Blogues

Bolsas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

Publicada a convocatoria de bolsas e axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2024-2025.

Prazo de presentación de solicitudes: do 30 de abril ao 13 de setembro de 2024

Snacks de Singapur

A nosa Auxiliar de Conversa, Anjika, tivo o detalle de traer algúns snacks do seu país, Singapur, para que o alumnado os puidese probar. Nesta ocasión foi o alumnado de CUALE o que tivo a sorte de coñecer, probar e desfrutar o que comen as persoas dun país asiático como é Singapur. Nos explicou que en realidade son alimentos que teñen a súa orixe noutros países como Xapón, Tailandia, Filipinas... Tamén nos falou das deliciosas (e estrañas) froitas que teñen en Asia, pero que desgraciadamente está prohibido traer a España.

No vídeo podedes ver as reaccións do alumnado...

Moitas grazas Anjika! Foi toda unha experiencia!

 

TEATRO EN INGLÉS

O pasado 30 de abril todo o alumnado de ESO do centro puido desfrutar dunha representación teatral en inglés, Digital Twin, a cargo da compañía English Theatre Company.

Foi unha maneira de aprender inglés dun xeito distinto, nun ambiente lúdico e en contacto con falantes nativos.

Algúns voluntarios e voluntarias incluso subiron ao escenario e participaron na obra!

Tedes nos adxuntos algúns videos e fotografías da representación.

 

 

ESCAPE ROOM

No mes de abril o alumnado de CUALE puido desfrutar dunha saída para facer unha actividade de Escape Room en inglés. Desprazáronse ata a Sala Enigma de Ourense, acompañados da profesora e da Auxiliar de Conversa.

Todo o alumnado colaborou de maneira activa e estivo moi implicado para descifrar as pistas, resolver o enigma de Romasanta e poder saír con vida!

CONCERTO SOLIDARIO DAS LETRAS GALEGAS

O próximo día 16 de maio celebraremos o día das Letras Galegas cun concerto solidario a cargo do coro infantil e o coro xuvenil do noso centro. Interpretaremos temas de A banda da Loba, Emilio Batallán e Fuxan os Ventos, entre outros.

Asemade farase unha colecta benéfica nun posto situado na entrada do auditorio. Os fondos recadados se destinarán á organización Save the Children. 

O alumnado de Proxecto Competencial de 2º ESO será o encargado de recoller as donacións. Este alumnado elaborou un vídeo divulgativo explicando a actividade. Poden visualizalo no arquivo adxunto.

Tras os pegadas do exército romano por Aquis Querquennis e polo Xurés

O alumnado de 1º de ESO e de 3º de ESO de Cultura Clásica visitan o campamento romano de Aquis Querquennis e mais o Parque Natural do Xurés

Na mañá da segunda feira do 22 de abril de 2024 os grupos de 1º de ESO e mais de 3º de ESO que reciben formación en Cultura Clásica se desprazaron ao Centro de Interpretación de Aquis Querquennis, no concello de Bande, acompañados polos docentes Iria, Nieves e Anxo.

Despois do visionado dun vídeo e da visita ao centro expositivo, o grupo desprazouse cara aos restos das instalacións militares, onde parte do alumnado de 1º de ESO, xunto co de Cultura Clásica, descubriron a historia deste magnífico campamento onde se aloxou unha das cohortes da lexión Gemina que se instalara en Legio (León).

Posteriormente, o grupo desprazouse cara á desembocadura do río Caldo, no concello de Lobios, para xantar e gozar da piscina e pozas termais.

Á tarde levouse a cabo a visita aos miliarios que se foran atopando na vía XVIII ou Vía Nova, que unía as localidades de Arturica Augusta (Astorga) con Bracara Augusta (Braga). Ademais, o grupo aproveitou para visitar os restos da mansio de Aquis Originis, unha antiga pousada romana que daba servizo aos comerciantes que percorrían a devandita vía.

No derradeiro punto da xornada, unha parte do alumnado explicou as características do hábitat do Parque Natural do Xurés (Parque Nacional de Peneda-Gerês en Portugal).

 

ACTIVIDADE DE ORIENTACIÓN EN OIA

Hoxe, venres 19 de Abril, o alumnado de 3º da ESO disputou unha carreira de orientación nos arredores do curro da Valga (Loureza, Oia). Neste evento, por parellas, os participantes tiñan que buscar no terreo as balizas coa axuda dun mapa e un compás.

O profesorado non se quedou atrás e tamén participou na competición. Agradecemos a compañía e a participación de Nieves e Antía dos departamentos de Plaśtica e Lingua Galega.

Esta actividade forma parte do proxecto de vida activa e deportiva e or programas Inclúe-T, iguála-T e Emocióna-T.

 

 

 

Visita a un dos motores económicos da vila de Baiona

O alumnado de Economía e Emprendemento do CPI de Cova Terreña descobre algúns dos motores económicos da vila de Baiona

 

No pasado mes de marzo, o alumnado de Economía e Emprendemento, xunto con compañeiros e compañeiras doutros cursos, asistiron a unha visita guiada polo interior da lonxa de Baiona. Alí foron recibidos por un dos responsábeis da lonxa, José M. Sotelo, e mais polo concelleiro de Pesca, Joaquín López, e a concelleira de Educación, Nuria Leyenda. Ao carón do alumnado, acudiron os profesores Cristina Madueño, profesora de Proa +, e Anxo X. Rajó, profesor de Economía e Emprendemento.

Na visita explicouse a importancia da pesca extractiva da vila de Baiona, tanto para a praza de abastos da localidade, como para os supermercados e peixerías, onde se vende un produto de excelente calidade e que xera un volume de negocios superior aos tres millóns de euros. Por outra banda, o alumnado tamén puido observar algunhas das especies capturadas ao longo desa xornada, que ían ser postas á venda para particulares e/ou empresas.

A seguir, o alumnado e o profesorado, xunto cos responsábeis políticos do Concello de Baiona, acudiu á praza de abastos. Alí explicóuselles como saen a concurso os diversos postos de venda, así como as condicións que deben reunir os/as interesados/as en vender os seus produtos dentro deste espazo público. O alumnado, deste xeito, puido comprobar que se trata duns espazos amplamente atractivos para o desenvolvemento da actividade económica.

 

 

RECREOS INCLUSIVOS

Xa están en marcha os recreos inclusivos para o alumnado de primaria.

O pavillón escolar, durante o tempo de lecer, parcelarase en varias zonas onde o alumnado poderá escoller libremente que actividade desexa practicar: voleibol, balonmán, brilé, bádminton, palas, baloncesto ou fútbol. O alumnado tamén ten a posibilidade de compartir as súas inquedanzas sobre outros xogos ou actividades alternativas. O equipo docente valorará a súa pertinencia e viabilidade.

Tentamos aportar ao alumnado un espazo seguro, onde poidan practicar actividades sen perigo; nun entorno acolledor, no que prevaleza o bo trato e a amabilidade; e inclusivo e igualitario, no cal todo o alumnado teña a posibilidade de realizarse.

 

 

II Campionato de Brilé

O alumnado de primaria está disputando un emocionante torneo de balón prisionero (brilé) durante os recreos. Patricia Cabadas encargarase de toda a loxística da actividadade: organizar os equipos, redactar as normas, facer os emparellamentos, comunicalos e xestionar a actividade.

O alumnado está partcipando de forma masiva e mostrando un alto índice de satisfacción.

Esta actividade forma parte do PVAD ( Proxecto de vida activa e deportiva), Inclúe-T, Convíve-T, Emcióna-T.

A OMS recomenda que nenos e adolescentes fagan 60 minutos de exercicio ao día entre moderado e vigoroso.

 

 

Curso de Prácticas Restaurativas no CPI de Cova Terreña

Nesta pasada cuarta feira (mércores), 20 de marzo, tivo lugar a última sesión do curso de Prácticas Restaurativas (ano I) para o profesorado do noso centro e mais do CPI Arquitecto Palacios de Nigrán.

Os dous formadores, Ana e Rafa, ofrecéronnos diversas ferramentas útiles de cara á restauración e reparación da convivencia co noso alumnado.

 

Estes encontros enmárcanse dentro do Plan de Formación do Profesorado do curso 2023-2024.

Descubrindo os principais recursos económicos de Baiona

O alumnado de Economía e Emprendemento de 4º de ESO, xunto con outros compañeiros e compañeiras doutras materias, iniciaron as investigacións para descubrir cales son as claves para entendermos a economía da vila de Baiona.

O percorrido iniciouse na Virxe da Rocha e mais nas praias que se localizan ao carón do Parador. Baiona, ademais dos recursos de natureza, posúe un fermoso paseo ao carón do mar, un club de iates de fama recoñecida e mais a reprodución da carabela A Pinta, que regresou de América un 1 de marzo de 1493.

Tras a visita a estes lugares, o alumnado acudiu ao Recuncho Mariñeiro, un dos restaurantes de máis sona de Baiona, onde puido entrevistar ao seu dono, Pedro Villamarín, quen revelou algunhas das claves para comprendermos o mundo da hostalaría baionesa.

Finalmente, a xornada finalizou cun percorrido polo centro histórico de Baiona.

Uso dos patios nos recreos

Estes días estase a organizar o funcionamento dos patios durante o recreo para o derradeiro trimestre. Á volta de semana santa poremos en funcionamento o reparto do espazo onde todo o mundo ten cabida.

Manterase división xa elaborada nos pasados anos no proxecto Terra:

  • O Patio Sur será a zona tranquila onde se poderá xogar a diferentes xogos de mesa
  • O patio Norte, a zona semiactiva, o alumnado poderá usar combas, gomas e xices. Nesta zona non está permitido o uso de balóns
  • Na pista exterior e no pavillón o espazo estará parcelado con diferentes xogos e haberá un aforo limitado para evitar ou minimizar os conflitos

A idea que sostén está intervención radica: na igualdade de oportunidades; no achegamento da actividade física ao maior alumnado posible; no aumento da actividade física entre as rapazas; e na diversificación da oferta do ocio no tempo de lecer do noso alumnado.

Está actividade forma parte do PVAD, Iguála-T, Convíve-T, Inclúe-T

DIFUSIÓN DO HÓCKEY NA ESCOLA

A federación de Hóckey herba, coa intención de difundir este deporte entre os escolares, está a proporcionar o material desta disciplina entre o profesorado de Educación Física.

Esta semana o alumnado de 3º e 4º da ESO terá un breve obradoiro sobre as normas do deporte, o material e os xestos técnicos específicos. E por suposto poderán vivenciar o xogo disputando partidos adaptados.

Está actividade forma parte do PVAD, Iguála-T, Convíve-T, Inclúe-T

Encontros de fútbol gaélico

O martes, 19 de Marzo, o alumnado de 1º da ESO participou no II Torneo Gaélico escolar do Val Miñor. Formaronse 3 equipos mixtos entre todo o alumnado que disputaron varios encontros cos centros de Gondomar (Augas da Laxe e Terras de Turonio).

A xornada durou toda a mañán. O alumnado realizou actividade físíca; melloraron os coñecementos, a técnica e a táctica deste deporte; afondaron na ética desta disciplina; e compartiron vivencias con escolares da contorna.

Está actividade forma parte do PVAD, Iguála-T, Convíve-T, Inclúe-T

 

CHARLA DE FÚTBOL GAÉLICO

Hoxe luns, 18 de Marzo, o alumnado de 1º da ESO participou nunha charla de fútbol gaélico.

O obxectivo da charla foi promocionar o deporte, repasar as normas, preguntar dúbidas e dar a posibilidade ao alumnado de diversificar a súa actividade física.

Esta actvidade antecede ao encontro intercentros que terán lugar o martes 19 de Marzo en Gondomar.

O fútbol gaélico é unha modalidade en crecemento en Galicia. O Turonia Gondomar FG está a realizar adestramentos periódicamente e está á búsqueda de novas estrelas como Antonella Álvarez que xa ten unha carreira brillante pese á súa xuventude.

Fase zonal do campionato provincial de orientación

Hoxe, luns 18 de Marzo, o alumnado de 2º da ESO participou na fase zonal do campionato provincial de orientación escolar.

A modalidade de carreira era Score, onde o alumnado tiña que atopar o maior número de balizas no menor tempo posible.

A proba celebrouse en Navia (Vigo), no parque Nelson Mandela.

Participaron moitos centros da zona e o ambiente festivo foi un aliciente para todos.

Esta actividade forma parte do PVAD, Inclúe-T, Convíve-T, Iguála-T.

 

 

8M A igualdade é a razón

O CPI de Cova Terreña vén de acoller os actos de presentación da campaña do Concello de Baiona "8M, a igualdade é a razón", que se enmarcan dentro da programación "Baiona Lila 8M".

Os actos iniciáronse coa interpretación da canción Yo no renuncio, da cantante albaceteña Rozalén, por parte do Coro de Educación Secundaria. A seguir, a nosa directora, M. Isabel Martínez Cabaleiro, centrou o seu discurso nas principais reivindicacións das mulleres do século XXI.

Tras a súa intervención, o Grupo de Teatro do noso centro realizou unha performance baseada tamén na letra da canción de Rozalén. A continuación, a concelleira de Igualdade, Sheila González Martíns presentou a campaña do Concello de Baiona e mais o vídeo que forma parte do proxecto, irmanado coa vila de Pornic (Francia). A exposición fotográfica da artista Irene Silva completa a proposta.

Finalmente, o alcalde de Baiona pechou as intervencións e o Coro de Primaria deu cabo ao acto cunha interpretación dun tema da Banda da Loba.

 

ACTUACIÓN CORO COVACANTA POLO 8M

Este venres día 8 de marzo, con motivo da conmemoración do Día da Muller, o coro de Educación Primaria "Covacanta" actuou no salón de actos do centro interpretando a canción "Tribo".

Esta canción pertence ao disco "Xabón Lagarta" do grupo "A banda da Loba" composto por cinco mulleres. Os temas deste traballo están inspirados no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade e confidencias que eran os lavadoiros.

"O pasado e o presente.

As experiencias e as conquistas herdadas.

O berro confiado porque antes outras berraron por nós.

A busca do noso lugar nesta gran espiral que é a vida.

Como? Apoiándonos na nosa manda!"

Agardamos que vos guste!

 

VIDEOCLIP 8M 2º DE EDUCACIÓN PRIMARIA

O alumnado de 2º de Educación Primaria realizou un videoclip coa canción de "Matriarcas" da cantante Guadi Galego co motivo da conmemoración do 8 de marzo, "Día Internacional da Muller".

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031