Día Internacional da muller e a nena na Ciencia 2022

Co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Comité de Igualdade do IES do Milladoiro desenvolveu un faladoiro científico no salón de actos. No seguinte vídeo podedes ver un anaco.

"Despois de todo e de todos, aquí e agora". 2ª episodio: "Matar o tempo"

Temos novo episodio do programa que dirixe Enia Villaverde Despois de todo e de todos, aquí e agora. Esta vez reflexiona sobre o sentido que lle damos ao tempo. Estamos atrapadas polo reloxo? O tempo é ouro? Realmente... non temos tempo? Non deixedes de escoitalo!

 

Entrega de premios

A semana pasada entregáronse os premios dos concurso do EDLG realizados no 1º trimestre (Concurso de relatos de terror "Coa pel de galiña" e mais o de "Xeometría con lema").

Poden lerse os textos gañadores no blog do EDLG.

 

ANPA do IES do Milladoiro. Actividade extraescolar de Inglés

A ANPA do IES do Milladoiro quere ofrecer a todo o alumnado a posibilidade de asistir á actividade extraescolar de INGLÉS.

O prazo para formalizar a incrición nesta actividade remata o 11 de febreiro. Débese presentar o impreso debidamente cuberto, e pódese enviar por correo electrónico a anpadoiesdomilladoiro@gmail.com ou deixalo na caixa de correos da Anpa no IES.

As clases serán os mércores de 16:30 a 17:30 e de 17:35 a 18:35 (este último horario dependerá do nivel/alumnos que se presenten), e comenzarán o 16 de febreiro para rematar o 25 de maio (1 hora semanal).

Para máis información:

Tel. 722383546, correo electrónico anpadoiesdomilladoiro@gmail.com ou páxina web da ANPA

Aínda que o curso escolar está xa moi avanzado esperamos que esta información sexa de interese.

La Voz de Galicia: Club de debate no IES do Milladoiro

A xornada do Club de debate, realizada no noso centro xunto co IES Plurilíngüe de Ames o pasado 24 de xaneiro, é obxecto dun artigo en La Voz de Galicia:

Nova interpretación de Anxo Gómez

Na canle de youtube do noso alumno Anxo Gómez Piñeiro acábase de subir unha das suas maxistrais interpretacións. Trátase da "Fantasie brillante sur la Marche et la Romance d'Otello de Rossini, OP 11", composta polo violinista checo do século XIX, Heinrich Wihelm Ernst, un dos grandes violinistas da contemporaneidade e que xa dende neno deu mostras do seu talento. Dende aquí felicitamos a Anxo por esta novo grande exemplo da súa xenialidade no campo da música

"Despois de todo e de todos, aquí e agora"

Despois de todo e de todos, aquí e agora é o programa de podcasts que dirixe Enia Villaverde e que bota a andar agora. Con periodicidade, que pretende ser semanal, vai subir algunhas das súas reflexións ou algúns textos que de vez en cando lle gusta escribir e que quere compartir.

Busca que as persoas que a escoiten reflexionen sobre o que está a pasar no seu día a día.

Aquí temos o primeiro programa, titulado O murmurio do medo:

 

Novas de aquí e de acolá: as noticias da semana

Uxía e Rosa deixan a súa selección de novas da semana, tanto da contorna do Milladoiro coma do mundo de fóra:

La Voz de Galicia: Euro a de repente

O programa de erasmus +, Euro a de repente, na que participa o IES do Milladoiro, apareceu recollida nos medios de comunicación e en concreto en La  Voz de Galicia. Amosamos aquí o artigo

Concerto didáctico da Real Filharmonía de Galicia

Hoxe 27 de xaneiro, parte do alumnado de 3º ESO asistiu a un concerto didáctico da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia. O concerto titulábase Das tebras á luz, e baixo a batuta do director ourensán Pablo Devigo, a RFG interpretou pezas de Stravinski, Mussorgski, Manuel de Falla e John Williams. A xornada rematou cun paseo polo parque de Vista Alegre e pola zona vella da cidade de Santiago.

Bota a andar o Club de debate

 

Hoxe, 24 de xaneiro, desenvolveuse no noso centro a xornada de formación do club de debate para o alumnado participante dos dous centros do concello de Ames. Desde as 9,30 h da mañá, a rapazada do IES de Bertamiráns anotada a este certame, acompañou á do noso centro para recibir a formación xeral sobre o Regulamento e a dinámica desta actividade. Impartíronse nocións e consellos básicos sobre a procura de información e documentación para o debate e sobre a estruturación do argumentario, así como información sobre as habilidades comunicativas precisas para o desenvolvemento fluído das intervencións.

A sesión de hoxe desenvolveuse no salón de actos do noso IES, mais agora o alumnado de cada centro ten que preparar o seu argumentario de cara aos debates que se van celebrar en Negreira os días 5 e 6 de abril. Neste certame participan os centros anotados de diferentes puntos de Galicia e vai ser nesa data cando se determinen os finalistas que debaterán en Pontevedra no mes de maio.

Do IES do Milladoiro van participar tres grupos de 3º e 4º ESO. Un está formado por cinco membros, outro por sete e un terceiro por nove.

 

 

 

Premiadas no concurso de relatos "coa pel de galiña"

Os Equipos de Dinamización da lingua galega do IES de Ames e mais do IES do Milladoiro, xunto coas bibliotecas dos dous centros, organizaron este ano o 5º Concurso de relato fantástico e de terror en lingua galega “Coa pel de galiña”.

No IES do Milladoiro o xurado, formado por cinco membros do profesorado de distintas materias (David Amboage, Maruxa Fernández, Valentina Formoso, Manuel Maseda e Ismael Ramos) acordou premiar na modalidade A (que correspondía a 1º, 2º e 3º ESO) a:

Lucía Pájaro (1º ESO E) co texto “Aquela figura”

O xurado valorou especialmente a capacidade para crear unha atmosfera de medo, así como a orixinalidade na trama, evitando tópicos argumentais e clixés narrativos.

Reciben dous accésit:

Gabriela Leis (1º ESO A) co relato “Unha ponte no río”

Alba García (2º ESO E) co texto “Noite de camiños perdidos”

A entrega de premios vaise realizar o vindeiro martes 25 de xaneiro no 1º recreo na biblioteca, día en que se publicarán tamén os relatos no blog do EDLG.

A modalidade B, correspondente a 4º ESO e Bacharelato, quedou deserta.

Concurso "Xeometría con lema"

 O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e mais o departamento de plástica do IES organizaron un concurso entre o alumnado de 1º e 3º da ESO de deseños xeométricos con lema en galego.

A intención final era realizaren deseños para colocar en bolsas que se repartirían no IES.

Houbo deseños moi ben elaborados e con gran calidade, o que provocou que fose un o escollido para que decore as bolsas do IES, como 1º premio, pero outros dous van ser recoñecidos imprimíndose como marcadores que se van repartir no Día do libro.

O alumnado premiado é o seguinte:

  • 1º premio: Gabriela Leis, 1º ESO A
  • 2º premio: Noa Mesías, 1º ESO B
  • 3º premio: Aroa Riveiro,  1º ESO A

Accésit:

  • Noa Varela, 1º ESO B
  • Antía Casavella, 1º ESO B

Os premios vanse entregar o vindeiro martes 25 de xaneiro, no primeiro recreo, na biblioteca.

 

 

MÚSICA NO NADAL CUN NOBRE PROPÓSITO

Queremos traer á nosa páxina web unha actividade dun dos nosos alumnos. Trátase do concerto realizado o 27 de decembro por Anxo Gómez Piñeiro, de 2º da ESO, a beneficio da asociación ASANOG (Asociación de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia) no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Posteriormente, o noso alumno, o día de Reis, colaborou coa mesma asociación no peche dun Belén exposto na Casa da Cultura de Cuntis pola asociación Río Gallo. Trátase duns feitos que foron recollidos nos medios de comunicación.

Dende o IES do Milladoiro felicitamos a Anxo por esta actividade solidaria, a través dunha arte como a Música e cun instrumento como o violín, que domina dunha maneira maxistral.

ERASMUS +

                                                                                                                                         

O  IES do Milladoiro está a participar nun programa Erasmus+, programa europeo no que participan sete centros de ensino e dous centros culturais baixo o título Euro a de repente. Os socios deste programa son, ademais do noso centro, outros dous galegos (o IES Marco de Camballón de Vila de Cruces e mais o CEIP Labarta Pose de Baio) e catro doutros países europeos: Madeira (Portugal), Iparralde e Córcega (Francia) e Tortona (Italia). A coordinación lévase desde  o CFR da Coruña, delegación de Vimianzo.

 

Con este programa vaise coñecer o panorama actual da improvisación oral en Europa e mais difundir o estado das diferentes manifestacións do repentismo.


Nesta semana comezou a  primeira visita a Madeira, polo que dous docentes do IES do Milladoiro se desprazaron durante catro días ata a illa para avanzar in situ neste obxectivo. Realizáronse numerosas entrevistas e gravacións a persoas de moi diferentes idades para compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo nesta illa portuguesa. Este é o primeiro material audiovisual que conforma o conxunto de vídeos que se expoñerán no final do proxecto para o alumnado.

Volve "Sinag" da man de Yomara Ferreiro

Yomara Ferreiro arrancou de novo co programa Sinag, que botara a andar o curso pasado. Neste pasado mes de decembro gravou dous novos episodios, de temáticas diferentes e ambos moi interesantes.

O episodio 3 vaivos resultar entretido ao escoitar as súas reflexións a partir de citas de cine e literarias.

 

No episodio 4  vai a unha temática diferente e moi interesante. Desta vez centrouse en dar conta dunha enfermidade que xa está bastante estendida, pero que aínda é moi descoñecida: a fibromialxia.

DEPORTES: Que sabes da patinaxe?

Inauguramos unha sección dedicada aos deportes no MillaFalaDoiro. Este primeiro programa está centrado na patinaxe artística e as realizadoras do podcast foron Saínza Ruíz, Noa Mesías e Alicia Lariño. Ofrecen información básica sobre este deporte que elas practican e entrevistan a Álex, adestrador do Club Compostela.

 

FELICITACIÓN

 

PANXOLIÑA 2021/2022

Recoñecementos e premios

 

Pechamos o trimestre coa entrega de premios  ás alumnas participantes no mes da ciencia en galego. Lucía Romar, Irene Vázquez e Alba Sueiro (foto de arriba) foron dobremente premiadas, por un lado pola participación nos vídeos para o "Medio minuto de ciencia en galego" (xunto con Antía Somoza que non puido acudir á entrega), e por outro porque entre as tres participaron no concurso de Igaciencia e recibiron un accésit polo seu poliedro. Tamén recibiron o seu galardón, de mans do director, Antía Casavella e Alicia Lariño (foto de abaixo) polo vídeo gañador no "Medio minuto de ciencia" na modalidade A (1º e 2º ESO).

E hai unhas semanas tamén se entregaron os diplomas que enviou a Consellería para o alumnado que participou o curso pasado no proxecto Radio na biblio. A entrega estivo amenizada pola actuación musical de Diego Jiménez Jiménez (4º ESO A) e de Alejando Buela Pampín (4º ESO B). A música que podedes escoitar co vídeo é da actuación.

 

Campaña de reflexión sobre o uso do galego nos agasallos

En colaboración co Comité de Igualdade, adornamos a entrada do centro. Desde o EDLG  aproveitamos para facer reflexionar sobre o uso do galego nos agasallos e mais animar a buscar agasallos en galego.

Por un lado, quixemos provocar a reflexión sobre o uso do galego:

Por outro, demos unha mostra de uso do galego en determinados elementos, que poden servir de agasallo, ou non, pero queda aí o recoñecemento polo uso do galego en produtos comerciais:

Cal é para ti a palabra do ano?

 

 A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren, a través do Portal das Palabras, a fase de votación popular para escoller a Palabra do Ano 2021. Tras a fase de recollida de suxestións, as voces finalistas que optan a se converter na Palabra do Ano 2021: coada, gromo, resiliencia, tanxugueiras e vacinódromo.

O prazo de votación permanecerá aberto ata as 23:59 horas do sábado 25 de decembro de 2021 nesta ligazón:

http://portaldaspalabras.gal/palabradoano/

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Creación literaria na radio: Microrrelatos

O alumnado de 1º ESO estivo a traballar a creación literaria, concretamente os microrrelatos.  Noa Mesías, Alicia Lariño e Saínza Ruíz realizaron este podcast para presentalos e participaron algúns compañeiros e compañeiras tamén lendo os seus. Non perdades de escoitalos:

 

Novas de aquí e de acolá. Novo programa do MillaFalaDoiro

No MillaFalaDoiro, a Radio do IES do MIlladoiro, acabamos de estrear novo programa. Tiitúlase "Novas de aquí e acolá" e pretende ter a comunidade educativa do IES ao tanto do que ocorre dentro do IES durante cada semana, pero tamén dalgunhas cuestións de interese que ocorren no noso concello e mesmo polo mundo adiante. Certo é que polo mundo pasan moitas cousas, pero Rosa Mosquera e mais Uxía Reyes (as directoras do programa) son as que escollen aquelas máis relevantes.

Deixámosvos o seu primeiro programa. Hai que estar pendentes de cando saian os seguintes programas e, se algo queredes contar, non dubidedes en contactar con elas.

Os "Dicionarios de ida e volta" de Agareso

O pasado luns 13 de decembro, o alumnado de 1º ESO A tivo a oportunidade de recibir un dos dous obradoiros que se celebraron no noso centro por parte de María Lobo, da Asociación AGARESO, e organizados desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística baixo o título de Dicionarios de ida e volta. O primeiro deles desfrutárao, o pasado 10 de novembro, o grupo de 1º ESO C. 

Se queredes máis información sobre a cuestión, só tendes que escoitar o podcast do programa que dirixe, desde o curso pasado, Diego Madarnás Iglesias ("Entrevistas con Diego"), pois aproveitou que estaba María Lobo no centro para facerlle unha entrevista ben interesante:

 

"FOOT". PALLASOS EN REBELDÍA

Hoxe o alumnado de Bacharelato e 3º e 4º da ESO asistiu á representación teatral de Foot, levada a cabo por Pallasos en rebeldía. Escrita polo historiador norteamericano de orixe palestina, Rasid Khalidi, Foot é un monólogo no que un futbolista palestino conta todas as dificultades polas que ten que pasar un equipo de fútbol desa terra para clasificarse para unha competición internacional, co trasfondo do longo conflito palestino-israelí. Moitas grazas á compañía de  Iván Prado pola súa actuación.

GRAZAS!

Dende o IES do Milladoiro queremos agradecer a colaboración prestada polas familias polos xoguetes e libros recollidos na actividade organizada polo Comité de Igualdade do noso centro, que serán doados á asociación AVESANTI.

MOITAS GRAZAS!

PADLET. TRABALLO COLABORATIVO

Padlet é a ferramenta TIC utilizada polas profesoras Raquel Rodríguez (Matemáticas) e María Calviño (Inglés) para amosarnos a variedade culinaria das diferentes latitudes e contornos xeográficos. Se queres deixarte levar por esta proposta larpeira, podes visitar o realizado polos grupos de 2º ESO E e F, premendo nas seguintes ligazóns:

PADLET 2º ESO E

PADLET 2º ESO F

Amplíase o prazo para participar no concurso "Coa pel de galiña"

Gústache escribir? Xa te enteraras que estaba en marcha o concurso "Coa pel de galiña" pero non tiveches tempo cos exames? Pois agora ampliouse o prazo e tes uns días máis para presentarte!

Ah, ti non sabías nada? Pois aínda te informas a tempo, porque nesta semana aínda estás a tempo para presentar o teu relato. Ata o venres 17 ás 12,50h tes tempo para depositar o teu texto na "Caixa do terror" que está na biblioteca.

Que como vai? Atende:

O IES  de Ames (Bertamiráns) leva organizando desde hai catro anos un concurso de relatos de terror en galego ao que lle chamaron "Coa pel de galiña" e propúxonos que este curso o organizásemos conxuntamente. Daquela convidámosvos a escribirades os vosos relatos de terror para poñer a todo o xurado, de un e outro centro, cando os lean, coa pel de galiña.

Lede con calma neste enlace do blog do EDLG as bases, pero lembrade que son dous folios máximo, a ordenador (letra Arial ou Times, 12) e escritos en galego.

Vídeos premiados no "Medio minuto de ciencia"

Durante o mes de novembro, o EDLG organizou o mes da ciencia en galego. Unha das actividades foi o concurso "Medio minuto de ciencia en galego". Convidouse a toda a comunidade educativa a que participase gravando un vídeo de medio minuto arredor dalgunha cuestión científica.

Estes foron os vídeos gañadores:

 

Alba e Lucía (3º ESO) fixeron unha explicación moi interesante sobre as cores do outorno:

Antía e Irene (3º ESO) presentaron a Isabel Zendal:

Antía e Alicia (1º ESO) mostraron o resultado do seu estudo de densidades: Parabéns ás seis gañadoras!

Xa están funcionando os "Recreos coa lingua"

Este ano tamén volvemos ter en funcionamento o programa de voluntariado lingüístico seguindo o protocolo COVID. Esta iniciativa, que arrancou no curso 2018-2019 baixo o nome "Recreos coa lingua", pretende axudar ao alumnado de fóra de Galicia que se incorpora novo ao centro para que poida, de forma lúdica, irse achegando á nosa lingua e á nosa cultura.

Grazas ás persoas voluntarias dispostas a colaborar nos recreos!

 

Distribuir contido