EDLG |
|
||||||||||||||||||
O que na programación inicial do EDLG se pensou como un intercambio lingüístico e cultural a través da radio, acabou dando lugar, neste mes de xuño, á realización de catro podcast conxuntos entre o alumnado do noso centro e o do IES Félix Muriel de Rianxo. O nome, "Mentes referentes", porque o obxectivo principal era que o alumnado de cada centro localizase "mentes referentes" do seu concello, que traballasen en galego, e que llas presentase ao alumnado do outro instituto para que este preparase a correspondente entrevista. Con este esquema de traballo estivemos no terceiro trimestre e, aínda que parte do proceso se desenvolveu de xeito virtual, argallamos dúas mañás de convivio e traballo conxunto que deron moi bos resultados. O mércores 8 de xuño foi cando nos xuntamos en Rianxo, para que as nosas reporteiras entrevistaran a dúas mulleres referentes nese concello: Maruxa Miguéns (do mítico grupo Os Rosales) e Sabela Galbán, unha moza cunha grande traxectoria musical (Cuarteto de biselas, Carapaus, Sés..). Logo o pasado luns 20 acollemos no Milladoiro ao grupo da radio que chegaba desde a terra de Castelao para entrevistaren a Inés Suarez, integrante do grupo de música tradicional do noso concello "As maianas" e mais á xornalista, presentadora da TVG, Susana López Carbia. O alumnado de cada centro anfitrión fixo as presentacións e despedidas correspondentes, e entre alumnado dun e doutro centro explicaron o proxecto neste que chamamos "Introdución ao proxecto".
En ambos os casos compartimos, ademais dos estudos de gravación, unha troca de experiencias e de xeitos de traballar, que deu moi bos froitos, de feito temos pensado continuar no vindeiro cursos. Aquí quedan as entrevistas realizadas ás catro mentes referentes:
|
|||
Para o Día da Lingua materna ideamos un programa especial que dirixiu Diego Madarnás, entrevistando a estudantes do noso centro que cursaban entre 1º ESO e 2º Bac e que tiñan como lingua inicial o galego. Aínda que se fixeron as entrevistas antes do 21 de febreiro, día no que se conmemora este efeméride, houbo problemas técnicos coa montaxe e non se puido publicar ata agora. É este un programa que describe unha realidade dura para a rapazada que ten como lingua inicial o galego e que estuda nun centro no que se declara galegofalante menos do 2% do alumnado. Son testemuños do que supón "ser galegofalante no Milladoiro" que non vos van deixar indiferentes.
Con este episodio, Diego pechou o seu programa de entrevistas por este ano lectivo, pero volve en setembro! Mario Campos e Hugo Mateos na parte técnica.
|
|||
O grupo Xente que fala, gañador da X edición do Club de debate, foi recibido no Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames polo alcalde, José Blas García Piñeiro. Acudiron sete dos oito formantes do grupo (Diego Madarnás, Mario Campos e Breogán Fajundes (3º ESO), Sofía Chang, Andrea García, Iria Ferreiro e Marta Méndez (4º ESO). Non puido acudir Javier Conde, e ocupou o seu lugar, convidado polos membros do grupo gañador, Nacho Molina, quen participou tamén na experiencia do club de debate con outro grupo que igualmente chegou á final. No salón de plenos, o alcalde e a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín López, felicitaron o alumnado presente e á artífice deste logro, Valentina Formoso Gosende, polo premio que contribúe ao bo nome do Concello e a dignificar e impulsar o uso da nosa lingua, nun contexto de diversidade e riqueza cultural como a que temos no noso centro, grazas ás achegas dun alumnado de distintas procedencias. O noso alumnado foi entrevistado en Ames Radio, para o programa "Somos Ames". A continuación, podedes escoitar esta entrevista dende o minuto 32:30 ao 47:44. |
|||
O pasado martes, 7 de xuño, o alumnado de 2º ESO, saíu ata a casa da cultura para acudir á actuación teatral de Serafín Marcos: "Coa ledicia de voltar", organizada polo EDLG dentro das actividades organizadas co gallo das Letras Galegas para dar a coñecer a figura de Delgado Gurriarán. Durante as sesións da tarde, puideron achegarse de forma lúdica á vida e obra do personaxe homenaxeado este ano.
|
|||
O IES do Milladoiro foi gañador no Olloboi 2022, un festival de curtametraxes educativas, que se celebra en Boiro e que serve para visibilizar a creación galega nas aulas. O premio foi outorgado pola curta Terra da fraternidade, O Milladoiro que queremos. O centro non puido estar presente na recollida do premio, aínda que a súa ausencia intentou ser suplida cunha regueifa enviada dende as Terras de Compostela ao Barbanza. Parabéns e grazas ao alumnado de 3º de ESO do IES do Milladoiro do curso 2020/2021 polo seu traballo.
|
|||
|
|||
|
|||
|
|||
|
|||
Homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán do Colectivo Euterpe |
|||
O Equipo de dinamización da lingua galega organizou no IES unha exposición para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano; Florencio Delgado Gurriarán. Ademais do alumnado do Equipo, colaborou na elaboración da cartelaría alumnado de 1º e 2º ESO.
Desde hoxe ata o venres, durante os segundos recreos, vaise proceder ao recitado de poemas do autor e vanse amenizar as xornadas coa música do colectivo Euterpe.
![]() ![]() ![]() ![]() |
|||
Xa podedes ver a proclamación que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, o venres 6 de maio, do grupo "Xente que fala" como gañador da final do Club de Debate, correspondente ao ano 2022 |
|||
O alumnado do IES do Milladoiro participou hoxe (venres, 6 de maio) na final do Club de debate no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O grupo 1,2,3 Milladoiro abriu a xornada nun debate co CPI de Dodro co tema proposto: “Favorecen os espazos educativos o uso do galego”? Á última hora da mañá debateron contra o grupo Os peripatéticos do IES Xulián Magariños de Negreira.
O grupo Xente que fala arrincou a segunda hora da mañá debatendo tamén co grupo do IES de Negreira. Tocoulle o segundo debate a primeira hora da tarde contra o IES Punta Candieira de Cedeira. Fixeron un traballo magnífico os dous equipos, e foi recoñecido co primeiro premio o equipo Xente que fala.
Parabéns!
![]() |
|||
|
|||
O mércores, 21 de abril, o alumnado de portugués de 1º e 2º ESO realizou unha saída didáctica ao norte de Portugal.
![]() ![]() Visitaron pola mañá a vila de Viana do Castelo, o museo da fábrica de chocolate e mais ao santuario de Santa Lucia.
![]() ![]() Pola tarde realizaron un roteiro por Braga onde tiveron que interactuar cos seus habitantes para completar un xogo de pistas.
![]()
|
|||
Velaquí tedes un resumo, en video, das intervencións realizadas polo noso alumnado nas actividades do club de debate, correspondentes a abril de 2022 VÍDEO 1: dinámicas grupais iniciais. Exposición inicial de Martina Bretaña. Refutación de Lia Barreiro.
VÍDEO 2: exposición inicial de Mario Campos. Primeiras refutacións ao IES de Ames de Diego Madarnás. Exposición inicial de Breogán Fajundes.
VÍDEO 3: exposición inicial de Gabriel Blanco. Refutacións de Nacho Molina. Debate contra o IES Sánchez Cantón de Pontevedra. |
|||
Corenta alumnas e alumnos dos institutos do Milladoiro e de Vila de Cruces están participaron no encontro"Regueibertso"en Igorre, Biscaia, de improvisación oral en verso. Regueifeiros/as da Galiza, glosadors dos Países Cataláns e bertsolaris vascos adolescentes reúnense neste encontro de dúas xornadas educativas. A Regueifesta é un proxecto de innovación educativa que desde 2015 impulsa a regueifa como ferramenta para a normalización lingüística, a educación musical, a educación en valores como o feminismo, a autoxestión ou a transformación social. Esta é a cuarta vez que regueifeiras adolescentes visitan Igorre, nun proxecto que vén reunindo cada ano repentistas de Galiza, Cataluña e Euskadi nun destes tres países. Durante estas xornadas, o alumnado improvisador participou e organizou actividades de valoración das linguas e culturas propias, desde a poesía oral e a música até o baile ou o deporte tradicional. O día 7 de abril tivo lugar o festival Regueibertso no auditorio de Igorre, onde o alumnado improvisou con artistas do País Vasco como Onintza Enbeita. A Regueifesta comprende a improvisación oral como un recurso educativo fundamental para unha educación humanista, onde as emocións e os afectos son motor das relacións persoais e do empoderamento individual e colectivo, a autoestima e o sentido crítico. A prensa di: |
|||
O alumnado de portugués de 3º da ESO, 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato realizou unha saída didáctica a Portugal o pasado xoves día 7 de abril. Achegáronse ao Museo da fábrica de chocolate en Viana do Castelo, onde se lles explicou, en portugués, toda a historia do chocolate e as fases da súa produción desde a antiguidade ata hoxe. Despois de dar un paseo polo centro desta cidade, foron ata a cidade do Porto, para realizar a pé un percorrido que os levou polos principais monumentos: Torre dos clérigos, estación de São Bento, ponte de Luis I, Sé-Catedral etc.
|
|||
O grupo "1,2,3 Milladoiro", que participou na segunda xornada do Club de debate celebrada onte, día 6 de abril, gañou o terceiro premio e o pase á final que se vai celebrar en Pontevedra no mes de maio.
Gabriel Blanco, Enid Alonso e Nacho Molina tiveron que afrontar o debate sen dúas das persoas que tamén conformaban o grupo, pero que estaban de baixa: Carmen Paredes e Sergio Mella. Enfrontáronse ao alumnado de 1º de Bacharelato do IES Sánchez Cantón e ao de 4º ESO do Colexio Sagrado Corazón de Praceres.
O xurado fixo unha mención especial para o noso alumno Nacho Molina. Parabéns!
|
|||
![]() ![]() "Xente que fala" é o nome do grupo que gañou o segundo premio do Club de debate e o pase á final, que se vai celebrar en maio en Pontevedra. Este equipo enfrontouse onte aos centros de Cedeira e de Dodro, e estivo conformado polos alumnos de 3º da ESO Diego Madarnás, Breogán Fajundes, Mario Iglesias e Javier Conde. O grupo completo configúrano, ademais, as alumnas Andrea Gallego, Sofía Chang, Iria Ferreiro e Marta Méndez, de 4º da ESO, que axudaron na preparación do argumentario mais non puideron acudir ao debate.
![]() |
|||
Durante o día de onte, martes 5 de abril, desenvolveuse no Auditorio do Centro Sociocultural de Negreira a primeira xornada do Club de debate. O tema que había que tratar foi o de “A liberdade individual pode estar por riba do interese colectivo?”.
Do noso centro participaron dous grupos. O primeiro estaba formado por alumnado de 3º ESO B do IES: Lía Barreiro, Andrea Caramés, Martina Bretaña, Clara Barral, Sara Iglesias, Anthony Rivera e Paola Torrado (que non puido achegarse por atoparse enferma). Realizaron dous debates durante a mañá, un contra o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro e outro contra o IES Punta Candieira.
Contra o IES de Ames debateu pola mañá o grupo "Xente que fala", formado por 8 persoas, das cales só puideron participar Diego Madarnás, Breogán Fajundes, Mario Iglesias e Javier Conde. As alumnas Andrea Gallego, Sofía Chang, Iria Ferreiro e Marta Méndez estiveron na preparación do argumentario durante os meses previos mais non puideron acudir.
Pola tarde o noso alumnado enfrontouse ao IES Punta Candieira de Cedeira, neste caso defendendo que o interese individual non pode estar por riba do interese colectivo.
Hoxe mércores participa o terceiro grupo inscrito, "1,2,3 Milladoiro", que ten que competir contra dous centros de Pontevedra: IES Sánchez Cantón e IES Sagrado Corazón de Praceres.
|
|||
Este 1 de abril, o alumnado do IES do Milladoiro, concentrouse para participar no manifesto-regueifeiro-expansivo "NON ÁS GUERRAS". Un berro colectivo de alegría ante tantas guerras, para que as armas disparen flores e versos libres
|
||||||
Estes son os vídeos das alumnas participantes no Concurso de Recitado "Rosalía sempre viva" en Outeiro de Rei. Parabéns para Saínza Ruiz e Xiana Lorenzo:
|
|||
Este sábado 19 de marzo, nas vésperas do Día da poesía, celebrouse o VI concurso de recitado "Rosalía sempre viva", organizado pola Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo). O noso instituto estivo representado por dúas alumnas de 2º ESO: Saínza Ruíz, co poema "Eu ben vin estar o moucho", e Xiana Lorenzo, con "Nasín cando as prantas nasen". |
|||
Ao son da dobraxe é un proxecto que busca implicar o alumnado para dobrar ou adaptar produtos culturais do seu interese ao galego. Sábese que unha das mellores maneiras de enganchar a mocidade ao galego é con produtos audiovisuais específicos para eles e na nosa lingua. Polo tanto, crear contidos dobrados ao galego, tanto para usar de entretemento como para aprender a lingua, é fundamental no proceso normalizador no que pretende inserirse este innovador proxecto. |
|||
Velaquí tedes o vídeo do concerto-faladoiro de flamenco,que levaron a cabo Josemi Carmona (guitarrista de Ketama), Rafita de Madrid (cantador flamenco) e Moisés Fernández (tocador de caixón) para o alumnado do noso centro.
|
|||
O xoves 10 organizouse no Auditorio do Milladoiro un concerto-faladoiro, dende o Departamento de Música, coa colaboración do alumnado da Radio e do Equipo de Dinamización Lingüística.
Moitísimas grazas a Josemi, Rafita e Moisés por tanta xenerosidade e arte. Grazas tamén a Rosa Bugallo por facilitar que viñeran os artistas ao centro, e ao Concello por ceder as instalacións e acompañarnos no evento. |
|||
|
|||
|
|||
