seu papel na educación sexual dos seus/súas fillos/as adolescentes. Falouse da mellor maneira de abordar con eles/as estes temas sen invadir a súa intimidade, deixando claro que poden contar co noso apoio cando o precisen, pero sen impoñerlles esta comunicación. Tamén se falou dos contidos dos videoxogos e do acceso á pornografía co que contan os/as nosos/as fillos/as.

 

OBRADOIRO PARA ALUMNADO. EDUCACIÓN SEXUAL. Sonia Morán (Quérote+). Decembro 2020.

Nesta sesión o alumnado participou activamente, realizándolle preguntas á Sonia relacionadas con temas como o aborto, os métodos anticonceptivos e os contactos sexuais, entre outros.

 

Imaxes da xornada con Sonia Morán do Quérote+

 

FICHA 2. A EDUCACIÓN SEXUAL . María Isabel Domínguez Sanjuán. Xaneiro 2021.

Nesta sesión con Beli, tras visualizar a curtametraxe “Trapped” sobre embarazos non desexados abriuse un debate sobre o tema. As dúbidas do alumnado recolléronse nunha caixa de correos, sendo logo clasificadas nos temas: métodos anticonceptivos, ETS e outros, e foron resoltas as máis frecuentes.

 

Imaxes desta xornada nos tres grupos de 3º ESO. 

 

 

FICHA 3. A ORIENTACIÓN DO DESEXO E A IDENTIDADE SEXUAL. Sonia Morán Prieto (Quérote+). Xaneiro 2021.

Sonia Morán mantivo co alumnado dos tres grupos un diálogo aberto sobre diversidade sexual, identidade sexual e orientación sexual. Fíxolles reflexionar sobre o absurdo de coartar os dereitos doutras persoas cando non afectan aos nosos, e sobre o difícil que o teñen aquelas persoas que teñen unha orientación sexual distinta a da media, debido ás reaccións gratuítas do resto da sociedade. Sonia tamén deu resposta a moitas das preguntas que fixera o alumnado na ficha anterior de forma anónima. Preguntas sobre a masturbación, métodos anticonceptivos (píldora do día despois), sobre o aborto sendo menor de idade ou a adopción, entre outras.

 

FICHA 4. O MODELO DE AMOR ROMÁNTICO. Gonzalo García Fortes (3ºA e B). María José Torres (3ºC). Febreiro 2021.

Tanto nesta ficha como na seguinte, os dous docentes do ámbito lingüístico, María José e Gonzalo, traballaron coordinadamente na planificación e preparación destas actividades.

Ligazón á publicación nesta páxina web da sesión con 3º ESO A e B: https://www.edu.xunta.gal/centros/cpicovaterrena/node/2369           

En 3º C tamén proxectouse o vídeo A orde das cousas. A actividade gustoulles e lles fixo reflexionar. Deixaron estas reflexións e dúbidas por escrito. Entre elas, por que as mulleres non denuncian? Que debemos facer se sabemos dun caso de violencia de xénero? Por que se fala só do maltrato cara as mulleres?

Imaxes da ficha 4 en 3º ESO C

 

FICHA 5. A RELACIÓN DOS SEXOS A TRAVÉS DA TECNOLOXÍA. Gonzalo García Fortes (3ºA e B). María José Torres (3ºC). Abril 2021.

Ligazón á publicación nesta páxina web da sesión con 3º ESO A e B: https://www.edu.xunta.gal/centros/cpicovaterrena/node/2383           

 

En 3º C os/as alumnos/as comentaron que vían moi útil esta actividade no mundo no que vivimos e que lles gustara tela levado a cabo. Tamén deixaron as súas preguntas, experiencias e reflexións anónimas. Nestas expresan a súa preocupación polos casos de acoso nas redes, especialmente de homes a mulleres, e preguntan sobre as consecuencias legais destas condutas.

Ficha 5 en 3º ESO C

 

FICHA 6. CULTIVANDO HABILIDADES. Begoña Baltar, Mª Isabel Domínguez, Laura Cal. Maio, Xuño 2021.

Os/as alumnos/as representaron, en parellas, as situacións de presión social suxeridas polo programa: presión para manter relacións sexuais, consumir alcohol, facerse unha tatuaxe co nome da parella ou ir á moda, aínda en contra da propia vontade. 

Os/as alumnos/as participaron moi activamente, representando dun xeito moi realista os dous papeis: o/a que presionaba empregou os típicos argumentos: “o vas pasar moi ben”, “vas quedar fora do grupo”… e os/as “presionados/as foron moi firmes nas súas negativas. No caso da presión para ter relacións sexuais, primeiro a representaron un chico presionando a unha chica. Logo cambiáronse os roles e púxose de manifesto que todas/os tiñan asumido que nestas situacións a presión é habitualmente exercida polos homes cara ás mulleres.

Foi unha actividade na que houbo moitas risas e diversión, pero tamén reflexión, xa que logo comentáronse as situacións, que lles pareceron bastante aproximadas a realidade. Pero puntualizaron que na realidade moitas veces a presión non é tan explícita, senón que un mesmo se autopresiona para sentirse integrado no grupo, facendo cousas que en principio preferiría non facer.

 

FICHA 7. ACONCEPCIÓN E CONCEPCIÓN. Laura Cal Delgado (3º C). María Zapatero Artacho (3º A e B). Abril 2021.

 

Estas dúas últimas fichas, 7 e 8, desenvolvéronse integradas no estudo dos aparellos reprodutivos do currículo de Bioloxía e Xeoloxía. Iniciouse cun traballo cooperativo no que os equipos ían mencionando prácticas eróticas que non implicasen posibilidade de embarazo. Ao rematar, escribíronse estas no encerado, pudendo comprobar como existen múltiples maneiras de ter contactos sexuais e só unha que implique risco de embarazo. Foron sesións nas que o alumnado participou moi activamente, e nas que se puido observar a diferente forma de expresarse nestes temas entre os alumnos e as alumnas, así como a influencia que neles ten a pornografía, e polo tanto, púxose de manifesto a necesidade destes programas.

 

 

FICHA 8. HOXE DAMOS A CLASE NÓS. Laura Cal Delgado (3º C). María Zapatero Artacho (3º A e B). Gonzalo García Fortes (3º A e B) e María José Torres (3º C). Maio 2021

 

Os/as alumnos/as de 3º ESO presentaron ante os/as seus/súas compañeiros/as de 2º ESO unha CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN E PREVENCIÓN DOS EMBARAZOS NON PLANIFICADOS E DAS ENFERMIDADES DE TRANSMISIÓN SEXUAL (ETS). Esta foi desenvolta en formato póster: un sobre os métodos anticonceptivos, e outro sobre as ETS. Traballaron por equipos na aula e virtualmente. 

 

O alumnado traballou primeiro na elaboración de documentos escritos sobre os métodos anticonceptivos e as ETS, logo na elaboración dos pósters informativos e na elección dos slogans cos profesores de Lingua galega e literatura, e, por último, na presentación destas campañas informativas e de prevención ante os alumnos de 2º ESO. 

Cada equipo explicou aos seus compañeiros unha parte do traballado sobre anticoncepción e prevención da transmisión de ETS, turnándose no Salón de Actos para cumprir en todo momento co Protocolo Anticovid do Centro.

 

Imaxes das exposicións ante os alumnos de 2º ESO, por equipos:

 

 

 

Para darlle unha maior visibilidade a estas campañas de prevención, escolléronse os mellores carteis elaborados e expuxéronse na semana da ciencia do centro, que tivo lugar entre os días 31/05/21 e 10/06/21. Esta exposición foi visitada por todo o alumnado do centro: infantil, primaria e secundaria, así como polas familias que puideron achegarse, sempre respectando o aforo e demais medidas anticovid.

Achégase ligazón da publicación no Faro de Vigo deste evento:

https://www.farodevigo.es/comarcas/2021/06/10/semana-da-ciencia-cova-terrena-52819257.html

 

 

 

QUÉROTE +

Os días 12 e 13 de abril, o alumnado de 3ºESO tivo unha nova sesión do Plan Proxecta Quérote +. Nesta ocasión estivemos analizando a influencia das novas tecnoloxías nas relacións humanas e como afectan ao seu desenvolvemento. 

Unha vez máis, os discentes deron conta do seu compromiso e da súa implicación coa actividade xa que participaron activamente nos debates que se crearon na aula ao tempo que demostraron un gran sentido crítico coas consecuencias que poden ter as novas tecnoloxías no eido das relacións amorosas. 

Para levar a cabo a sesión, visualizamos as curtametraxes Yo también te quiero e Doble Check, que deixan ver como a comunicación humana -especialmente no eido das relacións de parella- é sempre máis efectiva de xeito presencial. Finalmente, comentamos e explicamos as normas que deben rexer a comunicación na rede a través do documento "Netiqueta Joven para Redes Sociales: ciudadanía digital y ciberconvivencia". 

Eis o resumo fotogáfico de ambos os cursos. 

3º ESO-A

3º ESO-B

ACTIVIDADE: 

 

 

 

 

 

 

SESIÓNS DE QUÉROTE + 3º ESO

Para continuarmos co labor iniciado nas xornadas anteriores, levamos a cabo unha segunda sesión. Desta volta, fixemos fincapé na representación da muller na publicidade e na música e como afecta ás relacións persoais dentro do contexto do amor romántico. 

En 3º ESO-A estivemos analizando as letras de determinadas cancións que resultan ás claras misóxinas ademais de vermos os correspondentes vídeos musicais nos que se ofrece unha visión da muller como mero obxecto sexual. Eis un resumo fotográfico da sesión: 

 

En 3ºESO-B achegámonos á publicidade. Fixemos un percorrido histórico a través de diferentes anuncios publicitarios nos que a imaxe da muller queda relegada ao ámbito doméstico e nos que podemos observar comportamentos violentos, machistas e fortemente estereotipados. Certamente, a escolla dos anuncios causou unha grande indignación no alumnado, que chegou á conclusión de que aínda pervivien condutas claramente inaceptables. Eis unhas fotografías da sesión: 

Finalmente, os dous grupos realizaron a mesma actividade final. O guión que aparece na páxina 39 das fichas do Plan. 

Novamente, felicidades a todos e a todas polo voso traballo e capacidade crítica. 

 

SESIÓNS DE QUÉROTE + EN 3º ESO

O 29 de xaneiro tiveron lugar as primeiras sesións do Proxecto Qúerote + para o alumnado de 3º ESO. Nesta ocasión, estivemos reflexionando sobre os mitos do amor romántico e as súas consecuencias, o que nos levou á historia de Pepe e Pepa. Así mesmo, o alumnado coñeceu o labor que desenvolve o grupo Queer Anvengers a través dos vídeos da súa canle de youtube. Foi esta unha xornada de reflexión e de posta en común dos diferentes puntos de visto do alumnado na que gozamos de debates de forte intensidade. A participación e a implicación dos grupos foi excepcional. 

Achegamos a continuación unha serie de fotografias que resumen esta xornada. 

Fotografías da sesión co alumnado de 3º ESO-A.

Fotografías da sesión co alumnado de 3º ESO-B

Parabéns a todos e a todas! 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Plan Proxecta Quérot+ 2020/2021

O pasado mes de decembro do 2020, comezamos o Plan Proxecta Quérot+ cos tres cursos de 3º ESO. Nesta primeira sesión, debatemos sobre as posibles fontes de información sobre sexo e sexualidade. Despois de analizalas e valoralas, accedemos á páxina web dos centros Quérot+, para preguntar dúbidas, tomando conciencia da importancia de acceder a contidos fiables. Na seguinte ligazón podemos atopar este servizo:

http://xuventude.xunta.es/querote-mais

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031