O grupo de "Saber Falar" saca un novo programa

Deixámosvos os últimos programas de deportes

O grupo que se fixo chamar "Radio Madrid Falantes" composto por alumnado de 2º ESO (Pablo, Juan, Gabriel, Martín e Xacobe na parte técnica) fixeron os seus dous primeiros episodios:

 

O grupo de deportes do MillaFaladoiro (Pablo, Xoel e Diego, tamén de 2º ESO) fixeron o seu cuarto episodio, neste caso falando de tenis:

 

Acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato no cur

Este curso 2023-24 a través da resolución do 28 de febreiro de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023/24 o alumnado podera acreditar os niveis de competencias dixitais de iniciación e intermedio. Estes niveis correspóndense cos niveis de aptitude do Marco galego de competencias dixitais recollidos no documento Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais.

Acreditación do alumnado de educación secundaria obrigatoria

  • O alumnado que obteña o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria recibirá o certificado que acredite o nivel de iniciación.
  • O alumnado matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio.
  • O alumnado que titule ou que supere a proba específica recibirá a certificación ComDix de nivel iniciación ou de nivel intermedio, respectivamente.
  • A acreditación do alumnado terá unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de ítulo da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.

Acreditación do alumnado de bacharelato

  • A obtención do título de bacharel acredita que a alumna ou o alumno ten os coñecementos, habilidades e actitudes das áreas de dominio 1, 2, 3 e 5 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais.O alumnado matriculado en 2º de bacharelato poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias da área de dominio 4 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais.
  • O alumnado que titule sen superar a proba específica e o alumnado que non titule e supere a  proba específica poderá solicitar no centro docente un documento que acredite os coñecementos, habilidades e actitudes das áreas de dominio de competencias dixitais de nivel intermedio superadas. Para isto empregará este modelo.
  • O documento de acreditación terá unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de título da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.

Os requisitos para presentarse á proba son:

  • Estar matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria para presentarse á proba específica que acredita as competencias dixitais de nivel intermedio.
  • Estar matriculado en 2º de bacharelato para presentarse á proba específica que acredita a área de dominio 4 de competencias dixitais de nivel intermedio.

As convocatorias de probas específicas, no curso 2023/24, realizaranse no instituto consonte ao seguinte calendario:

  • A proba específica que acredita a área de dominio 4 de nivel intermedio realizarase durante o mes de abril.
  • A proba específica que acredita o nivel intermedio realizarase durante o mes de maio.

Para solicitar a participación tereds que cubrir o formulario de inscrición e entregalo na secretaría do centro. O prazo remata o día 15 de marzo.

Celebramos o Día de Rosalía

O pasado 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía no centro pero tamén participamos nas actividades do Concello de Ames, tanto na gala que celebraron o propio día á tardiña na Casa de Cultura de Bertamiráns, coma coa acción "Luxo no lixo".

Á gala achegámonos cun programa especial sobre Rosalía no que Diego Madarnás fixo en directo o seu programa de "Entrevistas con Diego" cuns "expertos" en Rosalía (Yago, Mateo, Claudia e Héctor)

 

Por un lado, colocamos ao lado das papeleiras do interior do centro os adhesivos que o concello imprimiu dentro da campaña "Luxo no lixo" (coa

que se reivindica a poesía -un luxo- en calquera espazo, mesmo ao lado do lixo). Así podemos ler versos da poeta sempre que vaiamos tirar algo ao lixo, ou o que é o mesmo, ir tirar algo ao lixo para poder ter o luxo de ler poesía.

Tamén fixemos ese día unha lectura voluntaria de poemas nos recreos, en colaboración coa biblioteca.

A rapazada do EDLG de 3º decorou e preparou un espazo de lectura:

 

 

 

 

 

Campaña de dinamización e normalización da lingua: "Aquí tamén se fala galego"

 No noso IES sumámonos o pasado xaneiro á campaña de dinamización da lingua galega "Aquí tamén se fala galego" nacida no IES Rafael Dieste o curso pasado e que se estendeu case 200 centros de toda Galicia. O alumnado de 3º ESO participou activiamente nesta campaña repartindo cartaces por comercios e locais de diferente índole do Milladoiro e mesmo tamén de Santiago.

A continuación podedes escoitar a presentación da campaña, feita por Julia, Noa, Antía e Alicia, así como a opinión dalgúns compañeiros que participaron na mesma.

 

Diego Madarnás, no seu programa de entrevistas, quixo falar con Alberto Pombo, a persoa que ideou esta campaña o curso pasado, no IES Rafael Dieste, así como con Román Landín, responsable da mesma no IES núm. 1 da EStrada. Ao mesmo tempo entrevistou a alumnado dun e doutro centro. 

Pombo: (IES R. Dieste) Noa  (IES R. Dieste)

Teatro lido: O príncipe lagarto

Un interesante conto sobre unha raíña moi nosa (a raíña Lupa), un príncipe lagargo, un demo e a súa filla... unha historia diferente que escribiu Jacobo Paz e que interpretaron Ángela Tronceda (píncipe), Claudia Santalla (raíña), Miguel Franco (demo), Víctor García (narrador e BrancaFlor). Na parte técnica Gael Rodríguez.

 

Participa no kahoot do Club de Ciencia

Para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia, o Club de Ciencia organiza un xogo de preguntas sobre as mulleres científicas das que previamente elaboraron uns cartaces informativos. Bótalle un ollo aos cartaces colocados nos corredores do instituto e participa no kahoot de mulleres científicas. Debes inscribirte na biblioteca nos recreos do venres 9 de febreiro. O concurso celebrarase o venres 16 de febreiro. Consulta as bases e anímate a participar

Novo episodio dos Deportes no MillaFalaDoiro

Pablo Paz, Xoel Reinaldo e Diego Pérez (alumos de 2º ESO) fan entrega dun novo episodio sobre deportes. Na parte técnica Gael Rodríguez.

Paticipación en InnovAmes

 

O pasado venres, 26 de xaneiro, no pavillón polideportivo do Milladoiro participamos na feira de InnovAmes, unha xornada que organizou o Concello de Ames para empresas de innovación, a onde acudiron tamén as universidades e mais varios centros de ensino do concello, entre os que nos atopamos. O tema desta terceira edición foi a intelixencia artificial e ofrecéronnos un interesante obradoiro sobre o chat GPT, pero só tiña capacidade para 25 persoas polo que máis da metade do noso alumnado que foi á feira tivo que quedar fóra.

O Club de ciencias e mais o EDLG participamos colocando os nosos experimentos e a nosa radio nun stand polo que foron pasando durante toda a mañá as persoas que se achegaron ao evento. Aproveitamos para entrevistar a profesorado doutros centros, representantes de empresas e autoridades, desde o alcalde ás concelleiras de promoción económica ou educación.

 

Durante a xornada, todo o alumnado participaba nunha xincana que gañou a rapazada do noso IES.

 

 

Aprendendo a debater

 

O pasado mércores 17 de xaneiro achegámonos ata Rois, convidados polo SNL do concello de Ames, para participar na xornada de formación do Club de Debate, aínda que este ano non imos competir. O alumnado do IES do Milladoiro compartiu a xornada con alumnado de institutos de Carballo, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra. A actividade pretende favorecer o uso do galego oral en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia que se xera). Traballáronse contidos relacionados coas habilidades comunicativas e fixéronse prácticas de debate. Tamén houbo outra xornada de formación o día anterior, nesta ocasión en Pontevedra, a onde acudiu o alumnado do IES de Bertamiráns.

Clausura da exposición "Ao son da oralidade: da pedra á palabra" no Museo do Pobo Galego

Esta semana que pasou desmontamos a exposición "Ao son da oralidade: da pedra á palabra" que tivemos -en parcería co IES de Vila de Cruces-  no Museo do Pobo Galego por ser gañadora do Premio Antonio Fraguas. Antes de que se clausurase, o alumnado do EDGLG do IES, responsable de boa parte dos contidos da mesma, foi visitala. Alí foi recibido pola directora do museo e, por non deixar de traballar, aínda fixeron algunha entrevista máis.

Deixámosvos algunhas fotos e vídeos da xornada:

 

 

 

 

 

Entrevista a Jorge Sanmartín (medalla de bronce no campionato europeo de patinaxe)

 

Este pasado martes 19 de decembro, Jorge Sanmartín Villanueva, patinador do Club Sarela de Ames e medalla de bronce no último campionato europeo de patinaxe, puido achegarse ao noso centro para concederlle unha entrevista que lle pediran as nosas reporteiras de 3º ESO (Gabriela, Celia, Iria e Aroa)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Bo Nadal con música

Coñecedes o "Nadal de Luíntra"? E o Apalpador? Contestedes en afirmativo ou negativo, escoitade o especial que fixo un grupo de alumnas e 3º ESO (Gabriela, Celia, Aroa, Celtia, Iria) con Erik na parte técnica para explicalo e aproveitar a felicitar as festas.

Ah, e se pasades polo taboleiro do EDLG tendes alí as letras e as persoas da comunidade educativa que poden usar móbil, teñen tamén o código QR para ver os vídeos.

Bo Nadal!

Aquí vos queda este pequeno programa especial para cantardes todas e todos no Nadal:

 

 

O relato de Alba García Carneiro (4º ESO D) seleccionado no IV Concurso Juvenil de Zenda

268 palabras, un relato escrito pola alumna Alba García Carneiro (4º ESO D) foi seleccionado entre os trinta mellores dos máis de dous mil presentados ao IV Concurso Juvenil # historiasdejóvenes. Organizado por Zenda, o “territorio de amigos e libros” de Arturo Pérez-Reverte, o concurso contou cun xurado formado por escritores coma Juan Gómez-Jurado, Espido Freire, Roberto Santiago, Blue Jeans, Nando López, Paula Izquierdo, Inma Rubiales y Juan Yuste.
Parabéns, Alba!
https://www.zendalibros.com/tag/historiasdejovenes/

Selección de relatos del IV Concurso juvenil #historiasdejóvenes - Zenda

Último episodio d'A Comedia Bífida

Deixámosvos o último episodio gravado  da obra A comedia bífida de M. Núñez Singala. Nos dous cursos anteriores, catro compañeiras (Sara, Paula M, Marta e Paula L) gravaron catro escenas.

Este ano completaron a obra, gravando a última escena pendente, alumnos e alumnas de 2º ESO: Yago Bouzas, Héctor Pin, Mateo Campos, Víctor García, Carlota Ageitos, Ángela Tronceda. Na parte técnica Gael Rodríguez. Neste caso o acusado é Pepe, desleal coa fala do país...

Non deixedes de escoitar esta simpática escena e... se non escoitastes aínda as anteriores, é o momento. Ides botar unhas risas!

 

Vídeos do Concurso "Medio minuto de ciencia en galego"

O pasado martes día 5 de decembro entregáronse os premios do concurso "Medio minuto de ciencia en galego". Presentáronse moitos vídeos e de moi alta calidade polo que o xurado tivo difícil escoller o mellor para cada categoría. Finalmente os vídeos gañadores foron:

"O arco da vella" de Lara Fernández (1º ESO)-Categoría A

 

 "Morte térmica do universo" de Paula Lourido e Sara Martínez (4º ESO). Gañadoras da categoría B

 

 

 

Aquí están os vídeos presentados do alumnado que deu permiso para seren publicados:

Hecho con Padlet

Pechamos o Mes da Ciencia... en galego

Este 30 de novembro pechamos o Mes da Ciencia en Galego ofrecéndolle ao alumnado de 1º da ESO unha demostración dos traballos realizados durante este trimestre polo alumnado do Club de Ciencia.

A temática deste curso xira en torno á saúde e os diferentes grupos de traballo investigaron sobre cultivos bacterianos; detección de catalasa en tecidos e de amidón e vitamina C en diversos alimentos; os efectos do tabaco, das bebidas enerxéticas e da radiación sobre a saúde; a utilización de pigmentos naturais como indicadores de pH; a posoloxía dos medicamentos; o proceso de dixestión ou a identificación de grupos sanguíneos.


O alumnado do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega preparou uns cartaces preciosos cos que puidemos sacar fotos e aproveitar esta xornada para reivindicar, un ano máis, a ciencia na nosa lingua.

Moitas grazas a todas e todos.

Ciencia en galego, por que non?

O alumnado de 3º ESO do EDLG do IES organizou un Photocall para este xoves 30 de novembro, día no que se pecha o mes da ciencia coa exposición dos experimentos que realiza a rapazada do Club de ciencias. A reivindicación do uso do galego tamén para a ciencia é o motivo desta actividade que estiveron a preparar durante os recreos de varias semanas e á que vos animan a participar.

Non deixedes de ir ver os experimentos e de paso quitar unha foto co cartaz que máis vos guste!

 

 

Primeiro episodio dun novo programa de radio: Saber Falar

Nace "Saber falar", programa dedicado á lingua galega. As súas condutoras chegaron este ano ao IES con moita enerxía positiva. Son: Aldara Calvo, Aroa Cacheiro, Antía Hermo, Zoe Fernández, Lara Fernández e Noela Gómez.

Estas alumnas de 1º ESO, que falan moi ben a nosa lingua, decidiron dedicar o primeiro episodio ao que foi a actuación máis relevante na que se viron envoltas na súa anterior escola para promover o uso do galego: o programa "Modo galego actívao", desenvolvido conxuntamente polo concello de Ames e o Seminario de Sociolingüística da RAG.

Neste episodio presentan o programa, fan unha reflexión sobre o mesmo e mais entrevistaron a dúas profesoras e un profesor seus do curso pasado no CEIP de Ventín  (Carmen, Belén e Manu).

Deportes no MillaFalaDoiro. Novos episodios este curso

Pablo Paz e  Xoel Reinaldo (2º ESO) arrancan co programa que xa botaran a andar o curso pasado: Deportes no MillaFalaDoiro. Na parte técnica Erik Cadavid e Mario Campos.

 

Premios do Concurso de relatos de terror

Fallouse o concurso de relatos de terror que un ano máis celebramos no noso centro. Foron premiadas dúas alumnas e un alumno. Trátase de:

Cristina Botana (2º ESO), Andrea Bravo (3º ESO) e Gael Rodríguez (2º ESO).

Os premios (cadanseu vale de 30 euros para un librería) foron entregados por membros do EDLG: dúas profesoras  (Mariló Padín e Patricia Calviño) e mais unha alumna (Gabriela Leis)

 

 

 

Gael tamén recibiu o diploma que acreditaba a súa colaboración na radio durante o curso pasado, xa que non puido estar o día que o director fixo a entrega de todos os diplomas das persoas colaboradoras da radio, voluntarias de biblioteca e mais dos diplomas dalgún alumnado do que fixo os exames de certificación de portugués o curso pasado e que puido achegarse. Deixámosvos unha mostra fotográfica, aínda que...Non toda a rapazada que recibiu o diploma quixo saír na foto...

 

Finalizou o Galitiktokers 2023 coa entrega de premios

O pasado venres 10 de novembro celebrouse na casa da cultura do Milladoiro a entrega de premios do certame de Galitiktokers organizado polo concello de Ames. Xa demos conta no seu día dos obradoiros que se fixeron aquí no centro para o noso alumnado, obradoiros que deron bo resultado xa que varios vídeos quedaron entre os primeiros, sendo gañador o realizado por Lorena Cabero, Antía Lourido e Xulia Rego (alumnas de 1º Bac.)

 Deixámosvos tamén os enlaces a outros vídeos que participaron realizados por alumnado do noso centro:

 

Vídeo de Mario Campos, Iago Varela, Óscar Pin e Hugo Mateos e : A violencia nunca é a solución.

Vídeo de Gabriela Leis, Celtia Lustres, Celia Lema, Aroa Riveiro e Antía Ramos: Como facer filloas

Enreguéifate

O pasado venres, 10 de novembro, estiveron durante a mañá, no noso centro, Lupe Blanco e mais Josiño da Teixeira, dúas grandes personalidades da Regueifa, para ofrecerlles obradoiros ao alumnado de 2º ESO. Estes obradoiros son subvencionados polo Concello de Ames dentro do proxecto Enreguéifate.

Aquí vos deixamos un vídeo coas imaxes da xornada e outro cunhas demostracións dos resultados

 

 

Celebración do centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos

 En Ames, concretamente en Ortoño, na casa na que viviu algúns anos Rosalía, no ano 1923, isto é, hai 100 anos, fundouse o Seminario de Estudos Galegos.

A conmemoración deste fito histórico desenvolveuse no centro durante o mes de outubro (o día 12 cumpríase o século do seu nacemento) por parte das alumnas e alumnos do EDLG. Fixeron e colocaron uns cartaces no centro e mais gravaron uns vídeos, tanto do proceso do seu traballo nos recreos, como con algunhas informacións que colgaron nas redes sociais do EDLG. Deixámosvos un par deles:

Vídeo de presentación do SEG

 Que foi o SEG?

A rede do Milladoiro reuniuse este luns para construír comunidade

O pasado luns 6 de novembro na biblioteca do IES do Milladoiro ás 12:00 tivo lugar a primeira reunión do curso 2023-24 da rede do IES do Milladoiro co lema "Tecer rede para tecer comunidade". Na reunión presentouse o proxecto do equipo directivo e a situación actual do centro, difundíronse as actividades que desenvolven os diferentes participantes e iniciaronse as liñas de traballo específicas centradas na inclusión, benestar, convivencia, seguridade e prevención.

Trinta entidades e axentes que interveñen na localidade participaron no encontro para coordinar actuacións, facilitar canles de comunicación e mellorar a convivencia, entre elas: alcaldía, concellería de Educación e Mocidade e Concellería de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado Servizos Sociais, Bombeiros, Policía Local, Garda Civil, representantes das Anpa do IES do Milladoiro e o CEP de Ventín, do Centro de Saúde, Inspección educativa e diversas asociacións: Asamblea de cooperación pola paz, Agareso, Areté, Secretariado Xitano e unha representante da UACO Raogal. A rede do Milladoiro é unha iniciativa posta en marcha no curso 2015/2016 e constitúe unha mesa de traballo coas institucións implicadas na vida do IES do Milladoiro orientada a mellorar os resultados a partir do intercambio de experiencias e coordinación de actuacións coa finalidade de que os seus beneficios cheguen a toda a comunidade local.

Agás o paréntese representado pola pandemia do COVID-19, a través da rede se desenvolveron numerosas actividades, entre outras, encontros entre o alumnado de diversas etapas e cursos, obradoiros interculturais, encontros cos sectores profesionais da zona, xornadas de orientación académica-laboral, conferencias, guías e programas de mellora de rendemento escolar.

Curiosidades: novo programa na radio

"Curiosidades" é o nome do programa que un grupo de alumnas e alumnos de 2º ESO están desenvolver este curso. Nel van tratar sobre cuestións que lles espertan interese en calquera ámbito.

Carlota Ageitos e Víctor García fan o primeiro episodio sobre aspectos que lles chamaron á atención e foron recollendo nos últimos tempos.

 

Entrevistas ás patinadoras que foron ao campionato de España

Este pasado verán Antía Lourido e Irene Enríquez, estudantes de 1º de bacharelato do noso centro, foron ao campionato de España de patinaxe artística.

As compañeiras de 3º ESO que están na radio (Gabriela Leis, Celtia Lustres, Celia Lema, Aroa Riveiro e Antía Ramos) fixéronlle cadansúa entrevista:

 

Reunión coas familias da sección bilingüe - martes 31 de outubro 18:20 - Usos múltiples

Estimadas familias,
O próximo 31 de outubro ás 18:20, na sala de usos múltiples do instituto, terá lugar a reunión de presentación da coordinadora das seccións biligües que deron comezo este curso, coa finalidade de resolver dúbidas sobre o programa e recibir as vosas impresións e suxerencias.
Un cordial saúdo,
O equipo directivo

Estimadas familias,
O próximo 31 de outubro ás 18:20, na sala de usos múltiples do instituto, terá lugar unha reunión para a miña presentación como coordinadora das seccións biligües que deron comezo este curso, coa finalidade de resolver dúbidas sobre o programa e recibir as vosas impresións e suxerencias.
Un cordial saúdo,
Isabel Doviso Ferreiro

Dear families,
Next October 31st at 18:20, in the multipurpose room of the school, there will be a meeting to introduce myself as the coordinator of the bilingual sections that have started this academic year, to solve doubts about the programme and to receive your impressions and suggestions.
Best regards,
Isabel Doviso Ferreiro

Xa arrancou a nosa radio!

 Hoxe, xoves 19 de outubro, estivo toda a mañá no noso centro Chema Bará para impartir formación na radio. O especialista ocupouse de atender os diferentes grupos de traballo formados este curso e que foron acudindo ao noso estudo en quendas de 25 minutos. Á rapazada que xa leva facendo radio un ou máis anos e que xa se desenvolveu de forma autónoma desde principios deste curso, tentou corrixirlle algúns fallos e achegarlle explicacións para que avanzasen na súa especialización; mais tamén se ocupou de iniciar ao alumnado que acaba de meterse nesta aventura nas últimas semanas.

 

En breve imos comezar a publicar varios episodios de diferentes programas que estivo xa a gravar o noso estudantado este curso. Agora imos abrindo boca coa gravación que deixou feita no fin do curso pasado o alumnado que daquela cursaba 2ºESO E. Trátase dun fragmento da obra de Núñez Singala "Atraco no banco" protagonizado por:

Brais Rama Formoso fixo de Serafín
Aarón Muñiz Elías fixo de Lois
Daniela Couselo Puga fixo de Rafael
Raysmeri Almanzar Vidal fixo de Vanessa.

Axudaron na preparación do texto: Álvaro González López e Elías Martínez Kertsch

 

Última semana para enviar os vídeos ao concurso de Galitiktokers

Desde o EDLG lémbrase que nesta semana remata o prazo para enviar os vídeos que está a facer o alumnado para participar no concurso que organiza o Concello de Ames: Galitiktokers 2023.

O pasado martes 3 de outubro, tivemos no centro unha formación ofrecida polo concello, sobre como facer vídeos e participar no concurso. Alumnado interesado de diferentes niveis educativos, desde 2º ESO  a 1º Bacharelato, tivo oportunidade de participar nos obradoiros, que ocuparon dúas sesións lectivas cada un.

A formadora foi @Pradorrua e a rapazada fixo unha valoración moi positiva da actividade.

Distribuir contido