Rede do IES do Milladoiro

REDE DO IES DO MILLADOIRO

A rede do Milladoiro reuniuse este luns para construír comunidade

O pasado luns 6 de novembro na biblioteca do IES do Milladoiro ás 12:00 tivo lugar a primeira reunión do curso 2023-24 da rede do IES do Milladoiro co lema "Tecer rede para tecer comunidade". Na reunión presentouse o proxecto do equipo directivo e a situación actual do centro, difundíronse as actividades que desenvolven os diferentes participantes e iniciaronse as liñas de traballo específicas centradas na inclusión, benestar, convivencia, seguridade e prevención.

Trinta entidades e axentes que interveñen na localidade participaron no encontro para coordinar actuacións, facilitar canles de comunicación e mellorar a convivencia, entre elas: alcaldía, concellería de Educación e Mocidade e Concellería de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado Servizos Sociais, Bombeiros, Policía Local, Garda Civil, representantes das Anpa do IES do Milladoiro e o CEP de Ventín, do Centro de Saúde, Inspección educativa e diversas asociacións: Asamblea de cooperación pola paz, Agareso, Areté, Secretariado Xitano e unha representante da UACO Raogal. A rede do Milladoiro é unha iniciativa posta en marcha no curso 2015/2016 e constitúe unha mesa de traballo coas institucións implicadas na vida do IES do Milladoiro orientada a mellorar os resultados a partir do intercambio de experiencias e coordinación de actuacións coa finalidade de que os seus beneficios cheguen a toda a comunidade local.

Agás o paréntese representado pola pandemia do COVID-19, a través da rede se desenvolveron numerosas actividades, entre outras, encontros entre o alumnado de diversas etapas e cursos, obradoiros interculturais, encontros cos sectores profesionais da zona, xornadas de orientación académica-laboral, conferencias, guías e programas de mellora de rendemento escolar.

Presentación do traballo da terceira edición de "A Tribo": A saúde mental (tamén) depende de ti

O venres, 9 de xuó desenvolveuse no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a presentación do traballo da terceira edición de A Tribo, un proxecto no que participan duas entidades vinculadas á Rede do IES do Milladoiro como son Agareso e Igaxes. 

Nesta edición o tema a desenvolver foi un dos grandes estigmas do noso tempo: a saúde mental e a realidade presente, en relación ao mesmo, na nosa mocidade, a través da depresión, a ansiedade ou as adiccións e baixo o lema "a saúde mental (tamén) depende de ti".

Dentro deste procecto temos que destacar a participación e traballo no mesmo de varias alumnas do noso centro: Alisson Michell Rosero Reyes, Andrea Vakentina Dos Santos Gómez, Clara Victoria Tesorero Carreño, Helena De Lima Costa, Lorena Seoane García, María Isabel Bengui Faria e Viktoria Kevin Sousa Cruz.

Dende o IES do Milladoiro mandamos a nosa noraboa ás alumnas polo seu gran traballo e lle damos as grazas pola imaxe tde transmitida do noso centro como un ámbito de reflexión e análise dos grandes problemas e desafios da nosa mocidade actual.

Nova reunión da Rede do IES do Milladoiro

Tralo "parón" causado pola incidencia da COVID-19 a Rede do IES do Milladoiro volve, este curso, a retormar as reunións de carácter trimestral que se viñan desenvolvendo no pasado. Baixo o lema "A convivencia, unha tarefa de todas e todos" e o propósito de seguir colaborando en distintas vías de traballo (desenvolvemento persoal, coordinación coas familias, prevención do acoso escolar e ciberacoso, igualdade, educación para a saúde e ocio saudable, interculturalidade e educación para a cidadanía global, rendemento escolar, orientación profesional-laboral, utilización das TIC e absentismo). A reunión, realizada o 30 de novembro, formulouse como unha primeira toma de contacto na que, tras analizar o que se fai neste momento no IES do Milladoiro, en colaboración cos membros da rede, se indicou a necesidade de retomar os protocolos de comunicación existentes. Nesta reunión produciuse a incorporación de novos membros: o mediador intercultural do Concello de Ames, a UACO e Cáritas Areté.

Encontros educativos en aberto da Comunidade Xitana

Coa presenza do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, desenvolveuse no IES Antón Fraguas o Encontro Educativo en Aberto, organizado pola Fundación Secretariado Xitano. No encontro, levouse a cabo unha reflexión sobre as dificultades e avances que a comunidade xitana está protagonizando no ámbito educativo. Houbo tamén un recoñecemento para o alumnado que está a participar no Programa Promociona acudindo, en representación do noso centro, Aitana Fernández Fernández, Triana Jiménez Fernández e Alba Jiménez Fernández.

Durante o Encontro amosouse a curtametraxe O reto de mañá, na que se aborda o tema da constancia e o esforzo para superar os obstáculos e as dificultades.

A parte máis emotiva do encontro chegou co recoñecemento ao alumnado que titulou este curso. Representando ao noso centro estaban dous alumnos de 4º ESO A, Diego Jiménez Jiménez e Simón Jiménez León, que recibiron de mans do alcalde de Santiago de Compostela o seu recoñecemento como graduados en Educación Secundaria Obrigatoria.

 

Parabéns a Diego e a Simón pola súa titulación e o seu exemplo, grazas ao traballo e ao esforzo!

Test de tolerancia. Asamblea de cooperación pola paz

A TRIBO

O martes, 17 de novembro o alumnado de 2º e 3º de ESO asistiu á proxección das curtas do proxecto "a tribo", nas que interviron dúas alumnas do noso centro: Aroha Brandon e Lorena Seoane. A tribo é un proxecto de Agareso e Igaxes, que durante 12 meses realiza un traballo integral de fortalecemento das capacidades da mocidade e a superación de estereotipos, nas situacións de risco de exclusión. Trátase dunha aposta máis polas mozas e mozos da nosa contorna, de dúas aosciacións vinculadas con nós dende os nicios da  Rede do IES do Milladoiro e da que podedes ver unha presentación  no seguinte vídeo:

 

SINATURA DE CONVENIO DE COLABORACIÓN CON SECRETARIADO XITANO

No marco do programa Quéda-t, tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración ca Fundación Secretariado Xitano, que leva tempo vinculada con nós, a través da súa presenza na rede do IES do Milladoiro. 

Co convenio entre o noso centro e esta asociación, preténdese desenvolver o "programa Promociona", que intenta obter taxas máis altas de éxito escolar na ESO, promover a continuidade de estudos postobrigatorios e reducir o abandono escolar temperán. Para iso desenvolveranse actuacións co alumnado, familias, centro escolar  e outros axentes, a través do traballo do orientador educativo do programa, Pablo Méndez Trigo.  Dende o centro esperamos que esta iniciativa supoña un paso máis no desenvolvemento de iniciativas e actividades  da Asociación Secretariado Xitano no Milladoiro.

Xornada sobre "Prevención de condutas adictivas e promoción da saúde na adolescencia"

O vindeiro 15 de maio o Concello de Ames e a Universidade de Santiago organizan unha xornada sobre "Prevención das condutas adictivas e promoción da saúde na adolescencia".

Diario do Milladoiro

A EEI do Milladoiro vén de publicar o seu Diario do Milladoiro, ben xeitoso, no que recolle a actividade de contacontos realizada no seu centro polo noso alumnado de 1º ESO C o pasado 14 de marzo.

8 de abril: Día mundial do pobo Xitano

O vindeiro 8 de abril celébrase o “Día mundial do pobo Xitano”. A Fundación Secretariado Xitano, que forma parte da Rede do  IES do Milladoiro, invita a toda a comunidade escolar a coñecer a súa campaña Lección xitana, que nos aproxima a un mellor coñecemento da historia e da actualidade do pobo xitano

Obradoiro: "Youtubers polo cambio social"

O xoves 20 de decembro rematamos o obradoiro de "Youtubers polo cambio social", froito da colaboración do noso centro coa ACPP e AGARESO. O alumnado de 2º e 3º ESO PMAR tivo a oportunidade de coñecer esta ferramenta para a concienciación crítica. Puido, ademais, realizar o seu propio vídeo. Estamos desexando velos!

AXENDA ESCOLAR FEMINISTA

     A semana do 8 ao 12 de outubro procederemos a repartir en 1º ESO a Axenda escolar feminista, axenda escolar do curso 2018-2019, froito da colaboración  entre Agareso, ACCP, o IES do Milladoiro e outros centros que forman parte da Rede Galega de Escolas sen Racismo (IES Xulián Magariños, Negreira; IES G. Torrente Ballester, Pontevedra; IES Laxeiro, Lalín; CEIP López Ferreiro, Compostela; CEIP Apóstolo Santiago, Compostela e CPR Vilas Alborada, Compostela). Esta axenda inclúe a biografía de Filomena Fraga, veciña do concello de Ames, redactada por alumnado do noso instituto.

Revista galega de educación. Rede do IES do Milladoiro

Para acceder ao documento, premer a continuación: Traballo por proxectos

Presentación do vídeo A REDE DO IES DO MILLADOIRO

O venres 15 de xuño presentamos ao público o vídeo A rede do IES do Milladoiro. Foi  realizado ao longo deste curso por alumnado voluntario de 2º de ESO, nun obradoiro de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios),  froito da súa colaboración coa ACPP Galicia e o noso centro. Queremos agradecer a Antonio Grunfeld e a María Aneiros o esforzo e a ilusión postos neste proxecto. Velaquí o resultado.

Día Mundial do Pobo Xitano

Con motivo do Día Mundial do Pobo Xitano, que se conmemora o 8 de abril, a Fundación Secretariado Xitano e mais Agareso promoveron o vídeo participativo: Das mulleres xitanas para todas as mulleres. Marcando a diferenza. Foi presentado o venres pasado, 6 de abril, no Centro Sociocultural de Fontiñas.

O IES do Milladoiro na REVISTA GALEGA DE EDUCACIÓN

O n.º 70 da Revista Galega de Educación, publicado en marzo, dedícase á aprendizaxe por proxectos e ao carácter formativo da acción titorial. Recolle o caso do noso centro no artigo "Convivencia e saúde en rede: a experiencia do IES do Milladoiro."

Primeira xornada de traballo do EPD_Lab con AGARESO

O mércores 25 de outubro tivo lugar a primeira sesión de traballo do grupo de 2ºESO B dentro do proxecto Educación Para o Desenvolvemento_ Laboratorio coa Asociación Galega de Reporteiros Solidarios. Nesta primeira sesión reflexionaron sobre os estereotipos, os prexuízos e os roles de xénero utilizando as novas tecnoloxías.

REDE DO IES DO MILLADOIRO: BALANCE E DERRADEIRA REUNIÓN DO CURSO 2016/17

O xoves 1 de xuño celebrouse a última reunión da Rede do IES do Milladoiro, a derradeira deste curso 2016/2017.

BALANCE CURSO 2016/17 DA REDE DO IES DO MILLADOIRO

II REUNIÓN ANUAL DA REDE DO IES DO MILLADOIRO

O pasado 14 de marzo, celebrouse na Biblioteca do centro a segunda reunión anual da Rede do IES do Milladoiro. Os temas tratados xiraron arredor dos proxectos de colaboración entre os centros educativos do Milladoiro e a posta en marcha do acordo co Concello para que alumnado con condutas disruptivas preste servizos sociocomunitarios, entre outros. Ademais, compartiuse información sobre iniciativas do Instituto como os contratos-programa, a solicitude do Selo de Calidade Vida Saudable e as actuacións de futuro. A Rede do IES do Milladoiro, que empezou a traballar no curso 2015/2016, reúnese co periodicidade trimestral. Está formada por Anpa do Ies do Milladoiro “Anpa Milla”, AnpaÁgora do IES do Milladoiro, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), Asemblea de Cooperación pola Paz (Acpp), Asociación de Empresarios do Milladoiro, Centro de Educación Primaria de Ventín, Centro de Saúde, Concello de Ames, Escola Infantil do Milladoiro Garda Civil do Milladoiro, Fundación Secretariado Xitano, Inspección educativa e Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (Igaxes3).

I Xornada: “A convivencia, responsabilidade de todas e todos.”

O martes 1 de decembro celebrouse no IES do Milladoiro a “I Xornada: A convivencia, responsabilidade de todas e todos”, que se enmarca dentro do que é unha das principais liñas de traballo do Instituto como centro educativo: a convivencia. Convivencia que é un valor en se mesma e que, ao mesmo tempo, repercute nunha mellora dos resultados académicos.

O obxectivo do encontro era a consolidación dun espazo de colaboración para compartir informacións e rendabilizar esforzos ao redor do coñecemento das realidades sociais, a prevención e a intervención ante situacións conflitivas. Coñecemento, prevención e intervención naquelas realidades sociais que están presentes no Milladoiro e no Instituto, no Instituto e no Milladoiro. Son cuestións todas elas que encaixan perfectamente na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015/2012, aprobada recentemente pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Nesta I Xornada sobre convivencia asistiron respresentantes de todas as institucións coas que o IES do Milladoiro está a traballar: Anpa do IES do Milladoiro, Anpa Ágora do IES do Milladoiro, Centro de Saúde, Concello de Ames, Guarda Civil, Inspección educativa e Igaxes3, ademais de profesorado do centro. Tamén estivo presente Andrés González Bellido, orientador do Institut Front Maritim (Barcelona) e creador do Programa Titoría entre Iguais (TEI), que se desenvolve no Instituto do Milladoiro dende o curso 2014/2015. González Bellido compartiu co alumnado de 3º da ESO unha sesión de análise do TEI.

As persoas que asistiron ao encontro saúdaron a iniciativa desta reunión porque pode fortalecer as canles de comunicación e, ademais, mostraron o seu interese por continuar traballando na mesma liña de colaboración. Analizaron as experiencias compartidas para mellorar a convivencia no IES do Milladoiro e, como consecuencia, na propia localidade. Esas experiencias agrupáronse en varias liñas de traballo como son o desenvolvemento persoal, a coordinación coas familias, a prevención do acoso escolar e do ciberacoso, a igualdade, a educación para a saúde, o ocio saudable, a interculturalidade e a educación para a cidadanía global, o rendemento escolar e a orientación profesional. A acción titorial, os programas de habilidades sociais, o desenvolvemento de estratexias de mediación e cibermediación, a posta en marcha de programas de reforzo escolar, a cooperación para desenvolver actividades deportivas, os obradorios de prevención de drogas, a Olimpíada da Convivencia, a educación afectivo-sexual… son algunhas das experiencias que xa se están a desenvolver e que axudan á consolidación dun ambiente escolar amigable.

Na súa intervención, Andrés González Bellido destacou a importancia de que un centro como o IES do Milladoiro abra as súas portas á poboación na que realiza o seu labor porque supón entender a educación dende unha óptica comunitaria. Salientou, por outra banda, a necesidade de promover proxectos nos que o estudantado se convirta en protagonista, o que é unha garantía de éxito no proceso de mellora da convivencia. Tamén animou ás persoas presentes a facer un esforzo por visibilizar este tipo de reunións na que todos os axentes sociais que interveñen no ensino están presentes.

A xuntanza rematou coa convocatoria doutra nova reunión, o 2 de febrero, para afondar nas liñas de traballo existentes e estudar a posibilidade de explorar novas vías de comunicación.

II xornada “A convivencia, responsabilidade de todas e todos” (2.2.2016)

O pasado 1 de decembro, celebrouse no IES do Milladoiro a “I Xornada: A convivencia, responsabilidade de todas e todos”. Unha das liñas de traballo fundamentais do IES do Milladoiro é a convivencia. Unha boa convivencia escolar mellora os resultados académicos e produce unha maior satisfacción da comunidade educativa ao mesmo tempo que, a pequena escala, contribúe a mellorar a convivencia na localidade na que o centro desenvolve a súa actividade: O Milladoiro. Trátase dun traballo que feito en rede ofrece mellores resultados e, sobre todo, os seus beneficios chegan a toda a comunidade, como demostran as experiencias realizadas noutras latitudes.

Na “I Xornada: A convivencia, responsabilidade de todas e todos” participaron representantes da Anpa do IES do Milladoiro, da Anpa Ágora do IES do Milladoiro, do Centro de Saúde, do Concello de Ames, da Garda Civil, da Inspección educativa e de Igaxes3, así como profesorado do centro e Andrés González Bellido, orientador do Institut Front Maritim (Barcelona) e creador do Programa Titoría entre Iguais (TEI), que se desenvolve no Instituto do Milladoiro dende o curso 2014/2015.

A xornada do 1 de decembro puxo as bases dun espazo de colaboración para compartir informacións e rendabilizar esforzos ao redor do coñecemento das realidades sociais, a prevención e a intervención ante situacións conflitivas. Acordouse, ademais, dar continuidade á experiencia polo que o IES do Milladoiro convoca unha nova xornada de traballo.

A “II Xornada: A convivencia, responsabilidade de todas e todos” celebrouse o 2 de febreiro coa asistencia da Anpa do IES do Milladoiro, da Anpa Ágora do IES do Milladoiro, do Centro de Saúde, do Concello de Ames, da Garda Civil, da Inspección educativa e de Igaxes3.

Os temas tratados foron a configuración das liñas de traballo da Rede, a concesión ao IES do Milladoiro dos Contrato – Programa presentados á Consellería de Educación e a solicitude do IES do Milladoiro ao Ministerio de Educación do Selo de Calidade “Vida saudable”.

NOVA EN "EL CORREO GALLEGO"

Guardar

A Rede do Milladoiro: balance do curso 2015/2016

A Organización Mundial da Saúde definiu a saúde no seu texto fundacional de 1948 como “un estado de benestar físico, mental e social, con capacidade de funcionamento, e non so a ausencia de afeccións ou enfermidades”.

Se asumimos esta definición a saúde convírtese nun piar da convivencia, concepto tamén fundamental para o desenvolvemento dun centro educativo. Por esta razón, o IES do Milladoiro puxo en marcha no curso 2015/2016 unha Rede de traballo coas institucións coas que colabora o centro e que ten como eixes de traballo fundamental a convivencia e a saúde, a saúde a convivencia. Unha boa convivencia escolar e unha boa saúde melloran os resultados académicos e produce unha maior satisfacción da comunidade educativa ao mesmo tempo que, a pequena escala, contribúe a mellorar a convivencia e a saúde na localidade na que o centro desenvolve a súa actividade: O Milladoiro. Trátase dun traballo que feito en rede ofrece mellores resultados e, sobre todo, os seus beneficios chegan a toda a comunidade, como demostran as experiencias realizadas noutras latitudes.

Con esta iniciativa, o IES do Milladoiro non fai senón desenvolver os fines da educación segundo están recollidos na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación e na Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a melora da calidade educativa: a atención a convivencia nos centros escolares e o desenvolvmento de hábitos saudables no alumnado. Por esta razón, o Ministerio de Educación publicou a Orde ECD/2475/2015, de 19 de novembro, pola que se crea o distintivo de calidade de centros docentes Selo Vida Saudable, mención honorífica que recoñece as acción destinadas a fomentar a calidade dos centros educativos, segundo reza o artigo 122bis da LOMCE. Ao mesmo tempo que o IES do Milladoiro puña en marcha a Rede do Milladoiro, presentou ao Ministerio de Educación a solicitude para acadar o devandito selo.

Pola súa banda, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia mostra a súa preocupación a través da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa e o Decreto 8/2015 polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar. Para afondar nestes mandatos legais, a finais de 2015 fixo pública a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-20201.

É neste contexto no que, ao longo do curso 2015/2916, se celebraron no IES do Milladoiro tres xornadas de traballo tituladas “A convivencia, responsabilidade de todas e todos”. A primeira foi no mes de decembro, continuada por unha segunda en febreiro e a derradeira no mes de maio. A presenza de institucións foi incrementándose ao longo do curso de forma que nas tres reunión celebradas participaron representantes da Asociación de Empresario do Milladoiro, da Anpa do IES do Milladoiro, da Anpa Ágora do IES do Milladoiro, do Centro de Saúde, do Centro de Educación Primaria de Ventín, do Concello de Ames, da Escola Infantil do Milladoiro, da Garda Civil, da Inspección educativa e de Igaxes3.

Chegados case ao remate do curso 2015/2016, é o momento de recoller as conclusións do realizado, na liña do tratado na derradeira reunión do curso:

1.   Cómpre destacar, en primeiro lugar, unha valoración positiva da experiencia, razón pola que se manterá no vindeiro curso.

2.  A Rede do Milladoiro está aberta a novas incorporacións. En primeiro lugar, cursarase invitación á Fundación Secretariado Xitano, coa que o IES do Milladoiro ven de asinar un acordo de colaboración.

3.   As reunións terán unha periodicidade trimestral agás na primeira avaliación, cando serán dúas, unha de programación e outra de análise do trimestre.

4.   Para facer axilizar o labor da Rede, continuaranse a realizar reunións sectoriais para mellorar a coordinación do Instituto coas distintas institucións presentes no municipio (Centro de Saúde, Concello, Garda Civil); co mundo empresarial para achegar ao alumnado á realidade laboral; coas organizacións coas que xa se está a traballar (Igaxes3); entre os centros escolares da localidade (Escola Infantil, CEP de Ventín e IES do Milladoiro), e entre os centros escolares e as Asociacións de Nais e Pais.

5.   O traballo realizado, que marca as pautas do que se fará no vindeiro curso, está recollido na táboa que achegamos con este escrito.

Milladoiro, maio de 2016

http://www.edu.xunta.es/portal/Educonvives.gal

 

A Rede do IES do Milladoiro

O IES do Milladoiro puxo en marcha no curso 2015/2016 unha Rede de traballo coas institucións coas que colabora o centro e que ten como eixes de traballo fundamental a convivencia e a saúde, a saúde a convivencia.

Participan na Rede a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), a Asamblea de Cooperación pola Paz (Acpp), a Asociación de Empresarios do Milladoiro, a Anpa do Ies do Milladoiro “Anpa Milla”, a Anpa Ágora do IES do Milladoiro, o Centro de Saúde, Centro de Educación Primaria de Ventín, o Concello de Ames, a Escola Infantil do Milladoiro, a Fundación Secretariado Xitano, a Garda Civil do Milladoiro, a Inspección educativa e o Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector(Igaxes3).

Rede do Milladoiro: "Titoría entre iguais" e "Coñece a nosa cultura"

O IES O Milladoiro desenvolve o programa Titoría entre iguais (TEI), unha iniciativa de mentoría un-a-un no que alumnos e alumnas de 3º de ESO exercen durante o curso como titores doutros rapaces de 1º. Ao comezo do curso, o grupo de titores encárgase de facilitar a integración no centro do grupo de titorandos, para quen todo é novo xa que proceden doutros colexios.

Por outra banda, e en colaboración permanente coa dirección e o equipo de orientación, Igaxes3 desenvolve no IES O Milladoiro o Programa Aleida para a promoción do éxito escolar desde a apertura do centro en 2013. O programa, que Igaxes3 xa aplica desde 2009 noutra ducia de centros de Santiago e comarca, conta con varias liñas dedicadas á prevención do abandono escolar prematuro.

Unha das propostas de Aleida que está a desenvolverse no Milladoiro é Coñece a nosa cultura. Trátase dunha iniciativa de mediación e integración cultural desde as aulas, na que o alumnado pode explorar e traballar en común para coñecer as distintas culturas de orixe presentes na aula. Aprendendo das compañeiras e compañeiros estranxeiros podemos eliminar prexuízos, poñer en valor as diferenzas e potenciar os puntos en común.

No presente curso conflúen por primeira vez os programas de Titoría Entre Iguais e Coñece a nosa cultura. As parellas de titores-titorandos viñeron colaborando durante o primeiro trimestre nos distintos proxectos culturais.

O alumnado exporá estes traballos conxuntamente segundo o seguinte calendario:

Mércores 14 de decembro, ás 13:40 horas: 1 ESO B

Venres 16 de decembro, ás 8:50 horas: 1 ESO C

Mércores 21 de decembro, ás 10:50 horas: 1 ESO A

Mércores 21 de decembro, ás 11:40 horas: 1 ESO D

Será un acto cooperativo aberto ás familias de 1º da ESO e terá lugar no Salón de Actos do Instituto.

NOVA "A VOZ DE GALICIA"

PRODUCIÓNS DO OBRADOIRO TV CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, publicamos o vídeo realizado polo alumnado do IES do Milladoiro durante a realización do Obradoiro de TV que forma parte do Proxecto "Escolas sen racismo" desenvolvido pola Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP).

PRODUCIÓNS DO OBRADOIRO DE TELEVISIÓN DO PROXECTO “ESCOLAS SEN RACISMO”

Un grupo de 13 alumnos de e 3º ESO do noso centro formou parte este curso do proxecto “Escolas sen Racismo” promovido pola Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) mediante un Obradoiro de TV, no que durante seis semanas se traballou a educación en valores centrada, neste caso, e  por propia iniciativa dos alumnos, na temática medioambiental.  Achegamos algunhas das producións audiovisuais, "Ecoconsellos" e "Puntolimpo", realizadas polos nosos alumnos durante o obradorio e un enlace ao blog de “Escolas sen racismo”.

O PROXECTO EpDLab DE AGARESO NA PRENSA

Nova na prensa sobre o proxecto EpDLab (siglas de Educación para o Desenvolvemento Laboratorio), dende noviembre:

O ALUMNADO DO IES DO MILLADOIRO DESPIDE O OBRADOIRO DE TV PARA A FORMACIÓN EN VALORES

O xoves 18 de febreiro tivo lugar a última das seis sesións do obradoiro TV de "Escolas sen racismo", proxecto de educación en valores organizado pola Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e no que participaron 13 alumnos do noso centro.

OBRADOIROS IGAXES3: 1º ESO "COÑECE A NOSA CULTURA" E 2º ESO "RESOLUCIÓN DE CONFLITOS"

Distribuir contido