Animación á lectura, Recomendámosche, Os nosos blogs, Blog da Biblioteca "Alto Risco"

HORA DE LER

08/12/2020 12:07
Europe/Andorra

 

 9ª Semana 

[3ª Sesión]

morriña: substantivo feminino Sentimento e estado de ánimo melancólico e depresivo, en particular o causado pola nostalxia da terra. 

Sentía moita morriña no estranxeiro. Nos días de chuvia éntrame a morriña

 

Nos días de chuvia éntranos a morriña de emular ao neniño que debuxa Jimmy Liao tumbado entre follas de pradairo, carballo e castiñeiro. 

Aínda tan lonxe desa luminosidade e desas cores, chéganos o pulo para comezar a ler a Berta Dávila e Dylan Thomas.

 

Videocríticas do alumnado de 4ºESO (1ª parte)

Esta é a primeira das videocríticas que o alumnado de 4º da ESO fixo na materia de Lingua Galega e Literatura. Conteñen unha suxerencia lectora para este Nadal: 'O Corazón de Xúpiter' de Ledicia Costas.

CALENDARIO AGUIAR 2021

02/12/2020 11:13
Europe/Andorra

 

 

 

A Biblioteca Sebastián Buedo Jiménez organiza un concurso artístico-literario.

 

Todos os alumnos que desexen participar farán unha ilustración relativa a un dos doce meses do ano.

A ilustración levará un pé de imaxe cun pequeno texto en galego referido ao mes elexido.

A disposición da páxina será horizontal.

 

Os traballos orixinais serán entregados aos profesores de Educación Plástica e Visual ou na Secretaría antes do mércores 16 de decembro.

 

Os doce mellores traballos elexidos servirán para compoñer un Calendario Aguiar para o próximo ano 2021.

HORA DE LER

29/11/2020 16:41
Europe/Andorra

 

 

HORA DE LER

8ª Semana [2ª sesión]

Atopar o noso verdadeiro rostro cando estamos a ler. 

Por exemplo, un conto de Cid Cabido ou de Jaume Cabré.

HORA DE LER

15/11/2020 10:41
Europe/Andorra

 

 

 

HORA DE LER

6ª Semana [6ª sesión]

 

Paisaxe outonal. 

Unha folla de pradairo para lembrar onde temos que recomezar a lectura de obras como as de Raquel Vázquez ou Óscar García Ramos.

Que mellor proposta de lectura que as obras literarias que os nosos lectores saben escribir....  

HORA DE LER

08/11/2020 16:41
Europe/Andorra

 

 

 

 5ª Semana [5ª sesión]

Ler para escribir.  Escribir para volver a ler.

Esta semana deixamos nas mans dos lectores os relatos de Irène Némirovsky e Mariña Garcia Iglesias, Hugo Vicente Cabanas e Paula Fernández Vidal, alumnos de 1º de Bacharelato.

HORA DE LER

24/10/2020 20:00
Europe/Andorra

 

 

HORA DE LER

 

3ª SEMANA [3ª SESIÓN]

 

O pasado sábado 24 de outubro celebramos o Día da Biblioteca.

Hoxe, tendo entre as mans os relatos deAna María Matute ou Stephen Dixon, podemos ter presentes as palabras da literata arxentina Jeannette L. Clariond: «Somos cando comezamos a leer. Existimos cando aprendemos a lernos». 

 

Lendo somos libres, somos libro.

#DíaDasBibliotecas #SempreAoTeuCarón: DÍA DAS BIBLIOTECAS

24/10/2020 11:29
Europe/Andorra

 


 

 

 

#DíaDasBibliotecas #SempreAoTeuCarón 
 

 

    Unha biblioteca é un mapa do mundo onde cada individuo ten unha camisa mnemónica, chea de sutís trazos, códigos indescifrables, segredos para lubricar a alma, tónicos para a intelixencia e máquinas da mente con que nutrir a vesania. 
   Unha biblioteca é unha paisaxe, chea de harmonía, onde, en ocasións, as nubes non deixan ver o ceo, e unha floresta verde e luxuriante, inzada de perigos, que pon asombro e medo, o pánico estarrecedor e a atracción morbosa que infunde o caos.
   Unha biblioteca tamén é unha xerarquía, onde ningún individuo ten o mesmo valor, nin o mesmo peso, nin inspira o mesmo afecto ca outro. 
   Nunha biblioteca, o poeta, inspiradísimo, conversaba cos difuntos e escoitaba cos ollos os mortos, pois, ante todo, unha biblioteca é un sanctasanctórum onde toda metáfora ten asento, toda reverencia espazo, ocasión todo coñecemento, toda luz e toda sombra o seu momento. Hai, entre as pantasmas e saudades do tempo, deambulando entre vellos mamotretos e volumes estantarelados, un cativo de pelo roxo que lembra, cunha melancolía espesa como o mel de montaña, o arrecendo dunha biblioteca pública onde vivían Haddock e Tintín, Marsupilami, Jean Valjean, o último dos mohicanos, Asurancetúrix e a galaxia infinita da Enciclopedia Espasa. Acaso o cativo coceu o seu amor aos libros ao lume de merendas de pan de molete e chocolate duro, no mundo en branco e negro dun universo escaso e municipal, malia unidades de destino chamadas a máis grandes alcances.
   Unha biblioteca é, segundo se escoite, un coro de afinadas voces, nobres e sublimes, erguidas ao ceo como columnas de basalto, ou o pandemonio de milleiros de alaridos desgarrados, as voces do averno e do sufrimento. 
   Latexa nunha biblioteca o consello dos amigos, verdadeiros uns, prudentes e asisados, falsos e mentireiros outros, dobres como un espellismo. 
   Unha biblioteca vive espiritualmente, palpita e medra na medida do amor de quen a alimenta, como as plantas en maceta. Non existe armadura electrónica nin bastidor tecnolóxico capaces de conter tanta vida nin de alentar tanto sentimento, pois, tal que ocorre con todo o que é único, fermoso e imperfecto, unha biblioteca está chamada a desaparecer. Como os escravos no mundo antigo, tamén as bibliotecas se herdan e, tamén como os escravos, os seus individuos agardan unha manumisión que tal vez nunca chegue.
 

CONCURSO DE RELATOS DE TERROR

21/10/2020 16:00
Europe/Andorra

 

O Equipo da Biblioteca Sebastián Buedo Jiménez organiza un concurso de relatos e, por iso, que ben encaixan os microrrelatos: son tantos os expertos e as expertas que dominan as estratexias narrativas da condensación!
 
Unha antoloxía dos mellores textos constituirá a proposta de lectura na primeira semana de novembro.
 
Probablemente, haberá outros agasallos, entre os que non poderán faltar os caramelos.
 
***
 
Recepción dos traballos:
 
a) bibliofranciscoaguiar@gmail.com [Asunto: Concurso de relatos de terror] Doc anexo.
 
b) profesorado de Lingua galega e Lingua castelá.

HORA DE LER

17/10/2020 18:08
Europe/Andorra

 


 

 

HORA DE LER

2ª SEMANA [2ª SESIÓN]

 

Cavilando, pode ser, sobre as mesmas sensacións que a lectora pintada por Shelley Thayer Layton, repensamos esas palabras lidas nos textos de Almudena Grandes ou Miguel-Anxo Murado, para volver aos misterios que tornan en algo tan real toda ficción.

 

Distribuir contido