QUE HAI TRAS TODO ISTO DE IAGO CODESIDO?

Apenas acababamos de recibir a un ilustre ex alumno, Vicerreitor na Universidade de Heidelberg, cando nos chega a noticia.

            • O inspector interesase por tan notable feito.
            • Varios periódicos diríxense a nós coa intención de contactar co noso alumno de 2º BAC do ano pasado,  Iago Codesido.
            • Recibimos a noticia de que conseguira un dos vinte premios extraordinarios de Bacharelato que a Consellería de Educación concede a alumnos que remataron no ano anterior os estudos dista etapa educativa.
            • A prensa, as redes sociais fanse eco da noticia.

 

     Mais...que hai tras todo ista "tolemia" informativa? Pois cremos que, no fondo algo ben sinxelo e á vez, ben complexo.

     Detrás de todo isto hai, sobre todo, unha persoa á que coñecimos como un traballador esixente consigo mesmo e afanoso por coñecer cada día máis e máis fondamente.  Agora ben, esta persoa é tamén froito dunha familia e dunha escola pública que foi acompañante e cómplice no medrar das súas capacidades .  

     Detrás de Iago están os mestres do CEIP plurilingue San Marcos en Abegondo, mestres que lle ensinaron as primeiras letras e primeiras contas, os que puxeron o xérmolo dun afàn constante por saber.

 

     Máis adiante foi o equipo de profesores e os compañeiros que compartiron con Iago o Ensino Secundario Obrigatorio. A comunidade, case familia, do IES de Vións acompañou a andaina por esa idade crucial que é a adolescencia.

 

     Como remate, a etapa do Bacharelato, pola que foi galardonado.  Tivemos a honra de que fose o noso instituto, o IES  Francisco Aguiar,   o centro no que cursou brilante e discretamente os estudos do último ciclo de secundaria. (Tamén os que tivemos que enfrontarmos á súa letra hiper_mega_diminutaGuiño)

 

Por tanto, se alguén pola rúa lle pregunta "o que hai detrás de todo isto de Iago Codesido",

pense vostede en persoas:

primeiro, e sobre todo, nel mesmo,

na súa familia,

nos seus compañeiros

e profesores das distintas etapas educativas

e nun conxunto de institucións...

que forman parte do noso ensino público e que non deberiamos deixar deteriorar ou perder. 

 

PARABÉNS PARA IAGO!

UNHA HONRA QUE COMPARTESES ANDAINAS CONNOSCO!