Bolsas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

Publicada a convocatoria de bolsas e axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2024-2025.

Prazo de presentación de solicitudes: do 30 de abril ao 13 de setembro de 2024

Graduación 4º ESO

O 21 de xuño despedimos ao alumnado de 4º ESO, que remata a etapa educativa e se dispón a continuar os seus estudos ou incorporarse ao mercado laboral, entre familiares e amizades.

O coro deu comezo á celebración coa interpretación de Vois sur ton chemin, do filme Los chicos del coro.

O acto estivo presentado por Aitor Merino e Carmen Pérez, alumnos de 3º e 2º ESO respectivamente, escollidos polos propios graduados e graduadas.

 

No acto, pronunciaron os seus discursos, todos eles cheos de emotividade, Sergio Piñeiro (representante da ANPA), Ana Vilar (mami de Curro), Ana Ruth Arias (nai de Breogán) e os padriños da promoción: Iria Chapela e Martín Lazcano.

O padriño deleitou tamén aos asistentes coa canción composta sobre a saída a Roma durante o regreso da mesma.

A continuación, representantes dos tres grupos e os titores e titora tamén pronunciaron unhas sentidas palabras, finalizando cun romance que fixo referencia a todos os graduados. Tamén se lles fixo entrega de diplomas con premios "especiais". Especial mención merece o recordo que María Torres tivo de Sarai Barros, alumna que nos deixou o pasado mes de decembro e que estivo moi presente durante todo o acto.

 

O acto finalizou co discurso da directora, que non se esqueceu de agradecer o labor realizado por Pedro Fernández e Adrián González como membros do Consello Escolar.

Ao remate, o centro convidou a uns petiscos aos asistentes. A ANPA quixo facer tamén a súa achega ao convite cunha mesa doce que fixo as delicias dos máis larpeiros.

 

Premios Faro da Escola

O Faro da Escola, proxecto multidisciplinar no que traballou boa parte da comunidade educativa, foi repartido o 18 de xuño. Ao mesmo tempo, a directora do centro, Isabel Martínez, e a coordinadora do programa, Antía Monteagudo, acudiron á sede do periódico para recoller os premios que lle foron outorgados ao centro: 1º premio de artigo de opinión, 2º premio de portada e 3º premio ao mellor xornal. Ademais, tamén se recibiu o segundo premio especial CSIC e o segundo premio especial Xerais. 

 

Aquapark da ANPA

A ANPA organizou o 19 de xuño un Aquapark por todo o alto no patio do centro para todo o alumnado de Ed. Primaria e Secundaria, que fixo as delicias de grandes e pequenos.

A festa rematou cun baño de escuma para todos.

Concerto Cova Canta

O 18 de xuño, o Coro Infantil do centro, dirixido por Nuria Zúñiga, agasallou a familia e amigos cun musical Disney que gustou a todos por igual.

O acto foi presentado polo propio Walt Disney, encarnado por Anxo Rajó. Mediante a interpretación de 9 pezas musicais, fíxose un percorrido pola historia dos filmes Disney, incluíndo Peter Pan, Mary Popins, O libro da selva, A Sereíña, Aladín, Frozen, Wish e Encanto.

Para rematar, a directora do coro pronunciou unhas sentidas palabras de agradecemento e de ánimo para continuar con este apaixoante proxecto.

O acto non se podería ter celebrado sen a colaboración de Marta Cernadas, Lía Rodríguez, Patri Cabadas e Víctor Moreira.

Agradecemos a colaboración do Concello de Baiona, que cedeu o uso do Auditorio V Centenario.

Mediadores, final dun ano intenso.

O centro contou este ano cun grupo de mediadores e mediadoras no que se integraron 14 alumnos e alumnas de Ed. Primaria e 7 de Ed. Secundaria. Tras unha formación inicial realizada ao longo de dúas tardes, estiveron en disposición de colaborar na resolución dos conflitos que foron xurdindo ao longo do curso entre os seus compañeiros e compañeiras.

Esta actividade non só repercutiu na mellora da convivencia, senón que tamén contribuiu a un crecemento persoal dos propios mediadores. Para agradecer as súas actuacións, fíxoselle entrega a todos eles dunha chapa que recoñece o seu labor e tamén se lle fixo un recoñecemento público.

Este proxecto, contou coa coordinación de catro docentes mediadores: Marta Arbones, Sonia Silva, Jose Rivera e Luis Fernández.

Musical Disney

O Coro Infantil do centro, integrado por 68 alumnos e alumnas de 1º a 6º de Ed. Primaria, estreará o martes 19 de xuño, ás 19h, o seu musical de fin de curso no Auditorio V Centenario de Baiona. No mesmo, interpretarán 9 cancións do Universo Disney.

https://valminortv.com/2024/06/17/concierto-del-coro-infantil-del-cpi-de-cova-terrena/

Acto de celebración do Día das Letras Galegas

O xoves 16 de maio celebramos un acto cultural e musical en honor a Luisa Villalta, homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2024.

Vémonos ás 20h no auditorio V Centenario de Baiona.

Convite

 

CONCERTO SOLIDARIO DAS LETRAS GALEGAS

O próximo día 16 de maio celebraremos o día das Letras Galegas cun concerto solidario a cargo do coro infantil e o coro xuvenil do noso centro. Interpretaremos temas de A banda da Loba, Emilio Batallán e Fuxan os Ventos, entre outros.

Asemade farase unha colecta benéfica nun posto situado na entrada do auditorio. Os fondos recadados se destinarán á organización Save the Children. 

O alumnado de Proxecto Competencial de 2º ESO será o encargado de recoller as donacións. Este alumnado elaborou un vídeo divulgativo explicando a actividade. Poden visualizalo no arquivo adxunto.

Noite na Biblio!

O 30 de abril celebramos a I Noite na Biblio, cunha acollida excepcional entre o voluntariado e os membros do club de lectura de 4º ESO. Falamos sobre a obra de teatro de Manuel Núñez Singala, O achado do castro, unha obra chea de humor que nos sitúa na Roma Imperial, con personaxes cómicos, unha historia de amor, traizóns... O filme foi gravado polo alumnado de Oratoria do curso 2022/2023, cun gran esforzo por parte do seu profesor, Antonio Rey.

 

Na xuntanza contamos coa presenza de boa parte dos actores e actrices, que falaron sobre os mellores momentos e as dificultades atopadas durante a gravación, como a falta dalgúns actores á hora de gravas escenas. Isto obrigounos a ser moi creativos para sacar adiante un filme que dura case unha hora.

O grupo amosou o seu cariño a Saray Barros, alumna que participou no filme e que nos deixou este curso. 

 

Logo da proxección, ceamos xuntos para seguir cohesionando o grupo, xa que eses espazos de lecer compartidos permiten establecer vínculos difíciles de crear nas dinámicas ordinarias de aula.

Esta actividade serviunos para, ademais de traballar o libro, crear un espazo de convivencia excepcional para alumnado de 1º a 4º da ESO. A biblioteca, a película e uns flocos de millos foron suficientes para conseguir esa atmosfera máxica. De agasallo, os asistentes levaron un marcapáxinas conmemorativo que agardamos conserven con agarimo.

Esperamos poder repetir a experiencia no futuro!

IV Semana da Ciencia

O centro celebra a súa IV Semana da Ciencia, na que o alumnado expón as tarefas e investigacións realizadas ao longo do curso, dende o luns 22 ata o martes 30 de abril.

Para comprobar o aprendido poden realizar o cuestionario en liña e tamén un adaptado para o alumnado de menor idade en soporte papel.

Haberá visitas guiadas á exposición e tamén xornada de portas abertas para familias e amizades o luns  29 de abril, en horario de tarde, de 16h a 18h.

Á caza da gralla

Un ano máis convocamos o Concurso de Ortografía Á caza da gralla. Solicitamos a axuda da comunidade educativa para detectar erros de ortografía na nosa contorna. Só é necesario fotografar a falta e corrixila na ficha que se achega, co nome da persoa participante e curso.

Cada participante poderá deixar en conserxería dúas faltas de ortografía ata o 15 de maio para entrar no sorteo dun E-Book que se celebrará o 16 de maio.

Boa e proveitosa caza!

 
 

Becas para Bacharelato e Ciclos Formativos

Ata o 10 de maio está aberto o prazo para solicitar as bolsas do Ministerio para cursar estudos nas ensinanzas de Bacharelato ou Ciclos formativos. Consultar o seguinte enlace:

Enlace á solicitude: https://www.educacionfpydeportes.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050130/ficha/050130-2024.html


No seguinte enlace aparece máis información sobre este tipo de bolsas: https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas/fp-bachillerato-otros/tipos-de-becas.html

Avalía: probas de diagnóstico

O 10 e 11 de abril terá lugar a avaliación de diagnóstico do sistema educativo galego, tamén no noso centro.

As probas serán realizadas polo alumnado de 4º Ed. Primaria e 2º ESO e serán totalmente anónimas e non terán ningún efecto académico.

Fíxose chegar a través do alumnado unha carta informativa. Para calquera dúbida contactade co centro.

Concurso de Fotografía Meteorolóxica

Con motivo do Día Mundial da Meteoroloxía, convócase a IV Edición do Concurso de Fotografía Meteorolóxica.

 

O alumnado interesado en participar poderá enviar un máximo de dúas fotografías, con pareado en galego, a meteocova@gmail.com. A data límite de entrega é o 22 de marzo. Consulta as bases completas aquí

Última hora!!! Aberta categoría de participación para o persoal do centro.

ACTIVIDADES NO DÍA DA PAZ

O 30 de Xaneiro conmemorouse o día da Paz.

O equipo de convivencia organizou diferentes actividades para todas as etapas:

  • ESO: no pavillón municipal, o alumnado de 4º da ESO colaborou na xestión de xogos cooperativos para toda a etapa.
  • PRIMARIA: no pavillón municipal, o profesorado regulou diferentes xogos polos que todo o alumnado foi rotando.
  • INFANTIL: nunha das salas do pavillón municipal este alumnado desfrutou de diferentes retos físicos organizados polo profesorado.

A xornada concluíu cunhas intervencións e lecturas referidas ao día da Paz e unhas pezas musicais do coro e conxunto instrumental do centro.

Agradecemos a todo o profesorado implicado a súa colaboración e esforzo.

Esta actividade está integrada en diferentes proxectos do centro: INCLÚE-T, CONVÍVE-T, EMOCIÓNA-T, IGUÁLA-T e PVAD

 

PROCEDEMENTO DE RESERVA PARA CENTROS ADSCRITOS curso 2024-25

 

PROCEDEMENTO DE RESERVA PARA CENTROS ADSCRITOS curso 2024-25

O alumnado matriculado en 4º ESO neste centro pode exercitar o seu dereito á reserva de praza para continuar os seus estudos no IES Primeiro de Marzo presentando a correspondente solicitude.

Prazo de presentación de solicitudes abranguerá:

do 15 de xaneiro ao 5 de febreiro de 2024

Forma de presentación:

Cubrir o modelo ED550A (reserva) e os respectivos anexos. Xunto coa solicitude e o anexo I-bis, deberá achegar o resto de documentación que fose precisa (libro de familia, ...). Deberá constar o consentimento expreso da outra persoa proxenitora, titora ou acolledora no anexo I-bis.

  1. Presentación electrónica: é preciso dispoñer dun certificado de identidade e sinatura dixital (como o certificado da Fábrica Nacional de Moneda e Timbre ou calquera outro admitido pola sede) ou un sistema de usuario e clave como a Chave365.

O modelo e os anexos estarán dispoñibles na aplicación AdmisionAlumnado

https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado

Cubrir o modelo anexo I-bis (comprobación de datos e consentimento), imprimilo, e unha vez asinado de forma manual pola outra persoa proxenitora, titora ou acolledora, escanealo.

A aplicación xerará un xustificante, que indica a data de presentación.

  1. Presentación presencial: no centro docente en que estea matriculado actualmente o alumnado. Na conserxería do centro facilitarase unha copia en papel ás persoas interesadas que o soliciten.

A solicitude de reserva é única para cada alumno/a, e ten carácter vinculante. A súa presentación implica que son certos os datos indicados nela.

Data de publicación do alumnado con posto reservado:

22 febreiro

 

O xurado do CPI de Cova Terreña falla o II Concurso de Postais en Lingua Galega

O xurado composto polos departamentos de Artes Plásticas e Visuais, Lingua e Literatura Galegas e Portugués, e mais o equipo de Biblioteca e de Dinamización Lingüística, fallaron na tarde do pasado luns 18 de decembro o II Concurso de Postais en Lingua Galega do CPI de Cova Terreña.

 

Todos os premiados e premiadas foron homenaxeados no Festival de Nadal que tivo lugar nesta quinta feira (xoves). Recibiron coma galardóns libros de lectura en lingua galega, pinturas de cores, bolsas e maletíns e chaveiros conmemorativos do 50 aniversario do CPI de Cova Terreña.

Un ano máis, o xurado quixo resaltar na súa acta a extraordinaria participación do alumnado de todos os niveis, amais da alta creatividade tanto para as composicións poéticas como para os deseños presentados.

Nos ficheiros adxuntos, amais dalgunhas imaxes, axúntase a acta do xurado.

 

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Xullo 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031