1ºESO

VISITA DE DESIRÉE VILA

Hoxe, o alumnado de 1º da ESO, tivo o pracer de escoitar a Desirée Vila. Deunos unha lección de vida e contounos a súa traxectoria como deportista desde a ximnasia acrobática ate o atletismo. Nesta última disciplina participou nos derradeiros Xogos Paralímpicos de Tokio.

Firmounos un exemplar do seu libro como agasallo para a biblioteca.

Esta actividade forma parte do PVAD, EduSaúde, Inclúe-T, Iguala-T.

Recollida de datos na estación meteorolóxica

O alumnado de 1º ESO encárgase, outro ano máis, da recollida de datos na estación meteorolóxica da escola.

Por grupos, cada semana toman medida das precipitacións coa axuda do pluviómetro e da temperatura mínima e máxima. Para facer esta medida, este curso contamos cun novo termómetro que veu substituír ao que tantos anos e tan ben nos serviu Guiño

CHARLA "CLASES SEN FUME"

Ola:

O 2 de febreiro visitounos un equipo sanitario do SERGAS para impartir unha charla informativa ao alumnado de 1º da ESO sobre os perigos da adicción ao tabaco.

Explicaron como actúa a nicotina, o alquitrán e o monóxido dfe carbono no corpo, o xeito que ten o corpo de reccionar ante unha sustancia tóxica e as consecuencias no futuro. Tamén trataron este problema desde o punto de vista empresarial e as campañas que leva facendo a industria tabaqueira ao longo dos anos.

Ao final da sesión a médica intervinte ofreceu a posibilidade de facer unha cooximertría para valorar a cantidade de CO expeirado.

Esta charla forma parte do programa clases sen fume e do programa EduSaúde.

 

Día Internacional da Educación

24 de xaneiro, Día Internacional da Educación

 

O alumando de 1º ESO Proxecto Competencial está a traballar sobre o ODS 10 Redución das desigualdades.

Obradoiro de madeira

O alumnado de 1ºESO, dentro dos proxectos incluídos dentro de Polos Creativos, elaborou un panel interactivo no patio inferior do edificio de Ed.Infantil. O alumnado pode experimentar os distintos materiais e sons co mesmo.

Ademais o alumnado de Tecnoloxía e Dixitalización preparou pezas de madeira para que xogue todo o alumnado de Ed.Infantil.

Actividade "Augas de Galicia"

O 2 de decembro de 2022 tivo lugar unha actividade organizada por Augas de Galicia destinada aos alumnos e alumnas de 1º da ESO.
A actividade comenzou cunha  presentación  sobre o ciclo da auga na que os alumnos e alumnas recordaron conceptos básicos do currículo e tamén da realidade da contorna coa visualización do embalse de Baíña e a EDAR de Baíña, a estación depuradora das Augas residuais da zona de Baiona.

Tras esta breve introdución os estudantes, organizados en grupos, participaron nun xogo no que como directores da xestión din embalse de auga tiñan que decidir se facer restricións de auga á poboacion humana ou facer restricións conxuntas: ambiental e humana. Tras á toma de decisións que se fixeron mensualmente se lles comunicaba a posteri o que chovera dito  mes. Desta maneira, segundo as precipitacións e as decisións sobre as restricións, cada grupo ía obtendo un nivel de volume do embalse  distinto, coa conseguinte puntuación. Este xogo poñía de manifesto as dificultades da toma de decisións sobre as restricións de auga dun embalse en tempos de seca ou cambio climático.


Os grupos gañadores foron os que obtiñan unha mellor xestión da auga, primando sempre o factor ambiental e intentando non facer restricións humanas.
Ao final da sesión os organizadores repartiron uns premios a cada un dos participantes: botellas de vidro para que os estudantes poidan reutizala todas as veces que precisen.

Quedaron moi agradecidos por estas xornadas tan proveitosas e ao mesmo tempo tan divertidas.

Taller de Fotografía co estudio Fotográfico Foto VS

O alumnado de 1ºESO Proxecto competencial contou cun obradoiro de fotografía a cargo de Rosa Vicente, fotógrafa do estudo fotográfico VS de Baiona que colaborou con nós achegando os seus coñecementos ao noso alumnado.

 

VISITA AO ESTEIRO DA FOZ

Bos días:

 

Durante os días 10 e 11 de novembro o alumnado de 1º da ESO fixo unha andaina polos arredores da comarca do Val Miñor. Coñeceron a flora e a fauna do lugar. Visitaron o Esteiro da Foz, a praia de a Ladeira e o paseo ata a Ramallosa.

 

Manolo. o noso biólogo de referencia, fixo as delicias dos escolares entreténdoos cun feixe de anécdotas e datos sobre a o noso patrimonio biolóxico e os usos que debemos facer para conservar esta diversidade.

 

A actividade forma parte dos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Educación Física.

 

Tamén forma parte dos programas: Clases sen Fume, EduSaúde e o Proxecto de Vida Activa e Deportiva.

 

 

 

CHARLA DE AROA SÍO

Ola:

Hoxe recibimos no noso centro a Aroa Sío, unha atleta de ultratrail (carreiras de máis de 100km) que veu a compartir unha hstoria vital. Aroa tivo unha adicción ao tabaco durante 20 anos. Un día o deporte fíxolle ver como estaba maltratando o seu corpo cunha sustancia que non lle reportaba nada, pero que estaba danándolle a saúde. A súa resposta foi abandonar o tabaquismo e dedicarse de forma profesional ás carreiras de montaña.

Esta actividade forma parte de varios proxectos de centro: Inclúe-T, Iguala-T, Edusaúde, Patios escolares, PVAD, Clases sen fume.

Literatura meteorolóxica

O alumnado de lingua galega de 1º da ESO estivo a pesquisar nalgúns dos libros que tiñan a man a frecuencia con que aparecían os fenómenos meteorolóxicos entre as súas páxinas. Para a súa sorpresa, practicamente en todos os libros de consulta, escollidos de xeito totalmente aleatorio, contiñan xa nas súas primeiras páxinas varios destes fenómenos que foron recollendo, definindo e anotando os datos da edición literaria para iren elaborando unha presentación que recollese os froitos da súa pesquisa.

Eis os resultados.

 

Curtametraxes 1º ESO

O alumnado de cadanseu curso de 1º da ESO ocupouse da realización dun guión cinematográfico, e súa posterior gravación, durante as dúas semanas derradeiras do curso.

Eis aquí os resultados tan dispares que a súa imaxinación produciu: unha curtametraxe de fantasía, outra centrada na guerra de mafias e, por último, unha trama policíaca.

Desexamos que as gocedes tanto como a rapazada que as realizou.

 

Última reunión do curso do club de lectura de 1º da ESO

O pasado luns 13 de xuño o club de lectura de 1º da ESO xuntouse para o seu derradeiro encontro deste curso e falarmos do libro Contos para nenos peculiares de Ranson Riggs.

Este compendio de dez contos estraños e marabillosos, que forman parte do universo de Miss Peregrine, descubriulle á rapazada historias habitadas por caníbales, princesas de lingua bífida, rapazas amigas de pantasmas, persoas que se converten en illas, etc. E, partindo destas historias tan peculiares, compartimos experiencias e pareceres e reflexionamos sobre os desexos, os anhelos, os soños e os temores.

 

Até o vindeiro curso! 

 

 

 

 

 

Obradoiro de Banda Deseñada con Xosé Tomás Díaz

Este mércores, día 1 de xuño, tivemos a gran sorte de contar no noso centro con Xosé Tomás Díaz (ilustrador, guionista, humorista gráfico...) para impartir un obradoiro de Banda Deseñada ao alumnado de 1º da ESO.

Xosé Tomás traballou con eles a etimoloxía dos diferentes vocábulos para nos referir a esta disciplina, a historia da Banda Deseñada, os principios e algunha das técnicas máis usadas, que logo puxeron en práctica.

Foi, pois, unha visita moi proveitosa coa que gozou a rapazada.

Exposición do aparello fonador e os espectogramas.

Nunca te preguntaches como emites sons cando falas? Nunca reparaches en que órganos moves para facelo? E nunca pensaches se eses sons... teñen forma?

Para clarificar todas estas dúbidas o pasado mes de abril, co gallo da Semana da Ciencia, o alumnado da materia de Lingua galega e Literatura de 1º da ESO elaborou maquetas dos distintos órganos que conforman o aparato fonador coa fin de representar o seu funcionamento. Para alén diso, tamén convidamos aos visitantes a iniciarse no mundo da Fonética realizando espectogramas, a representación visual dos fonemas, de cadansúa vogal da lingua galega (7).

Por tanto, esta pequena exposición tentou axudar a entender un chisco mellor ese proceso que realizamos milleiros de veces ao día para nos comunicar.

Exposición autores e autoras homenaxeados no día das Letras galegas

O día 16 de maio inauguramos no noso centro unha exposición sobre os autores e autoras homenaxeados no día das Letras Galegas desde o inicio desta efeméride, ano 1963, até a actualidade realizado polo alumnado de 1º e 2º da ESO.

Esta actividade realizouse en colaboración co Departamento de Lingua galega e literatura.

Aves de Baiona

Baiona conta, pola súa localización xeográfica, cunha enorme biodiversidade de aves que se poden dividir en migrantes e residentes todo o ano. Todas elas, contan cunha nomenclatura específica que amosa a gran riqueza léxica do galego para denominar ao que nos rodea. Para afondar nesta temática e dar visibilidade á mesma, dende o Departamento de Lingua Galega e de Ciencias Naturais organizouse unha actividade realizada ao longo do curso, coa produción final exposta na Semana da Ciencia do centro.

No mes de novembro, o alumnado de 1º ESO realizou a visita ao Esteiro da Foz e á praia da Ladeira para facer observación in situ de aves migrantes. Nesta saída, contamos coa experiencia de Manuel, ornitólogo de longa experiencia. Alí, puidemos desfrutar e descubrir a visita que nos fan dúas veces ao ano as gavitas, biluricos e mazaricos entre outros. 

1º ESO C no Esteiro da Foz

Ademais de desvelar os misterios das migracións, tamén tiveron que debuxar o observado para desmitificar a dificultade do debuxo naturalista. 

1º ESO B debuxando as aves migratorias

Do mesmo xeito, durante a segunda avaliación, fixemos unha observación das aves que nos rodean na propia escola e na contorna máis próxima, descubrindo así unha parte importante da fauna local que pasa normalmente desapercibida: pardais, merlos e lavandeiras cobraron vida para o alumnado ao ter que debuxalos novamente. 

Mais tan importante foi a representación artística coma a investigación para nomear correctamente ás distintas aves en galego. Así, agromaron os nomes que se empregan na vila para esa parte tan importante do medio natural que nos rodea. O resultado, tal e como se comentou previamente, foi exposto durante a Semana da Ciencia celebrada na terceira avaliación para facer partícipe a toda a comunidade educativa deste traballo.

Exposición da Semana da Ciencia 2022

Visita didáctica á estación arqueolóxica Outeiro dos Lameiros

Bos días:

O xoves 7 de Abril, o alumnado de 1º da ESO puido visitar unha das xoias da nosa comarca: os petróglifos de Outeiro dos Lameiros. Este conxunto de arte lítico atópase na serra da Groba. Constitúe unha das pegadas dos asentamentos humanos que habitaban nestes paraxes fai miles de anos.

Ademais de facer exercicio, realizando un percorrido a pé duns 12 quilómetros, tamén aproveitaron para:

  • Recoñecer a fauna e a flora do lugar
  • Dominar o vocabulario en lingua galega dos diferentes organismos
  • Coñecer a nosa contorna e poñela en valor
  • Planificar os materias que temos que levar nunha saída (auga, comida, roupa, calzado, crema solar...)
  • Coñecer a toponimia do lugar
  • Coñecer o noso patrimonio arqueolóxico

No desenvolvemento desta iniciativa traballaron conxuntamente os departamentos de Lingua Galega, Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia e Educación Física.

Agradecemos a dedicación do IEM (Instituto de estudos miñoráns) pola charla oferecida e ao  profesorado acompañante: Rocío, Antonio, Luisa e Patri.

A actividade forma parte do proxecto de vida activa e deportiva (PVAD) e do programa EduSaúde.

 

Artistas do punto

No segundo trimestre, na materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual, traballamos a técnica do PUNTILLISMO aplicandoa nas obras de Vincent Van Gogh. Quedaron traballos de moita calidade do alumnado de 1º da ESO.

Notaboa a todos e todas!

 

CHARLA DE VERÓNICA ROMERO

Hoxe estivo con nós compartindo as súas experiencias Verónica Romero.

O alumnado de 1º da ESO puido falar con ela e preguntar sobre as peculiaridades da expedición ao Lago Baikal (700km) en territorio siberiano. Tamén andivo por terras canadenses na Illa de Baffin (200km) e fixo outra travesía no Lago Inari en Finlandia (130km).

Aínda que os inicios de Verónica comezan con carreiras a pé e raids de aventura, os contactos con outra aventureira como Chus Lago achégana ás expedicións polares. Estas aventuras buscan reivindicar o papel da muller e a concienciación sobre o cambio climático.

Esta charla forma parte dos contratos programa Iguala-T, PVAD (proxecto de vida activa  e deportiva) e EduSaúde.

Historia da desigualdade no Día da Internacional da Muller

Hoxe, Día Internacional da Muller, inagúrase a exposición sobre a "Historia da desigualdade" no salón de actos do centro. Este traballo fíxose na materia de Valores Éticos nos cursos 1º e 2º da ESO.

O obxectivo desta actividade é que o alumnado tome conciencia da loita, dende sempre, das mulleres por acadar os seus dereitos. 

 

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031