Ao son da paisaxe |
|
|||
MARÍA LÓPEZ SÁNDEZ NO IES DO MILLADOIRO |
|||
O venres 27 de xaneiro foi o primeiro dos dous días nos que lle fixemos unha pequena homenaxe a Castelao no noso IES, con motivo de celebrar o seu nacemento (29 de xaneiro). Unimos esta pequena homenaxe coa terceira fase do proxecto "Ao son da paisaxe" coa que quixemos "humanizar" unha parte do noso patio, a que está atrás do pavillón. Antes, o alumnado do EDLG (Equipo de dinamización da lingua galega) de 1º e 2º ESO foi á parroquia de Ameixenda buscar varas de salgueiros, bidueiros e vimbios que logo plantamos nese espazo traseiro onde tamén colocamos a faixa coa mítica frase de Castelao, faixa que a rapazada pintou durante toda a semana previa. Abaixo podedes ver algunhas imaxes dese día. Ademais de ligar a Castelao co noso proxecto plurianual "Ao son da paisaxe", tamén o ligamos coa celebración do Día da paz na bibliteca, onde se lle fixo tamén unha pequena homenaxe. Rapazas do ENDLG leron viñetas de Castelao, tanto en contra da guerra, como en contra de calquera inxustiza, empregando como arma a retranca. Para finalizar, as irmás Dora e María Iglesias interpretaron o famoso poema de Castelao musicado (Lela): Durante os dous días dedicados a Castelao proxectáronse os dous vídeos relacionados, un sobre a súa vida e obra do rianxeiro como retranqueiro universal e outro sobre o que entendemos no EDLG que é a paz lingüística. |
|||
Convidados pola Concellaría de medio ambiente fomos á inauguración das figuras de madeira que se colocaron nesta carballeira de trasnos que arranxaron en Paramuíño, xusto detrás do CEIP de Ventín. A rapazada de 1º ESO D, e mais alumnado do EDLG de 1º ESO, compartiu espazo con alumnado da súa antiga escola, por grupos "apadriñaron" un carballo e leron uns textos sobre cada un dos posibles habitantes da carballeira (donosiña, píntega, curuxa...) |
|||
As alumnas responsables do programa Ao son da paisaxe presentan o episodio número 2. Gravado nesta ocasión por unha parte do equipo (Noa, Julia, Antía e Alicia) explican como é a primeira plantación de árbores que se realizou no noso IES o curso pasado e dan algúns datos sobre as diferentes especies que se plantaron.
|
|||
Hoxe o noso alumnado de 4º da ESO mergullouse na tráxica historia do Prestige e no desastre ecolóxico que trouxo ás nosas costas. Dentro do proxecto "Ao Son da Paisaxe" seguimos sementando conciencia ecoloxista e, ao mesmo tempo, facemos memoria histórica do acontecido, para que non volva acontecer. Tivemos a sorte de contar coa visita de Brais Fernandes, para realizar unha entrevista moi instrutiva e produtiva; moitas grazas, compañeiro. Ao mesmo tempo, inauguramos hoxe unha exposición itinerante coas maletas viaxeiras, que estará na nosa Biblioteca unha tempada e posteriormente viaxará ao IES Antonio Fraguas. |
|||
|
|||
EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA DO IES DO MILLADOIRO COLABORAN: DEPARTAMENTOS DE MÚSICA, BIOLOXÍA-XEOLOXÍA E TECNOLOXÍA #_rcd_2022 #SementadePensamentos
|
|||||
