A Rede do Milladoiro: balance do curso 2015/2016

A Organización Mundial da Saúde definiu a saúde no seu texto fundacional de 1948 como “un estado de benestar físico, mental e social, con capacidade de funcionamento, e non so a ausencia de afeccións ou enfermidades”.

Se asumimos esta definición a saúde convírtese nun piar da convivencia, concepto tamén fundamental para o desenvolvemento dun centro educativo. Por esta razón, o IES do Milladoiro puxo en marcha no curso 2015/2016 unha Rede de traballo coas institucións coas que colabora o centro e que ten como eixes de traballo fundamental a convivencia e a saúde, a saúde a convivencia. Unha boa convivencia escolar e unha boa saúde melloran os resultados académicos e produce unha maior satisfacción da comunidade educativa ao mesmo tempo que, a pequena escala, contribúe a mellorar a convivencia e a saúde na localidade na que o centro desenvolve a súa actividade: O Milladoiro. Trátase dun traballo que feito en rede ofrece mellores resultados e, sobre todo, os seus beneficios chegan a toda a comunidade, como demostran as experiencias realizadas noutras latitudes.

Con esta iniciativa, o IES do Milladoiro non fai senón desenvolver os fines da educación segundo están recollidos na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación e na Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a melora da calidade educativa: a atención a convivencia nos centros escolares e o desenvolvmento de hábitos saudables no alumnado. Por esta razón, o Ministerio de Educación publicou a Orde ECD/2475/2015, de 19 de novembro, pola que se crea o distintivo de calidade de centros docentes Selo Vida Saudable, mención honorífica que recoñece as acción destinadas a fomentar a calidade dos centros educativos, segundo reza o artigo 122bis da LOMCE. Ao mesmo tempo que o IES do Milladoiro puña en marcha a Rede do Milladoiro, presentou ao Ministerio de Educación a solicitude para acadar o devandito selo.

Pola súa banda, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia mostra a súa preocupación a través da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa e o Decreto 8/2015 polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar. Para afondar nestes mandatos legais, a finais de 2015 fixo pública a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-20201.

É neste contexto no que, ao longo do curso 2015/2916, se celebraron no IES do Milladoiro tres xornadas de traballo tituladas “A convivencia, responsabilidade de todas e todos”. A primeira foi no mes de decembro, continuada por unha segunda en febreiro e a derradeira no mes de maio. A presenza de institucións foi incrementándose ao longo do curso de forma que nas tres reunión celebradas participaron representantes da Asociación de Empresario do Milladoiro, da Anpa do IES do Milladoiro, da Anpa Ágora do IES do Milladoiro, do Centro de Saúde, do Centro de Educación Primaria de Ventín, do Concello de Ames, da Escola Infantil do Milladoiro, da Garda Civil, da Inspección educativa e de Igaxes3.

Chegados case ao remate do curso 2015/2016, é o momento de recoller as conclusións do realizado, na liña do tratado na derradeira reunión do curso:

1.   Cómpre destacar, en primeiro lugar, unha valoración positiva da experiencia, razón pola que se manterá no vindeiro curso.

2.  A Rede do Milladoiro está aberta a novas incorporacións. En primeiro lugar, cursarase invitación á Fundación Secretariado Xitano, coa que o IES do Milladoiro ven de asinar un acordo de colaboración.

3.   As reunións terán unha periodicidade trimestral agás na primeira avaliación, cando serán dúas, unha de programación e outra de análise do trimestre.

4.   Para facer axilizar o labor da Rede, continuaranse a realizar reunións sectoriais para mellorar a coordinación do Instituto coas distintas institucións presentes no municipio (Centro de Saúde, Concello, Garda Civil); co mundo empresarial para achegar ao alumnado á realidade laboral; coas organizacións coas que xa se está a traballar (Igaxes3); entre os centros escolares da localidade (Escola Infantil, CEP de Ventín e IES do Milladoiro), e entre os centros escolares e as Asociacións de Nais e Pais.

5.   O traballo realizado, que marca as pautas do que se fará no vindeiro curso, está recollido na táboa que achegamos con este escrito.

Milladoiro, maio de 2016

http://www.edu.xunta.es/portal/Educonvives.gal