#LETRAS GALEGAS. MEU RETO POLO GALEGO

16/05/2020 21:09
Europe/Andorra

 

O MEU RETO POLO GALEGO
 
Avanzar cara á normalización lingüística depende non só do labor institucional, senón que tamén é necesaria a actuación social e, sobre todo; INDIVIDUAL.
Como podemos contribuír á normalización da lingua?
Con pequenos retos. Marcámonos pequenos cambios nos usos da lingua, procurando instaurar novos hábitos que sexan a base a posibles cambios no futuro: empregalo nas miñas redes sociais, comezar a falalo cos meus amigos, coa miña familia, ...Buscamos sempre retos posibles, alcanzables, que non nos leven á frustración.
Pensa e comparte ese pequeno reto ao que estás disposto a enfrontarte pola normalización da lingua.
 
***
 
 
    Estiven pensando que podía facer eu pola lingua galega. Xa sei que a miña actitude persoal cara á lingua non vai cambiar soa a situación do galego, senón que todos debemos mentalizarnos en usalo máis a miúdo, todos os días, e en calquera situación: na casa, con nosos pais, pero tamén no instituto, cando empregamos o whatsapp cos nosos amigos, coa caixeira no súper...Isto é difícil. Custa moito cambiar as costumes dun día para outro. Pero hai que comezar xa.
   A forma máis fácil para comezar, e vai ser o que eu faga, será falar en galego na casa, con meus pais, cos que sempre falo en castelán. E cando poida ver á miña avoa, falareille tamén en galego. Ela fala galego. ( A ela pegábanlle na escola por falar o galego, díxome miña nai).
   Todos os días vemos na televisión as noticias na TVG e outros programas tamén. Con isto aprendo vocabulario novo, expresións galegas, tópicos galegos... e ata parece que resulta máis fácil falalo. Ata descubrín nas noticias do mediodía a unha periodista youtuber, Esther, coa súa sección #dígocho eu, que aclara dúbidas sobre o galego e fala de palabras de uso común mal empregadas, xeralmente por influencia do castelán, aínda que tamén moitas veces fai referencia ao portugués. Gústame moito o #dígocho eu. Moi curtiño e moi interesante!
 
ELISA CHARLÓN 4º B
 
***
Estou empezando a falar en galego na casa algúns días á semana, co paso do tempo intentarei que sexa máis a miúdo
PABLO FERREIRO 4ºB
 
Como xa che comentei na video-chamada do martes eu procurarei falar con todos os meus amigos en galego. Non e un reto nin dificil nin facil xa que a moioria do tempo falamos en castelan. Ademais non creo que me digan que non e coa axuda de Danie, vexo moi probable que poida cumplir o reto.

MIGUEL GABÍN 4ºA
***
Como reto propúxeme falar en galego un día da semana con toda a niña familia , nós nunca falamos en galego, entón pode ser un pouco difícil, tamén intento que ás miñas curmás pequeñas falenno comigo un rato algún días porque lles costa moito .
CARMEN MOSQUERA 4º B
 
***
Eu para realizar os retos comecei a falar cos meus familiares en galego. Ao comezo, quedaron sorprendidos porque normalmente non falo galego na casa, pero agora acostumáronse e falámolo normalmente. Mesmo cando chamo aos meus amigos, falamos nesa lingua. Tamén comecei a falar nas redes sociais en galego, para difundir o seu uso entre os meus seguidores. Espero que esta situación se faga máis normal e que a xente non se estrañe cando non se fala en castelán. 

LAURA PENAS CONDE 4ºB
***
O meu reto co galego será empregalo nas redes sociais e falalo coa familia.

 
ALANA JIMBI NAVARRO 4ºB
***

O meu modo de contribuír á normalización lingüística será falar só en galego durante 24 horas. Fareino o luns 11.  

SOFÍA VEIGA 4º B


***
 
O meu reto para contribuír á normalización da lingua galega consiste en utilizala nas redes sociais, coa familia e cós amigos durante dúas semanas seguidas polo menos. Se para alguén que fala sempre castelán pode resultar difícil, tamén é certo que se somos galegos podemos e debemos superar este reto. Vivir como galegos tamén implica empregar a nosa lingua.
ANA CALAZA 4ºB
***
Aparte de falar galego tanto nas redes sociais coma coa miña familia e amigos, o meu reto será ler e escoitar máis música en galego para que me sexa moito máis fácil acostumbrarme a falalo e ecoitalo. Tamén empezaré a ver a miudo a televisión de galicia. 

CLAUDIA NAVEIRA 4º C
***
Eu vou falar durante 1 semana enteira en galego, coa miña familia e cos amigos. 

ANXO FACHAL 4ºB


***
O galego é a lingua oficial en Galicia do mesmo xeito que o castelán, porén, durante séculos, o galego foi moi criticado e menosprezado. Na actualidade esta situación cambiou para mellor, pero séguese a ver como inferior, polo que vou contribuír á súa normalización facendo pequenos retos.
O meu primer propósito será falalo sobre todo na miña casa cos membros da miña familia e logo cos meus amigos. Un dos meus problemas neste reto é que a miña nai non sabe falar e non entende o galego o suficiente porque é de Venezuela. Outra dificultade vai ser acostumarse a conversar tanto en galego, xa que estou afeita a empregar sempre o castelán.
Máis tarde, comezarei a usalo especialmente nas miñas redes sociais e así tentar convencer á xente para que se una a esta loita. Neste punto, non creo que teña ningún tipo de obstáculo.
Despois empregareino no instituto. Primeiro en materias que xa aplican dita lingua e despois en todas as demais materias. Na miña opinión, creo que deberían poñer máis clases de galego porque a linguaxe que está en perigo de desaparecer é o galego e non o castelán, polo que creo que ese xesto axudaría moito.
E por último, tentarei frecuentalo en todo momento e con todos. E imaxino que estas pequenas metas poden facelas calquer individuo e que poden favorecer a lingua tan infravalorada.
PAULA MATO 4ºA
***
Estou disposta a empregar máis amiúdo o galego, non só na escola. Podo falarlle a os meus curmáns pequenos en galego para que así vaian acostumándose a oilo e o teñan como unha lingua tan importante coma o castelán.
CINTA MANTEIGA 4ºC
***
Na minha casa unicamente falo galego, polo que a min falar galego non me supón ningún reto. O lugar onde non falo o galego é cos meus amigos, polo que podería enfrentalo coma un reto, e falalo con eles máis a miúdo.
MIGUEL LEMA 4ºC

Imaxe. O Raposo