Actividades

Un cartel gañador para o 8M.

Hoxe tivemos a sorte de que uns compañeiros e compañeiras de 4ºA viñesen a falarnos sobre o cartel que elaboraron utilizando estruturas cooperativas, e que resultou gañador do 2º premio na 1ª categoría do VI Concurso Carteis 8M Día Internacional da Muller. 

O equipo formado por Emma, Antonio, Laura e Xenxo transmitiunos moita sensibilidade e concienciación ante un tema tan importante coma é a IGUALDADE no patio do cole.

PARABÉNS polo traballo realizado (tanto para o equipo do cartel premiado coma para os demais equipos que presentasen carteis)

PARABÉNS pola presentación realizada.

PARABÉNS polo premio gañado!!!

Visitamos a Casa Museo Rosalía de Castro.

16/02/23

As alumnas e os alumnos de 5º nivel de EP gozaron dunha xornada marabillosa en Padrón, visitando a casa museo de Rosalía de Castro. Despois de escoitar as explicacións da guía sobre a historia da casa, do museo, e de estar moi atentos aos detalles que lles contou sobre a vida e a obra da nosa autora universal, adicáronse a percorrer "paseniño, paseniño" os distintos espazos da casa. Desfrutaron descobrindo todos os mobles, fotografías, escritos, cadros e máis obxectos, que aínda se conservan. 

Aproveitaron a visita para ampliar a información que xa tiñan sobre Rosalía e así continuar desenvolvendo o proxecto "Santiago cultural". O produto final deste proxecto, elaborado nos equipos cooperativos dos grupos-clase, é un folleto-guía da viaxe que realizarán a Santiago no mes de marzo visitando, entre outros, o Panteón de Galegos Ilustres no que repousan os restos da poeta Rosalía.

Despois de descansar ollando o fermoso xardín, despedíronse desta inesquecible viaxe cunha escolma poética.

Esta visita foi custeada pola Deputación de Pontevedra dentro do programa "Rosalía, a súa casiña, o meu lar" do servizo de Patrimonio Material e Memoria Histórica. 

BICOS E NON BALAS no Día Escolar da Paz e Non Violencia.

Xaneiro 2023.

O fermoso poemario BICOS E NON BALAS de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Bea Gregores, acompañounos na conmemoración do Día Escolar da Paz e Non Violencia. 

Durante varias xornadas, utilizando a estrutura cooperativa “Lectura compartida”, estivemos lendo, falando e reflexionando sobre os poemas seleccionados. Con “Folio xiratorio” desfrutamos creando máis versos e ilustrando os poemas.  Entre todos e todas elaboramos un mural onde expuxemos algunhas das creacións. 

Finalmente, cada equipo preparou o recitado do poema orixinal e, na biblioteca do colexio, realizáronse as gravacións. Coas fotos, os poemas e o código QR que leva ao vídeo do alumnado recitando, creáronse uns carteis que xa forman parte tamén da exposición.

Ao enviarlle un agradecemento ao autor e á ilustradora por esta marabilla de obra, tanto Antonio coma Bea trasladáronnos os seus parabéns polo traballo realizado. Emocionounos moito.

              BICOS, sempre bicos e nunca BALAS.

 

                        

                                      

                                  

                        

Os carteis pódense descargar dende os ficheiros adxuntos.

         PREMIOS DOLORES AGRELO

Durante a celebración do Día da Paz, na que o alumnado de 5º participou con varias actuacións que prepararon coa profesora de música, entregáronse os premios Dolores Agrelo. Este ano os relatos tiñan coma temática o 50 Aniversario do CPI Cova Terreña.

Na categoría 5º- 6º EP houbo premio para alumnado de 5º.

Gañadora do 1º Premio: Yaiza Parajo Silva, de 5ºA, co seu relato

                                   O ladrillo segredo. 

Gañador do 3º Premio: André Otero Gerpi, de 5ºB, co seu relato

                                  O segredo do CPI

 

PARABÉNS! 

E felicitacións tamén aos demais premiados e participantes. 

OS 5 REINOS

Xaneiro 2023.

- Folio xiratorio. 

- Parada de 3'

- 1-2-4

25N. MULLERES E NÉBOAS.

Novembro 2022.

No mes de novembro estivemos desfrutando da fermosa obra: As mulleres que cultivaban néboas. Esta lectura non deixou a ninguén indiferente.

Incrible a forza que teñen as imaxes!

Xa coñeciamos a Bea Gregores coma ilustradora pero nesta primeira obra coma escritora impresionounos aínda máis.

Escribímoslle, utilizando as estruturas cooperativas "Parada de 3 minutos" e "1-2-4",  contándolle que, despois da lectura, reflexionamos sobre os sentimentos que nos provocou. Algúns dos comentarios do alumnado foron:

- Tristura porque en todo momento sentiamos mágoa pola nai e pola filla.

- Empatía porque lograbamos poñernos no lugar das mulleres e sentiamos dor.

- Arrepíos cando xogaban ás agachadas co pai e as atopaba.

- Satisfacción cando á nena lle gusta xogar ás agachadas coa nai.

- Incomodidade, medo...

- Protección, unión, forza...

Impactounos o debuxo no que as palabras ferintes saen coma frechas e todas e todos sentimos ledicia cando vimos o sorriso na cara da nai.

Conmemorando o 25N, elaboramos un mural no que intentamos reflictir parte do traballado nas aulas, por exemplo seleccionando textos da obra e dándolle cor segundo as emocións que nos fixeron sentir. Tamén aportamos as primeiras imaxes creadas coa ferramenta E-Dixgal: Tux Paint.

Esta tarefa inclúese no proxecto " Lemos e creamos I" que se desenvolve no primeiro trimestre do curso 2022-23.

Xa temos resposta á carta que lle enviamos a Bea Gregores!

Emocionounos ler o que nos conta e gardaremos con moito agarimo a ilustración que nos envía. É fermosísima!

 No ficheiro adxunto, a carta íntegra.

EXPOÑEMOS OS TRABALLOS

Outubro 2022.

Nutrición.

 

 

CARTEIS ESPECIAS DO NOVO MUNDO

Decembro 2022.

O alumnado de 5ºA e 5ºB de EP, utilizando a estrutura cooperativa 1-2-4, elaborou (no libre office writer) carteis sobre especias que se trouxeron das expedicións ao Novo Mundo e que se consumen actualmente. Agasallaron con eles ás froiterías e aos supermercados da vila.

Ditos carteis son o produto final da tarefa integrada " Viaxando con Magallanes" que se desenvolveu ao longo do primeiro trimestre. 

 Enlaces da nova:

https://valminortv.com/2022/12/21/alumnos-do-cova-terrena-entregan-a-supermercados-e-froiterias-carteis-sobre-as-especias-traidas-do-novo-mundo/

 

https://telemarinas.com/alumnos-de-cova-terrena-reparten-entre-las-tiendas-carteles-sobre-las-especias-traidas-del-nuevo-mundo/

 

 

A ENTREVISTA

Iniciamos o curso 2022-23 implementando a dinámica cooperativa:" A entrevista".

 

 

( completaremos información máis adiante)

Preparando a campaña " Doa, é doado!"

Estamos creando toda a documentación que precisamos para levar a cabo o produto final do Plan Proxecta: Salvavidas 2020/21.

Elaboramos o tríptico informativo da nosa campaña divulgativa, “ Doa, é doado!”, sobre a doazón e o transplante de órganos e tecidos. Saíron achegas moi interesantes ao traballar en equipo utilizando a estrutura cooperativa “ 1-2-4”.

 

Coas propostas feitas a man, so quedaba elaborar o tríptico no ordenador, para intentar que tivese unha apariencia o máis real posible.

 

Tamén estamos creando as invitacións e o cartel. Cando estea todo rematado subirémolo á páxina web para compartilo.

 

Dinámica " A Maleta"

Durante o primeiro trimestre consideramos necesario que o noso alumnado puidese dispoñer na aula dun espazo e duns momentos nos que poder compartir cos demáis vivencias,  emocións e sentimentos.

Decidimos implementar unha adaptación da Dinámica cooperativa “ A Maleta”.

Dentro desa Maleta especial, que cada alumno e alumna deseñou utilizando unha cartolina tamaño A4, podían debuxar, escribir, pegar fotografías, etc, que lles axudasen á hora de compartir cos demais  tres obxectos ou imaxes asociados con momentos ou sucesos importantes para eles/as.

 

A medida que ían creando as súas Maletas, colocábanse no espazo da aula reservado para esta actividade. 

Foi moi emotivo escoitar o que cada alumno e alumna contou.

 

 

Despois de cada exposición tivemos tempo para facer preguntas, comentarios e valoracións. Neses momentos creáronse vínculos emocionais ao descubrir que se comparten gustos e afeccións e moitos alumnos e alumnas empatizaron coas situacións das que falaban os compañeiros/as. 

 

Toda esta información, esta oportunidade de coñecernos mellor, axuda cara a unha mellor convivencia na aula.

Dinámica " A Pelota"

 

Unha das actividades de acollida, realizadas ao inicio deste curso 2020/21, foi a Dinámica de cohesión “ A Pelota”.

 

Nesta ocasión, respectando as actuais medidas de seguridade e hixiene, fíxose unha adaptación da dinámica  de xeito que transcorre co alumnado nos seus sitios. É o/a profesor/a  o que vai colocando os nomes dos alumnos/as na pizarra, facendo un círculo, e despois será o que mova a pelota ( de cartolina ) seguindo as indicacións que lle van dando.

 

Temos todos os nomes metidos nunha caixa,  sacamos de un en un, lemos o nome en alto e colocámolo na pizarra.  

O alumnado, no seu turno de palabra, debía falar sobre algo que lle fixera moita ilusión realizar no verán ou durante o confinamento. Despois pedímolles que nos contasen que actividade do colexio é a que máis lles gustaba facer. 

Mentres un alumno ou alumna está falando, os demais compañeiros/as poden ir anotando algunha información, algúns datos. Sobre todo deben fixarse ( estar atentos/as) se o que escoitan ten algunha relación con eles/as.

Cando xa todos/as participaron, é o turno de colocar o noso nome, “ pechando” o círculo do grupo-clase e compartindo co alumnado as nosas informacións.

 

A continuación, explicamos que deben “pasar” a pelota a un compañeiro ou compañeira que dixese algo que lles chamou a atención ou algo no que coinciden. Empezamos nós dicindo : “ pásolle a pelota a … porque nos contou que un bo recordo desos meses foi cando lle regalaron varios libros que a tiveron moi entretida  e a min pasoume algo parecido xa que o meu momento favorito era cando podía sentarme a ler “. Despois é a quenda do/a alumno/a que recibe a pelota, e así sucesivamente ata que todos/as interveñen na actividade.

 

Sempre intentamos reservar uns minutos finais para reflexionar sobre o acontecido na aula. Neste caso, algúns dos comentarios que recollemos nas distintas aulas nas que se implementou esta dinámica, e que son semellantes  en cada unha delas son:

“ gustoume moito saber máis cousas dos meus compañeiros”,

“ non sabía que esa compañeira tamén estaba lendo a mesma colección que leo eu, podemos prestarnos libros”, “ sentinme moi identificada con ese compañeiro porque a min pásame o mesmo co meu irmá pequeno, ás veces berramos pero tamén é a persoa coa que mellor o paso en casa”, “ non sabía que .... vivía cos seus avós”,

“ non sabía que ...”,

“ creo que agora nos coñecemos un pouco máis”.

 

Ter un mellor e máis amplo coñecemento sobre os que nos rodean e compartir informacións persoais con eles/as, xera vínculos emocionais que axudan a establecer as bases para crear unha comunidade de aprendizaxe na que se traballe en equipo para intentar conseguir alcanzar obxectivos comúns.   

ELEMENTOS do RELEVO de BAIONA

O alumnado de 3ºA de primaria , en equipos cooperativos de traballo, elaboraron unha fermosa maqueta do relevo do litoral de Baiona.

Pódense escoitar no vídeo adxunto.

 

DO MAR Á MESA

Os equipos cooperativos de 6ºA , investigaron sobre oficios  e receitas relacionadas co mar. Utilizaron estruturas cooperativas como 1-2-4, folio xiratorio ou parada de 3 minutos para elaborar uns carteis sobre os oficios ( algúns deles inclúen fotografías de familiares traballando) e redactar unhas riquísimas receitas.

 

HAIKUS COOPERATIVOS

Para a elaboración destas breves composicións poéticas de orixe xaponesa (17 sílabas na tradición oriental, que na nosa lingua se dividen en tres versos de 5-7-5) empregamos varias estruturas cooperativas.

Como se trata de versos inspirados na contemplación da natureza e paisaxe, partimos dunha escolma de fotos realizada polo noso alumnado baixo a temática do Mar.

Despois dunha PARADA DE TRES MINUTOS fixemos unha chuvia de ideas para ver os coñecemnetos previos que había nas dúas aulas sobre este tipo de composicións. Entre todos os grupos xa case tivemos unha caracterización perfecta que ampliamos na aula cunha pequena presentación e escolma de haikus xaponeses tradicionais con outros galegos máis contemporáneos.

Unha vez que tivemos os modelos, fomos escoller unha foto de entre as que fixera cada equipo. Velaquí as imaxes dende as que partiron os textos. Para a elaboración dos Haikus utilizamos dúas estruturas. Durante a primeira sesión elaboráronse Haikus a varias mans, mediante o FOLIO XIRATORIO. Xa na casa, cadaquén escribiu outros dous Haikus. Na seguinte sesión lectiva fíxose unha lectura colectiva, e a partir do 1-2-4 fóronse escollendo os versos favoritos de cada equipo para conformaren os poemas definitivos.

Para finalizar, grvámonos recitando os poemas mentres transcribiamos os haikus para colocar na exposición.

Desde o mar de Baiona ondas de poesía cooperativa veñen e van:

4ºA

Sara, Fran, Pablo R.

Jimena, Carmen, Pedro P, Lucía

Pablo L., Adrián, Nerea, Leticia

Pedro C, Silvia, Ana, Brais

Vera, Abel, Ainhoa, Hugo

4ºB

Soliño, Pedro, Judy, Fran

María, Ramón, Carlos

Camila, Leo, Iván, Samuel

Alejandro, Luis, Naiara, Mario

Alba, Adrián, Yasmina, Marco

 

 

 

 

 

 

 

 

VENTAXAS de TRABALLAR en EQUIPO , contado polas nenas e os nenos de 4ºA de primaria.

EQUIPO 1: " Fermosos gatiños amarelos"

EQUIPO 2: Sorrisos de 4ºA

EQUIPO 3: Os golfiños azuis.

EQUIPO 4: Os compañeiros gatocoellos.

EQUIPO 5:Os leopardos intelixentes.

 

As nenas e os nenos de 4ºA de primaria , despois de facer a Dinámica “ O Equipo de Manuel”, agrupáronse por cargos para falar sobre as ventaxas que ten traballar en equipos cooperativos. Pódense escoitar nos vídeos adxuntos.

 Algunhas frases que se recollen neles son:

 “ Encántanos traballar en equipo porque podemos axudarnos uns aos outros, cando temos dúbidas nos poden axudar”

 “ Gústanos porque temos compromisos”

 “A nosa clase gústanos porque nos axudamos e hai outras nas que non”

 “ O bo de traballar en equipo é que aprendes a traballar en equipo. O malo é que, ás veces, podes non estar de acordo co equipo”

 “ O bo é que cando tes algo mal os compañeiros do teu equipo avísante e axúdante a correxir para que o teñas ben”

 “Gústanos porque facemos o traballo máis rápido”

 “ Gústame traballar en equipo porque podes estar cun amigo que te alegra o día”

 

 

REFLEXIÓNS en 4ºESO sobre o TRABALLO en EQUIPO

 

O alumnado de 4º ESO cóntanos como se sinten despois de traballar en equipos cooperativos. Algunhas das opinións que podemos escoitar no vídeo adxunto son as seguintes:

 

“ É máis dinámico”

           “ Podemos mellorar as relacións cos nosos compañeiros”

 “ É máis divertido”

           “ Cada un ten unha idea diferente”

 “ Podemos falar para chegar a acordos”

           “ Cando imos facer un traballo cada un aporta as súas cualidades”

 “ Aprendemos a respectar as opinións dos demais”

           “ Cando traballo en equipo non me sinto soa”

 “ Aprendemos a relacionarnos”

           “ Coñecémonnos mellor”

 “ A nosa estrutura favorita é o 1-2-4 porque compleméntase o noso traballo”

          “ É máis doado traballar se nos enfrentamos ás dificultades xuntos”

 “ Apórtanse máis ideas para conseguir un mellor traballo”

         “ Traballamos mellor xuntos”

 

 

 

 

 

CA/AC

     
 

2º A  EDUCACIÓN PRIMARIA

 
 

 

 PARA VER OS VÍDEOS FACEDE CLIC NOS  TÍTULOS DAS

 PRESENTACIÓNS. A DESCARGA É SEGURA

 
 

 

Presentación do proxecto e dos grupos

 

 

Presentación de cargos

 

 

Presentación da unidade didáctica "A poesía" co programa CA/AC

 

 

 

Presentación da estrutura de folio xiratorio

 

 

Presentación da estrutura de lapís ao centro

 

 
 

CLASE NA CAPITANÍA E RECOLLIDA DE INFORMACIÓN 

 
 

 

 

 

 

   
Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031