Xeografía e Historia

Profesorado do departamento e programacións 2023-24

II Olimpiada Xeográfica Junior de Galicia

Celebrouse a II Olimpiada Xeográfica Junior de Galicia na Facultade de Xeografía e Historia da USC, na que tivo lugar a participación do noso centro. Velaeiqui tedes algunhas imaxes de esa participación.

Encontro con María Peralta


O  alumnado  de  2º ESO E   está  a  desenvolver un  traballo  a partir  da  obra Cores  prohibidas, de   María  Peralta: realizan  a   lectura  da obra para  logo  convertela  en  audiolibro. O  día  25  de novembro o  alumnado  terá  a oportunidade  de  asistir na  biblioteca a  unha  videoconferencia  coa  autora, a  quen  lle  expresamos  por  adiantado  o  noso  agradecemento.

 

 

 

 

Meteogalicia

O  alumnado de Xeografía de  2º de Bacharelato visitou  este  mércores a  sede  de  Meteogalicia.

                                        

Visita ao castro de San Cibrao de Las

O alumnado de 1º de ESO tivo a oportunidade de coñecer o magnífico castro de San Cibrao de Las (Ourense) visitando o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.  Ademais, participou nun obradoiro de arqueoloxía, no que tiveron que clasificar, explicar e expoñer os seus achados.

Visita á exposición "Castelao maxistral" e á Librería Couceiro

 

O pasado 1 de marzo, o alumnado de 4º da ESO visitou na Cidade da Cultura a exposición Castelao maxistral.

Publicacións do centro: Castelao maxistral. Propostas de traballo

O EDLG e o  departamento de Xeografía e Historia do noso centro elaboraron unha proposta didáctica para traballar a figura de Castelao e a exposición Castelao maxistral que vén de ser publicada por iniciativa de Nova Escola Galega. Ponse así a disposición de toda a comunidade educativa. Enlace: Castelao maxistral. Propostas de traballo.

Charla: Historia do feminismo

A profesora Sonia Fernández, pertencente á asociación Nova Escola Galega, deu unha charla sobre a historia dos movementos feministas ao alumnado de 4º de ESO e ao alumnado de HMC de 1º de Bacharelato. A charla tivo lugar o martes 27 de novembro, organizada polo departamento de Xeografía e Historia, dentro dos actos para conmemorar o 25 de novembro, Día internacional para a non violencia contra as mulleres.

Historia das nosas avoas

Para acceder ao documento, premer a continuación: Historia das nosas avoas

A sociedade do automóbil

Para aceder ao documento, premer a continuación: A sociedade do automóbil

Obradoiro de manuscritos medievais

Dentro das actividades programadas pola Biblioteca do IES do Milladoiro pola Semana do libro, o Departamento de Xeografía e Historia organizou un Obradoiro de manuscritos medievais para o alumnado de 2º de ESO. A profesora da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña, Mercedes López Mayán, explicou como se realizaban os manuscritos na Idade Media e foi guiando o noso alumnado na elaboración dos seus propios manuscritos ao modo medieval.

Visita a Ferrol

O alumnado de 3º de ESO visitou o Arsenal Militar e o Museo da Construcción Naval de Ferrol o pasado 25 de abril, nunha actividade realizada polo Departamento de Xeografía e Historia.

Visita á exposición "Auschwitz. No hace mucho. No muy lejos" (Madrid)

O pasado 21 de abril, alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato realizou unha visita, organizada polo Departamento de Xeografía e Historía, á exposición Auschwitz. No hace mucho. No muy lejos.

 A mostra presenta dun xeito  exhaustivo o que foi o campo de exterminio nazi de Auschwitz, convertido en símbolo do horror. Explica tamén o contexto no que se produciu o ascenso de Hitler ao poder (dende a Primeira Guerra Mundial ata a crise de 1929), as características do réxime nazi, os comezos da Segunda Guerra Mundial, a "solución final", o sistema concentracionario, a vida e a morte en Auschwitz, a liberación do campo, a situación das persoas que sobreviviron...

Charla: O CAMBIO CLIMÁTICO

O profesor da USC José Antonio Rodríguez Añón ofreceu, o mércores 4 de abril, unha charla sobre o cambio climático ao alumnado de 3º ESO e de Xeografía de 2º Bach. Nela, desmontou moitas das falsas crenzas sobre este tema.

Expometeoro

O desenvolvemento do plan proxecta O Laboratorio do ClimaDoiro e a colaboración da Biblioteca do IES do Milladoiro fan posible que, dende o 8 ao 29 de xaneiro, o noso alumnado poida acceder á exposición Expometeoro, realizada por MeteoGalicia.

Diploma PROXECTO DE EXCELENCIA para "O Laboratorio do ClimaDoiro" do IES do Milladoiro

O proxecto O Laboratorio do ClimaDoiro, levado a cabo durante o curso 2016/2017 no noso IES e no que participaron 17 profesoras e profesores e alumnado de todos os cursos da ESO, foi recoñecido como PROXECTO DE EXCELENCIA dentro do programa Meteoescolas do plan Proxecta.

PROXECTO MULTICISPLINAR: "A SOCIEDADE DO AUTOMÓBIL"

A comezos do curso 2016/2017, profesoras e profesores de 4º de ESO (Artes Plásticas, Ciencias Naturais, Física e Química, Xeografía e Historia, Inglés, Lingua Galega, Música e Matemáticas) empezaron a desenvolver un proxecto de traballo multidisciplinar e interdisciplinar ao redor do coche: “A sociedade do automóbil”.

BLOGUE DO PROXECTO

“A sociedade do automóbil” ten por obxectivo reflexionar sobre como o coche condiciona as sociedades actuais e, xa que logo, a vida cidadá, as nosas vidas.

Froito deste proxecto son os traballos que presentamos nesta publicación do alumnado de 4º de ESO A e B nas materias de Física e Química e Xeografía e Historia. Os traballos, ademais, foron emitidos a través de Ames Radio, o pasado 13 de xuño.

 

VISITA AO PARLAMENTO DE GALICIA

O mércores 24 de maio, o alumnado de 1º de Bacharelato B e de 4º de ESO A realizou unha visita ao Parlamento de Galicia. Ademais de coñecer o edificio, tivemos a posibilidade de asistir a unha sesión de control do goberno por parte dos partidos con representación na Cámara. A actividade está dentro da Programación Didáctica do Departamento de Xeografía e Historia.

CHARLA DE RAFAEL PILLADO, EX-PRESO POLÍTICO

O martes 9 de maio Rafael Pillado Lista visitou o Instituto para compartir unha hora de clase co alumnado de Historia de 4º da ESO. Rafael Pillado, xubilado da antiga Empresa Nacional Bazán, actualmente Navantia, traballou durante moitos anos nos estaleiros ferroláns, onde entrou como aprendiz a mediados da década dos anos cincuenta do século XX. Polo seu compromiso coa defensa dos dereitos dos traballadores e a súa militancia política antifranquista sufriu varias detencións. A raíz dos sucesos do 10 de marzo de 1972, foi condenado polo Tribunal da Orde Pública a sete anos de prisión, dos que cumpriu catro grazas a que se beneficiou dunha das amnistías en tempos da Transición. Na actualidade, segue mantendo unha intensa actividade sociocultural e política a través da Asociación Fuco Buxán.

A EXPOSICIÓN "EXILIO E DEPORTACIÓN. JOAQUÍN BALBOA E ANTONIO PÉREZ, DE MONTERREI E BOBORÁS AOS CAMPOS NAZIS" VISITA O IES DO MILLADOIRO

Exilio e deportación é unha exposición itinerante sobre o itinerario vital de dous galegos, Joaquín Balboa e Antonio Pérez, primeiro emigrantes económicos e, posteriormente, exiliados políticos. Trala derrota do Exército Popular da República na Guerra Civil, exiliáronse en Francia, onde foron detidos polos nazis e deportados aos campos de concentración.

Exilio e deportación é unha aposta pola recuperación da memoria dos republicanos españois que se sentiron “traizoados polos aliados” despois da derrota do nazismo, á que contribuíron. “Seguiron a ser apátridas” porque non puideron regresar libremente ao seu país e, se o fixeron, foi baixo o “silencio imposto pola Ditadura” e o “esquecemento do seu sacrificio polo Estado democrático”, en palabras de Heladio Anxo Fernández Manso, autor da mostra.

Exilio e deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos campos nazis estará no IES do Milladoiro entre o 8 e o 22 de maio.

 

 

VISITA A METEOGALICA DO ALUMNADO DE 1º ESO

O alumnado de 1º ESO visitou MeteoGalicia os días 4 e 18 de abril, onde ademais de percorrer as súas instalacións, tamén lles explicaron os pasos esenciais que se deben dar para realizar as predicións meteorolóxicas e puideron acceder á sala de predicións para coñecer as ferramentas que usan os técnicos para levar a cabo o seu traballo; recibiron tamén unha explicación básica do proceso de predicion meteorolóxica.

PUBLICACIÓN EN METEOGALICIA

PUBLICACIÓN EN METEOGALICA

CHARLA “NENAS E ADOLESCENTES NA GALICIA MODERNA"

O pasado 22 de marzo o alumnado de 3º da ESO tivo a ocasión de escoitar unha charla da catedrática de Historia Moderna, Ofelia Rey Castelao. No marco do día da muller, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela fixo unha presentación da historia das “Nenas e adolescentes na Galicia Moderna”, tema ao que lle ten dedicado un gran número de investigacións.

No seu percorrido, Ofelia Rey descubriulle ao estudantado como era a vida das nenas da súa idade en Galicia durante os séculos XVI e XVIII e as enormes diferenzas existentes entre os diversos grupos sociais. 

A charla permitiulle ao noso alumnado entender como se levan a cabo as investigacións históricas e, máis importante se cabe, comprender que forman parte dunha xeración privilexiada cuxa principal preocupación é -ou debería ser- aproveitar ao máximo a educación recibida.

VISITA AO PARLAMENTO DE GALICIA DO ALUMNADO DE 4º ESO

O pasado 6 de febreiro, os grupos de 4º de ESO B e C puideron asistir ao Pleno do Parlamento de Galicia no que se estaba discutindo a Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2017. A saída foi organizada polo Departamento de Xeografía e Historia. A visita comezou co visionado dun vídeo institucional sobre o funcionamento do Parlamento. Ademais de coñecer a historia do edificio, percorréronse varias dependencias como a Biblioteca ou as dos grupos parlamentarios.

Co obxectivo de asistir a outro Pleno, o IES do Milladoiro volverá ao Parlamento no mes de maio, nunha visita na que participará o alumnado de 4º de ESO A e de 1º de Bacharelato B.

VISITA AO PARLAMENTO DE GALICIA

O Departamento de Xeografía, Historia e Ciencias Sociais organizaou unha visita ao Parlamento de Galicia o pasado 16 de marzo. Participou alumnado de Historia do Mundo Contemporáneo, de 1º Bach B, e de Xeografía, de 2º Bach B, que coñeceu de primeira man o funcioamento da institución e tivo a oportunidade de asistir a unha sesión de control do goberno galego.

Un alumno de 1º de Bach, Pedro Rial, e Gloria Martínez, de 2º de Bach redactaron senllas crónicas da visita.

VISITA ÁS INSTALACIÓNS DE METEOGALICIA

O alumnado de 1º ESO visitou MeteoGalicia os días 8 e 15 de marzo. Ademais de visitaren as instalacións de MeteoGalicia en San Lázaro, tamén lles explicaron os pasos esenciais que se deben dar para realizar as predicións meteorolóxicas, e accederon á sala de predicións, onde coñeceron as ferramentas que usan os técnicos para levar a cabo o seu traballo; recibiron tamén unha explicación básica do proceso de predicion meteorolóxica.

DIRECTORIO DE RECURSOS DO DEPARTAMENTO DE CIENCIAS SOCIAIS (Xeografía)

DIRECTORIO DE RECURSOS DO DEPARTAMENTO DE CIENCIAS SOCIAIS (Historia)

DIRECTORIO DE RECURSOS DO DEPARTAMENTO DE CIENCIAS SOCIAIS (Arte)

ROTEIRO DIDÁCTICO POLO CENTRO DE PONTEVEDRA DO ALUMNADO DE 1º DA ESO

O alumnado de 1º da ESO realizou o mércores 2 de marzo unha excursión a Pontevedra. A saída, organizada polo Departamento de Xeografía e Historia, tivo varias actividades: charla sobre os cambios vividos na cidade de Pontevedra, roteiro urbano pola cidade, visita ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campolameiro, etc. O alumnado estivo acompañado por Susana Martínez, Antón Orol, M.ª José García e Ana Ledo.

O ALUMNADO DE 1º E 2 º DE BACHARELATO B NA SESIÓN MATINAL DE CINE DA SALA NUMAX

O alumnado de 1º B e de 2º B de Bacharelato desfrutou dunha sesión matinal de cine na sala Numax, de Santiago. A saída foi organizada pola Biblioteca do Instituto e mais o Departamento de Xeografía, Historia e Ciencias Sociais. O filme escollido foi Suffragettes (Sara Gavron, 2015), sobre o nacemento do movemento sufraxista en Inglaterra, nos anos inmediatamente anteriores ao estoupido da I Guerra Mundial. A película, que está a ter unha magnífica acollida de público e crítica, foi visionada en versión orixinal subtitulada en castelán. Na Biblioteca do IES do Milladoiro pódese ler unha novela gráfica relacionada con esta cuestión histórica e de actualidade: Mary M. Talbot, Kate Charlesworth e Bryan Talbot (2015): Sally Heathcot: Sufragista, Barcelona, Ediciones La Cúpula.

Distribuir contido