Ao son da paisaxe. Actividades do terceiro trimestre

 

O pasado 16 de maio, no marco das actividades das Letras Galegas e dentro do proxecto “Ao son da paisaxe”, veu ao noso centro Sabela Cobas, profesora no IESP de Ames (Bertamiráns).

Durante unha hora explicoulle ao alumnado do ENDLG en que consistiu a renovación do patio do seu IES e como se desenvolveu.

Aproveitando a visita, as alumnas que levan o proxecto de “Ao son da paisaxe” fixéronlle unha entrevista na radio:

  

E entrevistamos telefonicamente a unhas rapazas que traballaron con ela no proxecto:

 

Tamén entrevistaran os técnicos da aula da natureza cando viñeron en marzo replantar as árbores que secaran da plantación do curso pasado:

O martes 23 de maio foi o día escollido para irmos nós ao seu centro, de paso que fixemos un roteiro para gravar os vídeos de toponimia e mais para ir coñecer o traballo que, sobre este tema, fixo a rapazada do CEIP Agro do Muíño. Durante a visita, guiada pola profesora Sabela Cobas, a rapazada do noso instituto foi coñecendo as distintas partes do patio, que previamente xa lle explicara na charla que dera noso centro, sendo a charca o lugar que máis lles gustou. Aproveitaron para deixar alí uns barcos de papel cos seus nomes e algúns desexos:

 

O mesmo grupo de rapaces e rapazas aproveitaron ese día a visita a Bertamiráns para analizar a calidade medioambiental da auga do Rego dos Pasos, que desemboca alí no Sar, participando así no proxecto Ríos de Adega:

 

Pechouse o proxecto este curso na última semana de clase coa colocación dos bancos e mais dos chantóns nos que pegaron as placas que deseñamos no EDLG onde se indica o nome da árbore, o termo científico, un poema relacionado e o código QR que leva a unha páxina na que se poden ler e escoitar as características das especies, así como o poema e a canción asociadas á mesma.

A inauguración das placas fixérona Brais Fernandes e Américo Festinhas aproveitando a súa visita ao centro:

 

Resumo do proxecto no seguinte vídeo: