O IES do Milladoiro en Innovames

Accesit e 3º premio forn os resultados obtidos polo IES do Milladoiro no Primeiro Premio Innovames Proxectos Educativos, orientados a promover a cultura do emprendemento e a innovación e que situáronse dentro da xornada desenvolvida  0 16 de decembro no Pabillón do Milladoiro, Innovames, organizada polo Concello de Ames e destinada a amosar as últimas tendencias das empresas de Ames no mundo da innovación 

Noraboa aos premiados!

O novo galardón de Anxo Gómez Piñeiro na prensa

O galardón obtido polo alumno do noso centro, Anxo Gómez Piñeiro, no undécimo concurso "Cidade de Vigo", de violín, viola, violonchelo e contrabaixo, convocado pola AGIC (Asociación galega de instrumentos de corda) foi obxecto de mecnión en distintos medios de comunicación domo o Correo Galego. Podédelo ver na seguinte ligazón:

https://www.elcorreogallego.es/ocorreodaareadecompostela/nuevo-galardon-para-el-joven-virtuoso-del-violin-anxo-gomez-pineiro-en-vigo-GN12793072

Apertas, María, e ata sempre

Hoxe despedímonos de María José Pérez Señarís. toda unha instituación no noso centro. O seu traballo abnegado, o seu sorriso e paciencia, a súa dedicación ao traballo ben feito, o seu compañerismo... sempre quedarán con nós. Moita sorte, María, na túa nova andaina e un bico dende esta casa que sempre será a túa.

Un novo éxito de Anxo Gómez Piñeiro

Dende o IES do Milladoiro felicitamos ao noso alumno, Anxo Gómez Piñeiro, polo seu éxito e posto obtido no XI Concurso de Corda, Cidade de Vigo

Vinte anos do Prestige

Episodio número 3 do Programa Ao son da paisaxe, nesta ocasión un especial a propósito dos vinte anos da catástrofe do Prestige na costa galega. Noa, Antía, Alicia, Julia, Gabriela, Celtia e Celia explican con claridade os feitos acontecidos hai vinte anos e traen as lembranzas de avós mariñeiros de Ribeira e Carnota.

Entrega dos premios do concurso de relatos de terror

 
Este pasado venres entregáronse un primeiro premio e un accésit do concurso de relatos de terror que organizamos polo Samaín.
 
O xurado reuniuse  o 29 de novembro do 2022 e acordou por unanimidade entregar o 1° Premio da modalidade A a Paula Ramos Vilar, de 1° da ESO D, pola obra Vaticinios. Así mesmo, o xurado decidiu outorgar un accésit, na mesma modalidade, a Gael Rodríguez López, por Un Nadal diferente.
No acto de entrega de premios que se celebrou na biblioteca, a premiada e mais o galardoado co accésit resumíronlles aos asistentes os seus textos, e logo recibiron de mans do director do centro cadanseu vale para gastar na librería, así como cadanseu caderno.

Ao son da paisaxe: Episodio 2

As alumnas responsables do programa Ao son da paisaxe presentan o episodio número 2. Gravado nesta ocasión por unha parte do equipo (Noa, Julia, Antía e Alicia) explican como é a primeira plantación de árbores que se realizou no noso IES o curso pasado  e dan algúns datos sobre as diferentes especies que se plantaron.

 

Regueifesta e o IES do Milladoiro na illa de Sardeña

Dentro do Proxecto Regueifesta, no que participa o noso centro xunto  ao CFR de Vimianzo, o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces  e o CEIP Labarta Pose da Coruña, da man dun proxecto de Erasmus +, e que se centra na recuperación e impulso da Regueifa, desenvolveuse unha visita á illa de Sardeña, para contactar con distintas asociacións culturais da zona ou intérpretes como Bernardo Zizi, unha das grandes figuras da improvisación oral en verso de Europa.

A actividade non pasou inadvertida para os diferentes medios de comunicación do país. Velaquí tedes algúns exemplos da súa recpercusión nas seguintes ligazóns:

LA VOZ DE GALICIA

EL CORREO GALLEGO

FARO DE VIGO

NH DIARIO

Nova reunión da Rede do IES do Milladoiro

Tralo "parón" causado pola incidencia da COVID-19 a Rede do IES do Milladoiro volve, este curso, a retormar as reunións de carácter trimestral que se viñan desenvolvendo no pasado. Baixo o lema "A convivencia, unha tarefa de todas e todos" e o propósito de seguir colaborando en distintas vías de traballo (desenvolvemento persoal, coordinación coas familias, prevención do acoso escolar e ciberacoso, igualdade, educación para a saúde e ocio saudable, interculturalidade e educación para a cidadanía global, rendemento escolar, orientación profesional-laboral, utilización das TIC e absentismo). A reunión, realizada o 30 de novembro, formulouse como unha primeira toma de contacto na que, tras analizar o que se fai neste momento no IES do Milladoiro, en colaboración cos membros da rede, se indicou a necesidade de retomar os protocolos de comunicación existentes. Nesta reunión produciuse a incorporación de novos membros: o mediador intercultural do Concello de Ames, a UACO e Cáritas Areté.

Mes da Ciencia en galego no Club de Ciencia do IES do Milladoiro

Xeoloxía no Picro Sacro e Obradoiro de Rochas

Este martes 22 de novembro o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato fixemos unha saída ao Pico Sacro co xeólogo Francisco Canosa que nos explicou as particularidades deste filón de seixo baixo unha chuvia intensa.

 

Máis tarde, xa no instituto, contounos cousas da historia xeolóxica galega e fixemos un obradoiro de rochas da nosa contorna cos impresionantes exemplares que Fran nos ensinou na aula. 

 

Cabo Verde un pouco máis preto

O pasado xoves 24 de novembro, os profesores da Universidade de Cabo Verde, Lourenço Gomes e Elter Carlos, presentáronlle ao alumnado de portugués de 3º e 4º ESO o seu país e os aspectos máis destacados da súa historia, paisaxe e cultura.

Nesta actividade, organizada polo departamento de lingua galega e o EDLG, a alumnado asistente descubriu o batuko, unha expresión artística cantada, tocada e bailada por mulleres, que estivo prohibida mentres non acadaron a independencia de Portugal. Na actualidade o batuko está vivo, tamén entre a comunidade caboverdiana de Burela, que formou o grupo Batuko-Tabanka.

Ao final o noso alumnado interesouse por aspectos concretos da educación, da sanidade, do turismo ou da música caboverdiana sobre os que os profesores amablemente responderon.

 

 

 

25-N. O iceberg da verdade

25-N- Contra a Violencia de Xénero

O poema é coma un paxaro

Ismael Ramos, este 23 de novembro, faloulle da súa poesía ao alumnado de 2º de Bacharelato e estableceu con eles un diálogo sobre a forza das palabras. Nos 50 minutos que durou a charla organizada polo EDLG, en colaboración co departamento de Lingua Galega, o ex-profesor do noso IES foilles explicando como se animou a publicar poesía e como naceron algúns dos seus poemas. Leulles textos de dúas das súas obras, Lumes e, a recentemente premiada, Lixeiro. Coa comparación de que o poema é coma un paxaro quixo facerlle ver ao público o que significa a poesía, público que tivo oportunidade de preguntarlle no final sobre aspectos diversos da súa traxectoria como escritor.

A continuación acudiu á radio, onde as súas ex-alumnas lle fixeron unha interesante entrevista que debedes escoitar para coñecer mellor toda a súa obra.

 

Para finalizar a xornada no noso IES aínda se achegou á biblioteca para inaugurar a exposición que colocamos para celebrar os 20 anos da catástrofe do Prestige, coa lectura dun artigo que publicara sobre a desmemoria arredor desta traxedia.

 

20 anos do Prestige. Vidas

Hoxe o noso alumnado de 4º da ESO mergullouse na tráxica historia do Prestige e no desastre ecolóxico que trouxo ás nosas costas. Dentro do proxecto "Ao Son da Paisaxe" seguimos sementando conciencia ecoloxista e, ao mesmo tempo, facemos memoria histórica do acontecido, para que non volva acontecer. Tivemos a sorte de contar coa visita de Brais Fernandes, para realizar unha entrevista moi instrutiva e produtiva; moitas grazas, compañeiro. Ao mesmo tempo, inauguramos hoxe unha exposición itinerante coas maletas viaxeiras, que estará na nosa Biblioteca unha tempada e posteriormente viaxará ao IES Antonio Fraguas.

Gravación en estudio, co alumnado do Colectivo Euterpe, do tema "Hai sede na nova Galiza"

Esta semana tivemos a grande oportunidade de poder gravar na "Ponte Estudos" con Tomás e Alén como técnicos. Aprendemos moito e coñecemos a xente moi interesante, como Xurxo Souto, Antía Ameixeiras, Lola de Ribeira, Richi, Ricardo Gurriarán...

 

 

 

Foi un día cheo de emocións, no que o noso alumnado gravou voces, trompeta, percusións, baixo eléctrico, bailou...

 

 

En breve poderemos estrear o vídeo-clip para que todas e todos vexades o froito de tanto traballo, esforzo e compromiso polo labor en grupo.

Eco-percusión

O noso alumnado de 2º da ESO gozou o venres, 18 de novembro, dunha sesión de percusión con tambores reciclados: ecoloxía e música con ritmo, achegándonos ao mundo da batukada con Sara.

Moitas grazas pola enerxía que nos cargaches para a fin de semana.

Recoñecemento a Anxo Gómez Piñeiro no Concello de Ames

Anxo Gómez Piñeiro, alumno do noso centro, unha vez máis volveu estar presente nos medios de comunciación co gallo da súa recepción pola corporación de Ames e o seu alcalde, Blas García Piñeiro, na casa consistorial o pasado 28 de outubro.

Dende o IES do Milladoiro alegrámonos por este novo recoñecemento á virtuosidade co violín de Anxo e deixamos aquí as ligazóns a diferentes medios de comunicación.

EL CORREO GALLEGO

AMSGO

CONCELLO DE AMES

 

Mes da Ciencia en galego no Club de Ciencia do IES do Milladoiro

O vindeiro 29 de novembro (martes), o Club de Ciencia do IES do Milladoiro conmemora o mes da Ciencia en galego cuns obradoiros experimentais, nos que os seus integrantes (rapaces e rapazas de 2º ESO, 3º ESO, 4º ESO e 1º Bacharelato) explicarán aos máis pequenos do instituto (alumnado de 1º ESO e 2º ESO) curiosidades da ciencia da mellor maneira para entendela, EXPERIMENTANDO!!!

N.E.V.E.R.M.O.R.E

Na canle de youtube do EDLG do IES do Milladoiro podedes acceder a dous videos relacionados ca actividade que fixo o alumnado da materira de Artes Escénicas e Daza, trala visión da obra teatral "N.E.V.E.R.M.O.R.E" no Auditorio de Galicia o 10 de novembro, representada por Xacobe Martínez Antelo, Patricia de Lorenzo, Mónica García e Xurxo Pinheiro.

O primeiro vídeo é unha explicación sobre a técnica Foley e o segundo, unha entrevista a Xacobe Martínez Abtelo. A entrevista forma parte do proxecto educativo "ao son da dobraxe". 

 

 

Programa "Entrevistas con Diego": Anxo Gómez

Achegamos un novo episodio do programa de Entrevistas con Diego, neste caso ao compañeiro violinista Anxo Gómez, que participou nun certame europeo.

VI Olimpíada da Convivencia

 

A convivencia é unha das bases fundamentais do instituto, por iso imos premiar aquelas alumnas e alumnos que a favorezan. Un dos aspectos que teremos en conta é a limpeza do noso espazo.

 A Olimpíada deste curso 2022/2023, a nosa VI OLIMPÍADA DE CONVIVENCIA, terá como lema “Desfruta do teu instituto”, co propósito de que o alumnado comprenda que o respecto polos espazos repercute nun mellor clima de convivencia no Centro.

 A Olimpíada pretende premiar aqueles aspectos da limpeza e o coidado das aulas e do Centro con puntos (de 0 a 50) que se irán acumulando ata final de trimestre e de curso. Na Olimpíada non se terán en conta os danos existentes antes do inicio do concurso, reflectidos na acta do estado inicial da aula.

 CREACIÓN DUNHA COMISIÓN

Para levar a cabo a avaliación da Olimpíada haberá unha comisión formada por unha profesora, dous membros do alumnado, un membro  de Anpa Milla e un membro do persoal de limpeza do Centro. 

Esta comisión revisará as aulas e dependencias do centro polo menos unha vez ao mes, de  forma aleatoria e en horario que pode variar. En cada revisión obterase unha puntuación que será acumulativa.

  Debemos ter presente que os baños son un espazo compartido por todos e todas e que os temos que coidar.

 

Debemos colaborar todo o alumnado e o profesorado no mantemento da limpeza dos corredores nos recreos; para facilitar isto, haberá vasoiras e recolledor nos corredores.

 

“SE A OLIMPÍADA QUERO GAÑAR LIXO NON DEBO TIRAR"

 

"SE A OLIMPÍADA QUERO GAÑAR O CENTRO DEBO COIDAR"

 

Criterios de puntuación da VI Olimpíada da Convivencia

Magosto de ANPA Milla

O día 8 de novembro pola tarde a Anpa organiza un magosto no IES dirixido a todo o alumnado do centro. Pedimos a colaboración das familias para quen poida achegar ese día algún doce. Ademais disto, os nenos desfrutarán de castañas e bebidas. Rógase que as familias que poidan aportar algún doce manden unha mensaxe ao teléfono da Anpa 722 38 35 46, co fin de organizar todo. Os doces entregaranse o mesmo día no horario de 15:00 a 16:00 no centro.

Tamén precisamos de mans voluntarias que nos axuden na montaxe dos taboeiros e na distribución dos alimentos nos lugares correspondentes, así como para despois axudar na súa retirada. Moitas grazas pola vosa colaboración.

Participa no Concurso de relatos de terror

Chega o Samaín e xa está aberto o prazo para que presentedes os vosos relatos no II Concurso de relatos de terror que convocamos desde o EDLG en colaboración coa biblioteca.

 Este ano, hai unha categoría máis, así que calquera persoa da comunidade educativa pode participar e ser premiada.

Non vos despistedes! Aquí tendes as bases completas. Cada modalidade ten o seu premio e mesmo pode haber accésit.

Lembrade entregar os vosos relatos antes do 2º recreo do día 15 de novembro. Deixádeos na caixa do terror que está na biblioteca!

 

 

Narrations d’Afrique

Un grupo formado por alumnado de francés de 3º, 4º de ESO e de 1º de Bacharelato do IES do Milladoiro, asistiu no salón de actos do instituto á narración das fábulas a cargo de Samuel Mountoumnjou, orixinario de Foumban, vila situada no oeste do Camerún. Co seu repertorio formado de contos, mitos, lendas e parábolas nas que aparecen diversos animais (lions, hyènes, brebis, poules, etc.) promove, entre outros valores, a xenerosidade, o respecto pola experiencia e a sabedoría dos  maiores e a igualdade ente homes e mulleres.

Día das Bibliotecas Escolares 2022

Para festexar o Día das Bibliotecas Escolares o luns 24 de outubro o Director do IES do Milladoiro fixo entrega dos diplomas que recoñecen o labor do voluntariado do pasado curso na Biblioteca Escolar dentro do marco das convocatorias de Bibliotecas Solidarias e de Radio na biblio. Asistiron tamén algúns dos novos axudantes que se preparan para apoiar co seu traballo a nosa biblioteca durante este curso.

Na entrega de diplomas contamos coas interpretacións musicais dun alumno de 1º Bacharelato (Alejandro Buela)  ao piano e a colaboración do departamento de Música.

Programa "Entrevistas con Diego": Adrián Campos

Diego Madarnás comezou de novo co seu programa de entrevistas. Nesta nova temporada, e xa vai a terceira, o primeiro episodio protagonízao o seu compañeiro de promoción: Adrián Campos Villaverde, quen vén de colocarse entre os vencedores do Ceiba Rimas, un proxecto para fomentar o rap improvisado en galego.  Non perdades esta interesante entrevista onde Adrián conta como foi esta experiencia.

Mario Campos e Erik Cadavid foron os técnicos deste episodio.

 

Entrega das certifiacións do Camòes Junior no IES do Milladoiro

Hoxe  martes, 18 de outubro, tivo lugar a entrega dos certificados de Lingua portuguesa no IES do Milladoiro no que participaron, Filipa Soares, Agregada de Educación da Embaixada de Portugal e Coordinadora do Ensino do Portugués em España e Andorra, acompañada polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O pasado mes de xuño presentáronse ás probas de certificación do Camões Júnior trinta e cinco alumnos e alumnas, dos cales trinta e dous acadaron o nivel B1 e tres o A2 en Lingua portuguesa.

Filipa Soares parabenizou o esforzo feito no IES e explicou que este foi o centro que conseguiu examinar o maior número de alumnado, o que supuxo un gran desafío tamén para a entidade que representa, xa que estas probas se realizan en liña, mais en tempo real en conexión desde a escola e o centro en Lisboa. O alumnado que conseguiu os títulos podía levar dous ou tres anos estudando portugués, materia que se implantou neste centro no curso 19-20.

O acto, presidido polo director do IES e que contou coa presenza do presidente da ANPA, foi dirixido por catro alumnas que na actualidade cursan 3º ESO: Saínza Ruíz, Uxía Reyes, Ana Caamaño e Zoe González. Elas falaron en nome dos 130 matriculados en portugués este curso no IES, que enchían o salón, e mais do alumnado que conseguiu a certificación e que xa non está no centro. Agradeceron a oportunidade que se lle deu ao alumnado do IES do Milladoiro de obter esta certificación desde o propio centro e de forma progresiva. Lembraron tamén os proxectos que se desenvolven desde o Equipo de dinamización da Lingua Galega que poñen o foco na lusofonía como elemento normalizador do galego. Neste punto incidiu tamén Valentín García na súa intervención quen lles fixo ver aos discentes a vantaxe que lles supoñía saberen galego para acadaren un bo nivel de competencia en portugués nun curto período de tempo.

Fíxose tamén referencia ao que supoñen as linguas como elemento de unión e de “fraternidade” entre as diferentes culturas que conforman a nosa comunidade educativa, composta por alumnado e familias de 22 nacionalidades diferentes. Para amosar este espírito de fraternidade, o colectivo Euterpe amenizou o acto coa interpretación da famosa canción do Zeca Afonso, Grándola, vila morena.

 

 

Anímate a facer vídeos en galego!

A pasada semana acudiron ao noso centro varias persoas para difundir e animar a participar nos certames que organiza, ou coorganiza, o Concello de Ames. Trátase do III Certame de Galetiktokers e mais do Concurso Youtubeir@s.

O primeiro deles está organizado polas áreas de Mocidade e Normalización Lingüística do noso concello. Nel poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos de calquera concello, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira para a rapazada de 13 a 16 anos, e a segunda para quen teña de 17 anos en diante. Vanse dar seis premios de 300 euros, catro decidiraos un xurado de especialistas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, e dous serán escollidos polo público, que votará cun 'gústame' os vídeos subidos ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames).

O martes pasado, a tiktoker Sara Seco estivo no noso centro explicando nos grupos de 3º e 4º ESO en que consistía a actividade, e mais animando o alumando a facer os seus vídeos de tiktok en galego.

 

Lembrade que tendes ata o 21 deste mes de outubro para presentarvos.

O segundo dos certames, o xa tradicional Youtubeir@s, que vai na sexta edición, tamén foi presentado no noso centro o pasado mércores 5. Nesta ocasión foron os youtubeiros Mario Brión (olaxonmario) e Nee Barros (Neeumático) os que lle falaron ao alumnado de 1º de bacharelato sobre a súa experiencia en Youtube animándoos a participar nestoutro certame.

 Tendes ata o 15 de novembro. Animádevos!

Distribuir contido