Nace un novo programa radiofónico: "Ao son da paisaxe"

O curso pasado comezamos a desenvolver un proxecto que se chamou Ao son da paisaxe, e neste ano lectivo comeza un programa de radio co mesmo nome. O primeiro episodio foi gravado por Noa Mesías, Alicia Lariño, Antía Casabella e Julia Montes; tiveron na parte técnica a Erik Cadavid. Neste podcast de arranque explican o programa:

 

Programa "Despois de todo...", episodio "O murmurio do medo"

Enia Villaverde gravou durante o curso pasado varios podcast do seu programa Despois de todo e de todos, aquí e agora, mais non foi quen de rematar a gravación do último episodio antes das ABAU. Nunha demostración de formalidade e compromiso co traballo do EDLG, achegouse ao IES en xullo, durante as vacacións, para finalizar esta interesante reflexión. Aquí vos queda o seu traballo, esperamos que o desfrutedes.

 

NO AIRE

Xa arrancamos coa radio neste curso 22-23 coa novidade de que estreamos local. No final do curso pasado comezamos co baleirado dun pequeno almacén para reconvertelo a estudo de radio. As dimensións non son moitas, pero quedou moi ben arranxadiño e fainos o apaño necesario.

Hai tres grupos de alumnos e alumnas que xa participaron neste proxecto o curso pasado e xa se puxeron co deseño dos seus programas de podcast para a nova temporada. Algúns van ter continuidade (radio-teatro, entrevistas...) pero tamén aparecen outros programas novos, por exemplo "Ao son da paisaxe". Noa, Alicia, Antía e Julia xa gravaron o primeiro episodio que se vai publicar en breve. Ademais estamos moi contentas de que se incorporasen alumnas novas en 2º ESO.

E este ano, como temos un espazo específico, xa puidemos comezar a formación do alumnado de 1º ESO que se achegou a nós ilusionado co proxecto da radio. Erik Cadavid está a axudar coa formación na parte técnica. Xa veredes como de seguida imos ter xa algúns programas feitos pola rapazada máis nova do IES.

Participación do noso IES nun Erasmus+ sobre poesía oral improvisada

O  IES do Milladoiro e mais o IES Marco de Camballón de Vila de Cruces están a participar nun programa Erasmus+K1, baixo o título Europa de repente. Neste programa europeo, no que están involucrados estes dous centros de ensino, participan tamén centros da Madeira (Portugal) e de Florencia (Italia). A coordinación lévase a cabo desde  o CFR da Coruña.

Do 27 ao 30 de setembro de 2022, levouse a cabo a segunda mobilidade do programa, na que se observou in situ o panorama actual da improvisación oral na Toscana. Realizáronse entrevistas con improvisadores vinculados á asociación Lottava Rima, cun centro de ensino da Toscana (Cutigliano) e mais no Centro Studi Beatrice di Pian degli Ontani (improvisadora e poeta do século XIX) da mesma localidade.

Igual que se fixo na primeira viaxe do mes de xaneiro á illa da Madeira, por parte dos catro docentes destes dous centros e mais do coordinador do CFR, nesta viaxe realizáronse tamén numerosas entrevistas e gravacións a persoas implicadas neste tema (músicos, investigadores, profesorado, improvisadoras e improvisadores, activistas culturais, alumnado...) para coñecermos improvisación tradicional nesta zona (ottava rima). Alén diso o profesorado galego tivo oportunidade de participar en dous encontros ao vivo de poesía oral improvisada. Afondouse nesta modalidade literaria nun percurso polo roteiro de Beatrice, na montaña de Pistoia, referente da  improvisación nos Apeninos. 

Todo o material escrito e audiovisual realizado nestes encontros vai servir para a elaboración de material educativo e compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo nos puntos anteriormente referenciados e que se expoñerán no final do proxecto para a comunidade educativa europea que teña interese neste tema.

Actividade de inglés nas tardes do mércores. ANPA do IES do Milladoiro

A Anpa do IES do Milladoiro pon en marcha unha actividade de inglés para todo o alumnado do centro. A actividade dará comezo o día 5 de outubro e será impartida todos os mércores en horario de 16:30 a 17:30 no centro.

En caso de necesidade por aumento de peticións, poderíase abrir unha segunda clase en horario de 17:30 a 18:30, e serían agrupados os alumnos segundo o curso.

Prazo de matriculación, do 19 ao 30 de setembro.

Recoméndase para o alumnado que solicitou a participación nas probas oficiais de idiomas convocadas pola Xunta de Galicia.

Para máis información contáctese no teléfono 722383546 ou no correo anpadoiesdomilladoiro@gmail.com.

Mención de honor para Anxo Gómez no "Violin Competition" de Bratislava

Anxo Gómez Piñeiro, alumno do noso centro, volve a ser noticia pola súa participación no concurso internacional "Violin Competition", levado a cabo en Bratislava. Anxo, que sesenvolve a súa práctica baixo as directrices de Yulia Petrushevsksya,  tivo que pasar tres rondas, unha preeliminar a través duns vídeos online e duas presenciais, pasando á ronda final e acadando o premio de mención de honor. Na capital eslovaca, Anxo competiu na categoria de ata 21 anos sendo, con diferencia, oo participante de menor idade 

Dende o IES do Milladoiro felicitamos a Anxo por este novo éxito.

Nas seguintes ligazóns podedes acceder as mencións que se recollen en distintos medios de comunicación

LIGAZÓN "LA VOZ DE GALICIA"

LIGAZÓN "CORREO GALLEGO"

 

 

 

Recoñecemento como excelente do proxecto "O poeta que baila"

 

O proxecto, "O poeta que baila" no que participaron, conxuntamente, o IES do Milladoiro e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, obtivo a consideración de "excelente", no marco da Resolución dos proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística 2021-2022 O proxecto trata do vínculo existente entre a obra literaria de Florencio Delgado Gurriarán e a música galega e latina, encargándose o alumnado do noso centro de analizar a vinculación das obras de Delgado Gurriarán con sons americanos como o da rumba, o veracruzano ou o tango.

Noraboa a todos os participantes do noso centro neste proxecto que con este recoñecemento, ven a culminar o gran traballo feito polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coordinado con outros departamentos como o de Música

Cualificacións das certificacións de portugués

O alumnado de portugués realizou as probas do Instituto Camões para obter a certificación oficial o pasado 15 de xuño. Foron 35 alumnos e alumnas, de entre 2º ESO e 2º de Bacharelato, que se anotaron para poder obter un título oficial de portugués a través das probas que a entidade denomina "Camões Júnior" e que permite que certifiquen, facendo os exames no propio instituto. Empregáronse as dúas aulas de informática, que houbo que preparar instalando un programa específico e mais atender todos os requisitos técnicos e formais que enviaron desde a organización.

Aínda que houbo algún problema nos primeiros momentos por fallos na rede, todo se resolveu con éxito no día das probas, que duraron dúas horas e nas que o alumnado tivo que demostrar as súas competencias a nivel de comprensión oral e escrita, así como de expresión oral e escrita.

Hoxe, 17 de xullo, enviaron as notas ao centro educativo. Segundo indican desde a Embaixada de Portugal en Madrid, a coordinadora de ensino do Instituto Camões virá facer entrega dos diplomas en setembro ao IES.

 

XII EDICIÓN DO PROXECTO DIDÁCTICO ANTÓN FRAGUAS. PREMIO NA MODALIDADE DE ENSINO SECUNDARIO

Parabéns a toda a comunidade do IES do Milladoiro por este premio e moitas grazas a Valentina Formoso, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e Manuel Maseda Deán, coordinador do programa. Os dous, xunto ao noso antigo director, Víctor Santidrián e Mila Diéguez, acudiron ao Museo do Pobo Galego, representando ao centro neste acto.

Plan dixital do IES do Milladoiro

Encontros educativos en aberto da Comunidade Xitana

Coa presenza do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, desenvolveuse no IES Antón Fraguas o Encontro Educativo en Aberto, organizado pola Fundación Secretariado Xitano. No encontro, levouse a cabo unha reflexión sobre as dificultades e avances que a comunidade xitana está protagonizando no ámbito educativo. Houbo tamén un recoñecemento para o alumnado que está a participar no Programa Promociona acudindo, en representación do noso centro, Aitana Fernández Fernández, Triana Jiménez Fernández e Alba Jiménez Fernández.

Durante o Encontro amosouse a curtametraxe O reto de mañá, na que se aborda o tema da constancia e o esforzo para superar os obstáculos e as dificultades.

A parte máis emotiva do encontro chegou co recoñecemento ao alumnado que titulou este curso. Representando ao noso centro estaban dous alumnos de 4º ESO A, Diego Jiménez Jiménez e Simón Jiménez León, que recibiron de mans do alcalde de Santiago de Compostela o seu recoñecemento como graduados en Educación Secundaria Obrigatoria.

 

Parabéns a Diego e a Simón pola súa titulación e o seu exemplo, grazas ao traballo e ao esforzo!

Mentes referentes: o proceso

Deixámosvos os vídeos que testemuñan o traballo conxunto para o programa "Mentes referentes" explicado no artigo anterior:

  

Mentes referentes: os podcast

O que na programación inicial do EDLG se pensou como un intercambio lingüístico e cultural a través da radio, acabou dando lugar, neste mes de xuño, á realización de catro podcast conxuntos entre o alumnado do noso centro e o do IES Félix Muriel de Rianxo. O nome, "Mentes referentes",  porque o obxectivo principal era que o alumnado de cada centro localizase "mentes referentes" do seu concello, que traballasen en galego, e que llas presentase ao alumnado do outro instituto para que este preparase a correspondente entrevista.

Con este esquema de traballo estivemos no terceiro trimestre e, aínda que parte do proceso se desenvolveu de xeito virtual, argallamos dúas mañás de convivio e traballo conxunto que deron moi bos resultados. O mércores 8 de xuño foi cando nos xuntamos en Rianxo, para que as nosas reporteiras entrevistaran a dúas mulleres referentes nese concello: Maruxa Miguéns (do mítico grupo Os Rosales) e Sabela Galbán, unha moza cunha grande traxectoria musical (Cuarteto de biselas, Carapaus,  Sés..). Logo o pasado luns 20 acollemos no Milladoiro ao grupo da radio que chegaba desde a terra de Castelao para entrevistaren a Inés Suarez, integrante do grupo de música tradicional do noso concello "As maianas" e mais á xornalista, presentadora da TVG, Susana López Carbia. O alumnado de cada centro anfitrión fixo as presentacións e despedidas correspondentes, e entre alumnado dun e doutro centro explicaron o proxecto neste que chamamos "Introdución ao proxecto".

 

En ambos os casos compartimos, ademais dos estudos de gravación, unha troca de experiencias e de xeitos de traballar, que deu moi bos froitos, de feito temos pensado continuar no vindeiro cursos.

Aquí quedan as entrevistas realizadas ás catro mentes referentes:

 

Programa "Entrevistas con Diego": "Ser galegofalante no Milladoiro"

Para o Día da Lingua materna ideamos un programa especial que dirixiu Diego Madarnás, entrevistando a estudantes do noso centro que cursaban entre 1º ESO e 2º Bac e que tiñan como lingua inicial o galego. Aínda que se fixeron as entrevistas antes do 21 de febreiro, día no que se conmemora este efeméride, houbo problemas técnicos coa montaxe e non se puido publicar ata agora.

É este un programa que describe unha realidade dura para a rapazada que ten como lingua inicial o galego e que estuda nun centro no que se declara galegofalante menos do 2% do alumnado. Son testemuños do que supón "ser galegofalante no Milladoiro" que non vos van deixar indiferentes.

 

Con este episodio, Diego pechou o seu programa de entrevistas por este ano lectivo, pero volve en setembro! Mario Campos e Hugo Mateos na parte técnica.

 

O IES DO MILLADOIRO, ENTRE OS 25 CENTROS CON MELLOR MEDIA DA ABAU EN GALICIA E SEGUNDO DA ÁREA METROPOLITANA DE SANTIAGO

Dentro da relación dos 25 centros educativos de Galicia, públicos e privados, nos que o seu alumnado obtivo unha media superior a 7, e que se amosa en La Voz de Galicia, o IES do Milladoiro amósase como o  o segundo centro educativo da área metropolitana de Santiago (e primeiro no relativo aos centros públicos da área metropoliana).

Esta nova coincide co acto, xa tradicional, de recoñecemento aos mellores expedientes ABAU de Galicia, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, e que este ano tivo como escenario o Polideportivo Fontes do Sar. Das excelencias galegas do 2022, cinco pertencían ao noso centro: Manuel Caamaño Mayo, Juan Calvo Iglesias, Alba Conde Fernández, Yomara Ferreiro Lesta e Miguel Requeixo González.

Parabéns ao alumnado e ao profesorado dos grupos de 2º de bacharelato do curso 2021/2022 do noso centro.

Día europeo da Música no IES do Milladoiro

Hoxe celebramos no IES do Milladoiro o Día europeo da Música do mellor xeito que se podía facer: coas actuacións do noso alumnado, que converteron o acto nunha xornada festiva e orixinal grazas ás actuacións de María (piano), Simón (guitarra), Dora e Elena (frauta), Anxo (violín) e Breogán e Martiño Fajundes (pandeireta e gaita).

O grupo "Xente que fala", recibido no Concello de Ames

O grupo Xente que fala, gañador da X edición do Club de debate, foi recibido no Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames polo alcalde, José Blas García PiñeiroAcudiron sete dos oito formantes do grupo (Diego Madarnás, Mario Campos e Breogán Fajundes (3º ESO), Sofía Chang, Andrea García, Iria Ferreiro e Marta Méndez (4º ESO). Non puido acudir Javier Conde, e ocupou o seu lugar, convidado polos membros do grupo gañador, Nacho Molina, quen participou tamén na experiencia do club de debate con outro grupo que igualmente chegou á final. 

No salón de plenos, o alcalde e a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín López, felicitaron o alumnado presente e á artífice deste logro, Valentina Formoso Gosende, polo premio que contribúe ao bo nome do Concello e a dignificar e impulsar o uso da nosa lingua, nun contexto de diversidade e riqueza cultural como a que temos no noso centro, grazas ás achegas dun  alumnado de distintas procedencias.

O noso alumnado foi entrevistado en Ames Radio, para o programa "Somos Ames". A continuación, podedes escoitar esta entrevista dende o minuto 32:30 ao 47:44.

LIGAZÓN A "SOMOS AMES"

 

Programa "Entrevistas con Diego". Podcast 11: O xadrez

O último programa de "Entrevistas con Diego" deste curso estivo dedicado ao xadrez. Entrevistou, para o que xa é o podcast número 11, a dous xadrecistas da súa idade, un compañeiro no IES do Milladoiro, Mauro Araújo, e o outro Eduardo Cabanas, que reside en Bertamiráns pero estuda no IES Xulián Magariños de Negreira.

Coa axuda de Mario Campos e Hugo Mateos na parte técnica, preparou este programa especial que, sexades ou non afeccionados ao xadrez, non debedes deixar de escoitar.

 

Entrevista a Manuel Núñez Singala

O pasado mércores, 15 de xuño, tivemos a honra de que viñese ao centro o célebre escritor e veciño de Ames, Manuel Núñez Singala.

Despois de lermos a súa obra Comedia bífida e escoller dúas escenas para dramatizalas na radio, convidámolo ao centro para facérmoslle unha entrevista centrada na obra que lemos. Colaborou connosco Diego Madarnás. Deixámosvos abaixo o enlace para que poidades escoitala.

Pareceunos unha persoa moi cercana, que nos contestou con moito interese. Chamounos á atención o seu compromiso co seu traballo como normalizador lingüístico e coa lingua. Fíxonos unhas reflexións moi interesantes que nos gustaría que escoitásedes.

 Aproveitamos que veu ao centro para que nos asinase todas as obras que tiñamos del na biblioteca.

 

Artigo feito por: Marta Mayo, Paula Lourido, Sara Martínez e Paula Mosquera

 

 

Radio teatro: "Comedia bífida"

Un grupo do alumnado do EDLG que participa na radio decidiu este curso facer teatro lido. Escolleu para iso a coñecida obra de Manuel Núñez Singala Comedia bífida e nela seleccionou dúas escenas, a do xuízo a Diña e mais a do xuízo ás xemelgas Lina e Lana e que podedes oír nos enlaces que vos deixamos.

Remataron o programa cunha entrevista ao autor que publicaremos proximamente.

 

Coñecendo a Delgado Gurriarán

O pasado martes, 7 de xuño, o alumnado de 2º ESO, saíu ata a casa da cultura para acudir á actuación teatral de Serafín Marcos: "Coa ledicia de voltar", organizada polo EDLG dentro das actividades organizadas co gallo das Letras Galegas para dar a coñecer a figura de Delgado Gurriarán. Durante as sesións da tarde, puideron achegarse de forma lúdica á vida e obra do personaxe homenaxeado este ano.

 

 

O IES do Milladoiro, gañador no "Olloboi 2022"

O IES do Milladoiro foi gañador no Olloboi 2022, un festival de curtametraxes educativas, que se celebra en Boiro e que serve para visibilizar a creación galega nas aulas. O premio foi outorgado pola curta Terra da fraternidade, O Milladoiro que queremos.

O centro non puido estar presente na recollida do premio, aínda que a súa ausencia intentou ser suplida cunha regueifa enviada dende as Terras de Compostela ao Barbanza. Parabéns e grazas ao alumnado de 3º de ESO do IES do Milladoiro do curso 2020/2021  polo seu traballo.

Reacción

O club de ciencias presentou o traballo realizado no curso escolar 2021-2022, no que participou alumnado de 1º e 2º de bacharelato. No seguinte vídeo pódense ver as distintas experiencias que levaron a cabo. Os experimentos realizados no presente curso foron:

  • Combustión espontánea, por Nuria Chan, Juan Calvo e Carlos Lago.
  • Explosión cunha pinga de auga, por Claudia Bretaña e Laura Rozas.
  • Pasta de dentes para elefantes, por Alba Diez, Xabier Nóvoa e Alejandro Tato.
  • Xeo instántaneo, por Manuel Caamaño, Paula Dacunha e Nerea Suárez.
  • Sodio en auga, por Aldara Gómez e Alba Mosquera.

“A ciencia é unha forma de pensar, moito máis que un corpo de coñecementos”, Carl Sagan


Biblioteca. Guía de verán

 

 

17/5. Día contra LGTBI fobia

"17/5. Día contra LGTBI fobia" é o nome da exposición que o Comité de Igualdade levou a cabo co gallo do Día Internacional contra a homofobia, a transfobia e a bifobia. Na entrada do centro amosaron, en diferentes paneis, exemplos célebres entre o colectivo trans, que é un dos máis afectados pola actitude de intolerancia e polas accións violentas de grupos extremistas.

Graduación da promoción 2016/2022

O venres, 20 de maio, tivo lugar unha emotiva cerimonia de graduación da promoción 2016-2022 do IES do Milladoiro. Alumnado, docentes e familias asistiron a un acto marcado polas emocións e o humor, e por entrañables discursos. Non faltou a música da man dunha das nosas alumnas, Alba Conde, no que constituíu o broche final dun traballo e unha organización de membros da promoción, como Manuel Caamaño, Óscar Míguez, Adán Agulleiro, Alba García ou Sara Guitián. Foi todo o alumnado, en xeral, o que contribuíu ao éxito dunha cerimomia que, máis ca unha despedida, constituíu un "ata logo" a un alumnado que sempre formará parte do espírito do noso centro. 

Euterpe: versión de "Lela"

Xiana, Simón e Erik

Baile tradi

Colectivo Tradi "Euterpe"

Distribuir contido