Rosalía de Castro

Na procura de Rosalía...

O alumnado de 3º de ESO gozou o pasado xoves 3 de novembro dunha visita inesquecíbel á que foi a casa de Rosalía de Castro en Padrón, a Casa da Matanza. O alumnado, acompañado dos profesores María J. Torres (Lingua Castelá), Asun (Bioloxía) e Emilio Cambeiro (Lingua Galega), puido achegarse a un dos espazos máis senlleiros da vida da nosa escritora universal, lugar onde faleceu o 15 de xullo de 1885, e que aínda conserva moitos dos seus elementos persoais e familiares.

A visita, custeada integramente pola Deputación de Pontevedra dentro do programa "Rosalía, a súa casiña, o meu lar" do servizo de Patrimonio Material e Memoria Histórica, serviu tamén para coñecer outros espazos dos arredores, como o Xardín Botánico de Padrón, onde o alumnado tivo a oportunidade de recoñecer algunhas plantas grazas ás fichas elaboradas pola profesora Asun.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer