3º ESO

Infomación xuvenil

O vindeiro martes 3 de marzo a responsable do  Espazo Xoven de Betanzos ( Mª José) e un técnico (Borja) da  Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (dependente da Consellería de Traballo e Benestar), levarán a cabo no noso IES unha serie de charlas para informar de actividades organizadas pola susodita Direccción Xeral cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do ocio, do tempo libre, e a formación.

Os alumnos e alumnas de todos os grupos de 3º e 4º da ESO recibiran estas charlas informativas nas súas aulas ao longo da mañá.

Oh là là. Viaxe cultural a París de alumnos e alumnas de 3º da ESO. 19 a 23 de febreiro.

 

 

 

21.02.2015

 

 

Hoxe, sábado 21, fomos andando do hotel ata o barrio de Montmarte. Atopámonos outra vez cunhas cantas escaleiras! (Pepe contento, claro)


Alí visitamos o Sacré Coeur e tivemos unhas vistas preciosas sobre París.

Logo, fomos ata a Place du Tertre, famosa praza do barrio onde se instalan os pintores. Aproveitando os 30 minutos de tempo libre, algúns decidimos comer unha crêpe e outros preferimos mercar algún souvenir!( ben vedes que xa controlamos vocabulario francés básico)

Dende alí, baixamos para coller o metro para ir ata a outra gran igrexa de París, a catedral de Notre-Dame. Moi cerca, tamén puidemos ver a Conciergerie.

Hoxe, tivemos que comer cedo porque ás 14h tocaba descubrir ese gran museo que é o Louvre. Catro horas nese enorme museo non dan para moito, mais suficiente para querer repetir dentro duns poucos anos.
Tras isto, fomos ata le Pont des Arts onde están os famosos candados dos namorados.
Dende alí, fomos andando pola famosa calle Rivoli ata o Centro Georges Pompidou.

Estábamos tan cansos que fixemos unha sentada colectiva para sacar a seguinte foto e, sobre todo, para repoñer forzas porque tíñamos todos os pés fervendo tras tanta camiñata!!


Alí, os profes deixáronos unha horiña e media para cear e ver algunha tenda.
Ás 21h volta para o hotel en metro.
Ás 23h, todos para cama para cargar as pilas para mañá xa que, por fin, chegou o día de ir a EURODISNEY!

Seguiremos informaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaando...

 

 

20.02.2015

Hoxe, venres 20, cumprimos co programa.
Outra vez madrugamos!!
Ás 9h, xa estábamos no autobús para realizar a visita panorámica de París cun guía mexicano moi instruído ademáis de moi gracioso o que fixo moi amenas as 3h de visita.

Ás 12h30, para evitar unha longa cola para subir á Torre Eiffel no ascensor, decidimos subir polas ESCALEIRAS ata o segundo piso !!! É que Pepe, o profe de educación física, ten moita influencia sobre nós para estas cousas!!! Proba superada con éxito, inclusive polos que teñen algo de vértigo.


Despois, atravesamos o Trocadéro, vimos o Palais Chaillot e fomos ata o Arco de triunfo camiñando.
Sendo as 14h, xa era hora de repoñer forzas coa comida nos Campos Eliseos.
Tras isto, baixamos ata le Grand e le Petit palais, la place de la Concorde, la Madeleine e la Opéra Garnier, lugar xa coñecido por nós xa que foi o escenario do Fantasma da ópera, obra que fumos ver o día 2 deste mes!


Algún de nós quixemos probar os famosos macarons de Ladurée. Son algo caros mais... que ricos!!
Para finalizar o día, collimos o metro dende as Galeries Lafayette para regresar ao hotel. Outra experiencia!!

Continuaraaaaaaaaaaaaaá...

19.02.2015

Tras unha viaxe mooooooi longa, por fin estamos en París!

O avión saiu con bastante retraso de Oporto debido a un pequeno problema técnico mais portámonos xenial durante o tempo de espera. É que estábamos algo cansos! Menudo madrugón! ( é certo que servíu para constatar que en Betanzos as rúas xa están postas ¡AS CATRO DA MADRUGADA!)

 

Algúns/algunhas pasámolo algo regular no voo xa que era a primeira vez que subíamos a un avión mais, ao final, non foi tan mal a cousa!


Intentaremos aproveitar mellor o día de maña xa que este estivo un pouco gafado mais iso darános máis que contar á volta.
Seguiremos informando....

 

 

Un ano máis o Departamento de francés do IES Francisco Aguiar ofrece aos seus alumnos e alumnas a oportunidade de achegarse á capital francesa. Decimos un ano máis,  porque non queremos esquecer a Elisa e Tino que organizaban estes viaxes ¡en autobús! ou a Mª José Carral que o ano pasado volveu retomar a iniciativa das viaxes culturais a Francia.

Desta volta é Laetitia Vaucanson , como parte do activo Departamento deste ano, quen se encargou de planear e dirixir a viaxe. Estará acompañada dun nutrido grupo de alumnos e dos profesores Blanca Bello e Pepe Valverde. Esta actividade formativa terá lugar entre os días 19 e 23 de febreiro.

No seu programa está coñecer París cunha visita panorámica o día 20 ( Catedral de Notre Dame, Campos Elíseos, Arco do Triunfo,Ópera, Praza de la Bastilla, barrios latino e de Saint Germain...). Para o  día 21 os barrios cercanos á catedral e unha agardada visita ao Museo do Louvre.  Día 22 visitando Disneyland. E regreso por Oporto o día 23. ( o 24 aínda que sexa a "gastrgas" clase ás 8.45)

Prometeron darnos conta diaria das súas andanzas e así o iremos reflexando nesta web.

Por certo, se alguén non dá crédito a esta noticia ..pode confirmala acudindo o xoves 19 ás 4.00 da madrugada (gluppp) á porta do IES Francisco Aguiar dende onde se efectuará a saída da expedición.

 

¡O Departamento de Francés está que se sae! 2.II.2015.

O 2 de febreiro un numeroso grupo de 63 alumnos e alumnas de case todos os cursos (maioritariamente de 3º)  poderán asistir a unha representación teatral en francés. O espectáculo terá lugar do IES Crucero Baleares de  O Burgo ( Culleredo). Representarase a obra Le Fantôme de l'Opéra.

Pero non queda todo nisto. O dous de febreiro celébranse en Galicia As Candeas et en France La Chandeleur, ce n'est pas le même. ¡ Chandeleur veut dire CRÊPES !

Mmmmmmmmmmmmmmmmmmmmmmmmmm

Carteis para "dar unha oportunidade á paz" 30.I.2015

Os alumnos de tecnoloxía presentaban, hai un par de entradas  desta web,  o seu traballo con Inkscape para celebrar o 30 de xaneiro,  o Día da Paz.

Tamén o alumnado de 3º animouse a dinamizar esta data coas súas creacións  na aula de plástica

IES Francisco Aguiar. Betanzos. Día da Paz on PhotoPeach

Mércores 17 decembro. Visita didáctica ao Parque Eólico de Sotavento

Inicio

Continuando a estela doutros anos, o mércores 17 de decembro un grupo de 39 rapaces e rapazas de 3º da ESO visitarán as instalacións do Parque Eólico de Sotavento.

Esta actividade inscríbese na programación do Departamento de Tecnoloxía e do seu compromiso coa formación medioambiental e no relativo ao uso de enerxías limpas.

Está prevista a saída dende Betanzos ás 9.30 (polo que o alumnado asistirá normalmente á primeira hora de clase) e o regreso ás 14.15h. 

 

Xa temos a confirmación en imaxe da visita:

Como vedes a fotografía semella  unha versión á galega dos Beatles cruzando o paso de cebra en Abbey Road

 

Participación do IES Francisco Aguiar en tres Plans "Proxecta" da Xunta de Galicia

 

O 28 de novembro vén de publicarse a resolución definitiva dos centros participantes no Plan Proxecta da Xunta de Galicia .

No IES Francisco Aguiar confirmouse a nosa participación en tres destes plans:;

 

1.- Continuando cunha liña formativa de hai bastantes anos participaremos co alumnado de 3º da ESO no programa Quérote + dentro do Ciclo Vida Adolescente. Este ano trataranse temas arredor do núcleo: "Socializándonos" (Convivencia, uso responsable das TIC's, e fenómeno do botellón)  

 

 

2.- Animados por Mª José Doporto, responsable do Espazo Xove de Betanzos, e coa colaboración de Amparo Mejuto, do noso Departamento de Orientación, catro alumnas de 1º BAC participan nun proxecto, "correspondentes 3.0" , que trata de levar información de interés xuvenil á beira dos mesmos xóvenes no noso Instituto: taboleiros de anuncios, actividades, información xuvenil, ofertas formativas.

 

 

3.- Aproveitando tamén o traballo iniciado o ano pasado co concurso "Betanzos en Detalle", José Manuel Rey Bao profesor de Educación Plástica e Visual, coordina  ao alumnado de 4º da ESO no proxecto "Fotografía en curso". Quere ser esta actuación un achegamento ao mundo da fotografía e ás súas virtualidades estéticas e de formación dunha cidadanía crítica , dende unha actividade esencialmente práctica.

¡ MENTALÍZATE Aguiar!

Nos vindeiros días ( luns, martes e mércores) o alumnado de 3º da ESO tera a ocasión de participar nunhas charlas coordenadas pola ex-alumna do Aguiar,  Lucía Rábade e APEM Betanzos,  que levan por título MENTALÍZATE.

Esta actividade forma parte dunha campaña de información e sensibilización dirixida a adolescentes e xóvenes para a promoción dos hábitos de vida saudable, do coñecemento das enfermedades mentais, a súa relación co consumo para, asemade, combatir os estigmas asociados á enfermidade mental.

Música, poesía...e risas a cargo de María Aldao e Lucía Lado

 O luns 27 de outubro o alumnado de 3º da ESO  acompañados por algún curso de 2º e 4º terán a sorte de disfrutar dunha actuación que, de seguro, lles vai impactar.

A 5ª hora, no Salón de Actos,  asistirán ao recital de María Aldao e Lucía Lado . Música, poesía e risas...moitas risas para achegarmos ao mellor da poesía en galego.

Fin de semana bilingüe en Alvarella

Como cada ano, os alumnos e alumnas de 3º que forman parte da sección bilingüe disfrutan dun fin de semana en Alvarella. Actividades de ciencia, saídas á natureza, visitas artísticas e culturais.... e todo en inglés.

Esta é a testemuña da súa experiencia

 

CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS 2014

 O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso instituto que coordena o profesor Xan Munín, en colaboración co Equipo de Normalización do Concello propoñen para celebrar o Día das letras Galegas estas actividades

Durante os días 5 a 8 de maio dous cursos de 3º da ESO puideron participar nun Obradoiro de Creación Literaria dirixido, nada menos que, polo poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello.

Entre o 12 e o 15 de maio serán os alumnos e alumnas de dous cursos de 2º da ESO  os que terán a fortuna de participar nun Obradoiro Radiofónico adicado á figura de Xosé María Díaz  Castro.  Aínda máis, este obradoiro estará impartida pola nosa ex alumna Lucía Abarrategui  e por Sergio Pascual.


Distribuir contido