Na Resolución do 10 de xuño de 2022 regúlase a xestión de probas de nivel lingüístico para o alumnado de centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesironal e Universidade. Os destinatarios desta convocatoria son os centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. As probas están destinadas ao alumnado de bacharelato, ciclos de formación profesional e alumnado de 4º da ESO. Máis información; |
|||
Parabéns a toda a comunidade do IES do Milladoiro por este premio e moitas grazas a Valentina Formoso, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e Manuel Maseda Deán, coordinador do programa. Os dous, xunto ao noso antigo director, Víctor Santidrián, acudiron ao Museo do Pobo Galego, representando ao centro neste acto. |
|||
O claustro do IES do Milladoiro acordou en reunión ordinaria, celebrada o 30 de xuño de 2022, ofertar a materia de "Francés: primeira lingua estranxeira" para o alumnado de 1º da ESO no vindeiro curso 2022/2023. O alumando de 1º ESO, xa matriculado, que desexe cambiar de primeira lingua estranxeira, pode acudir ao centro nas mañás do luns 4 de xullo, martes 5 de xullo ou mércores 6 de xullo, en horario de 9:00 a 13:30 horas.
|
|||
|
|||
Coa presenza do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, desenvolveuse no IES Antón Fraguas o Encontro Educativo en Aberto, organizado pola Fundación Secretariado Xitano. No encontro, levouse a cabo unha reflexión sobre as dificultades e avances que a comunidade xitana está protagonizando no ámbito educativo. Houbo tamén un recoñecemento para o alumnado que está a participar no Programa Promociona acudindo, en representación do noso centro, Aitana Fernández Fernández, Triana Jiménez Fernández e Alba Jiménez Fernández. Durante o Encontro amosouse a curtametraxe O reto de mañá, na que se aborda o tema da constancia e o esforzo para superar os obstáculos e as dificultades. A parte máis emotiva do encontro chegou co recoñecemento ao alumnado que titulou este curso. Representando ao noso centro estaban dous alumnos de 4º ESO A, Diego Jiménez Jiménez e Simón Jiménez León, que recibiron de mans do alcalde de Santiago de Compostela o seu recoñecemento como graduados en Educación Secundaria Obrigatoria.
Parabéns a Diego e a Simón pola súa titulación e o seu exemplo, grazas ao traballo e ao esforzo! |
|||
|
|||
Deixámosvos os vídeos que testemuñan o traballo conxunto para o programa "Mentes referentes" explicado no artigo anterior:
|
|||
O que na programación inicial do EDLG se pensou como un intercambio lingüístico e cultural a través da radio, acabou dando lugar, neste mes de xuño, á realización de catro podcast conxuntos entre o alumnado do noso centro e o do IES Félix Muriel de Rianxo. O nome, "Mentes referentes", porque o obxectivo principal era que o alumnado de cada centro localizase "mentes referentes" do seu concello, que traballasen en galego, e que llas presentase ao alumnado do outro instituto para que este preparase a correspondente entrevista. Con este esquema de traballo estivemos no terceiro trimestre e, aínda que parte do proceso se desenvolveu de xeito virtual, argallamos dúas mañás de convivio e traballo conxunto que deron moi bos resultados. O mércores 8 de xuño foi cando nos xuntamos en Rianxo, para que as nosas reporteiras entrevistaran a dúas mulleres referentes nese concello: Maruxa Miguéns (do mítico grupo Os Rosales) e Sabela Galbán, unha moza cunha grande traxectoria musical (Cuarteto de biselas, Carapaus, Sés..). Logo o pasado luns 20 acollemos no Milladoiro ao grupo da radio que chegaba desde a terra de Castelao para entrevistaren a Inés Suarez, integrante do grupo de música tradicional do noso concello "As maianas" e mais á xornalista, presentadora da TVG, Susana López Carbia. O alumnado de cada centro anfitrión fixo as presentacións e despedidas correspondentes, e entre alumnado dun e doutro centro explicaron o proxecto neste que chamamos "Introdución ao proxecto".
En ambos os casos compartimos, ademais dos estudos de gravación, unha troca de experiencias e de xeitos de traballar, que deu moi bos froitos, de feito temos pensado continuar no vindeiro cursos. Aquí quedan as entrevistas realizadas ás catro mentes referentes:
|
|||
Para o Día da Lingua materna ideamos un programa especial que dirixiu Diego Madarnás, entrevistando a estudantes do noso centro que cursaban entre 1º ESO e 2º Bac e que tiñan como lingua inicial o galego. Aínda que se fixeron as entrevistas antes do 21 de febreiro, día no que se conmemora este efeméride, houbo problemas técnicos coa montaxe e non se puido publicar ata agora. É este un programa que describe unha realidade dura para a rapazada que ten como lingua inicial o galego e que estuda nun centro no que se declara galegofalante menos do 2% do alumnado. Son testemuños do que supón "ser galegofalante no Milladoiro" que non vos van deixar indiferentes.
Con este episodio, Diego pechou o seu programa de entrevistas por este ano lectivo, pero volve en setembro! Mario Campos e Hugo Mateos na parte técnica.
|
|||
Dentro da relación dos 25 centros educativos de Galicia, públicos e privados, nos que o seu alumnado obtivo unha media superior a 7, e que se amosa en La Voz de Galicia, o IES do Milladoiro amósase como o o segundo centro educativo da área metropolitana de Santiago (e primeiro no relativo aos centros públicos da área metropoliana). Esta nova coincide co acto, xa tradicional, de recoñecemento aos mellores expedientes ABAU de Galicia, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, e que este ano tivo como escenario o Polideportivo Fontes do Sar. Das excelencias galegas do 2022, cinco pertencían ao noso centro: Manuel Caamaño Mayo, Juan Calvo Iglesias, Alba Conde Fernández, Yomara Ferreiro Lesta e Miguel Requeixo González. Parabéns ao alumnado e ao profesorado dos grupos de 2º de bacharelato do curso 2021/2022 do noso centro. |
|||
Hoxe celebramos no IES do Milladoiro o Día europeo da Música do mellor xeito que se podía facer: coas actuacións do noso alumnado, que converteron o acto nunha xornada festiva e orixinal grazas ás actuacións de María (piano), Simón (guitarra), Dora e Elena (frauta), Anxo (violín) e Breogán e Martiño Fajundes (pandeireta e gaita). |
|||
O grupo Xente que fala, gañador da X edición do Club de debate, foi recibido no Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames polo alcalde, José Blas García Piñeiro. Acudiron sete dos oito formantes do grupo (Diego Madarnás, Mario Campos e Breogán Fajundes (3º ESO), Sofía Chang, Andrea García, Iria Ferreiro e Marta Méndez (4º ESO). Non puido acudir Javier Conde, e ocupou o seu lugar, convidado polos membros do grupo gañador, Nacho Molina, quen participou tamén na experiencia do club de debate con outro grupo que igualmente chegou á final. No salón de plenos, o alcalde e a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín López, felicitaron o alumnado presente e á artífice deste logro, Valentina Formoso Gosende, polo premio que contribúe ao bo nome do Concello e a dignificar e impulsar o uso da nosa lingua, nun contexto de diversidade e riqueza cultural como a que temos no noso centro, grazas ás achegas dun alumnado de distintas procedencias. O noso alumnado foi entrevistado en Ames Radio, para o programa "Somos Ames". A continuación, podedes escoitar esta entrevista dende o minuto 32:30 ao 47:44. |
|||
CALENDARIO XUÑO 2022 DESCARGA DE MATRÍCULAS
|
|||
O último programa de "Entrevistas con Diego" deste curso estivo dedicado ao xadrez. Entrevistou, para o que xa é o podcast número 11, a dous xadrecistas da súa idade, un compañeiro no IES do Milladoiro, Mauro Araújo, e o outro Eduardo Cabanas, que reside en Bertamiráns pero estuda no IES Xulián Magariños de Negreira. Coa axuda de Mario Campos e Hugo Mateos na parte técnica, preparou este programa especial que, sexades ou non afeccionados ao xadrez, non debedes deixar de escoitar.
|
|||
|
|||
O pasado mércores, 15 de xuño, tivemos a honra de que viñese ao centro o célebre escritor e veciño de Ames, Manuel Núñez Singala. Despois de lermos a súa obra Comedia bífida e escoller dúas escenas para dramatizalas na radio, convidámolo ao centro para facérmoslle unha entrevista centrada na obra que lemos. Colaborou connosco Diego Madarnás. Deixámosvos abaixo o enlace para que poidades escoitala. Pareceunos unha persoa moi cercana, que nos contestou con moito interese. Chamounos á atención o seu compromiso co seu traballo como normalizador lingüístico e coa lingua. Fíxonos unhas reflexións moi interesantes que nos gustaría que escoitásedes. Aproveitamos que veu ao centro para que nos asinase todas as obras que tiñamos del na biblioteca. Artigo feito por: Marta Mayo, Paula Lourido, Sara Martínez e Paula Mosquera
|
|||
Un grupo do alumnado do EDLG que participa na radio decidiu este curso facer teatro lido. Escolleu para iso a coñecida obra de Manuel Núñez Singala Comedia bífida e nela seleccionou dúas escenas, a do xuízo a Diña e mais a do xuízo ás xemelgas Lina e Lana e que podedes oír nos enlaces que vos deixamos. Remataron o programa cunha entrevista ao autor que publicaremos proximamente.
|
|||
O pasado martes, 7 de xuño, o alumnado de 2º ESO, saíu ata a casa da cultura para acudir á actuación teatral de Serafín Marcos: "Coa ledicia de voltar", organizada polo EDLG dentro das actividades organizadas co gallo das Letras Galegas para dar a coñecer a figura de Delgado Gurriarán. Durante as sesións da tarde, puideron achegarse de forma lúdica á vida e obra do personaxe homenaxeado este ano.
|
|||
O IES do Milladoiro foi gañador no Olloboi 2022, un festival de curtametraxes educativas, que se celebra en Boiro e que serve para visibilizar a creación galega nas aulas. O premio foi outorgado pola curta Terra da fraternidade, O Milladoiro que queremos. O centro non puido estar presente na recollida do premio, aínda que a súa ausencia intentou ser suplida cunha regueifa enviada dende as Terras de Compostela ao Barbanza. Parabéns e grazas ao alumnado de 3º de ESO do IES do Milladoiro do curso 2020/2021 polo seu traballo.
|
|||
O club de ciencias presentou o traballo realizado no curso escolar 2021-2022, no que participou alumnado de 1º e 2º de bacharelato. No seguinte vídeo pódense ver as distintas experiencias que levaron a cabo. Os experimentos realizados no presente curso foron:
“A ciencia é unha forma de pensar, moito máis que un corpo de coñecementos”, Carl Sagan |
|||
|
|||
SÁBADO, 11 DE XUÑO Publicación en abalar de:
LUNS, 13 DE XUÑO Entrega de boletíns de avaliación final ordinaria ao alumnado de 1º Bacharelato. Horario de entrega: 10:00 h LUNS, 13 DE XUÑO E MARTES, 14 DE XUÑO Reclamacións avaliación final ordinaria 1º Bacharelato. Horario de 9:00 a 14:00 h ATA O MÉRCORES, 22 DE XUÑO Periodo lectivo, adicado a actividades de recuperación, reforzo e ampliación MÉRCORES, 22 DE XUÑO Último día lectivo LUNS, 20. MARTES, 21 E MÉRCORES, 22 DE XUÑO
LUNS, 27 DE XUÑO
LUNS, 27 E MARTES, 28 DE XUÑO Reclamacións avaliación final extraordinaria de 1º e 2º Bacharelato MARTES. 28 DE XUÑO Entrega de boletíns de avaliación final ordinaria ao alumnado de ESO
MARTES 28, MÉRCORES, 29 E XOVES 30 DE XUÑO Reclamacións avaliación final ordinaria ao alumnado de ESO
|
|||
"17/5. Día contra LGTBI fobia" é o nome da exposición que o Comité de Igualdade levou a cabo co gallo do Día Internacional contra a homofobia, a transfobia e a bifobia. Na entrada do centro amosaron, en diferentes paneis, exemplos célebres entre o colectivo trans, que é un dos máis afectados pola actitude de intolerancia e polas accións violentas de grupos extremistas. |
|||
O venres, 20 de maio, tivo lugar unha emotiva cerimonia de graduación da promoción 2016-2022 do IES do Milladoiro. Alumnado, docentes e familias asistiron a un acto marcado polas emocións e o humor, e por entrañables discursos. Non faltou a música da man dunha das nosas alumnas, Alba Conde, no que constituíu o broche final dun traballo e unha organización de membros da promoción, como Manuel Caamaño, Óscar Míguez, Adán Agulleiro, Alba García ou Sara Guitián. Foi todo o alumnado, en xeral, o que contribuíu ao éxito dunha cerimomia que, máis ca unha despedida, constituíu un "ata logo" a un alumnado que sempre formará parte do espírito do noso centro. |
|||
|
|||
|
|||
|
|||
|
|||
|
|||
