Proxecto Terra. Curso 2017-2018

PROXECTO TERRA (I)

 

Un ano máis, o IES Francisco Aguiar participa no Proxecto Terra, unha iniciativa da Consellería de Educación e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia que trata de concienciar ao alumnado de Primaria e Secundaria sobre os valores da arquitectura tradicional, da arquitectura contemporánea e da identidade territorial, e da importancia que teñen no patrimonio cultural de Galicia.

Este ano centrámonos no estudo da arquitectura tradicional, da que o Casco Histórico de Betanzos contén numerosos exemplos. Como traballo práctico, o alumnado de 4º ESO elaborou propostas de intervencións en espazos públicos dese contorno monumental; tratábase de reflexionar sobre o uso e o potencial que eses ámbitos públicos teñen para mellorar a vida cotiá dos cidadáns, proxectando pequenos espazos máis ou menos efímeros cos que os veciños puidesen interactuar. A partir do concepto de "refuxio", foron xurdindo ideas como un pequeno pavillón cuberto con banco e detalles vexetais na praza da Constitución, unha referencia aos barcos que noutros tempos foron habituais nos ríos de Betanzos, unha proposta de cubrir a rúa Travesa ou un espazo de descanso e relación nun solar da rúa San Francisco. Nestas imaxes podedes observar un resume do traballo realizado.

 

 

PROXECTO TERRA (II)

 

Outra liña de traballo en relación ao Proxecto Terra estivo relacionada co "Dereito ao hábitat". Tratábase de afondar na idea de "onde vivimos importa", reflexionando sobre a importancia que o hábitat (considerado como o espazo natural e construído no que desenvolvemos a nosa vida) ten na nosa experiencia vital, e a súa consideración como un dereito de todos os cidadáns. Este dereito ten un sentido individual e privado (dereito a dispoñer dunha vivenda digna) pero tamén ten un sentido público (os espazos compartidos que deben ser obxecto de ordenación, na que con frecuencia o beneficio colectivo pode supoñer algunhas renuncias individuais).

 

Da idea de que o hábitat é un dereito que incide na calidade de vida colectiva xurdiu a idea de intervir nun espazo compartido no interior do instituto, tratando de darlle unha nova imaxe a un dos corredores. Tratábase de converter un lugar de paso nun espazo máis agradable, coa idea de que iso produciría unha mellora na vida cotiá da comunidade educativa. Eliximos o corredor dos laboratorios de Física e Química, cunha intervención que consistiu no pintado da parede, sinalética dos aseos e disposición dunha táboa periódica nun dos paramentos. Podedes valorar o proceso de traballo e o resultado final a través das imaxes que se acompañan.