O noso IES ratifica a continuidade do "Selo de Vida Saudable"

Con data de 25 de xuño de 2021 recíbese comunicación escrita de que  queda ratificada a continuidade do "Selo de Vida  Saudable", dado que o xurado considera que se seguen a cumprir no IES do Milladoiro as condicións e requisitos que deron lugar á súa concesión.

Contámosvos un conto! O podcast dos contos.

Neste último trimestre a rapazada do ENDLG de 1º e 2º ESO estiveron a ensaiar e gravar contos infantís. Para que? Pois para compensar que non puidemos ir coma outros anos á EEI do Milladoiro, por mor da pandemia. Daquela, mandáronllelos en audio, seguindo as súas peticións e aínda lles gravaron algún máis de agasallo.

Escoitádeos que vos van gustar!

Gato Guille

A bruxa regañandentes

Cocorico

A princesa do Caurel

Chibos, chibóns

Paco, papán

A que sabe a lúa

Corre, corre cabaciña

Carapuchiña

Chocolata

Os tres porquiños

Maruxa

 

 

 

Programa "Entrevistas con Diego". Podcast 7

No último episodio do programa de Diego Madarnás "Entrevistas con Diego" remata cunha entrevista á compañeira Lucía Sobrado, á que tamén entrevistou no primeiro episodio do seu programa. Esta vez falou con ela sobre o proxecto que levou a cabo para combater a pobreza menstrual, un proxecto solidario realizado en colaboración coa fundación FABRE.

 

 

Ao son da oralidade. O noso patrimonio

Publicación que  xorde  como  resultado dun proxecto  educativo  realizado co  alumnado  e  vinculado  a un Plan  Proxecta  realizado  no  centro  durante o  curso 2020-2021. O proxecto pretende pór  en valor  o patrimonio  material  e inmaterial  da  nosa  contorna.

Enlace  ao  documento

O noso alumnado faise con dous "regueipremios"

Nós  queremos  igualdade, composta  e interpretada  polos  Pitifláuticos (Lorena,  Noelia,  Ana, Nacho, Matías,  Aldán,  Alberto, Álex, Iria  e  Uxía, alumnas  e  alumnos de  2º  ESO D  e  2º  ESO E)  vén  de  gañar  o premio á  regueifa  máis  diversa  na  categoría  escolar.

Por  outra  banda, o  dúo Rimas  coma  balas, formado por  Inés  e  Adrián (2º  ESO F),  resultaron  agraciados  co premio á  reguifa máis  reivindicativa por  Exprésate  rimando.

Moitos  parabéns  aos  afortunados! Neste  enlace podedes  acceder  a  toda  a  información sobre  a  convocatoria  e, como  non, a  todas  as   demais regueifas  premiadas. 

Festa da música no IES

Onte, 21  de  xuño, o noso   IES celebrou a  Festa  da música.  Trátase  dunha  festa  na que os  músicos  tocan  gratuitamente  en  espazos  diversos  e  nos  que  non é  habitual  a interpretación  musical: rúas, parques  públicos, hospitais, museos... O  departamento de  Música  quixo  sumarse  a esta  iniciativa coa  organización  de concertos  na  biblioteca  durante os  dous  recreos, concertos  nos  que  se puxo de  manifesto que  contamos  con  grandes  artistas  entre  o  alumnado.

"Vida infinita" gañadora no XLII Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil

Vida  infinita, creada  e  interpretada por  Mary  Iglesias  Bermúdez, resultou  gañadora  no XLII Certame  "Terra  Chá"  de  creación  infantil  e  xuvenil  organizado pola  asociación  Xermolos  de  Guitiriz. Os premios  entregaranse  na XLII edición  do  Festival  de  Pardiñas, que se  celebrará  o 28  de  agosto ás 19h no  Campo  da Feira  de  Guitiriz. Parabéns!

O traballo "Vaia cara" gañador do XI Concurso Estatístico "Incubadora de Sondaxes e Experimentos"

O traballo Vaia cara, realizado polos nosos alumnos e alumnas Pedro López González, Sara  Martínez  Vázquez,  Paula  Mosquera Mariño, Elena  Núñez Pena e Fernando Pizarro  Lema, baixo a  batuta  de Milagros  Diéguez (profesora de  Matemáticas), resultou gañador do XI Concurso Estatístico  "Incubadora de  Sondaxes  e  Experimentos" na  categoría  de  1º e 2º da  ESO. O  noso  centro será un dos que  represente  a  Galicia  na  fase  nacional do concurso. Parabéns  aos  gañadores!

O concurso  convocouno a  Sociedade  Galega para a  Promoción  da  Estatística  e  da  Investigación  Operativa (SGAPEIO)  coa  colaboración da  Facultade  de  Matemáticas  e  o  Instituto de  Matemáticas  da  USC,  a  Consellería  de  Cultura,  Educación  e  Universidade, o  Instituto  Galego  de  Estadística  e  Gadis.

Diploma  de  recoñecemento.

A espectacular xeoloxía galega

 

 

Onte, 9 de xuño, os grupos de 1º ESO F e  1º  ESO G tiveron a sorte de  asistir a un relatorio sobre a xeoloxía galega a cargo de Joaquín Rubal, xeógrafo e guía oficial de turismo de Galicia.

 A actividade foi organizada polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

Guía de verán 2021. Bibliotecas escolares

As  bibliotecas  dos  centros públicos  de Ames  elaboraron  un  ano máis a  Guía  de  lecturas  recomendadas  para o verán, guía  que  agora  se pon  á disponsición  da  nosa  comunidade  educativa  a  través  deste  enlace.

Programa "Diario dunha estudante". Podcast 3

Ruído. Relatos de guerra de Miguel Anxo Murado é o libro do que falou Lucía Sobrado nesta nova entrega.

Proxecto solidario relacionado coa pobreza menstrual

Lucía  Sobrado, alumna  de  4º ESO B, levou  a  cabo  un proxecto  solidario  coa  colaboración  dos  membros  da  comunidade educativa  do  IES  do  Milladoiro. Lucía  elaborou  un  vídeo  destinado  ao  alumnado  explicando  o  seu proxecto  e  tamén un  cuestionario  coa  intención  de  recoller  datos  relacionados  coa pobreza  menstrual. A  segunda parte  do proxecto consistiu nunha  recollida  de  produtos  de hixiene  feminina; produtos que o pasado  venres, 28 de maio, foron  entregados  á  Cruz  Vermella.

O  proxecto  foi  promovido  pola  Fundación  Fabre  e  será  presentado  na  conferencia  de  Younth  MUN Madrid (YMM).  Lucía  participará  o  día  11  de  xuño  no  senado  representando  a Afganistán.

 

Graduación 2021

O  pasado 21  de  maio  o  noso  alumnado  de  2º de  bacharelato  celebrou  o  seu  acto  de  graduación; un  acto  atípico  dadas  as  circunstancias, pero  tamén  cheo  de  emocións.

 

 

Concurso Canguro matemático: entrega de premios

Hoxe, 24  de maio,   tivo  lugar durante o  segundo  recreo  a entrega de premios  aos  gañadores  do  concurso  Canguro  matemático, organizado polo departamento de  Matemáticas. Os  premios  recaeron nas  seguintes  persoas:

       Nivel 1º ESO, 1º  premio:  Uxía  Riveiro  Fernández 

       Nivel 1º ESO, 2º  premio:Mario  Campos  Alonso 

       Nivel 2º ESO, 1º premio: Sofía  Paola  Chang  Gómez

       Nivel 3º ESO, 1º  premio: Alba  Diez  Mariño

 

ADE: currículo e saídas laborais

 

 

 

O  venres 21 de maio o alumnado da  materia de  Economía de 1º  de  bacharelato puido  asistir  a un relatorio  onde  se trataron  temas relacionados co  grao  de  Dirección e  Administración de  Empresas (ADE).

A  actividade  foi organizada polo  Departamento  de  Economía   e  estivo  a cargo de  Adolfo  Carballo  Penela, profesor  da  USC.

Eloi Zabala González gaña o IV Concurso de Videopoemas

Hoxe, 15  de maio, en  Outeiro  de  Rei, lugar onde  está  a  Casa-Museo  Manuel  María, déronse  os premios  de  videopoemas da  IV Edición  do  Concurso de  videopoemas  sobre  composicións poéticas  de  Rosalía  e  Manuel  María. Eloi  Zabala  González, alumno  de  4º ESO A, conseguiu  un  dos premios  outorgados  cun vídeo realizado  a partir  do poema "Cando non  haxa"  de  Manuel  María.

                                  

Xela Arias no MIllaFalaDoiro

Dous programas de radio realizados polo alumnado do EDLG do IES.

Diego Madarnás fixo un novo podcast do seu programa de entrevistas e desta vez trouxo, nin máis nin menos, a Xela Arias!

 

Pola súa banda, o alumnado do Equipo de dinamización preparou un recitado coa súa poesía. Mais estade atentos e atentas porque, en breve, imos colocar un repositorio de todas as lecturas de poemas feitas tanto polo profesorado coma polo alumnado.

 

Lusofonia

Hoxe, 5 de maio, é o Día da Lingua portuguesa, segundo instaurou no ano 2009 a CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa). O galego, como lingua irmá, permite comunicarnos con falantes da CPLP, con todo o mundo lusófono. Pero, ademais, hai alumnado que estuda portugués no instituto e que fixo un par de programas aproveitando o que aprendeu nas aulas.

O grupo de 3º ESO C gravou un programa específico sobre o Día da Lingua portuguesa, e o grupo de 4º ESO fixo, para o 25 de abril, día da Revolución dos Cravos, un programa especial. Este contou coa colaboración de alumnado que non estuda portugués pero que se implicou aprendendo a canción da revolución, Grándola, vila morena. Co agradecemento a Eloi Zabala e a María Iglesias, deixámosvos os podcast para que escoitedes e mais tamén a gravación que se fixo da actuación en directo destes dous artistas, acompañados polo profesor de música Manolo Maseda, o pasado luns 26 de abril.

 

Enreguéifate 2021

O proxecto Enreguéifate foi adiante tamén este curso. Con máscaras, con distancia e con grupos reducidos, o alumnado de 2º ESO aprendeu a regueifar da man de Lupe Blanco, mais tamén  aprendeu moitas cousas sobre improvisación oral. Nos seguintes vídeos podedes ver a potencialidade dalgún alumno do IES, e mais unha "lección" en verso sobre a improvisación oral no mundo.

 

 

Contos para Pi

 O número Pi é o protagonista de dous contos realizados no marco das actividades organizadas para o 14 de marzo (Día de Pi). Xa vistes que se fixeron bastantes actividades para esta conmemoración, demostrando ademais que se pode usar o galego para tratar de cuestións matemáticas, neste caso, do número Pi.

Paula Mosquera e Elena Núñez conxugaron literatura e matemáticas con cadanseu conto: Pi, o doutor inesperado é o título de Paula, Crimes detrás de Pi o de Elena. Non deixedes de escoitalos!

 

Día Mundial da Poesía 2021

Con  motivo  da  conmemoración o  21  de marzo do  Día  Mundial da Poesía o  departamento de  Lingua  Castelá  organizou  unha  actividade  baseada  na  realización  de  exercicios  de  creación  literaria  centrados  fundamentalmente   nas  técnicas  vangardistas  do  cadáver  exquisito  e  do  caligrama. No  seguinte  vídeo  pode  comprobarse  que  contamos  con  grandes poetas.

 

 

Entrevistas con Diego- Programa especial Día de PI

Diego Madarnás, no seu programa de entrevistas, realiza un especial para recoller as voces dos principais protagonistas dos traballos realizados polo Día de Pi.

Xornada Virtual de Portas Abertas na UDC

A UDC (Universidade da Coruña) organiza o vindeiro xoves, 8  de abril, unha Xornada Virtual de Portas  Abertas coa finalidade de dar a coñecer a súa oferta de titulacións. Haberá  tamén dúas  videoconferencias do presidente  da  CIUG, Pedro  Armas, sobre  a  ABAU e a preinscrición 2021, unha ás 10 h e outra ás 19:30 h.  Máis información en www.udc.es

Programa "Voces da lusofonía" - Podcast 1

O primeiro podcast do Programa "Voces da lusofonía" é de Ana Caamaño, Uxía Reyes, Saínza Ruíz e Alba Vidal (1º ESO). Uxía Senlle falou con elas para contestarlles varias preguntas, algunhas referidas ao tema central deste primeiro programa: o festival Cantos na maré.

Programa "Diario dunha estudante". Podcast 2

Un novo podcast de Lucía Sobrado, no seu programa "Diario dunha estudante". Fálanos sobre o libro de Antía Yáñez: Senlleiras.

 

"Vida infinita": a canción para conmemorar o Día do número Pi

O pasado 14 de marzo celebrouse o Día do número Pi e no noso IES a rapazada de diferentes niveis fixo bastantes actividades arredor do famoso 3,14...

Mary Iglesias Bermúdez, alumna de 2º ESO A, compuxo unha peza musical titulada Vida infinita, que ademais interpretou cantándoa acompañada do ukelele. Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega gravouse o vídeoclip coa canción, nunha actividade na que participaron os departamentos de Matemáticas e de  Música e na que colaborou todo o alumnado de 2º ESO A.

 

8 M no IES do Milladoiro

Co  gallo do 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, o Comité de Igualdade organizou durante os recreos do día 10 de marzo unha danza reivindicativa. A  actividade  serviu para pór de manifesto as inquedanzas do noso alumnado, así como a necesidade de camiñar  todos e todas xuntos/as cara a unha sociedade máis igualitaria.

O MillaFalaDoiro estrea novo programa: "Sinag" de Yomara Ferreiro

Arranca un novo programa dirixido por Yomara Ferreiro. Chámase Sinag, que quere dicir "raio de luz", un nome aberto para un programa que non está enfocado a un tema concreto.

O primeiro podcast recollía unha reflexión a propósito da situación que levamos vivindo este ano e o segundo centrouse nos conceptos que se manexan para atender a diversidade sexual.

 

 
 

Día de Rosalía 2021: Photocall no centro e participación no acto do concello

Neste vídeo recóllense as imaxes do Photocall feito o pasado mércores para conmemorar o Día de Rosalía. A actividade, organizada polo EDLG en colaboración co Comité de Igualdade, titulouse "Rosalía tamén tivo teito de cristal" e estivo centrada no papel da autora como defensora dos dereitos da muller.

 

Pola tarde, Aroha Brandón, Ana Caamaño, Uxía Reyes e Alba Vidal foron as encargadas de ler parte do manifesto que escribiu Anne Figueirido para a AELG e que se leu nun acto sinxelo diante da casa de Barbazán en Bertamiráns, onde Joseba Muruzabal pintou "as Rosalías"

 

11F no IES do Milladoiro

Deixamos  aquí o  vídeo que  reflicte a  homenaxe que  as  alumnas   do noso  IES  lle  quixeron  render  a algunhas  das  científicas  máis  importantes  do panorama  internacional  con motivo  da  conmemoración  do  Día Internacional  da  Muller  e  da  Nena  na  Ciencia. A  través  de  diálogos  de  gran  viveza  e  orixinalidade  o público  asistente  puido  achegarse  de  xeito  lúdico  aos  logros  dunha  serie  de  mulleres  que  dedicaron  a  súa  vida  á  ciencia.

A  actividade  foi  organizada  polo  departamento de  Física  e  Química  e  o  Comité  de  Igualdade   e  serviu para  pór  en  valor  o  papel  fundamental  das mulleres  no  eido científico, pero tamén  reivindicar  a  igualdade  de  xénero  e  lograr  unha  maior  participación  e  inclusión  das  mulleres  e  das nenas  no  mundo  da  ciencia  e  da  tecnoloxía.

Distribuir contido