Normalización Lingüística

Gaio. Tradutor automático. Unha nova ferramenta a disposición da comunidade educativa

Por medio de Juan M. Neira  dinamizador en Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC's) coñecemos da novidosa posta en marcha de Gaio, o novo tradutor automático de textos, documentos e páxinas web para o persoal da Administración autonómica, as entidades locais e o persoal de Xustiza en Galicia. Desde gaio.xunta.es permite facer traducións entre galego e castelán en ambos sentidos, ao igual que entre galego e portugués.

 

Opcións de tradución

A ferramenta presenta tres opcións:
  • Tradución de documentos nos formatos máis habituais (DOC, DOCX, PPTX, XLSX, ODT, ODS, ODP, PDF, HTML, XML e TXT).  
  • Tradución de texto plano introducido no frontal da propia aplicación, cun tamaño máximo de 10.000 caracteres.
  • Tradución de páxinas web, que ofrece como resultado unha páxina a través da que podemos navegar.
Nos tres casos é posible seleccionar que o programa marque ou non con asterisco as palabras descoñecidas.

Tradución vía correo electrónico


Pode obter traducións automáticas de documentos a través do correo electrónico. Envíe desde unha conta corporativa como anexo o documento a traducir (nos formatos indicados arriba e cun tamaño máximo de 15 MB) e recibirá no seu correo o documento traducido. Na tradución por correo electrónico non se marcan con asterisco as palabras descoñecidas. Os enderezos de envío son:

Consellos para obter mellores resultados na tradución

  • Antes de traducir, revisa o texto orixinal ou pásalle un corrector para identificar erros ortográficos ou estranxeirismos pouco comúns.
  • Emprega frases curtas e simples nos textos.
  • Coida a puntuación e a sintaxe.
  • Evita expresións coloquiais.
  • Revisa sempre o resultado da tradución para localizar erros e mellorar o texto.

Complementos (plug-ins)

Desde o apartado "Descargas" é posible obter complementos para a integración de Gaio nos navegadores Chrome e Firefox, en ambos casos en contornos de Windows ou Linux, e para o procesador de textos Microsoft Word. Estes plug-ins permiten facer traducións de páxinas web desde o propio navegador e traducións de textos sen saír do procesador.
Nese mesmo apartado de "Descargas" atópanse manuais para a instalación dos complementos.

Axuda, preguntas frecuentes e suxestións

O portal de Gaio conta cunha páxina de "Preguntas frecuentes", na que se resolven as dúbidas máis habituais, e un manual na sección "Axuda". Se a persoa usuaria localiza traducións incorrectas ou mellorables, pode suxerir a súa modificación a través do formulario de "Suxestións".

VI Día da Ciencia en Galego

Mañá, mércores 4 de novembro, teremos ocasión de celebrar o VI Día da Ciencia en Galego, ocasión para reivindicar o necesario compromiso a prol da Ciencia Galega e do Galego na Ciencia.

Con tal motivo o ENDL do IES Francisco Aguiar convoca ao alumnado de ESO 4º A e B a unha videoconferencia  que terá lugar no noso Salón de Actos entre as 12.30 e as 13.30 hs.

 O profesor Xurxo Mariño, é Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1998) e profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña. É especialista en neurofisioloxía e forma parte do grupo de investigación Neurocom, entre outros.

Falará sobre "A máquina que constrúe a mente e a realidade" .

Todo o que somos cada un de nós, o que percibimos, o noso "eu", as emocións cotiás, todo iso é unha construción elaborada por unha máquina que levamos dentro do cranio: o encéfalo. Aí dentro temos miles de millóns de células, as neuronas, que utilizan a electricidade para comunicarse entre elas e, deste xeito, crear a mente e a realidade. Como funciona esa máquina da mente? A onde vai o "eu" cando durmimos? Poden construírse máquinas artificiais que teñan mente?

Martes 27 outubro. "Pementeiras"

Unha morea de rapazas e rapaces de 3º e 4º da ESO encheron, coma un grande río, a Galera, o Valdoncel e finalmente a Praza do Campo.  Subían ledos e rápidos. A volta costou algo máis... aínda quedaba por rematar a última hora de clase da mañá. 

O motivo deste "megatraslado " foi asistir á representación teatral  que por xentileza dos Servizos Sociais do Concello de Betanzos, tivo lugar na Aula de Cultura do Edificio Liceo. A compañía Xoré puxo sobre as táboas  "Pementeiras: unha historia de empoderamento femenino" que servíu para reflexionar sobre temas tan importantes como o traballo cooperativo, a responsabilidade cidadá e, sobre todo,  o papel social e económico das mulleres... a necesidade de recoñecerlles un protagonismo maior na vida social. 

Safari Fotopoético 2015. Artistas e imaxes premiadas

 
 
Terceiro Premio: Nerea Gutiérrez Barcia.
  A fotografía presenta un encadre axeitado, cunhas alineacións desenfocadas que conducen a mirada ás flores do primeiro plano; o texto é axeitado e está ben situado, aínda que contrasta pouco co fondo.
 
 
 
Segundo Premio: Daniel López Lendoiro.

A orixinalidade do encadramento compensa o leve desenfoque da saída de auga. 

 
Primeiro Premio: Alicia González Sánchez.

O xurado estimou a imaxe en si e a súa adecuación co texto, situación deste, tipografía elixida.

 
 
NORABOA A TODOS/AS PARTICIPANTES.  O NIVEL É CADA VEZ MÁIS ALTO

 

FOTOSAFARI 2015

Un ano máis o Aguiar lánzase ás rúas e campos na procura da maridaxe entre poesía e fotografía. É o momento do fotosafari.

Velai o espléndido resultado deste 2015

Preme na icona situada na parte inferior dereita para ver a maior tamaño

FOTOSAFARI 2015

Preme na icona situada na parte inferior dereita para ver a maior tamaño

Mes das Letras Galegas no Aguiar.

Ao longo das últimas semanas, e nas vindeiras,  o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística  que coordina o profesor Xan Munín está ofrecendo unha serie de actividades ao alumnado de 2º e 4º da ESO .

Mañá, 8 de maio, terá lugar a terceira e  derradeira sesión do Obradoiro de Creación Literaria  no que participaron alumnos e alumnas de 4º da ESO.

Mañá, tamén, terá lugar a terceira sesión do Obradoiro Radiofónico adicado a Xosé Filgueira Valverde no que están participando durante dúas horas cada día os diferentes cursos de 2º da ESO. Aos "controis" neste obradoiro,  a nosa aprezada "ex",  Lucía Abarrategui e Sergio Pascual.

Safari fotopoético. Letras Galegas

 
 
 
 
 
 
 
A Biblioteca do IES Francisco Aguiar de Betanzos convoca a súa comunidade escolar a un Safari Fotopoético sumándose á homenaxe das Letras Galegas a Xosé Filgueira Valverde.
 
 
 
Rexirase polas seguintes bases:


 Poden participar todos os alumnos e alumnas do IES Francisco Aguiar. Ábrese igualmente a toda comunidade escolar que desexe participar, nais-pais, persoal docente e non docente, ex-alumnos e ex-alumnas.

  1. Poden participar todos os alumnos e alumnas do IES Francisco Aguiar. Ábrese igualmente a toda comunidade escolar que desexe participar, nais-pais, persoal docente e non docente, ex-alumnos e ex-alumnas.
  2. O Safari Fotopoético desenvolverase entre o 1 e o 15 de maio do presente ano 2015.
  3. As fotografías deberán ser orixinais e, preferentemente, relacionadas con Betanzos, o seu casco histórico e os seus ríos. 
  4. As imaxes deben ilustrar algún verso ou idea das que acompañan a estas bases nesta pequena escolma poética.
  5. O texto do verso elexido debe aparecer integrado na propia imaxe.
  6. As imaxes a concurso poderán entregarse nun formato dos usados  habitualmente en imaxe dixital (jepg, tiff...) en soporte pendrive ou CD na Biblioteca do IES Francisco Aguiar, ou ben enviarse ao correo electrónico da Biblioteca [bibliofranciscoaguiar@gmail.com].
  7. O premio consistirá nunha camiseta coa impresión da imaxe gañadora.
  8. O Xurado estará presidido por un representante do Equipo Directivo, dous profesores/as (un membro do Equipo da Biblioteca, e outro membro dos Departamentos de Lingua Galega ou Educación Plástica) e un alumno/a (designado pola Xunta de Delegados).
  9. Os premios entregaranse avaliando os traballos presentados, segundo os seguintes criterios:
  • 50% pola calidade e orixinalidade da imaxe,
  • 40% pola adaptación deo texto á imaxe elexida, e
  • 10% polo enxeño e creatividade na inserción do texto.

24 de febreiro. Yincana para celebrar o Día de Rosalía

Ao abrir o buscador de internet esta mañá,  tropezamos coa sorpresa de que na cabecera de Google (o doodle) conmemórase  o 24 de febreiro,  Día de Rosalía,  cunha imaxe que ( por suposto incorporando a marca do buscador ) recorda a Rosalía e algún dos seus versos máis coñecidos.

O IES Francisco Aguiar coa animación do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística i en colaboración co Departamento de Normalización do Concello de Betanzos , organiza unha actividade para conmemorar este día.

Trátase dunha "yincana" literaria (Sorprendidocon esta grafía está recomendada pola RAE, non a recolle a RAG) consistente nun conxunto de probas de destreza, inxenio e coñecemento sobre esta insigne escritora.

As dinámicas probas tiveron lugar no Polideportivo do Instituto nas dúas primeiras horas da mañá, e participaron nelas os grupos A e B de 1º BAC.

 

 

Homenaxe a Rosalía de Castro

Como cada ano, remata o mes de febreiro coa homenaxe que o Concello de Betanzos e a Asociación Cultural "Eira Vella" adican a Rosalía de Castro. Nesta ocasión será o venres 20 ás 19.30h. na  Aula de Cultura "Xulio Cuns".

Como outros anos,  o Instituto Francisco Aguiar, por medio do seu Equipo de Normalización de Dinamización Lingüística que dirixe o profesor Xan Munín, tamén participa nesta homenaxe.

Desta volta facémolo por doble vía. Por unha banda un grupo de alumnas de 1º BAC , Sara Parga, Icía Carro e Mar Nieves, participarán coa lectura de textos propios poñéndose na pel da homenaxeada: "se eu fose Rosalía...", "quixera ser Rosalía para...."

Por outra banda o nutrido grupo de cantantes (ejem) de 1º e 2º ESO que coordinan Mª José Pardo, Delfina Ruibal  e Óscar García interpretarán a canción composta  polo propio Óscar que leva por título "vivo en ti" ( que xa puidemos escoitar nesta web)

Distribuir contido