2ºESO

Análise de distintos aspectos da chuvia recollida en Galicia

O alumnado de 2ºESO que aprobou a materia trala 3ª avaliación desenvolveu actividades de ampliación durante o mes de xuño relacionadas co Plan Proxecta MeteoEscolas, no que o centro participa dende hai varios cursos, e co Proxecto de Innovación en Dinamización Lingüística.

 

Desta volta, o mes de xuño aproveitouse para analizar distintas características da chuvia recollida na última década nas sete principais cidades galegas (Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol). O periodo analizado foi do 1 de xaneiro de 2011 ata o 31 de maio de 2022 (con algunha excepción nas cidades nas que non había rexistros tan antigos).

 

 

 

Distribuidos en grupos, debían analizar os datos dispoñibles na páxina de MeteoGalicia dunha das cidades e respostar ás seguintes cuestións:

  • Que clima caracteriza a cidade atendendo á precipitación total anual?
  • Cales son os meses nos que chove máis?
  • Como é a chuvia: poucos días pero intensos ou moitos días pouco intensos?
  • Que variación porcentual de chuvia total anual se rexistrou en 2021 con respecto a 2011?
  • Como está sendo 2022? Cal é a variación porcentual mensual de chuvia recollida en 2022 con respecto a 2021?

 

Para a realización da tarefa o alumnado empregou a folla de cálculo LibreOffice Calc, importando os datos descargados dende a páxina de MeteoGalicia. 

 

 

 

Todo o traballo desenvolveuse en galego, de xeito que o alumnado traballou conceptos científico-matemáticos nesta lingua, deixando a un lado o castelán habitual e demostrando que a ciencia e a tecnoloxía non entende de fronteiras idiomáticas.


Nos documentos adxuntos poden consultarse as instrucións proporcionadas ao alumnado e as cuesións plantexadas, así como algúns exemplos das tarefas entregadas.

 

 

 

Proxecto de final de curso co alumnado de 2º da ESO: kamishibai, a narración a través das imaxes, a escrita e a oralidade.

Os alumnos de 2º da ESO puxeron hoxe en práctica, na materia de Lingua Castelá e Literatura, as súas destrezas como contadores de historias. Para elo empregaron o xeito xaponés coñecido como Kamishibai, que incluiu as súas propias ilustracións, redaccións escritas e exposición oral. Ante os seus propios compañeiros, profesores ou ante o atento público de 1º, 2º e 3º de Primaria que aplaudiu con enerxía todas as intervencións.

Vídeo


¡Moi ben contado, nenos e nenas!

Proxecto competencial: construímos corpos xeométricos que sumen 1 litro

En 2º de ESO, na materia de Matemáticas, esta terceira avaliación traballamos os corpos xeométricos e o seu volume.

Despois de familiarizarnos cos tipos de corpos xeométricos, o seu desenvolvemento plano e as fórmulas empregadas para calcular a súa área e volume, o alumnado desenvolveu un proxecto competencial baixo as seguintes premisas:

  • Debían construir con papel ou cartulina un cilindro, un prisma cadrangular recto e un cubo.
  • O volume total dos tres corpos debía sumar 1 litro.

O proxecto permitiu poñer en práctica o traballado na unidade didáctica e desenvolver a competencia matemática combinando o cálculo, o razonamento e unha actividade manipulativa.

Na fotografía poden observarse dous dos traballos entregados.

Corpos xeométricos de 1 litro en total

Participación na Fase Final da Olimpiada Matemática de 2ºESO

A nosa alumna Marta López Castro de 2º ESO A clasificouse para a fase final da Olimpiada Matemática organizada pola Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), celebrada o pasado xoves 26 de maio en Lugo.

Na fase previa participaron un total de 453 estudantes de 100 centros de toda Galicia, dos que só 40 acadaron o pase á final galega. 

 

A xornada comprendía a realización da proba (resolución de 5 problemas en dúas horas), o xantar e unha xincana na Praza Maior de Lugo antes da cerimonia de clausura e entrega de premios.

Os equipos participando na xincana matemática.

Tras a proba recollemos as reflexións de Marta sobre a experiencia. Unha das primeiras cousas que salienta é que nesta fase final “os problemas plantexados eran bastante máis difíciles ca os da fase de zona. Estes eran máis de pensar e non se resolvían de maneira tan directa coma os anteriores”. Con respecto á xincana por equipos, na que se lles plantexaron cuestións sobre a cidade, comenta que “foi moi divertida porque entre unha proba e outra tiñamos que desprazarnos de distintas maneiras, e ao meu grupo ata nos deron puntos por facer o parvo polo camiño”.

 

Ademais da experiencia vivida, como recordo da xornada todos levaron un diploma acreditativo, unha camiseta, unha calculadora científica Casio, unha memoria USB e dous libros. Cando lle preguntamos se repetiría a experiencia, Marta responde que “si, estivo ben, os problemas gustáronme porque non son os típicos que temos que resolver en clase.”

A súa mensaxe para o alumnado de 1º da ESO que o vindeiro curso pode ter a oportunidade de participar é simple, directa e honesta:

“eu inicialmente tampouco quería ir, pero que se animen, que non teñen nada que perder e é algo distinto e divertido.” 

Noraboa, Marta! Es unha crack!!

Falsos amigos na lingua portuguesa

O concepto lingüístico de falso amigo vólvese recorrente así que iniciamos o estudo das linguas da nosa contorna, aínda que non só. Trátase pois dunha palabra existente neses outros idiomas que se semella, quer en forma quer en pronunciación, a un termo existente na propia lingua do falante. Mais, ollo!, esta palabra posúe un significado diferente, e en moitos casos incluso provoca interpretacións non desexadas, por equívocas ou incómodas, nos nosos interlocutores.

Partindo do anterior, o alumando de Lingua portuguesa de 1º e 2º da ESO elaborou uns cartaces exemplificando cun pequeno repertorio de falsos amigos entre a lingua galega e a lingua portuguesa que agardamos vos axuden nas próximas visitas ao país veciño.

 

 

Lecturas e debate sobre "Non cantan paxaros neste bosque"

A rapazada do club pertencente a 2º e 3º da ESO  tivo un encontro antes do merecido descanso de Semana Santa para compartir ideas e opinións sobre a lectura da segunda avaliación: Non cantan paxaros neste bosque, de Carlos Negro. As distintas aproximacións que fai o autor ao relato vinculado sempre á morte e, nalgúns casos, mesmo ao medo, gustou entre os alumnos e alumnas. Nos contos sempre hai unha relación co máis alá, moitas veces de maneira velada e sutil, mais outras de forma crúa.

O formato do libro mesmo nos permitiu a lectura compartida de dous dos seus relatos máis breves, coma A despedida. Nel fálase sobre a morte por enfermidade e como esta se pode representar de xeito metafórico.

Viaxe do alumnado de lingua portuguesa á vila de Guimarães

O pasado venres, día 13 de maio, o alumnado que está a cursar a materia de Lingua portuguesa en 1º e 2º da ESO viaxou a Guimarães para vivir un día de inmersión lingüística na vila lusa.

Comezaron a xornada realizando unha visita guiada ao Paço dos Duques de Bragança, para así descubriren como vivía a nobreza do século XV.

A continuación, iniciaron unha xincana agrupados por equipos polo centro histórico de Guimarães da man do Museu de Alberto Sampaio, para así coñeceren en profundidade a historia da vila, que se nomea a si mesma como o berce de Portugal, e os seus elementos máis característicos. 

Por último, a xeira concluíu coa ascensión en teleférico á Montanha da Penha e a visita ao centro de peregrinación e a súa contorna.

Sección meteoroloxía e sociedade no xornal da escola

Con motivo da semana da prensa, elaborouse un xornal da escola coas achegas do alumnado. Dentro do proxecto MeteoEscolas, en 2º de ESO confeccionamos a sección "Meteoroloxía e sociedade", na que se incluiron novas relacionadas coa chuvia recollida nas estacións da rede.

Está a ser un ano máis seco? Canto máis choveu en Baiona en anos anteriores? Que pasa coa chuvia e as festas da Arribada, Reconquista de Vigo e Feira Franca de Pontevedra? Esta e outras cuestións abordáronse nos artigos publicados, que se poden consultar nas fotografías adxuntas.

Participación na Olimpiada Matemática de 2º ESO

Este xoves, 21 de abril, unha representación do noso alumnado de 2º de ESO participou na fase de zona da Olimpiada Matemática organizada pola Agapema (Asociación Galega de Profesores de Matemáticas), e que tivo lugar no IES Castelao de Vigo.

Na zona de Vigo houbo un total de 19 centros participantes, e cerca de 100 en toda Galicia. Dirixida a alumnado de 2º da ESO, cada centro pode escoller un máximo de dous representantes por grupo-clase. A elección non foi doada pero sen dúbida deron a súa mellor versión para deixar o pavillón ben alto!

A competición consistiu na resolución individual de 5 problemas propostos, e sen dúbida foi unha experiencia positiva: "foi mellor do que pensaba", "non eran tan difíciles" foron algunhas das súas declaracións posteriores. 

Bo traballo, Noel, Marta, Manuel, Martín e Pedro!

 

CHARLA DE MILA LÓPEZ

Bos días:

O venres 8 de Abril visitou o noso centro a ciclista Mila López. A súa especialidede é o handbike, un tipo de ciclismo no que as participantes pedalean usando os brazos.

No palmarés de Mila figuran a Copa de España do 2015 ao 2020; Subcampiona de España de 2014 ao 2019 (excepto no 2016 no que foi Campiona); Campiona da Copa de Europa de Cáceres 2019, subcampiona no 2020. É deportista de alto nivel de Galicia desde 2019.

Conversou co alumnado sobre as características da súa disciplina e mesmo sorteou dous maillots entre os participantes.

A súa visita goza ademais dunha especial circunstancia: o domingo competirá na prestixiosa carreira VigBay.

Esta actividade forma parte do programa Iguala-T, Inclue-T, o PVAD (proxecto de vida activa e deportiva) e do programa EduSaúde.

CAMPIONATO PROVINCIAL ESCOLAR DE ORIENTACIÓN DEPORTIVA

Bos días:

Hoxe o alumnado de 2º da ESO, representando ao noso centro no campionato provincial escolar de deporte de orientación deportiva, acodou uns magníficos resultados nas diferentes categorías.

En categoría individual feminina conseguiron o 1º, 3º e 4º posto.

Categoría individual masculina: 2º,3º,4º e 6º posto.

Gañando en ámbalas dúas categorías o primeiro premio por equipos.

Noraboa a todos os participantes.

VISITA AO AUDITORIO MAR DE VIGO

Bos días:

Hoxe o alumnado de 2º da ESO visitou o auditorio Mar de Vigo.

A actividade tiña como obxectivo revisar os proxectos de patio que se están a facer noutros centros e traballar o deseño dun espazo natural propio.

O alumnado puido ver nos diferentes paneis informativos cales son as innovacións nos patios escolares.

Despois agrupáronse e deseñaron un espazo segundo unhas características propostas (cercanía dun lago, volcán, centro regulador, concello...).

Esta actividade forma parte do proxecto terra (o patio escolar, construíndo un entorno de convivencia).

Saída didáctica a Tui

O venres 17 de decembro de 2021, o alumnado de 2º ESO do CPI de Cova Terreña foi de visita a Tui, como parte das actividades extraescolares da materia de Xeografía e Historia. O obxectivo desta saída didáctica era que coñecesen o patrimonio histórico e artístico desta cidade, que tivo un protagonismo indiscutible no pasado medieval de Galicia. Deste modo, os alumnos e alumnas puideron contemplar o legado da arte románica e gótica que está presente na catedral de Tui, así como os restos do barrio xudeu que forman parte do seu centro histórico, mentres dous guías turísticos lles ían dando explicacións sobre a relevancia histórica e artística de todo aquilo que ían observando.

Nas fotos que se adxuntan pódesen ver algúns dos monumentos que foron visitados, tales como a fachada principal da catedral de Tui, a súa torre e claustro, así como algunhas das rúas da ruta xudía.

25 de Novembro contra a violencia de xénero

 

No Día Internacional contra a Violencia de Xénero 2021, o  alumnado de 2 da ESO do CPI Cova Terreña elaborou hoxe un material propio para contribuir á súa total eliminación.

 

Trátase duns chíos pouco virtuais e moi reais nos que cada un expresa o seu sentir sobre este problema.

 

 

 

 

 

 

#Todasetodospolaigualdade

 

#Todosetodascontraaviolencia

Charla AESLEME

Con motivo da celebración do día Internacional das persoas con discapacidade que se celebrará o 3 de decembro, tivemos a ocasión de escoitar as recomendacións de Juan Gutierrez, membro de AESLEME (asociación para o estudo da lesión medular).

 

A través de videoconferencia, o alumnado de 2º da ESO asistiu a unha charla durante unha sesión lectiva.

Contáronnos a necesidade da prevención cando viaxamos no coche  ou en calquera vehículo e as diversas lesións que pode ocasionarnos unha conducta imprudente, desde traumantismos a lesións irreversibles da médula espinal.Ademais Juan, o ponente, compartiu a súa experiencia como lesionado e a particularidade da cadeira de rodas.

 

Reto matemático de Samaín

O venres 29 de outbro o noso alumnado de 2º da ESO tivo unha actividade diferente na hora de Matemáticas: puxeron a proba os seus coñecementos de números enteiros, potencias, raíces cadradas e fraccións para resolver as cuestións do Genially que vedes a continuación. Matemáticas aparte, pasamos unha sesión divertida e diferente :)

Atréveste a intentalo?

(Preme nos tres puntiños de abaixo á dereita, e nas frechas que se separan para poñelo a pantalla completa) 

CARTEIS CONTRA A HOMOFOBIA.

Para dar remate á unidade didáctica contra a homofobia que elaboramos desde o grupo de traballo IGUÁLA-T, o alumnado de 2º ESO-B deseñou unha serie de carteis que demostran a súa tolerancia e o respecto pola diversidade. 

Deixamos aquí unha mostra dos carteis seleccionados. 

Parabéns a todos e a todas.

 

PENÚLTIMAS TENDENCIAS. AUDIOLIBRO

O alumnado de 2º ESO-A elaborou este audiolibro da obra de lectura deste último trimestre: Penúltimas tendencias, de Carlos Negro.

Desde aquí, quero felicitar a todo o grupo polo seu compromiso con esta actividade, e coa materia en xeral.

Podedes ver o vídeo no arquivo adxunto.

 

 

Aprendemos Programando: O camiño de Santiago

O alumnado de 2ºESO participa no Plan Proxecta Aprendemos programando!!. O traballo realizado dentro da materia de Programación inclúe a elaboración de diferentes propostas cun mesmo tema: "O camiño de Santiago" neste ano Xacobeo.

As propostas do alumnado inclúen xogos, guías, historias,... tamén con propostas en inglés e bilingües.

El Xacobeo 2021 ya tiene logotipo oficial

 

Programming: Final activity of 2nd Term: Programming Careers

After working this 2nd Term creating our own programs, the question is: What job opportunities does Programming have? What is the common age for start to programming?

Whit the help of our assistant, Jess, we knew more about Programming Careers!

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031