I Xornada: “A convivencia, responsabilidade de todas e todos.”

O martes 1 de decembro celebrouse no IES do Milladoiro a “I Xornada: A convivencia, responsabilidade de todas e todos”, que se enmarca dentro do que é unha das principais liñas de traballo do Instituto como centro educativo: a convivencia. Convivencia que é un valor en se mesma e que, ao mesmo tempo, repercute nunha mellora dos resultados académicos.

O obxectivo do encontro era a consolidación dun espazo de colaboración para compartir informacións e rendabilizar esforzos ao redor do coñecemento das realidades sociais, a prevención e a intervención ante situacións conflitivas. Coñecemento, prevención e intervención naquelas realidades sociais que están presentes no Milladoiro e no Instituto, no Instituto e no Milladoiro. Son cuestións todas elas que encaixan perfectamente na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015/2012, aprobada recentemente pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Nesta I Xornada sobre convivencia asistiron respresentantes de todas as institucións coas que o IES do Milladoiro está a traballar: Anpa do IES do Milladoiro, Anpa Ágora do IES do Milladoiro, Centro de Saúde, Concello de Ames, Guarda Civil, Inspección educativa e Igaxes3, ademais de profesorado do centro. Tamén estivo presente Andrés González Bellido, orientador do Institut Front Maritim (Barcelona) e creador do Programa Titoría entre Iguais (TEI), que se desenvolve no Instituto do Milladoiro dende o curso 2014/2015. González Bellido compartiu co alumnado de 3º da ESO unha sesión de análise do TEI.

As persoas que asistiron ao encontro saúdaron a iniciativa desta reunión porque pode fortalecer as canles de comunicación e, ademais, mostraron o seu interese por continuar traballando na mesma liña de colaboración. Analizaron as experiencias compartidas para mellorar a convivencia no IES do Milladoiro e, como consecuencia, na propia localidade. Esas experiencias agrupáronse en varias liñas de traballo como son o desenvolvemento persoal, a coordinación coas familias, a prevención do acoso escolar e do ciberacoso, a igualdade, a educación para a saúde, o ocio saudable, a interculturalidade e a educación para a cidadanía global, o rendemento escolar e a orientación profesional. A acción titorial, os programas de habilidades sociais, o desenvolvemento de estratexias de mediación e cibermediación, a posta en marcha de programas de reforzo escolar, a cooperación para desenvolver actividades deportivas, os obradorios de prevención de drogas, a Olimpíada da Convivencia, a educación afectivo-sexual… son algunhas das experiencias que xa se están a desenvolver e que axudan á consolidación dun ambiente escolar amigable.

Na súa intervención, Andrés González Bellido destacou a importancia de que un centro como o IES do Milladoiro abra as súas portas á poboación na que realiza o seu labor porque supón entender a educación dende unha óptica comunitaria. Salientou, por outra banda, a necesidade de promover proxectos nos que o estudantado se convirta en protagonista, o que é unha garantía de éxito no proceso de mellora da convivencia. Tamén animou ás persoas presentes a facer un esforzo por visibilizar este tipo de reunións na que todos os axentes sociais que interveñen no ensino están presentes.

A xuntanza rematou coa convocatoria doutra nova reunión, o 2 de febrero, para afondar nas liñas de traballo existentes e estudar a posibilidade de explorar novas vías de comunicación.