Ao son da paisaxe

PROXECTO FINAL "AO SON DA PAISAXE"

Ao son da paisaxe. Actividades do terceiro trimestre

 

O pasado 16 de maio, no marco das actividades das Letras Galegas e dentro do proxecto “Ao son da paisaxe”, veu ao noso centro Sabela Cobas, profesora no IESP de Ames (Bertamiráns).

Durante unha hora explicoulle ao alumnado do ENDLG en que consistiu a renovación do patio do seu IES e como se desenvolveu.

Aproveitando a visita, as alumnas que levan o proxecto de “Ao son da paisaxe” fixéronlle unha entrevista na radio:

  

E entrevistamos telefonicamente a unhas rapazas que traballaron con ela no proxecto:

 

Tamén entrevistaran os técnicos da aula da natureza cando viñeron en marzo replantar as árbores que secaran da plantación do curso pasado:

O martes 23 de maio foi o día escollido para irmos nós ao seu centro, de paso que fixemos un roteiro para gravar os vídeos de toponimia e mais para ir coñecer o traballo que, sobre este tema, fixo a rapazada do CEIP Agro do Muíño. Durante a visita, guiada pola profesora Sabela Cobas, a rapazada do noso instituto foi coñecendo as distintas partes do patio, que previamente xa lle explicara na charla que dera noso centro, sendo a charca o lugar que máis lles gustou. Aproveitaron para deixar alí uns barcos de papel cos seus nomes e algúns desexos:

 

O mesmo grupo de rapaces e rapazas aproveitaron ese día a visita a Bertamiráns para analizar a calidade medioambiental da auga do Rego dos Pasos, que desemboca alí no Sar, participando así no proxecto Ríos de Adega:

 

Pechouse o proxecto este curso na última semana de clase coa colocación dos bancos e mais dos chantóns nos que pegaron as placas que deseñamos no EDLG onde se indica o nome da árbore, o termo científico, un poema relacionado e o código QR que leva a unha páxina na que se poden ler e escoitar as características das especies, así como o poema e a canción asociadas á mesma.

A inauguración das placas fixérona Brais Fernandes e Américo Festinhas aproveitando a súa visita ao centro:

 

Resumo do proxecto no seguinte vídeo:

 

 

 

 

DÍA DAS LETRAS 2023

Onte, martes 16 de maio, o alumnado do EDLG de 1º e 2º ESO participou nunha homenaxe a Francisco Fernández del Riego. Escolleron unha árbore das plantadas no centro o curso pasado dentro do proxecto "Ao son da paisaxe"  para dedicarlla ao escritor de Lourenzá. A especie elixida foi un bidueiro ao que lle colocaron o cartaz identificativo. A idea é seguir con esta iniciativa en anos vindeiros.

 

"Ao son da paisaxe" replantamos árbores

 
O pasado xoves 23 de marzo realizamos unha nova actuación dentro do proxecto "Ao son da paisaxe", levando a cabo a replantación dunhas árbores que secaran na zona que fora plantada durante o curso 21-22.
 
 
Coa xenerosa colaboración da aula da natureza, de novo, conseguimos as árbores e mais a axuda na replantación. A actividade ía desenvolverse integramente no patio, pero por mor da chuvia houbo que reducción o tempo de estancia no exterior.
 
 
Nun primeiro memento as alumnas do Equipo de dinamización de 2º ESO, encargadas da xestión do proxecto, explicáronlles no corredor da entrada aos alumnos e alumnas de 1º ESO D como se desenvolvera a actividade o curso pasado e mais cales eran os seus obxectivos. Aproveitaron tamén ese espazo para facerlle unha entrevista ao persoal da aula da natureza que acudiu ao centro, co que xa enlazaron a explicarlle á rapazada de 1º ESO o necesario para que logo se axilizase a práctica, que non resultou doada debido ás adversas condicións metereolóxicas. Con todo, o noso alumnado implicouse a fondo na tarefa e deixaron ben chantados os carballos, castiñeiros e érbedos que faltaban.
 
 

Ao son da paisaxe: María López Sández

MARÍA LÓPEZ SÁNDEZ NO IES DO MILLADOIRO

Castelao "ao son da paisaxe" e "ao son da paz"

O venres 27 de xaneiro foi o primeiro dos dous días nos que lle fixemos unha pequena homenaxe a Castelao no noso IES, con motivo de celebrar o seu nacemento (29 de xaneiro). Unimos esta pequena homenaxe coa terceira fase do proxecto "Ao son da paisaxe" coa que quixemos "humanizar" unha parte do noso patio, a que está atrás do pavillón.

Antes, o alumnado do EDLG (Equipo de dinamización da lingua galega) de 1º e 2º ESO foi á parroquia de Ameixenda buscar varas de salgueiros, bidueiros e vimbios que logo plantamos nese espazo traseiro onde tamén colocamos a faixa coa mítica frase de Castelao, faixa que a rapazada pintou durante toda a semana previa. Abaixo podedes ver algunhas imaxes dese día.

 Ademais de ligar a Castelao co noso proxecto plurianual "Ao son da paisaxe", tamén o ligamos coa celebración do Día da paz na bibliteca, onde se lle fixo tamén unha pequena homenaxe. Rapazas do ENDLG leron viñetas de Castelao, tanto en contra da guerra, como en contra de calquera inxustiza, empregando como arma a retranca. Para finalizar, as irmás Dora e María Iglesias interpretaron o famoso poema de Castelao musicado (Lela):

Durante os dous días dedicados a Castelao proxectáronse os dous vídeos relacionados, un sobre a súa vida e obra do rianxeiro como retranqueiro universal e outro sobre o que entendemos no EDLG que é a paz lingüística.

Participamos na inauguración da carballeira

Convidados pola Concellaría de medio ambiente fomos á inauguración das figuras de madeira que se colocaron nesta carballeira de trasnos que arranxaron en Paramuíño, xusto detrás do CEIP de Ventín. A rapazada de 1º ESO D, e mais alumnado do EDLG de 1º ESO, compartiu espazo con alumnado da súa antiga escola, por grupos "apadriñaron" un carballo e leron uns textos sobre cada un dos posibles habitantes da carballeira (donosiña, píntega, curuxa...)

A nova na páxina do Concello de Ames

Na prensa: La Voz, El correo

Ao son da paisaxe: Episodio 2

As alumnas responsables do programa Ao son da paisaxe presentan o episodio número 2. Gravado nesta ocasión por unha parte do equipo (Noa, Julia, Antía e Alicia) explican como é a primeira plantación de árbores que se realizou no noso IES o curso pasado  e dan algúns datos sobre as diferentes especies que se plantaron.

 

20 anos do Prestige. Vidas

Hoxe o noso alumnado de 4º da ESO mergullouse na tráxica historia do Prestige e no desastre ecolóxico que trouxo ás nosas costas. Dentro do proxecto "Ao Son da Paisaxe" seguimos sementando conciencia ecoloxista e, ao mesmo tempo, facemos memoria histórica do acontecido, para que non volva acontecer. Tivemos a sorte de contar coa visita de Brais Fernandes, para realizar unha entrevista moi instrutiva e produtiva; moitas grazas, compañeiro. Ao mesmo tempo, inauguramos hoxe unha exposición itinerante coas maletas viaxeiras, que estará na nosa Biblioteca unha tempada e posteriormente viaxará ao IES Antonio Fraguas.

Manifesto Día de Rosalía de Castro. IES do Milladoiro 2022

DÍA DE ROSALÍA

Ao son da paisaxe

 

Distribuir contido