Bota a andar o Club de debate

 

Hoxe, 24 de xaneiro, desenvolveuse no noso centro a xornada de formación do club de debate para o alumnado participante dos dous centros do concello de Ames. Desde as 9,30 h da mañá, a rapazada do IES de Bertamiráns anotada a este certame, acompañou á do noso centro para recibir a formación xeral sobre o Regulamento e a dinámica desta actividade. Impartíronse nocións e consellos básicos sobre a procura de información e documentación para o debate e sobre a estruturación do argumentario, así como información sobre as habilidades comunicativas precisas para o desenvolvemento fluído das intervencións.

A sesión de hoxe desenvolveuse no salón de actos do noso IES, mais agora o alumnado de cada centro ten que preparar o seu argumentario de cara aos debates que se van celebrar en Negreira os días 5 e 6 de abril. Neste certame participan os centros anotados de diferentes puntos de Galicia e vai ser nesa data cando se determinen os finalistas que debaterán en Pontevedra no mes de maio.

Do IES do Milladoiro van participar tres grupos de 3º e 4º ESO. Un está formado por cinco membros, outro por sete e un terceiro por nove.