Biblioteca "Sebastián Buedo Jiménez", ¿seica non é para presumir?

Cando, ao inicio do curso, tivemos a primeira reunión do Club de Lectura de Adultos,  varias nais das que alí participan expresaron con sinceridade unha opinión: A primeira vez que entraron na biblioteca "Sebastián Buedo Jiménez"  do Instituto deulles sensación de desamparo, de baleiro. "Faltaba vida, faltaba cor, resultaba fría e desanxelada" era o que, máis o menos, viñan a dicir.

Os profes que alí estabamos tratamos de "parapetarnos" en razóns históricas que xustificaban tal situación -malia que, no fondo, compartiamos boa parte das sensacións. Pero tamén amosamos a esperanza de que a recén acadada axuda do Plan de Mellora das Bibliotecas (PLAMBE) axudase a cambiar as cousas.

Pois ben, comezando o segundo trimestre do curso xa empezan a verse os resultados.  A primeira fase do plan de remodelación do mobiliario é todo un feito: Novos  andeis para dar acubillo a todos os libros do fondo e nova distribución dos mesmos. Creación dun espazo para lectura pracenteira  que xa está a ser utilizado e valorado polos usuarios. E moitos proxectos máis que iremos contando. O certo é que agora xa podemos empezar a presumir de "biblio' chula" .

 

Pero... non é diso do que a comunidade escolar do Aguiar quere presumir.

 

Presumimos de Equipo de Biblioteca (Francisco, Óscar, Elvira, Carme, José Manuel, Mª José, Lucía...) comprometido e activo. Coa imaxinación sempre en marcha e as mans listas para traballar no que sexa.

Presumimos do alumnado numeroso e creativo que se encargou no pintatiza de Nadal  -coa inestimable e incombustible dinamización de José Manuel Rey Bao- de elaborar o estupendo mural de "Rosalía Pop" que ambienta o rincón de lectura.

Presumimos de personal non docente, especialmente Glenn, que colabora ata a extenuación aportando tamén ideas para a organización de espazos que nin se nos pasaran pola cabeza.

Presumimos de profesorado que cada vez saca máis partido á biblioteca, aos seus fondos e ás súas instalacións.

Presumimos de reunir periódicamente a máis de 200 rapaces nos Clubs de Lectura.

Presumimos dun Club de Lectura para nais, pais, profesoras e profesores.

Presumimos, en definitiva, de ir facendo unha biblioteca entre todos e para todos

 

Biblioteca "Sebastián Buedo Jiménez", ¿ seica non é para  presumir?