ASÍ NACEN AS BALEAS: ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS CON ANXOS SUMAI 9.XII.2015

Aviso para todos os arponeiros da contorna: xa temos data para o encontro con Anxos Sumai na Libraría Biblos. Será o mércores 9 de decembro ás 18:30.
 
Está previsto que comecemos a falar de Así nacen as baleas. E despois, como sempre, deixarémonos levar polas correntes mariñas ata eso das oito, momento no que cederémoslle a palabra a Víctor Freixanes, que exercerá como documentado presentador da novela de Manuel Portas Lourenço, Xograr, que ven de gañar o  Premio García Barros neste 2015.  
 
 
Libraría Biblos
Rúa Santiago, 4
Betanzos
18:30
9 de decembro do 2015
 

Hora de ler. Semana do 9 ao 11 de decembro. [4ªsesión]

Ilustración: Christian Krohg

10ª SEMANA [4ª SESIÓN] 

Nesta penúltima semana, entre exame e exame, non podemos deixar de pensar nas próximas vacacións.
Por iso, temos tan presente o tempo de Nadal, tanto no relato de O'Henry como no de Manuel Rivas.

 



Massiel Veras. From NY

Temos o gusto de anunciar que recibimos a invitación da que foi lectora de inglés no noso Instituto nos dous últimos anos, Massiel Veras, para facer unha conexión 'videoconferéncica' e transoceánica. Estamos preparando a tecnoloxía do Aguiar para esta ocasión que agardamos se poida materializar nos primeiros días do ano 2016.

Mentres,  recollemos esta  inspiradora mensaxe do facebook de Massiel.

"O SANGUE FAI RUÍDO". Crónica do club de lectura 1º BAC por Amaia Tomé

  "O SANGUE FAI RUÍDO"
O pasado xoves 19 un  grupo de alumnos de Bacharelato e os seus profesores de Lingua  xuntáronse  nos sillóns da biblioteca do Centro  co gallo de celebrar a primeria reunión do club de lectura do presente curso. Neste amistoso encontro déusenos a oportunidade de dialogar sobre a obra que nos fora emprestada: Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal; peza dramática galardoada no ano 2005 co XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais. 
   Os temas dos que máis conversamos durante esta xuntanza foron a amizade forxada polos personaxes principais, Fernando e Pantaleón, nunha sala de diálise dun hospital. A pesar de que os dous homes procedían de mundos completamente distintos (un deles sen recursos e adicto a substancias estimulantes, e o outro do alta sociedade corrupta) atópanse con que ambos son enfermos terminais á espera dun transplante de ril, obrigados a facerse mutua compaña.
 
   Co paso dos días van aflorando novos pensamentos nas súas mentes, e novas curiosidades sobre aspectos cotiáns aos que a vida nos lles dera oportunidade de prestar atención.
 
   Outro dos asuntos máis debatidos na biblioteca foi o pesimismo narrativo, xa que en toda a obra se nos  trasmite un sentimento negativo e escuro da sociedade na que vivimos hoxe en día. Ademais, a través da figura de Fernando, o autor consegue crear acertadamente unha necesidade de compaixón e empatía que ningún dos outros personaxes acada en toda a trama.
 
   Co fin da reunión puidemos disfrutar dunhas deliciosas lambetadas acompañadas dunha nova proposta de lectura: A casa de Mango Street,  que estamos desexosos de comezar a ler.
Amaia Tomé
 
 

Chegou aos nosos oídos.... Jorge Vázquez incorporase á "Pasarela Cibeles"

 

http://preloc.renr.es/sociedad/2015/12/02/jorge-vazquez-incorpora-cibeles/1019430.html#!kalooga-14132/~josé%20~coruñés%5E0.75

Chegou aos nosos oídos... que o ex do "Aguiar", e deseñador betanceiro Jorge Vázquez regresará, tras dez anos de ausencia, á edición número 53 da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, que terá lugar do 19 ao 23 de febreiro no recinto feiral de Ifema de Madrid. Deste xeito incorporase ao grupo de deseñadores españois que cada temporada, dende hai máis de  30 anos, presenta as súas coleccións na pasarela madrileña, pola que pasaron máis de 300 firmas como Ágatha Ruiz de la Prada, Francis Montesinos, Alvarno ou Andrés Sardá.

O betanceiro Jorge Vázquez xa participara no programa xeral da semana da moda madrileña entre setembro 2002 e febreiro 2006. Conta cunha longa traxectoria profesional, que iniciou con tan so 18 anos no grupo Inditex, para despois pasar a formar parte do equipo creativo de deseñadores como Antonio Pernas ou Ángel Schlesser, ata o lanzamento da súa propia marca, no 2002.

A súa colección para a primavera/verán de 2005, presentada na daquela denominada Pasarela Cibeles, recibiu o premio L'Orèal á mellor colección. O deseñador de prêt-à-porter, traxes de coctel, noivas e alta costura ampliou o seu proxecto de moda creando en 2006 a nova marca JV por Jorge Vázquez, e ao longo dese mesmo ano colaborou coa colección femenina de Loewe. En 2009 lanzou a súa primeira colección da líña JV Petit Couture de comunión para nenas e actualmente continúa co seu proxecto baixo a marca JV por Jorge Vázquez e a líña de Alta Costura, complementada coas colaboracións habituais con outras empresas do sector.

Noraboa e recoñecemos que é para o IES Francisco Aguiar toda unha honra ter sido parte da historia de Jorge

 

 

Charla de orientación para 2º BAC

Un ano máis o Departamento de Orientación, que dirixe Amparo Mejuto, e o Ciclo Superior de Xestión de Espazos Comerciais a través do seu profesor Victoriano Rodríguez,  reuniranse nunha charla informativa co alumnado dos catro grupos de 2º BAC do IES Francisco Aguiar. 

O obxecto desta charla é informar ao alumnado sobre aspectos básicos de orientación para abordar os vindeiros meses cheos de importantes decisións:

  • como será a proba de selectividade,
  • que outras saídas se plantexan como alternativa a ela,
  • como deseñar o plan de estudos logo do bacharelato,
  • as alternativas no mundo universitario,
  • as saídas que se propoñen dende a formación profesional....

 

O xoves 3 de decembro ás 11.45 no Salón de Actos terá lugar o encontro que agardamos sexa de grande utilidade para o noso alumnado.

Hora de ler. Semana do 30 de novembro a 4 de decembro. [3ªsesión]

HORA DE LER

9ª SEMANA [3ª SESIÓN] 
 
Historias de animais... Eso anda a ler o fermoso galo debuxado por Pablo Gallo
 
Como ten moita competencia lectora, estará a piques de chegar ao final da historia do elefante de Slawomir Mrozek e, tras unha pequena pausa, comezará a ler O caso do unicornio azul do noso admirado e querido Agustín Fernández Paz.  

Visita á Coruña 27 novembro 2015

Mañá viaxeira a que nos agarda neste 27 de novembro no Aguiar. 

Viaxeira e ilustrada!

O alumnado de ESO 3º dos grupos A e B  realizarán unha visita á cidade da Coruña cun triple destino. Por unha banda visitarase a Casa Museo Casares Quiroga  que alberga a exposición fotográfica realizada polos nosos alumnos o ano pasado "Betanzos histórico. Unha mirada xoven sobre unha cidade vella".

  

Tamén haberá ocasión na mañá de coñecer a Casa Museo María Pita e visitar nela outra exposición fotográfica que forma parte  coa nosa exposición do Outono Fotográfico.

  

Como remate o alumnado poderá participar nun obradoiro na Fundación Luís Seoane. 

Distribuir contido