A rede do Milladoiro reuniuse este luns para construír comunidade

O pasado luns 6 de novembro na biblioteca do IES do Milladoiro ás 12:00 tivo lugar a primeira reunión do curso 2023-24 da rede do IES do Milladoiro co lema "Tecer rede para tecer comunidade". Na reunión presentouse o proxecto do equipo directivo e a situación actual do centro, difundíronse as actividades que desenvolven os diferentes participantes e iniciaronse as liñas de traballo específicas centradas na inclusión, benestar, convivencia, seguridade e prevención.

Trinta entidades e axentes que interveñen na localidade participaron no encontro para coordinar actuacións, facilitar canles de comunicación e mellorar a convivencia, entre elas: alcaldía, concellería de Educación e Mocidade e Concellería de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado Servizos Sociais, Bombeiros, Policía Local, Garda Civil, representantes das Anpa do IES do Milladoiro e o CEP de Ventín, do Centro de Saúde, Inspección educativa e diversas asociacións: Asamblea de cooperación pola paz, Agareso, Areté, Secretariado Xitano e unha representante da UACO Raogal. A rede do Milladoiro é unha iniciativa posta en marcha no curso 2015/2016 e constitúe unha mesa de traballo coas institucións implicadas na vida do IES do Milladoiro orientada a mellorar os resultados a partir do intercambio de experiencias e coordinación de actuacións coa finalidade de que os seus beneficios cheguen a toda a comunidade local.

Agás o paréntese representado pola pandemia do COVID-19, a través da rede se desenvolveron numerosas actividades, entre outras, encontros entre o alumnado de diversas etapas e cursos, obradoiros interculturais, encontros cos sectores profesionais da zona, xornadas de orientación académica-laboral, conferencias, guías e programas de mellora de rendemento escolar.