Concerto-faladoiro de flamenco

O xoves 10 organizouse no Auditorio do Milladoiro un concerto-faladoiro, dende o Departamento de Música, coa colaboración do alumnado da Radio e do Equipo de Dinamización Lingüística.

Tivemos a gran sorte de contar coa visita de tres grandes artistas internacionais de flamenco: 
Josemi Carmona (guitarrista de Ketama), Rafita de Madrid (cantador flamenco) e Moisés Fernández (tocador de caixón). O alumnado participou activamente no evento, posto que presentou Rebeca (que tamén bailou ao final), tocou Simón a guitarra e Diego bailou e cantou. Erik foi o encargado da loxística da gravación e da entrevista para a radio. 

 
A maiores de realizar o concerto, estes músicos fixeron un faladoiro moi interesante, no que o alumnado participou cunha serie de preguntas. Tratáronse temas moi diversos e interesantes que axudan a empoderar o alumnado para que siga estudando e perseguindo os seus soños. Xenerosos artistas con grandes palabras de ánimo para o alumnado, que serven para mudar narrativas cara a camiños motivadores.

Foi un día que seguro que o alumnado non esquecerá na vida. 


 

Moitísimas grazas a Josemi, Rafita e Moisés por tanta xenerosidade e arte.

Grazas tamén a Rosa Bugallo por facilitar que viñeran os artistas ao centro, e ao Concello por ceder as instalacións e acompañarnos no evento.

Comité de Igualdade do IES do Milladoiro. Actos co gallo do Día Internacional da Muller

Comité de igualdade. Día Internacional da Muller

Como xa é tradicional no noso centro, o Comité de Igualdade do IES do Milladoiro amosoulle a toda a comunidade educativa as actividades para desenvolver co gallo do Día Internacional da Muller.

 

 

Antonio Aguín fálalles ás nosas reporteiras de como vai ser a viaxe a Andorra

Xa falta pouco para que o alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato faga a súa esperada saída á neve.

Tres alumnas de 1º ESO que se ocupan do programa de deportes (Alicia Lariño, Noa Mesías e Antía Casabella) entrevistaron a Antonio Aguín, xefe do departamento de Educación Física e organizador da viaxe á neve que se realiza no centro desde hai anos, pero que tivo un parón o curso pasado debido á pandemia.

 

Programa "Entrevistas con Diego". Podcast 10

Neste novo episodio do programa de Diego Madarnás "Entrevistas con Diego" preséntasenos un faladoiro moi interesante coa profesora e escritora María López Sández, residente no noso concello. A narradora e ensaísta estivo a falar das súas obras, do proceso de creación (sobre todo d'O faro escuro) e de varios aspectos interesantes no encontro que tivo con Diego no noso IES cando foi convidada para ser entrevistada.

Nas vésperas do Día de Rosalía, lembramos que María López Sández ten investigado moito sobre a autora de Follas novas e, máis concretamente, sobre un tema no que estamos este ano implicadas: os espazos naturais e a paisaxe na súa obra. Lembramos que ten unha unidade didáctica titulada precisamente Paisaxes literarias na obra de Rosalía de Castro.

 

Comité de Igualdade. Faladoiros científicos

Amosamos un dos faladoiros científicos máis interesantes que fixo o Comité de Igualdade do IES do Milladoiro, co gallo do Día Internacional da muller e da nena na Ciencia. Nel falouse de tres mulleres matemáticas afroamericanas: Katherine Johnson (que calculou as traxectorias do primeiro proxecto espacial dos Estados Unidos), Dorothy Vaughan (matemática que traballou na NASA) e Mary Jackson (enxeñeira espacial). As tres son as protagonistas dunha película baseada nestas grandes mulleres, Figuras ocultas.

O alumnado do EDLG do IES do Milladoiro nos actos do Día de Rosalía organizados polo concello de Ames

As Rosalías do Milladoiro, nos medios

Celebración do "Día de Rosalía" no IES

Celebramos o Día de Rosalía 2022 adaptándonos á nova data na que se confirmou que naceu a autora de Cantares gallegos. Foi neste 23 de febreiro tamén o día no que naceu o colectivo musical Euterpe, que abriu e pechou os actos no centro. Co poema que Curros Enríquez lle dedicou a Rosalía de Castro, "No bico un cantar" (interpretado por María Iglesias na voz e piano, Dora Iglesias na frauta, Erik Cadavid na trompeta e Eloi Zabala na guitarra), déuselle paso á charla que Marilar Aleixandre, que lle ofreceu ao alumnado de 1º ESO A, B e C. Baixo o título de "Rosalía e as desposuídas, a terra e as mulleres", explicou a actualidade da poeta en temas como a emigración, o feminismo e a defensa da paisaxe natural galega. Pechouse o faladoiro coa interpretación do poema "Nasín cando as prantas nasen" na voz de Xiana Lorenzo, acompañada na guitarra por Simón Jiménez.

 

 

A seguir, o alumnado de 1º ESO, acompañado polo alumnado do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, saíu para a zona do patio destinada á plantación das árbores cedidas pola Aula da Natureza do Concello, cuxa brigada tamén previamente viñera ao centro para acondicionar o terreo. Alí procedeuse, seguindo as indicacións dos técnicos medioambientais, á plantación de 11 bidueiros, 3 érbedos, 2 castiñeiros, 2 carballos, 2 sobreiras, 1 cereixeira e 1 figueira. Todas estas árbores quedaron etiquetadas cuns cartaces, realizados  previamente polo alumnado do primeiro curso da ESO, e colocadas nunhas estacas que fixeron nas aulas de tecnoloxía. 

 

 

Durante a plantación, un grupo de alumnas do EDLG leu o manifesto da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) para o Día de Rosalía 2022, e xunto cos demais membros do EDLG recitaron versos da autora. Estiveron no acto o alcalde de Ames e mais o concelleiro de medioambiente.

O Día de Rosalía pechouse no centro coa inauguración dos novos versos que se colocaron nas escaleiras. En dous tramos combinouse a poesía de Rosalía escrita no s. XIX  e tantas veces musicada "Miña terra, miña terra/ terra onde m'eu criei/ hortiña que quero tanto/ figueiriñas que prantei..." con algúns versos da tan actual canción Terra das Tanxugueiras ("Canta ti, cantarei eu/ co xeito das nosas nais..."). Remataron as actividades da mañá no IES con outra actuación do colectivo Euterpe, que aínda volveu intervir á tarde na inauguración do mural de Rosalía realizado na entrada da Casa da Cultura, onde as nosas alumnas volveron ler poemas e mais o manifesto da AELG.

Día de Rosalía de Castro 2022. Actuación musical. Colectivo Euterpe.

NO BICO UN CANTAR (MARÍA, DORA, ERIK E ELOI)

NASCÍN CANDO AS PRANTAS NASCEN (XIANA E SIMÓN)

Manifesto Día de Rosalía de Castro. IES do Milladoiro 2022

DÍA DE ROSALÍA

Deportes: Recreos activos

Temos un novo episodio do podcast de Deportes. Esta vez está centrado no programa "Recreos activos", que se desenvolve no noso IES. Para coñecer todo sobre el, dous reporteiros entrevistaron o profesor de Educación Física e coordinador da actividade, Antonio Aguín.

Ao son da convivencia. Quen somos?

O pasado 16 de febreiro rematamos a primeira fase do Proxecto de formación do profesorado "Ao son da convivencia: o Milladoiro que queremos", un traballo de reflexión colectivo no que participaron representantes de toda a Comunidade Educativa.

Foron catro sesións de debate moi intensas e interesantes, nas que nos coñecemos mellor entre nós e deseñamos conxuntamente futuros camiños que seguir para mellorar a convivencia no centro. Debemos agradecer a todas as persoas/entidades que se achegaron ao proxecto para achegar a súa visión de futuro. Damos as grazas tamén á persoa formadora e facilitadora do DAFO, Brais Fernandes,  polo seu bo facer e a implicación emocional co proxecto.

Estamos seguros de que o mellor sempre está por vir. Quedan por diante moitos encontros interesantes dos que seguir aprendendo. Seguimos traballando ao son da convivencia.

Actividades do 14 de febreiro do Comité de Igualdade

O luns, 14 de febreiro, o Comité de igualdade do IES do Milladoiro organizou dúas actividades diferentes nos recreos. No primeiro, e para conmemorar o Día dos namorados, realizou unha actividade na que se pedía ás alumnas e alumnos do centro (amais de a profesores e profesoras) que reflexionasen sobre o importante que é valorarse a un mesmo, o amor propio, e acabar cos mitos do amor romántico tóxico.

 

No segundo recreo, as alumnas que forman parte do Comité de Igualdade continuaron cos faladoiros científicos, iniciados o venres. Tres alumnas do centro (María, Sara e Dora) metéronse na pel de tres mulleres de diferente época, relacionadas co campo da Medicina.

Obradoiros da SXGQ

O pasado venres, 11 de febreiro, o  Departamento de Física e Química do noso centro organizou uns obradoiros dirixidos ao alumnado de 3º da ESO, co gallo do Día Internacional da muller e a nena na Ciencia

Foi unha actividade moi interesante, na que o alumnado puido desfrutar dunha serie de experimentos, realizados pola Sociedade Xuvenil Galega de Química (SXGQ)

Faladoiro científico o 14 de febreiro

O Comite de Igualdade do IES do Milladoiro continúa a desenvolver, esta semana, as actividades vinculadas ao Día Internacional da muller e a nena na Ciencia. No seguinte vídeo podedes ver un anaco do faladoiro científico feito o luns, 14 de febreiro.

 

Altia no IES do Milladoiro

Traemos á nosa páxina web a referencia dunha charla realizada o 17 de decembro, organizada polo Departamento de Economía, e  impartida por Miguel Ares, xerente de proxectos de Altia, a maior empresa tecnolóxica de capital galego, e que conta cunha importante delegación  no Milladoiro, na que traballan ao redor de 200 empregados. No seguinte vídeo pódense ver os principais datos desta innovadora e nacente empresa, que dende finais do século XX experimentou un gran crecemento.
 
 

 

 

Exposición do alumnado de Debuxo Artístico II

O interior do noso instituto, co seu xogo de luces e sombras a as súas formas xeométricas que crean perspectivas, adquire un singular protagonismo da man do alumnado de Debuxo Artístico II, de 2º de Bacharelato, que nos invita a unha singular e fermosa exposición, na entrada principal do noso centro, coa que o recinto do IES do Milladoiro se converte nun obxecto de beleza.

Masterclass no IGFAE: Día Internacional da muller e a nena na Ciencia

 

En representación das nosas alumnas acudiu Alba Diez Mariño, que desfrutou das conferencias impartidas e participou activamente dun experimento realizado con datos reais, obtidos no CERN, e a posterior discusión dos seus resultados mediante vídeo-conferencia con científicos do CERN e membros  de centros de investigación de Roma e São Paulo.

Agradecemos ás investigadoras do IGFAE, que fixeron posible esta xornada, o seu traballo: Sibylle Driezen, Martina Feijoo Fontán, Ana Garbayo Peón, Beatriz García Plana, Alessandra Gioventù, Alicia Muñoz Ramos, Sara Sellam e Verónica Villa Ortega.

SXGQ

As encargadas de desenvolver o faladoiro científico que se levou a cabo no noso centro o venres, 11 de febreiro, por parte do Comité de Igualdade,  co gallo do Día Internacional da muller e a nena na Ciencia, recomendan que visitemos os recursos da SXGQ (Sociedade Xuvenil Galega de Química). Trástase dun grupo de persoas, moitas delas universitarias, interesadas no campo da Química e no uso da nosa lingua, a través da realización de diferentes proxectos e actividades. Ademais da súa páxina web, podes saber máis sobre este grupo e este campo científico tan interesante e cheo de perspectivas de futuro como é a Química, visitando os seus perfís en instagram, twitter ou facebook.

Día Internacional da muller e a nena na Ciencia 2022

Co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Comité de Igualdade do IES do Milladoiro desenvolveu un faladoiro científico no salón de actos. No seguinte vídeo podedes ver un anaco.

"Despois de todo e de todos, aquí e agora". 2ª episodio: "Matar o tempo"

Temos novo episodio do programa que dirixe Enia Villaverde Despois de todo e de todos, aquí e agora. Esta vez reflexiona sobre o sentido que lle damos ao tempo. Estamos atrapadas polo reloxo? O tempo é ouro? Realmente... non temos tempo? Non deixedes de escoitalo!

 

Entrega de premios

A semana pasada entregáronse os premios dos concurso do EDLG realizados no 1º trimestre (Concurso de relatos de terror "Coa pel de galiña" e mais o de "Xeometría con lema").

Poden lerse os textos gañadores no blog do EDLG.

 

ANPA do IES do Milladoiro. Actividade extraescolar de Inglés

A ANPA do IES do Milladoiro quere ofrecer a todo o alumnado a posibilidade de asistir á actividade extraescolar de INGLÉS.

O prazo para formalizar a incrición nesta actividade remata o 11 de febreiro. Débese presentar o impreso debidamente cuberto, e pódese enviar por correo electrónico a anpadoiesdomilladoiro@gmail.com ou deixalo na caixa de correos da Anpa no IES.

As clases serán os mércores de 16:30 a 17:30 e de 17:35 a 18:35 (este último horario dependerá do nivel/alumnos que se presenten), e comenzarán o 16 de febreiro para rematar o 25 de maio (1 hora semanal).

Para máis información:

Tel. 722383546, correo electrónico anpadoiesdomilladoiro@gmail.com ou páxina web da ANPA

Aínda que o curso escolar está xa moi avanzado esperamos que esta información sexa de interese.

La Voz de Galicia: Club de debate no IES do Milladoiro

A xornada do Club de debate, realizada no noso centro xunto co IES Plurilíngüe de Ames o pasado 24 de xaneiro, é obxecto dun artigo en La Voz de Galicia:

Nova interpretación de Anxo Gómez

Na canle de youtube do noso alumno Anxo Gómez Piñeiro acábase de subir unha das suas maxistrais interpretacións. Trátase da "Fantasie brillante sur la Marche et la Romance d'Otello de Rossini, OP 11", composta polo violinista checo do século XIX, Heinrich Wihelm Ernst, un dos grandes violinistas da contemporaneidade e que xa dende neno deu mostras do seu talento. Dende aquí felicitamos a Anxo por esta novo grande exemplo da súa xenialidade no campo da música

"Despois de todo e de todos, aquí e agora"

Despois de todo e de todos, aquí e agora é o programa de podcasts que dirixe Enia Villaverde e que bota a andar agora. Con periodicidade, que pretende ser semanal, vai subir algunhas das súas reflexións ou algúns textos que de vez en cando lle gusta escribir e que quere compartir.

Busca que as persoas que a escoiten reflexionen sobre o que está a pasar no seu día a día.

Aquí temos o primeiro programa, titulado O murmurio do medo:

 

Novas de aquí e de acolá: as noticias da semana

Uxía e Rosa deixan a súa selección de novas da semana, tanto da contorna do Milladoiro coma do mundo de fóra:

La Voz de Galicia: Euro a de repente

O programa de erasmus +, Euro a de repente, na que participa o IES do Milladoiro, apareceu recollida nos medios de comunicación e en concreto en La  Voz de Galicia. Amosamos aquí o artigo

Distribuir contido