Dinámica " A Pelota"

 

Unha das actividades de acollida, realizadas ao inicio deste curso 2020/21, foi a Dinámica de cohesión “ A Pelota”.

 

Nesta ocasión, respectando as actuais medidas de seguridade e hixiene, fíxose unha adaptación da dinámica  de xeito que transcorre co alumnado nos seus sitios. É o/a profesor/a  o que vai colocando os nomes dos alumnos/as na pizarra, facendo un círculo, e despois será o que mova a pelota ( de cartolina ) seguindo as indicacións que lle van dando.

 

Temos todos os nomes metidos nunha caixa,  sacamos de un en un, lemos o nome en alto e colocámolo na pizarra.  

O alumnado, no seu turno de palabra, debía falar sobre algo que lle fixera moita ilusión realizar no verán ou durante o confinamento. Despois pedímolles que nos contasen que actividade do colexio é a que máis lles gustaba facer. 

Mentres un alumno ou alumna está falando, os demais compañeiros/as poden ir anotando algunha información, algúns datos. Sobre todo deben fixarse ( estar atentos/as) se o que escoitan ten algunha relación con eles/as.

Cando xa todos/as participaron, é o turno de colocar o noso nome, “ pechando” o círculo do grupo-clase e compartindo co alumnado as nosas informacións.

 

A continuación, explicamos que deben “pasar” a pelota a un compañeiro ou compañeira que dixese algo que lles chamou a atención ou algo no que coinciden. Empezamos nós dicindo : “ pásolle a pelota a … porque nos contou que un bo recordo desos meses foi cando lle regalaron varios libros que a tiveron moi entretida  e a min pasoume algo parecido xa que o meu momento favorito era cando podía sentarme a ler “. Despois é a quenda do/a alumno/a que recibe a pelota, e así sucesivamente ata que todos/as interveñen na actividade.

 

Sempre intentamos reservar uns minutos finais para reflexionar sobre o acontecido na aula. Neste caso, algúns dos comentarios que recollemos nas distintas aulas nas que se implementou esta dinámica, e que son semellantes  en cada unha delas son:

“ gustoume moito saber máis cousas dos meus compañeiros”,

“ non sabía que esa compañeira tamén estaba lendo a mesma colección que leo eu, podemos prestarnos libros”, “ sentinme moi identificada con ese compañeiro porque a min pásame o mesmo co meu irmá pequeno, ás veces berramos pero tamén é a persoa coa que mellor o paso en casa”, “ non sabía que .... vivía cos seus avós”,

“ non sabía que ...”,

“ creo que agora nos coñecemos un pouco máis”.

 

Ter un mellor e máis amplo coñecemento sobre os que nos rodean e compartir informacións persoais con eles/as, xera vínculos emocionais que axudan a establecer as bases para crear unha comunidade de aprendizaxe na que se traballe en equipo para intentar conseguir alcanzar obxectivos comúns.   

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031