Club de Lectura "Baideler"

Que andarán argallando?

O alumnado participante no club de lectura de 1º ESO quedou o pasado 21 de febreiro para continuar co proxecto que os ocupa. E como é un segredo... non quedou rexistro en imaxes! Agardamos ter noticias axiña para poder adiantar o que artellan Risa

Seguimos con máis lecturas

Para a segunda lectura do grupo de  2º e 3º ESO escollemos un libro de Carlos Negro. De entre a abultada obra deste autor, quedamos con Non cantan paxaros neste bosque, un libro cheo de misterio que cremos que vai gustar á rapazada.

Xuntanza sobre Iridium

O grupo do club de lectura formado polo alumnado de 2º e 3º da ESO puido reunirse malias as desfavorables condicións sanitarias o derradeiro luns do trimestre.

O libro desta avaliación foi Iridium, de Francisco Castro. Esta novela tivo unha moi boa acollida debido á temática que trata (diferente ao que adoitan ler) e á súa curta extensión, que facilitou a súa lectura.

A maneira na que se fala dos sentimentos da protagonista, Iris, explicando o seu punto de vista para encarar unha situación realmente complexa, permitiu que os participantes fosen posicionándose sobre como vivirían eles esa mesma circunstancia. As relacións entre os personaxes e mesmo a identificación dos distintos estereotipos tamén deron xogo para o debate.

Por outra banda, as diferentes tipoloxías que representan correos, conversas de Whatsapp, etc. deron a posibilidade de falar sobre o que transmitían.

 

Noa, María, Martín, Miguel, Loren, Yago, Pedro, Breogán, Aroa, Clara, Emma, Carolina e Marta, acompañados dunha proferora.

 

 

 

Charla Carta de inverno

O pasado luns 13 de decembro, reunímonos para falar sobre o libro Cartas de inverno, en versión novela gráfica, de Antonio Seijas. Esta primeira reunión co grupo de 1º da ESO deu para moito xa que, ademais de intercambiar opinións sobre un libro que "hai que ler de día" pola sensación de medo que transmite, foi o xermolo dun proxecto a maior escala do que vos manteremos informados!

 

Estela, Lucía, Bruno, Aitor, Adri, Lía, Xiana, Uxía e Ainoa, acompañados de dúas profesoras.

Parabenización dos sapoconchos lectores e visita do Apalparuga

Para desexarvos un moi feliz Nadal os nosos sapoconchos lectores queren transmitirvos os seus bos desexos para esta época natalicia.

Alén diso, nesta ocasión as tartarugas reciben a visita dunha personaxe moi especial.

 

Boas festas e mellor ano novo!!

 

 

Inicio do curso no club de lectura Baideler

Ao longo do mes de novembro iniciaron as súas andanzas os grupos de lectura do alumnado, con reunións de reencontro unha e de novas experiencias a outra.

Por unha banda, alumnas e alumnos de 1º da ESO uníronse para gozar da primeira lectura proposta: Cartas de inverno na versión de novela gráfica de Antonio Seijas. Con este libro, o obxectivo é dar a coñecer novos formatos a través dun clásico que sempre gusta.

Bruno, Antía, Xiana, Lía, Aitor, Adri, Lucía, Ainoa e Uxía.

 

Por outra banda, o grupo formado entre 2º e 3º da ESO supuxo unha xuntanza de caras coñecidas, xa que moitos deles repiten a experiencia do curso pasado. Para eles, a obra escollida foi Iridium, de Francisco Castro. Esta obra, moi sinxela de ler, achegará interesantes temas ao debate, con cuestións moi próximas ás súas vivencias do día a día.

 

Martín, Emma, Marta, Clara, Estela, Loren, Miguel, Pedro, Yago, Breogán, Aroa, Valentina, Noa, Gloria e Nadia

Selección de lecturas para Samaín

Bo día, 

O equipo de biblioteca, en colaboración coa Estadea, facilítavos unha listaxe de obras de lectura axeitadas para celebrar o Samaín ou o Día de defuntos

 


 

Un saúdo espectral,

O equipo de biblioteca

Samaín lector

No día das bibliotecas os nosos sapoconchos andan a preparar o día de defuntos ou Samaín e as lecturas que nos van propoñer para pasalo de medo

Felices lecturas neste día de néboa mesta e orballo.

Enviando Cartas...

Na última reunión do curso coa rapazada de 1º da ESO falamos de Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. Este clásico da literatura galega fai unha aproximación á literatura de misterio e medo, homenaxeando aos libros de H.P. Lovecraft.

A técnica epistolar, con distintos narradores, chamou a atención entre o alumnado, permitindo un interesante intercambio de pareceres. Por  outra banda, as sensacións de desacougo que transmite o autor nesta inquietante obra produciron opinións encontradas entre os lectores.

A mansión de Doroña, a súa historia na vida real e as lendas de mouros, tan presentes na nosa cultura, foron analizadas polos rapaces e rapazas. Tivemos a ocasión tamén de poñernos no papel dos personaxes principais e especular sobre a nosa actuación: abandonariamos ao noso amigo ou iriamos ao seu rescate? Houbo ideas para todos os gustos...

 

Esta reunión constituíu un punto e seguido nas andanzas do club. Esperamos continuar o próximo curso!

Despedimos unha xeración

 

A última reunión do club de lectura de 4º da ESO foi especial, xa que con ela comezamos a despedida dun grupo que abandona o centro.

 

As alumnas que leron Anne, a de Tellas Verdes desfrutaron dunha novela que conseguiu remexer as súas conciencias a través da súa indiscutible protagonista. Un dos trazos que máis salientaron foi a desbordante imaxinación que posúe e que, ás veces, chega a desbordarnos como lectores. Mais... que se agocha detrás? Unha infancia marcada polo seu paso polo orfanato e que deixou unha fonda pegada na súa forma de entender a vida. Neste sentido, a protagonista deixa ás claras a importancia das pequenas cousas: o piar dos paxaros, o abrente, os raios do sol ou a brisa das montañas.

 

Nesta liña agroma tamén a importancia da amizade, especialmente a través do vínculo que mantén con Diana, unha moza que pertence a un mundo totalmente oposto ao de Anne, o que nos permite ver a diferenza de clases sociais que existe entre ambas pero que a forza do amor non foi quen de vencer.

 

Outros dos elementos que máis chamou a atención do alumnado foron as figuras antagónicas dos mestres que acoden á escola e como o "incendio" do edificio e da pequena imprenta se converte nunha gran metáfora do rexeitamento que provocaba en Tellas Verdes o novo modelo pedagóxico da nova mestra.

 

Por outra banda, a lectura de Infamia produciu reaccións encontradas entre a rapazada. A crúa descrición dos distintos tipos de relacións que se poden dar entre as persoas, tanto de amizade coma de amor, permitiunos tomar conciencia dos peores trazos da humanidade. Personaxes coma o Inspector Arias, que manexan ó seu antollo a todo aquel que o rodea, espertaron un sentimento xeralizado de repulsa. Porén, outros personaxes secundarios non foron considerados necesarios para o desenvolvemento da trama. Ademais, o final tan aberto non callou entre o alumnado, xa que non están afeitos a este tipo de estruturas.

 

 

Rematamos o curso con...

éxitos garantidos!

O grupo do club de lectura de 1º da ESO remata o ano cun clásico da nosa literatura: Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz.

O grupo de 4º da ESO está lendo unha obra recente cunha moi boa acollida e cunhas críticas excelentes: Infamia, de Ledicia Costas.

 

Visita de Fran P. Lorenzo

O club de lectura do profesorado tivo o pracer de contar coa presenza de Fran P. Lorenzo o pasado 30 de abril.

 

Fran está licenciado en Xornalismo pola USC e traballou nas cabeceiras de distintos xornais galegos. Con Cabalos e lobos gañou o premio Blanco Amor no 2014. Esta obra está ambientada en Vigo co fondo histórico da I Guerra Mundial e do franquismo español. Parte, por tanto, dunha historia privada que é colectiva: a memoria histórica da influencia desa Alemaña nazi en Galicia.

É tamén unha novela multidisciplinar, na que atopamos múltiples referencias a diferentes manifestacións artísticas como a música, a ópera, o teatro, a arquitectura ou a fotografía, sen esquecernos as constantes referencias literarias que agroman ao longo da novela.

Este libro, que tardou uns catro anos en chegar á imprenta, ten detrás un rigoroso traballo de investigación que lle permite reflectir fielmente importantes momentos da historia da cidade coma a presentación de Gone with the wind ou as manifestacións dos traballadores da fábrica de Citroën no 1972.

Os personaxes gardan dunha maneira ou doutra escuros segredos que marcan as súas vidas. Todos agás Thomas, xa que, nas palabras do propio autor, merecía achegar luz á historia. Outras, coma Delfina, son peóns importantes á hora de salvagardar o sentido de ser familiar. Ademais, a través dela é como se ve inicialmente a outra cara de Gloria. Esta amosa unha coiraza cara ao exterior, que nos despista dende o principio da trama ata a resolución final da obra.

As conclusións desta lectura son moitas e tan variadas como a persoa que dela goce. Podemos sinalar as oportunidades perdidas polas nosas accións (ou inaccións), a cara oculta das persoas debido ás súas vivencias, etc.

Contos para nenos peculiares

A segunda lectura do club de 1º da ESO  foi Contos para nenos peculiares, de Ransom Riggs.

CONTOS PARA NENOS PECULIARES | RANSOM RIGGS | Casa del Libro

Nun mundo ficticio, de imaxinación desbordante, atopamos historias como as que aquí se escriben. Contos nos que podemos facer dúas ou tres lecturas e atopar sempre pormenores fascinantes e imprevistos.
Entre os relatos que máis gustaron, podemos destacar os Caníbales espléndidos, onde xa o título nos deixa entrever as extravagancias que se contan. Máis aló do disparatado que pode ser que unhas persoas coman as outras ou que estas rexeneren os seus membros, atopamos aquí unha vívida metáfora do mundo capitalista en que nos movemos, trampas incluídas.
O tema que trata a historia de A princesa que tiña a lingua bífida, enfócase en como os prexuízos e as intolerancias sobre o diferente poden afastar de nós ás persoas que nos rodean. Aínda así, hai xente que é quen de sobrepoñerse a estas situacións sen caer en malos modos coa súa contorna nin tomar accións de vinganza.
En conclusión, esta obra fornécenos duns coñecementos e valores moi necesarios no noso xeito de interactuar socialmente que nos afastan do egoísmo e o individualismo imperante.

Entre dúas adolescencias

Coas lecturas de 4º da ESO, puidemos achegarnos a dúas adolescencias ben diferentes con Anne, a de Tellas Verdes e Iridium.
En primeiro lugar, de Anne chamounos a atención a súa forma de vida, tan afastada do noso día a día, sen luz nin ducha! Seguir os seus pensamentos foi como subirse a unha montaña rusa de emocións: nun momento dramática e noutro exuberante. Houbo cuestións peculiares sobre a protagonista que nos causaron grande interese, como a súa teima co seu aspecto físico ou o seu costume de falar cos obxectos inanimados. Alegre, intensa e necesitada de encher a gran soidade que sempre sentiu por ser unha nena orfa incomprendida, refuxiouse na literatura, a mesma que empregamos para nos evadir desta pandemia, para se aferrar á cordura, aínda que en ocasións esa súa cordura ten uns límites difusos e resulta excéntrica e excesiva, rozando a loucura.
Por outra parte, en Iridium encontramos un relato breve e descarnado da loita interior que sofre unha rapaza, logo dun accidente que muda por completo a súa vida, para afrontar as consecuencias e procurar de novo o seu lugar cando a súa percepción sobre a vida e as perspectivas de futuro cambian radicalmente. Da obra gustou a forma en que o autor ficcionou a discapacidade, sendo quen de reflectir unha sociedade que adoita deixarse levar polos prexuízos e o vitimismo. Sentímonos moi identificadas e identificados co relato que a protagonista fai do uso das redes sociais, como un mecanismo de desconexión da realidade que permite finxir unha vida feliz sustentada por likes. O final, tan aberto e diferente ó esperado, resultou francamente sorprendente.

Cociñando... entre defuntos

Como a lectura era Escarlatina, a cociñeira defunta, prestábase a falar sobre os éxitos e fracasos das receitas que nos ensina Román, o protagonista do libro. Tamén tivemos tempo para falar sobre personaxes que botamos de menos na saga, que lle preguntariamos á autora se tivésemos a oportunidade de entrevistala e impresións sobre o libro.

Para rematar este encontro, que mellor ca degustar unha das doces receitas do libro? Das que tivo éxito, claro Guiño

Vémonos na seguinte!

 

Club de lectura, a nosa selección

Tocounos vivir un curso atípico... mais non por iso imos deixar de desfrutar dos libros. Un ano máis, o club de lectura Baideler retoma a súa actividade cunha selección moi variada de libros, aptas para todos os gustos.

E velaí vai a selección para os distintos grupos do club:

Seguro que gozaremos deles!!

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031