Club de Lectura "Baideler"

Conversa sobre "Ninguén queda"

No mes de abril xuntouse o grupo de lectura de adultos para conversar sobre Ninguén queda, de Brais Lamela. 

Neste libro, metade ficción metade ensaio, achegámonos á vida dos emigrantes, persoas a medio camiño entre o seu fogar natal e o seu lugar de residencia. Esa forma de vivir, sen encaixar de todo, mais conformando poboacións colaborativas chamou moito a atención. Tamén destacamos as descricións arquitectónicas das casas que fai o autor: a importancia da cociña como xermolo das rebelións ou o concepto da casa como refuxio ou zona de paso. 

Os procedementos de expropiacións levados a cabo para a construción de encoros deu moito que falar na reunión. 

Tras o coloquio, un café quentiño e un anaco de doce axudou a seguir formando grupo. 

Falamos de "Que me pare o corazón se te esquezo"

O 19 de febreiro reuniuse o grupo de 4º ESO para falar sobre a obra de Antía Yáñez, Que me pare o corazón se te esquezo.

 

Este libro gustou á totalidade dos integrantes e houbo case unanimidade á hora de escoller o personaxe favorito, Gabriel, debido á súa valentía e desexo de axudar. 

Un dos temas que trata o libro son os retos que se propoñen a través de Internet. Varios foron os motivos dos que se falaron que explican o éxito deste tipo de actividades: buscar a aceptación do grupo, ter un sentimento de pracer ao acabar unha tarefa,... En calquera caso, semella que as persoas que se ven atrapadas son na súa maioría persoas vulnerables. 

Para rematar, valoramos a capacidade da autora de transmitir odio/amor por uns e outros personaxes. Esta capacidade é a que fai que as lecturas enganchen ao lector. 

Agardaremos con devezo a visita da autora!

Recomendacións literarias

Varias alumnas do club de lectura participaron nun coloquio sobre recomendacións literarias, con achegas feitas por cada unha delas.

Saíron obras de todos os rexistros: clásicos como A historia interminable, de Michael Ende, imprescindibles da literatura xuvenil como Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa; históricos como Os nenos da varíola, de María Solar ou bestsellers como Alas de sangre, de Rebecca Yarros.

O resultado do encontro recollerase nun artigo no Faro da Escola no que participa o centro este curso.

"Un elefante na sala de estar"

O luns 22 de xaneiro reuniuse o club de lectura co grupo de 3º ESO para comentar Un elefante na sala de estar, de Berta Dávila.

A saúde mental deu moito de que falar, entre as motivacións das persoas suicidas e as posibles consecuencias. Os tabús tamén permitiron falar daqueles feitos agochados pola sociedade.

Da estrutura do libro, chamou a atención a narración a moitas voces, que lle permite á autora amosar moitos puntos de vista dunha única persoa, case coma se dun caleidoscopio se tratase, tal e como se referencia na propia obra.

Agardamos ansiosos a seguinte reunión...

Club de lectura adultos

O club de lectura de adultos do Cova Terreña bota a andar un curso máis, animando a participar tanto ao persoal do centro como ás familias.

A obra escollida como primeira lectura, Ninguén queda, de Brais Lamela, está a recoller numerosos premios e fantásticas críticas. Agardamos que guste de igual maneira entre os membros do club!

 

Primeiras lecturas

O resto do alumnado do club de lectura xa iniciou a andaina polas obras que desfrutaremos este curso.

O grupo formado por 1º e 2º ESO viaxará ao pasado da man de Ledicia Costas con Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.

As andainas do archicoñecido escritor Jules Verne están adobiadas cun mundo de fantasía incrible, mais non por iso menos fascinante. Realidade e ficción mestúranse nesta atraente historia para transportarnos ao pasado de Vigo.

Por outra banda, o alumnado de 4º ESO tratará unha temática moi actual con Que me pare o corazón se te esquezo.

Nesta obra, Andrea Maceiras faranos meditar sobre as redes sociais, o seu uso e os seus perigos.

Club de lectura 3º ESO

O club de lectura Baideler bota a andar un ano máis con novas lecturas. Os primeiros en reunirse foron os alumnos e alumnas de 3º ESO para acoller as novas incorporacións e facer o reparto dos exemplares. Neste caso, a obra escollida foi Un elefante na sala de estar, de Berta Dávila, gañadora do Premio Xerais Xuvenil do 2022.

un elefante na sala de estar (premio xerais xuvenil 2022)-berta davila-9788411100861

 

Esta autora, xa consagrada na literatura galega, achéganos ao mundo da saúde mental e do suicidio a través da emotiva historia de Rosa, contada a través dos seus familiares. Agardamos que desfruten coa lectura deste libro.

Verémonos de novo en xaneiro!

Ruta literaria por Vigo... con Pedro Feijoo!

O broche final do club de lectura de adultos tivo como invitado especial a Pedro Feijoo. Con el percorremos os escenarios que pisaron Simón e Mariña na novela Os fillos do lume. Marabillámonos coas obras arquitectónicas, laiámonos dos sinsetidos urbanísticos e descubrimos pequenos tesouros agochados nas rúas de Vigo.

Pedro, coa súa paixón pola historia, transmitiunos unha pílula do seu saber. O castelo de San Sebastián, a Casa do Francés, o Palacio de Bárcena ou os restos da muralla foron algunhas das paradas obrigadas desta ruta, que se iniciou na Porta do Sol, escenario tamén inicial da obra.

Inicio da ruta na Porta do Sol, aos pés do Sireno.

Restos do Castelo de San Sebastián

Observando os restos da murralla de Vigo

Pedro Feijoo diante da Casa da Collona (de onde veñen as expresións "Isto parece a Casa da Collona" e "Vai comer á Casa da Collona")

Observando a localización da desaparecida Igrexa da Misericordia, na actual Rúa Elduayen

Casa do Francés, onde se firmou a rendición do exército de Napoleón

 

Palacio Bárcena

 

Agasallos realizados en agradecemento polo tempo dedicado.

 

 

Festexamos o final de curso

Para rematar o curso, e como xa vai sendo tradición, xuntamos á rapazada dos catro cursos para facer unha comida de despedida. Pizzas e galletas conformaron un menú que só foi unha excusa para falar, rir e confraternizar.

Despois diso, cada grupo reuniuse para analizar os libros que pecharon o curso: A lebre mecánica de Ledicia Costas en 3º e 4º ESO e Contos por palabras de Agustín Fernández Paz e Cuentos de la selva de Horacio Quiroga en 1º e 2º ESO.

O libro de Ledicia Costas permitiunos falar fondamente sobre os problemas da ludopatía na sociedade actual, facendo especial fincapé no seu grupo de idade. As terribles consecuencias desta adición foron analizadas, así como cales son as medidas que se poderían tomar para reducir a súa incidencia. Tamén examinamos as casas de apostas, esas grandes fomentadoras deste problema, para saber cales son as súas estratexias.

Por outra banda, con respecto ao argumento do libro, gustou moito a técnica narrativa, moi próxima á súa realidade. Iso si, algúns cambiarían o final para que os protagonistas acabasen xuntos...

 

 

O grupo de 1º e 2º ESO despediu esta edición do Club de Lectura de 1º e 2º de ESO do curso 2022-2023 lendo e comentando a obra de dous grandes escritores, o contista, dramaturgo e poeta uruguaio Horacio Quiroga, e o mestre e escritor galego Agustín Fernández Paz.

Nas primeiras intervencións fixamos a nosa ollada en Contos por palabras, de Fernández Paz, un libro cheo de marabillosas historias que recollen a esencia do mellor contista italiano, Gianni Rodari. Fernández Paz era un mestre convencido do valor da lectura e da escrita nas aulas de literatura, e dos valores que os libros nos poden transmitir.

Por outra banda, a parada nos Cuentos de la selva, de Horario Quiroga, serviunos para ler un dos relatos que contén e admirar a marabillosa natureza que describe. Sen lugar a dúbidas, unha xornada inesquecíbel para todos os participantes do Club.

 

Libros para pechar o curso

Para pechar o curso, decidimos de novo unhas lecturas ben diferenciadas para os distintos grupos:

O club de lectura de adultos lerá Os fillos do lume, de Pedro Feijoo, con quen desfrutaremos dun paseo literario percorrendo os escenarios por Vigo da novela.

OS FILLOS DO LUME | PEDRO FEIJOO | Casa del Libro

 

O grupo de 3º e 4º da ESO adentrarase no mundo da ludopatía adolescente da man de Ledicia Costas, con A lebre mecánica. Cremos que esta novela, de ritmo rápido e linguaxe próxima a eles, lles ha gustar e lles servirá de desconexión nas últimas boqueadas do curso.

E xa para rematar, a rapazada de 1º e 2º ESO lerá dous clásicos de contos, un galego e outro en castelán: Contos por palabras (Agustín Fernández Paz) e Cuentos de la selva (Horacio Quiroga). Desexamos así aproximarnos a esta forma de escrita, de fácil lectura, coa que desfrutamos sempre.

 

 

 

Encontro con Antía Yáñez

O 27 de abril o club de lectura de adultos (integrado por profesorado, familias de alumnos/as e persoal non docente da escola) tivo un encontro con Antía Yáñez.

 

Tivemos a sorte de poder conversar coa autora de Non penses nun elefante rosa sobre a saúde mental, tema central do libro. Este tema toca moi de preto á propia autora xa que ela mesma sofre o Trastorno Obsesivo Compulsivo. Con esta obra, buscaba entre outras cousas visibilizar unha condición que moitas veces é tabú ou se trata dende o punto de vista cómico (imaxe derivada de numerosas películas e series).  Serviulle tamén a modo denuncia do actual sistema de saúde, que carece dos medios suficientes para tratar de xeito axeitado a estas persoas. A este respecto, hai dous anos escribiu un artigo de opinión na revista Luzes, que podes consultar aquí.

Outros aspectos sobre os que falamos foi a súa técnica de escrita, na cal revisa a obra e vai introducindo cambios continuamente (na versión preliminar, a nai de Brais non aparecía ata case o final, por exemplo). Tamén das dificultades que atopou a hora de rematar o libro. Quizais ese foi o motivo polo que a escrita desta obra a fixo en diferentes momentos, con paróns nos que mesmo escribiu outras obras. Amén diso, Antía explicounos como é o proceso no que os escritores presentan o seu traballo aos concursos.  

Para rematar a tertulia, nada mellor ca un café e uns doces, onde seguimos a debater sobre temas moi variados, coma os ventres de aluguer.

 

Xuntanza club de lectura

Na tarde do luns 17 de abril tivemos ocasión de partillar impresións co alumnado de 1º e 2º de ESO a respecto da obra teatral O achado do castro, de Manuel Núñez Singala, co gallo da xuntanza do Club de Lectura Baideler. Esta comedia, que analiza moitos temas do noso mundo actual, remítenos á época do Imperio Romano, época en que está ambientada. Durante o debate as alumnas e alumnos amosáronse entusiasmados coa obra, xa que lles resultou moi divertida, e por outra banda pareceulles moi doada de ler. Tamén demostraron o seu interese por levala a escena. Sen dúbida, un acerto a proposta de Emilio Cambeiro neste trimestre para estes cursos.

Por outra banda, o grupo formado por 3º e 4º da ESO reuniuse para debater sobre A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville. Falamos sobre as sentenzas imaxinativas que pode establecer un xuez partindo do caso que narra o libro. Tamén nos deu para falar sobre os secuestros de nenos recén nacidos e ventres de aluguer, tan en voga estes días. E malia que o final resulta predecible, a obra gustou entre os lectores.

Axiña habemos comezar coa seguinte lectura!

Reunión club de lectura

Para o grupo formado por 1º e 2º ESO, este ano escollemos para ler... Teatro! O achado do castro é unha obra escrita por Manuel Núñez Singala que nos traslada de forma maxistral ao Imperio Romano. Con este libro, que mestura o humor coa crítica, agardamos acertar entre os nosos lectores e lectoras!

 O ACHADO DO CASTRO | MANUEL NUÑEZ SINGALA | Casa del Libro

Novo curso en Baideler!

Despois do tan merecido descanso do verán e dun inicio de curso frenético, volvemos con máis ganas ca nunca ao club de lectura Baideler.

O grupo para adultos da escola vai comezar con Non penses nun elefante rosa, de Antía Yáñez.

NON PENSES NUN ELEFANTE ROSA | ANTIA YAÑEZ | Casa del Libro

Esta novela, que fala sobre a saúde mental, seguro nos ha brindar un interesante coloquio e intercambio de pareceres na reunión que celebraremos en marzo. Xa cara o terceiro trimestre, seguiremos con Os fillos do lume, de Pedro Feijoo, con quen estamos xestionando unha ruta literaria polos escenarios da novela.

O grupo de 3º e 4º da ESO xa botou a andar tamén antes do nadal, co libro A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville. Agardamos que os misterios que agocha a vida dunha das protagonistas enganche aos lectores!

A CAIXIÑA DOS RANCORES: VIDAS CRUZADAS | HECTOR CAJARAVILLE | Casa del Libro

Axiña vos contamos as lecturas dos máis pequenos!

 

Última reunión do curso do club de lectura de 2º da ESO

O pasado luns 20 de xuño o club de lectura de 2º da ESO xuntouse para o seu derradeiro encontro deste curso e falarmos do libro Percy Jackson, el ladrón del rayo de Rick Riordan.

Esta historia, que se alimenta da mitoloxía clásica,  enfeitada con grandes doses de comicidade flúe de xeito ameno para nos narrar a vida dun rapaz disléxico que non se sente encaixar en ningures. No seu percurso cara ao autocoñecemento vai encontrando amigos, sumando experiencias e aceptándose.

Mais a historia non estivo exenta de controversia, pois a lectura da obra suscitou tanto apaixonados/as dese mundo máxico como detratores/as das obras de carácter fantástico. Unha boa oportunidade, abofé, para debater sobre as tipoloxías literarias e os gostos persoais de cadaquén.

Até o vindeiro ano!

 

 

 

Última reunión do curso do club de lectura de 1º da ESO

O pasado luns 13 de xuño o club de lectura de 1º da ESO xuntouse para o seu derradeiro encontro deste curso e falarmos do libro Contos para nenos peculiares de Ranson Riggs.

Este compendio de dez contos estraños e marabillosos, que forman parte do universo de Miss Peregrine, descubriulle á rapazada historias habitadas por caníbales, princesas de lingua bífida, rapazas amigas de pantasmas, persoas que se converten en illas, etc. E, partindo destas historias tan peculiares, compartimos experiencias e pareceres e reflexionamos sobre os desexos, os anhelos, os soños e os temores.

 

Até o vindeiro curso! 

 

 

 

 

 

Lecturas terceira avaliación

Neste curso que xa remata, non podiamos deixar as lecturas do club de lado. Por iso fixemos unha selección moi variada para dar gusto aos distintos grupos.

O grupo de 1ºESO lerá Contos para nenos peculiares, de Ransom Riggs. Unha escolla de relatos curtos, con diferentes ensinanzas, que esperamos guste.

Para o alumnado de 2º e 3º ESO seleccionamos o libro de aventuras de Percy Jackson y el ladrón del rayo, unha obra de fantasía, ideal para rematar este curso tan complicado agora que se nos xunta o traballo...

E non nos esquecemos do grupo de profesorado, para o cal seleccionamos unha obra que trata un momento histórico que nos toca ben preto a moitos e moitas: a Reconquista de Vigo. Para tratar este feito, nada mellor ca obra Os fillos do lume, de Pedro Feijoo.

Vémonos ao final do curso, para os distintos encontros!

Lecturas e debate sobre "Non cantan paxaros neste bosque"

A rapazada do club pertencente a 2º e 3º da ESO  tivo un encontro antes do merecido descanso de Semana Santa para compartir ideas e opinións sobre a lectura da segunda avaliación: Non cantan paxaros neste bosque, de Carlos Negro. As distintas aproximacións que fai o autor ao relato vinculado sempre á morte e, nalgúns casos, mesmo ao medo, gustou entre os alumnos e alumnas. Nos contos sempre hai unha relación co máis alá, moitas veces de maneira velada e sutil, mais outras de forma crúa.

O formato do libro mesmo nos permitiu a lectura compartida de dous dos seus relatos máis breves, coma A despedida. Nel fálase sobre a morte por enfermidade e como esta se pode representar de xeito metafórico.

Visita de Bibiana Candia ao centro

O 23 de febreiro tivemos a sorte de recibir no centro a Bibiana Candia, autora de Azucre. Neste libro, narra a historia dos galegos escravos, á cal chegou a través dun documental da TVE2 titulado Gallegos por esclavos. Tras a documentación que unha obra histórica como esta merece, escribiu este libro que o grupo de profesores e profesoras do club de lectura tivemos o pracer de desfrutar.

Malia a crueldade do que a historia relata, resulta curioso que na tradicón oral galega non persistise a existencia destes 1700 rapaces do rural, levados baixo engano a gañarse uns cartos para sacar da miseria ás súas familias. Mais en Cuba si se mantiveron as historias dos escravos de ollos azuis, os únicos aceptados nos grupos de Cimarróns.

Nesta obra, con múltiples narradores, destaca a narración de momentos álxidos, como flashes que perduran na memoria. As voces están escritas moitas veces como torrentes, incluso pisándose, deixando ver unha narración en colmea que trata de reflectir un relato conxunto.

Coa escolla do título a autora xa amosa unha declaración de intencións en canto ao idioma se refire. Tomándose a licenza de mesturar idiomas, pretendeu transmitir que os conceptos perduran aínda que muden as palabras.

 

Que andarán argallando?

O alumnado participante no club de lectura de 1º ESO quedou o pasado 21 de febreiro para continuar co proxecto que os ocupa. E como é un segredo... non quedou rexistro en imaxes! Agardamos ter noticias axiña para poder adiantar o que artellan Risa

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031