Rede do Milladoiro: "Titoría entre iguais" e "Coñece a nosa cultura"

O IES O Milladoiro desenvolve o programa Titoría entre iguais (TEI), unha iniciativa de mentoría un-a-un no que alumnos e alumnas de 3º de ESO exercen durante o curso como titores doutros rapaces de 1º. Ao comezo do curso, o grupo de titores encárgase de facilitar a integración no centro do grupo de titorandos, para quen todo é novo xa que proceden doutros colexios.

Por outra banda, e en colaboración permanente coa dirección e o equipo de orientación, Igaxes3 desenvolve no IES O Milladoiro o Programa Aleida para a promoción do éxito escolar desde a apertura do centro en 2013. O programa, que Igaxes3 xa aplica desde 2009 noutra ducia de centros de Santiago e comarca, conta con varias liñas dedicadas á prevención do abandono escolar prematuro.

Unha das propostas de Aleida que está a desenvolverse no Milladoiro é Coñece a nosa cultura. Trátase dunha iniciativa de mediación e integración cultural desde as aulas, na que o alumnado pode explorar e traballar en común para coñecer as distintas culturas de orixe presentes na aula. Aprendendo das compañeiras e compañeiros estranxeiros podemos eliminar prexuízos, poñer en valor as diferenzas e potenciar os puntos en común.

No presente curso conflúen por primeira vez os programas de Titoría Entre Iguais e Coñece a nosa cultura. As parellas de titores-titorandos viñeron colaborando durante o primeiro trimestre nos distintos proxectos culturais.

O alumnado exporá estes traballos conxuntamente segundo o seguinte calendario:

Mércores 14 de decembro, ás 13:40 horas: 1 ESO B

Venres 16 de decembro, ás 8:50 horas: 1 ESO C

Mércores 21 de decembro, ás 10:50 horas: 1 ESO A

Mércores 21 de decembro, ás 11:40 horas: 1 ESO D

Será un acto cooperativo aberto ás familias de 1º da ESO e terá lugar no Salón de Actos do Instituto.

NOVA "A VOZ DE GALICIA"