Normalización Lingüística

Chegou aos nosos oídos.... ex alumnas do Aguiar participan na campaña "Gústame o galego"

Chegou aos nosos oídos... que un par de ilustres ex-alumnas do Aguiar como Clara Veiga (parlanchina impenitente)ou Sara Buyo (trouleira profesional) veñen de participar e poñer o mellor dos seus sorrisos na campaña "Gústame o Galego"  que promove a  Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística

Dende o Aguiar sumámonos á iniciativa.  A nós tamén... GÚSTANOS O GALEGO.

Gústanos..., que nos digan "qrt m8" ;-),

...que nos pubs poñan música en galego,

...que che guste a miña lingua :-P, 

...que non me traduzan o café con leite,

...@s bonec@s que falan galego,

...que o leite poña que é galego 100%,

…escoitar a Shin Chan ou a Scarlett Johansson, na tele ou no cine, falando en galego.

E A TI, QUE CHE GUSTA?

 

Vivo en ti (facemos cancións e as cantamos...pero non somos uns cantantes)

Pois xa vedes...no IES Francisco Aguiar  hai a quen lle dá tempo a facer cancións... e a ensaialas.

Pero non, iso non quere dicir que sexamos uns cantantes.

Presentamos agora a versión subtitulada (a instancias do ilustre autor da letra ) do hit que está a arrasar na programación de todas as radio fórmulas.

!Con vostedes: "VIVO EN TI"!

V Día da Ciencia en Galego.

Contra a ditadura doutros idiomas no mundo da informática, contra o conformismo da maioría dos usuarios, a prol do uso do galego no hardware e no software... estase traballando nas Universidades galegas. Proxectos de traducion ao galego de software libre comoTrasno ; Scratch en galego(octopus)...

 

Pola nosa parte. O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Francisco Aguiar, que coordina Xan Munín, organiza para o vindeiro mércores 5 de novembro unha videoconferencia para conmemorar o V Día da Ciencia en Galego.

  • Título: A ciencia da programación de ordenadores (tamén en galego)

  • Relator: Manuel Caeiro Rodríguez. Doutor en Enxeñaría de Telecomunicación. Profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade de Vigo. Responsable da rede TELGalicia sobre innovación educative e da aplicación. Páxinas web: http://www.edu-area.com e http://www-gist.det.uvigo.es/~mcaeiro/

  • Sinopse: introducirase a historia da programación de ordenadores desde un punto de vista moi básico e práctico, comezando pola orixe do algoritmo dos árabes, pasando por Ada Lovelace (Byron), e pasando logo a Alan Turing para chegar á estrutura dos ordenadores actuais e aos paradigmas de computación máis empregados. Introduciremos ferramentas nas que é moi doado programar, como Scratch e Squeak, para que poidades facer os vosos programas, tamén en galego.

  • Destinatarios: alumnado de Bacharelato de ciencias.

  • Data e hora: mércores 5 de novembro entre as 12:00h e as 13:00

Nº 7 da nosa Revista de Banda Deseñada: "ban-de"

Como cada ano, chega o novo número da nosa Revista de Banda Deseñada, neste caso o número 7.  

Informacións técnicas, a obra de Sarela Lorenzo e suxestións do alumnado de 3º.

Descargar picando neste enlace

Chegou aos nosos oídos....Lidia Gómez presenta novela premiada

Chegou aos nosos oídos....que  o mércores 20, ás 20 horas, presentarase na Libraría Biblos de Betanzos o 9º Premio Biblos-Casa Grande do Bachao de novela para menores de 25 anos, que na súa última edición gañou a betanceira e ex alumna do Aguiar,  Lidia Gómez Martínez.

Boa ocasión para compartirmos con Lidia  este momento tan especial e apoiar o lanzamento dunha xovencísima escritora que se fixo co galardón cando tiña só 19 anos. No acto estará arroupada pola anterior gañadora e membro do xurado que lle concedeu o premio, a pontevedresa Iria Morgade Valcárcel, autora de "Verbas no ar". Pero estarán presentes tamén moitos dos outros gañadores, algúns recoñecidos.

¡NORABOA!

IV Concurso de Creación Literaria das Letras Galegas. Concello de Betanzos

O pasado sábado 17 de maio, as 19 30 conmemorando o Día das Letras Galegas o Concello de Betanzos facía entrega no Cine Alfonsetti dos IV Premios á Creación Literaria.

Na categoría xuvenil. ESO obtivo o primeiro premio:AMAIA TOMÉ TOMÉ do IES FRANCISCO AGUIAR e o accesit CLARA RODRÍGUEZ NÚÑEZ tamén do noso Instituto.


Na categoría xuvenil. Bacharelato e ciclos formativos, correspondeulle o accesit á nosa alumna de 2º BAC  ICÍA RODRÍGUEZ ARIAS.

É todo un orgullo para o IES contar entre as súas alumnas con estas rapazas cheas de ilusión e talento. Gústanos pensar que todo isto ten que ver co talento personal, co indubidable compromiso coa lectura das familias  e co labor do profesorado en xeral e das Linguas en particular do Vales e do Aguiar, estímulo sempre neste eido literario. 

¡NORABOA  para Amaia, Clara e Icía!

Fallo do Iª concurso de video-creación para a promoción da Lingua Galega

O xurado do I Concurso de vídeo-creación para a promoción da lingua galega, tendo en conta que só se presentaron traballos na categoría de bacharelato,  decide outorgar un primeiro premio e dous accésits aos seguintes traballos: 
1º premio: "Un zapping polo galego" elaborado pola clase de 1ºD BAC.

          

    Traballo do que resaltamos a capacidade para conectar co público ao que vai dirixido (o alumnado do IES), orixinal e divertido, que ademais transmite un xeito de traballar integrador e colaborativo, pois toda a clase de 1ºD participa na elaboración. 


 Accésits:
  •     "Cambiar para mellorar". Grupo de alumnos de 1ºB BAC.
                 

Co seu traballo pretenden transmitir a validez da lingua galega para todo tipo de situacións: cos veciños, para falar da actualidade, nas relacións comerciais, no ocio.
  •      E nós, por que falamos en galego?" Grupo de alumnos de 1ºB BAC.          

 

                   


         A resposta á pregunta do título serve de pretexto para recordar a nosa historia da lingua  e rematar cunha reflexión sobre a carencia que para nós supòría a perda da  lingua propia.

Parabéns a todos/as participantes polo seu entusiasmo e a perspectiva que souberon adoptar para a transmisión da mensaxe. Esperamos que  estes sexan só os primeiros dos bos traballos que se presentarán en próximas convocatorias.

CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS 2014

 O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso instituto que coordena o profesor Xan Munín, en colaboración co Equipo de Normalización do Concello propoñen para celebrar o Día das letras Galegas estas actividades

Durante os días 5 a 8 de maio dous cursos de 3º da ESO puideron participar nun Obradoiro de Creación Literaria dirixido, nada menos que, polo poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello.

Entre o 12 e o 15 de maio serán os alumnos e alumnas de dous cursos de 2º da ESO  os que terán a fortuna de participar nun Obradoiro Radiofónico adicado á figura de Xosé María Díaz  Castro.  Aínda máis, este obradoiro estará impartida pola nosa ex alumna Lucía Abarrategui  e por Sergio Pascual.


Conferencia de Dn. Eduardo Moscoso Mato

       

 

       O  v enres 21 de febreiro entre as 10,25 e as 11.15hs.  no Salón de Actos do Instituto Francisco Aguiar  o alumnado de 1º BAC participará nunha conferencia que lev ará por título “A tecnoloxía ao servizo das linguas” e será impartida polo profesor Dn. Eduardo Moscoso Profesor do departamento de filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela (USC)  onde imparte materias como "Historia da lingua galega"ou "Lingua Galega para a Docencia". É, tamén,  especialista na lingua galega da época medieval á que aportou a súa recoñecida obra:  "Os tempos compostos no galego medieval".

 

        Esta actividade inscríbese no programa “A Ponte” da USC por medio do cal tratase de achegar a Universidade ao alumnado de Bacharelato. Neste caso por mediación do Departamento de Orientación, o Departamento de Lingua e Literatura Galega solicitou esta conferencia destinada, como dixemos,  ao alumnado de 1º BAC .

 

 

 


Distribuir contido