3º ESO

Convocatoria axudas STEMweek

A Consellería de Educación convoca a STEMweek, actividades formativas STEM en lingua inglesa, (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa e da competencia científico-tecnolóxica do alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria matriculado en centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia.

quendasstem

O lugar onde se realizará esta actividade será o CRD da Coruña (Centro Residencial Docente, Burgo-Acea de Ama, s/n, Culleredo 15670), en réxime de internado de domingo ao sábado seguinte.

En cada quenda, o alumnado entrará o domingo entre as 18.00 e as 19.30 horas e sairá o sábado entre as 12.00 e as 13.30 horas. As familias ou titores legais dos menores serán os responsables de levar e recoller o alumnado ata o lugar de realización da actividade, e os gastos que isto ocasione serán a cargo deles. O resto das actividades será gratuíto para o alumnado adxudicatario das prazas ofertadas.

Persoas beneficiarias e requisitos:
a) Estar cursando 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria, en centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2017/18, na Comunidade Autónoma de Galicia. 
b) Ter superadas todas as materias no curso 2016/17. De ser adxudicada unha praza obxecto desta convocatoria a un/unha alumno/a de 4º de ESO que non teña superadas todas as materias do curso 2017/18, deberá renunciar a ela. 
c) Ter acadado no curso 2016/17 unha cualificación mínima de 6 na materia de inglés.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario ED504G dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
prazo estará aberto ata o 12 de xullo de 2018
Máis información no DOG do 12 de xuño de 2018 e en www.edu.xunta.es 
Enderezo electrónico: stemweek@edu.xunta.es

Lúa `Mosquetera' presenta o seu poemario, "Rasrás"

 

Cando o profesor David de Río propuxo que unha xoven poeta de Miño viñese a falar de poesía ao noso alumnado, unha chea de recordos acudiron á nosa memoria. 

A "mosquetera" que agora nos propón duelo literario á lúz da lúa flotaba ben viva na nosa memoria dos primeiros anos do século XXI. Indistinguible, para os menos observadores da súa irmá Zeltia, cursaba o Bacharelato nas aulas do Francisco Aguiar. Acordámonos de Lúa e Zeltia como activas escritoras; incansables colaboradoras da profesora Concha Delgado; Lúa  gañadora, xa daquela, dalgúns prestixiosos premios literarios escolares. Sempre na biblioteca esculcando entre o mellor da literatura. 

En abril de 2005 Lúa Mosquera Tenreiro (Alumna de 1º BAC) obtivo

o accésit en narrativa do Premio Minerva convocado polo Colexio Peleteiro de Santiago.

 

Pouco despois as inquedanzas artísticas orientáronse ao mundo do deseño de moda cunha interesante aposta de emprendemento, a casa Nicanora(enlace).

 

E agora ( 6 de xuño do 2018) , atopamos a Lúa de regreso ao Aguiar para presentar un emocionante libro de poemas.

Para falar de poesía ao alumnado novo.

Para ser ela mesma a que agora avive o entusiasmo pola literatura (pola verdade) recibido entre estas mesmas paredes. 

Para presentar a súa obra: "Rasrás"

 

booktrailer de "Rasrás"

'O galego, a miña lingua propia' con Monoulious Dop

 

'O galego, a miña lingua propia'

 

Temos unha lingua que é moi rica e é nosa. Nela pódese facer ciencia, arte, cantar, debuxar e amar. O galego é a nosa lingua propia, un idioma en que se pode facer banda deseñada, rapear, ligar ou viaxar polo mundo enteiro. O galego é a nosa lingua propia e queremos gabarnos dela, porque si, porque nos peta. E temos exemplos abondo nos que nos reflectir!!!!

Potenciar o uso asiduo do galego en todos os ámbitos da vida e afortalar a identidade lingüística da poboación moza, estes son dous dos obxectivos trabe da nova campaña de dinamización lingüística lanzada pola Deputación da Coruña, e que o 24 de maio chega ao IES Francisco Aguiar da man do divertido grupo Monoulious Dop

A presente campaña diríxese á xente nova á que quere ofrecerlle referentes atraentes para ela, por mor da súa actividade pública e que, ademais, sexan ou poidan constituírse tamén en referentes en canto ao uso da lingua e ás actitudes de compromiso cara a ela. Un proxecto ambicioso e ilusionante e que lle trasladará á mocidade o positivo de empregar o galego, en todos os ámbitos da vida como o fan nos seus respectivos as xentes que forman parte do proxecto en primeira persoa, mais abre a participación a todo o persoal técnico, profesorado, e alumnado que participará de xeito activo, aprendendo e gozando con profesionais de ámbitos tan variados como a música, a literatura, as artes plásticas, o audiovisual, a comunicación, o mundo da moda ou a sanidade, todas elas co galego como lingua propia

'O galego, a miña lingua propia' pon en valor que temos un idioma propio, para convencer á mocidade de que o incorpore á súa vida cotiá; tamén busca reafirmar o uso da lingua en mozos e mozas que a usan só nalgúns contextos, crear demanda de falantes de galego, promover a sensibilización idiomática e en definitiva fomentar unha actitude positiva dos e das adolescentes fronte á lingua, gozando con ela de todas as actividades propostas.

 

Coordina e promove no noso Instituto,  O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e o Departamento de Lingua e Literatura Galega

Recuperación Cardiopulmonar na aula

 

 O Departamento de Educación Física, desta volta coa iniciativa e coordinación de Leonardo Piñeiro organizou unhas sesións de Recuperación Cardiopulmonar (RCP) para alumnado de 3º da ESO.

Grazas ao convenio asinado polas Consellerías de Sanidade e Educación , RCP na aula chega ao noso IES nos derradeiros días do mes de febreiro.

RCP NA AULA xurde no marco do Plan Proxecto Deportivo de Centro ( xunto coa introducción ao piragüismo) co obxecto de impartir formación en soporte vital básico a todo o alumnado participante no proxecto e aberta tamén a todos os membros da comunidade educativa. Ensinar o funcionamento dos desfibriladores semiautomáticos externos permite ao noso alumnado formar parte do rexistro de reanimadores voluntarios da comunidade.

 

 

Mulleres betanceiras hoxe

 

O alumnado do Instituto Francisco Aguiar participou no concurso fotográfico “O papel das mulleres betanceiras hoxe” con 21 fotografías, reflexo de diferentes roles da muller na sociedade actual, organizado pola Concellaría de Servizos Sociais

 

O xurado seleccionou tres primeiros premios baseándose nos criterios técnicos, de orixinalidade e de adecuación a temática do concurso. Ademais, outorgáronse dúas mencións especiais e seleccionáronse as fotografías que formarán parte dunha exposición inaugurada no Liceo o 24 de abril baixo o título “A muller en Betanzos, dous séculos” na que se representará a evolución do papel da muller a través de imaxes tanto actuais, seleccionadas mediante este concurso, como antigas do arquivo municipal.

1º premio: Sofía Covadonga Burguet Carro. 3º ESO IES Francisco Aguiar.
2º premio: Marta Núñez Fernández. 3º ESO IES Francisco Aguiar.
3º premio: Paula Quintián Sánchez. 3º ESO IES Francisco Aguiar.
Mencións Especiais:
Omar Dans Castro. 3º ESO IES Francisco Aguiar.
Mateo Río Pérez. 3º ESO IES Francisco Aguiar.

Parabéns ao Concello de Betanzos pola iniciativa, aos nosos alumnos e ao seu profesor Xosé Manuel Rey Bao.

Introducción ao piragüismo e, por certo, chegou aos nosos oídos...Carlos Arévalo

 

Nun intento máis do Departamento de Educación Física  de potenciar o deporte máis aló das disciplinas máis ou menos omnipresentes na nosa época, agora propoñen ao alumnado de 3º da ESO unha introducción ao piragüismo.

Hai tamén nesta proposta o desexo de potenciar deportes que son perfectamente accesibles ao noso alumnado porque hai clubs na propia loicalidade que os desenvolven. O Club de Piragüismo Ría de Betanzos é unha entoidade de sobra asentrada en betanzos, e que deu grandes figuras a este deporte como o noso ex Carlos Arévalo ( Por certo,  chegou aos nosos oídos.... que Carlos acaba de acadar o campionato na Copa de España de k1 200 metros .

Na foto, á esquerda,  Carlos  compartiendo pódium con  dos fieras , @juan_oriyes y @marcuscooperwalz .

 

Pois ben, nos vindeiros luns 7 e 14 de maio entre as 9,30 e as 11,30, os alumnos e alumnas de ESO 3º B e D acompañados polos profesores Leonardo Piñeiro e David del Río  e cun nutrido grupo de monitores expertos ( 1 por cada 10 alumnos) terán ocasión de achegarse e disfrutar diste fermoso deporte.

Máis adiante os días 10 e 16, no mesmo horario, serán os grupos A e C os que realicen a actividade.

Está tamén prevista a participación, cunha única sesión do alumnado de 1º ESO nos días 22 e 24 de maio. 

Encontro musical en Vigo 26.IV.2018

O vindeiro xoves, 26 de abril, o Departamento de Música propgrama unha saída didáctica con alumnado de 3º e 4º da ESO.

Trátase dun encontro de grupos de música doutros institutos de Galicia que terá lugar en Vigo.

Acompañados polos profesores Blanca Bello e José Antonio Leira partirán cedo, arredor da 8.00 do noso instituto.

Que sexa fructífera a experiencia!

Exposición "A muller en Betanzos, dous séculos"

 

Felices por seren parte dista emocionante iniciativa do Concello de Betanzos. Exposición fotográfica "A muller en Betanzos, dous séculos". A mostra supón un percorrido polo papel da muller desde o século pasado e ata hoxe.

Para lograr este obxectivo a exposición contará con fotos do Arquivo Municipal que permitirán ofrecer unha visión da vida en Betanzos hai máis de 100 anos, xa que a foto máis antiga é de finais do século XIX. A estas imaxes contrapóñense as fotografías actuais que realizou o alumnado do IES Francisco Aguiar e que foron seleccionadas polo xurado do concurso fotográfico “Ou papel dá muller betanceira hoxe”. A inmensa maioría das fotos participantes foron do alumnado de 3º da ESO da materia de Educación Plástica e Visual coa animación e coordinación do profesor Xosé Manuel Rey Bao.

A entrega de premios realizarase o mércores 25 de abril na Sala de exposicións do Liceo, coa mostra xa inaugurada.

Na exposición fotográfica plásmanse temas de gran actualidade como a conciliación, as reivindicacións feministas, a coeducación, o teito de cristal, a presenza de mulleres en profesións masculinizadas ou os empregos invisibles que supoñen a crianza dos / as fillos/ as e as tarefas do fogar.

A mostra fotográfica poderá visitarse na sala de exposicións Jesús Núñez do Liceo ata o 12 de maio en horario de 10:00 a 13:00 h e de 18:00 a 20:30 h días laborables, e de 11:00 h a 14:00 h os sábados.

http://novas.betanzos.es/o-concello-de-betanzos-organiza-a-exposicion-fotografica-a-muller-en-betanzos-dous-seculos/

 

Obradoiro de Poesía Escrita, por Apiario. 25-26.IV.2018

 

Grazas á colaboración entre o Equipo de Normalización e Dinamización Linf¡güística que coordina Xan Munín no noso instituto, e o  Servicio de Normalización Lingüïstica do Concello de Betanzos, o mércores 25 e o xoves 26 dous grupos de 3º de ESO ( 3º D e 3º C respectivamente) poderán participar nun obradoiro de poesía escrita.

A actividade estará dirixida por unha das compoñentes do colectivo Apiario, Antía Otero que deste xeito explica a súa proposta para o noso alumnado:

Ante a grande barreira que soe provocar tratar a poesía co alumnado, este obradoiro busca desmitificar multitude de tópicos que xorden neste xénero.

Afrontando a sesión dende o sensorial e o interdisciplinar, a través do debate colectivo ao redor das nosas experiencias, do emprego da propia voz para escoitar as palabras no eco, da relación que se crean entre elas na sinestesia e noutros recursos estilísticos... achegarémonos ao misterioso xogo e á revelación que proporciona a poesía, para chegar á escrita colectiva na segunda parte do encontro.

A sección bilingüe en Navantia. 24.IV.2018

O martes 24 de abril a  sección bilingüe de matemáticas en 3º e 4º da ESO visita as instalación de Navantia en Ferrol.

Coñecer o mundo do mar e da construcción marítima da man dos expertos, e con explicacións en inglés, é o plan que os alumnos e alumnas da nosa sección bilingüe teñen para este martes. Completarán a xornada cunha visita a Pontedeume. Estarán, en todo momento, acompañados polos seus profesores Elvira Charlín e José Antonio Varela.

Distribuir contido